Imaxinando libros

Ramón Otero Pedrayo, á esquerda, durante un xantar. FUNDACIÓN PENZOL.

Xesús González Gómez.

Un dos últimos artigos que Ramon Otero Pedrayo publicou no vespertino compostelán La Noche titúlase «Maxinando un libro». O artigo aparecería o 17 de novembro de 1967, o xornal desaparecería poucos días despois: o 30 do mesmo mes dese ano. Vinte un anos antes encetara a súa colaboración no xornal; xornal no que publicaría mais de setecentos artigos (só entre 1946 e 1949, a serie «Parladoiro» conforma mais de 600 entregas) en galego; tamén publicou moitos en español, polo que se pode afirmar, sen medo a nos equivocar, que foi neste medio que Otero publicou máis escritos. Algunha vez veremos publicados todos estes artigos (os galegos, sobre todo) de Otero en libro? Hai anos o Centro Ramón Piñeiro anunciara a edición do Parladoiro, infelizmente (ou felizmente, vai saber ti, debido a algunhas das edicións e reproducións deste centro, merecedores os seus curadores de cadea perpetua) nunca tal fixeron os seus responsábeis. 

Que libro imaxina Otero Pedrayo, cando faltan poucas semanas para que acabe o ano 1967 e lle falten poucos meses para cumprir os oitenta anos de idade e máis de cincuenta ao servizo da súa Galicia ideal, que tamén é a de todos, pois para el non hai exclusións: libre, labrega, democrática?: «[…] dous volumen(s), un alemán, outro portugués, lévannos a cavilar na beleza e caridade [sic, craridade?] dunha escolma epistolar galega». Escolma epistolar con diversas calidades: «Intimismo, doce sociedade, lembranza apenas apañadas mais gasalleiras. As cartas despois de tempo aquecen unhas sedes, espertan outras». «Hai», continúa Otero, «cartas concertos de rulas e silencios como névoas envolvendo as palabras. Outras descobrindo cativezas ou sacrificios gardan o ritmo do latexar do peito, a coor do paxaro pousado da hora». E están as «cartas de mortos, na correspondencia dos mortos a loita tráxica, con calquer motivo miudo, da fadalidá e a liberdade». 

Este libro, esta escolma epistolar que imaxinou Otero Pedrayo aínda está por facer. Tería que facerse na esteira do que foi a escolma que Walter Benjamin, co pseudónimo de Deleft Holz, «que utilizara en Frankfuter Zeitung para firmar los apuntes que luego serían Infancia en Berlin hacia 1900» (José María Valverde, prólogo a Walter Benjamin:) Personajes alemanes. Romanticismo y poesía en cien años de literatura epistolar, Barcelona, Editorial Paidos, 1995, p. 23-13, na editorial suíza Vita Nova.  Esta escolma galega por facer debería, como a de Benjamin, parafraseando a  Adorno («Acerca del libro epistolar de Benjamin Alemanes», en Sobre Walter Benjamin, Madrid, Cátedra, 1995, p. 55), «desvelar unha tradición galega subterránea». Unha tradición que partiría da pouca ilustración, o Padre Sarmiento e o azor entre ocasos que foi o conde de Gondomar, continuaría con Faraldo, «a apaisada [sic] lembranza de Murguía, as bágoas e as risas e a crara lus das doce do xuicio de Castelao, Rosalía, Pondal. E o seu carón cartas de emigrantes, de antigos abades, de labregos. A vena íntima nutridora, devolta eiquí e aló o sol,  e o amor, us grolos de auga viva no decorrer da morte pra nosa sede». E outros, Curros, o propio Otero, mulleres, obreiros, cartas de fusilada/os, humillada/os, ofendida/as, etc. Debería facerse esa escolma epistolar que se convertera, que debería converterse, como o libro do alemán, en palabras outra vez de Adorno, nunha «obra filosófica, non de Historia do Espírito nin literaria». Nesta escolma, acho, hai varias cartas que, ao meu parecer, debían figurar, ao igual que a de Víctor Casas a Gómez Román antes do seu fusilamento, así como algunhas das recompiladas por Xesús Alonso Montero en Cartas de Republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) (Vigo, Edicións Xerais, 2009), etc. E entre esas misivas que deberían figurar, acho dúas que  que poderían ser imprescindíbeis –para min seríano– nesta escolma: unha de correspondencia «pública»; outra, privada. A pública é unha carta que rescatou no seu dia Xosé Filgueira Valverde, unha carta dos moradores dunha aldea galega («Pontedeva, un concello ourensán do Partido de Celanova») ao rei de España, «Carlos IV no ano 1805. Atopeino no museo de Pontevedra, ordenando os fondos da “Colección Casal”, e pubriqueino entón nos Cuadernos de Estudios Gallegos.// O manuscrito leva unha nota reveladora: “Es copia del original que leyó Su Magestad». A carta ou memorial, ao non ter os veciños da aldea cartos para pagar un avogado, asinouna (escribiuna?) un tal «Pedro Cimadavila, un lugar da parroquia de Trado» (Adral 1, Sada, Ediciós do Castro, 1979, p. 369-373: «Escribir en galego a El Rei»). A privada, a enviada por Ramón Piñeiro a Isidoro Millán González-Pardo con data do 26 de outubro de 1964, e recollida en Do teu amigo certo. Epistolario de Ramón Piñeiro a Isidoro Millán-González-Pardo (1952-1961) (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. Centro Ramón Piñeiro, 2009, Edición, introdución e notas de Luís Cochón e Miro Villar, p. 147-154).

Mais abandonemos pola nosa parte, pola miña, cando menos, a creación desa obra que, como a doutras (velaí o artigo «Para unha futura “Historia do medo”», La Noche, 20 de outubro de 1967), convocou o de Trasalba ás xeracións futuras. E as xeracións futuras, que publicaron/editaron diversos libros epistolares, aínda teñen diante súa a tarefa de facer esa escolma. Digo que abandono a idea da creación desa escolma porque ao ler o artigo de Otero Pedrayo veume a idea da «creación» doutra «obra»; dunha obra que sería, en realidade, unha montaxe, non un amoreamento, dos artigos, da maioría dos textos xornalísticos que o escritor galego dedicou a libros, escritores, pintores, a música e a todo o que arrodea o que se deu en denominar «vida literaria e cultural», tan pobre na Galicia do seu tempo (non é que hoxe sexa máis rica: simplemente, mais «voluminosa», se así se pode cualificar). Un libro (imaxinado) que mostraría, indirectamente en certo xeito, as, digamos, dificultades literarias (e éticas) que Otero Pedrayo intentaba resolver mediante a escrita. Porque a escrita, ao final, só pode resolver, se é que os resolve, os seus propios problemas. O sempiterno, nestas liñas, Th. W. Adorno, no devandito traballo sobre Benjamin, escribe: «Benjamin compartía connosco, os outros emigrantes, o erro do que o espírito e a intelixencia poden facer algo contra unha violencia que nin sequera recoñece xa o espírito como algo autónomo, senón tan só como un medio para os seus fins, e polo tanto non ter que temer unha confrontación con el. O espírito apenas pode asumir a súa abolición». 

As palabras adornianas son claras. Nun dietario que levei durante un meses do ano 2010, apuntei o seguinte (elimino as referencias persoais):

«“Non quero que o debate sobre o galego fique nas elites políticas”, asegura quen procurou unha escrita na encrucillada entre “análise, información e opinión” dirixida “a un lector, a un público amplo”, entresaco este parágrafo da entrevista que D.S. publicou onte na edición galega de El País con …, que acaba de publicar un libro. Non coñezo o libro, aínda que si algúns dos traballos que se recompilan. O que quere o autor, quéreo todo o mundo, mesmo, non o dubidaría, o PP. O problema é outro. Hoxe poucos libros, por non dicir ningún, aínda que se dirixa ao lector do común, rescata o tema que trata: continúa a ser dixerido, debatido ou anatemizado polas elites, políticas ou intelectuais, ou por certas institucións (como o ILG, que no pasado puxo trabas a todo debate sobre a lingua: o autor pertencía a el e defendíao con uñas e dentes). Ou o que é peor, polos especialistas. Para que o tema sexa “debatido” por amplas capas da poboación, o camiño a seguir é outro. Os libros, os artigos, as reflexións son importantísimos, pero xa é hora de dicirmos que a teoría non implica a praxe; ou que unha mesma teoría pode formular diversos tipos de praxe. Os libros sobre a lingua (como os libros sobre física ou medicina nuclear), aínda que se dirixan ao non especialista, ao cabo son debatidos entre especialistas e por algún que outro ou outra curiosa”. Con sorte, algún membro da elite política o le e, mesmo, ao mellor o toma como referencia. Hai xa moitos anos, Theodor W. Adorno escribiu o seguinte parágrafo (a respecto da filosofía): “Non debemos albergar a esperanza de que a filosofía poida quebrar as tendencias políticas que en todo o mundo estrangulan a liberdade desde dentro e desde fóra e cuxa forza se estende até ás argumentacións filosóficas”. Cambie o lector filosofía por lingua, literatura, arte, socioloxía ou medicina, e todo queda igual. Para “quebrar as tendencias” políticas son necesarias moitas cousas, entre elas, os libros. Mais os libros, por si sós, apenas son obxectos».

O que quero dicir é que tanto esa escolma epistolar soñada, como o libro soñado por min sobre textos, artigos, de Otero Pedrayo servirían para o que serven. Como mínimo, unha e outro poderían ficar como testemuños. Testemuño, a escolma, desa tradición galega (en realidade universal) subterránea que conduce cara á liberdade –obxectivo que quizais non se acade nunca–, e testemuño das dificultades dun escritor dado, Otero Pedrayo, perante a escrita, e os problemas, literarios e éticos, morais se se quere, que aquela, a escrita, lle suscita. E as súas respostas a estes problemas. E penso que sen querer irmos máis alá, tanto o un como o outro resultado serían, por dicilo en termos alimenticios, «apetecíbeis».

Estes artigos (máis dun cento) de Otero que conformarían o soñado libro, artigos que nacían e morrían, como todo artigo xornalístico un mesmo día, foron capaces de fuxir a ese seu «destino» e só esperan a man dunha editorial que lles diga, como Cristo a Lázaro, «erguédevos e andade». O que un artigo xornalístico fuxa ao destino de morrer nas vinte e catro horas seguintes ao seu nacemento, de por si é un mérito: raros son os artigos xornalísticos que pasadas esas horas logran interesar ao lector. E canto máis se eses artigos falan da actualidade: calquera tipo de actualidade: política, económica, literaria, social, etc. Poderán eses artigos interesar ao historiador futuro, pero interesarán a un lector, digamos, «desinteresado», é dicir, que le polo gusto de ler? 

Si, a un agradaríalle facer un libro con ese cento de artigos (algúns deles recollidos xa en diversos volumes) de Otero Pedrayo dedicados a libros, a cadros, a escritores, á literatura, mesmo a música e poder demostrar, a partir destes escritos, e doutros (o seu discurso de ingreso na Academia, por exemplo), como, en certo modo, o concepto de crítica de Otero, malia as súas «debilidades» cara ás persoas, ten a súa «substancialidade» na filosofía –se se len con atención diversos do artigos recollidos en Prosa miúda (Sada, Ediciós do Castro, 1988, edición de Aurora Marco) e outros en Parladoiro (Vigo, Ed. Galaxia, 1973), poderémonos decatar de que en Otero hai un crítico da filosofía do seu tempo, sobre todo da española. Recordemos que en Lembranzas do meu vivir II, escribe «foi pena non contar daquela cunha “severa” obertura filosófica. Houbera sido dabondo un capitulo de Hegel, quizais algúns tractos de Goethe» (p. 57).

Agora só nos cabe esperar que alguén, algún día, realice tanto o libro epistolar soñado, imaxinado, por Otero Pedrayo (o escritor galego contemporáneo máis incomprendido por aqueles que aprenderon o idioma ao acougo do ILG), como un rigoroso traballo de colectánea dos escritos oterianos sobre literatura e sobre a denominada vida literaria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s