Haberá música despois da publicidade?

Bad Bunny.

Manuel Veiga Taboada.

Desde a música clásica á música lixeira, hoxe é difícil escoitar unha melodía que non nos traia á mente un recordo visual. Ás veces trátase dun contexto moi adulterado como sucede no caso da publicidade. O último spot de Kentucky Fried Chicken (KFC) consiste, por exemplo, nunha sucesión de persoas relambéndose os dedos, coa elegancia da música de Chopin, mentres comen polo frito.

A nosa recente historia cultural ensinounos a asociar a música con marcos moi concretos: a clásica coa ampulosidade e grandilocuencia da Viena imperial, o folk con trenzas e traxes tradicionais, o jazz con clubs dos anos vinte de ambiente sórdido e o rock cun escenario no que músicos demasiado exhibicionistas se dedican a gritar. Da actual música latina podería dicirse que é a banda sonora do apareamento. Incluso a música minimalista, encadrada dentro da música culta, foi asociada cos primeiros ordenadores e con viaxes espaciais, para acabar soándonos a fondo musical de ascensor. De feito, a música está presente en case todos os ámbitos que nos rodean. Moitas persoas fanse acompañar mesmo nos seus percorridos pola natureza, os únicos espazos até agora silenciosos, por reprodutores diminutos que conteñen a súa propia playlist. 

Esta música gravada, a diferenza da música en vivo, que era a única que existía até hai pouco máis de cen anos, ocupa case sempre un lugar subalterno ou de acompañamento. O seu papel é connotar ou subliñar, como ocorre nas películas de terror. Nas súas recentes memorias, Woody Allen confesa que unha das súas primeiras películas resultaba moi fría e pouco comercial até que os produtores decidiron incluír na montaxe a música apropiada. Iso indica que a banda sonora pode ter ás veces un papel destacado, pero case nunca substantivo. O seu destino é someterse ao argumento. E as excepcións, é dicir aqueles casos nos que opera cando menos en igualdade (Eisenstein, Kurosawa…), son moi contadas.  

Isto inverte por completo o papel principal que antes se lle outorgaba á música dentro da nosa cultura. O hai pouco finado George Steiner era un dos que afirmaban que a poesía se converte en música cando acada a súa intensidade máxima. E lembra para explicalo o romanticismo alemán e os simbolistas franceses, especialmente a Hölderlin e a Rimbaud. En español, poderiamos citar a San Juan de la Cruz e a García Lorca ou o Sóngoro cosongo afrocubano de Nicolás Guillén. En galego, a Cantiga nova que se chama Ribeira de Cunqueiro ou a poesía medieval que, non casualmente, se acompañaba moitas veces de partitura. Todos eles, como sabe o lector, parecen tocados por unha iluminación especial. A linguaxe verbal, di Steiner, é menos que a música, pero é un camiño cara a ela. A palabra estaría, tal e como se entende desde a antigüidade, sometida ao ideal musical. As palabras limitan demasiado, connotan en exceso; a música en cambio sería a mellor forma de chegar ao inconsciente, o lugar máis libre e máis apropiado para que naza a creación.

Sendo esta a idea clásica, agora estariamos vivindo nun período no que sucede o contrario. A música está obrigada case sempre a ilustrar o discurso e, polo tanto, ve as súas posibilidades restrinxidas. Xa non somos tan libres de imaxinar, senón que debemos someternos ao significado concreto das palabras ou das imaxes.

Algunhas persoas nacidas nos cincuenta ou sesenta, prefiren hoxe escoitar a Boney M. ou Abba, conxuntos deostados na súa mocidade, antes que os emblemáticos grandes grupos dos setenta. Por que? A razón podería estar en que o rock daquel momento, coas súas pretensións de transcendencia espiritual ou de coñecemento transgresor, condúnnodce mentalmente a unha época superada e inxenua, vista hoxe. En contrapartida, Abba ou Boney M. contan cun ritmo primario nun dobre sentido. Un negativo, por demasiado simple, e outro positivo, porque move ao baile e aos instintos. A pesar da súa notación elemental, diríase que contén cando menos un residuo do auténtico. 

O reggaeton de Bad Bunny ou as cancións de Residente parecen interpretar tamén a Steiner ao revés. A música vólvese cara á letra, ponse ao servizo da intención, o consciente imponse sobre o inconsciente, ao modo da vella canción protesta, aínda que a base rítmica sexa diferente. 

É significativo neste marco o distinto papel de Silvio Rodríguez. Contando cunha notábel competencia poética, foi capaz non obstante de facer voar a súa música dunha maneira sempre particular. As letras de Silvio son, por outra parte, o suficientemente intuitivas como para non connotar en exceso as cancións. Talvez a súa creatividade sobreviva á revolución cubana, tanto como o romanticismo alemán á necesidade de construír unha nova nación. 

Pero por que a música perdeu parte do seu vínculo coa imaxinación para converterse hoxe, no esencial, nun recurso utilitario? Creo que a música non escapa ao seu contexto e pásalle igual que a outras formas artísticas: a pintura convertida en decoración ou a literatura convertida en guión de cine. Certo que a utilidade sempre foi un dos compoñentes da arte. A mellor pintura clásica fíxose por encargo, tamén unha parte substancial da música, aínda que eran encargos de alguén importante, reis, príncipes ou simplemente burgueses. Eses encargos non sempre estaban movidos por un motivo elevado. As elites tamén tiñan o afán de mostrar o seu estatus ou simplemente de pasar o tempo nos invernos longos. En todo o caso, hoxe, a nivel popular, a arte, e a música entre ela, non está apenas determinada polo afán de enriquecer a imaxinación senón polo frugal interese en entreter. Diríase que a música que escoitamos polos auriculares pretende, ante todo, que superemos mellor os tempos mortos, intenta reducir ou suprimir os silencios.

Sabemos, non obstante, que a reflexión, o silencio ou a distancia voluntaria son humanas e imprescindíbeis para soster unha vida saudábel. O seu contrapunto é a experiencia do mercado, a hipertrofia comercial que odia os ocos na nosa vida e está disposta a enchelos con algún tipo de servizo económico rendíbel. De aí o fenómeno ao que estamos sometidos de repetición e empobrecemento artísticos, a todos os niveis. A proliferación, como se sabe, non trouxo a variedade, que é unha consecuencia da imaxinación, senón o que en teoría da comunicación se chama, simplemente, ruído.

Estamos comprobando que nin o avance científico nin a opulencia económica traen consigo necesariamente unha maior comprensión persoal do mundo no que vivimos. Ese ruído que mencionamos esténdese a todos os ámbitos provocando confusión e angustia. A causa é que non entendemos o que nos pasa. E esa era tamén unha das funcións da arte, quizais a principal, enriquecer a nosa imaxinación para poder comprender. A arte crea mundos mentais paralelos que operan sobre nós ao modo dun experimento científico sobre a natureza. Eses mundos paralelos serven para que nos miremos neles, para comprobar se están acertados ou para ver se poden contribuír con algo bo ao noso mundo real. A música pode elevarnos a outras áreas de coñecemento ou cando menos pode axudarnos a intuílas. A música repetitiva que nos rodea, a maior parte das veces ao servizo do comercio, pouco máis logra que alienarnos, adormecernos como unha nana malintencionada. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s