O bo parto

O parto de César. Ilustración dun manuscrito da Biblioteca Británica de Londres.

Nati Rey.

Na cultura tradicional galega, con influencia da relixión e da superstición, o embarazo xerou un conxunto de crenzas e ritos en torno á futura nai e ao seu bebé. Aínda hoxe en día está vixente algunha destas crenzas na nosa sociedade. De feito, adóitase escoitar dicírenlle a unha embarazada que non debe ir a un velorio por temor a que o meniño colla o “aire de morto”, que non toque certos animais, como o gato, para evitar o “aire de gato”, ou que non coma alimentos, como o polbo, para que non lle queden marcas na pel á criatura. Tamén se lle recomenda á xestante que non se asuste e que leve consigo algún amuleto contra a envexa. Cómpre salientar que, antigamente, a preñada, ademais de gardar estas normas, debía cumprir os antollos da comida. Se non os cumpría podía “darse de perda” ou nacer o meniño con problemas. 

O que debe evitar a muller preñada

Antón Fraguas explica que a xestante debía evitar pasar sobre cordas, por baixo dun tendal de roupa ou dunha corda alzada. De facelo, o bebé nacería co cordón umbilical enrolado ao pescozo. Nestas situacións, a corda é un obxecto simbólico que representa o funículo. O antropólogo tamén nos di que é moi prexudicial cheirar flores porque pode saír o neno durmiñón ou nacer con manchas na pel. 

A xestante non pode coser os días de Xoves e Venres Santo, pois se o fai o fillo naceralle co cu cosido. Aquí dous testemuños que recollín no concello de Rianxo:

“Unha muller de Rial púxose a coser o día de Xoves Santo estando embarazada e saíulle o fillo co cuíño zurcido. Tiveron que ir operalo a Santiago. Neses días sagrados as mulleres preñadas non poden traballar”. 

“O Xoves Santo non só afecta ás mulleres, as galiñas que están chocas non se poden deitar con ovos nese día porque os pitos nacerán tollidos”.

O momento de dar a luz

Ata a segunda metade do século pasado acostumábase dar a luz na casa. Paríase coa axuda dunha parteira ou dunha veciña que entendía na materia, e cando o parto se complicaba chamábase ao médico. 

Para facilitar o parto, poñíanse unhas tesoiras abertas en forma de cruz baixo a cama ou unha chave baixo a almofada. Na Illa de Ons colocábase sobre o ventre da futura nai unha camisa de serpe

Segundo nos di o antropólogo Rafael Quintía: “…o dente de porco pendurando do peito da muller que vai parir facilitaba o parto. Tamén foi considerado eficaz amuleto contra o mal de ollo…”. Quintía localizou en Vilagarcía (nas mans dunha rama familiar) unha reliquia de San Ramón (patrón das parturientes) que se empregaba coma un amuleto protector. 

Na maior parte de Galicia tocábase a campá a parto cando a xestante tiña complicacións para dar a luz. Eran os campaneiros quen tocaban a petición da familia da interesada, e o toque tiña como misión que os veciños lle rezasen á Virxe polo bo parir. Tamén se cría que o son das campás producía un efecto relaxante na embarazada, e ao mesmo tempo tiña un efecto profiláctico sobre a criatura e a nai

O etnógrafo e médico Lis Quibén explica uns métodos para minguar as dores do parto: queimábanse plumas de perdiz ou de galiña de xeito que o fume ascendese ata a vulva da parturiente, e tamén se lle colgaban do pescozo os Evanxeos metidos nun saquiño de tea que despois se desfacían na súa urina. 

Tras o parto adoitábase visitar a nai con diversos agasallos: chocolate, anís, viño Sansón, etc… Dábaselle a comer o denominado caldo das paridas que consistía en auga fervida con anacos de galiña. 

 

Dálle á parida bos caldos

de galiña e de perdiz

as sopiñas de pan branco

e o viño do país.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s