46. O método para gañar á ruleta de Rosendo Neves

Letra Y. ARBYREED/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

O home máis rico de Galicia reservou hospedaxe para todo o xurado. Helena Camba durmiu no apartamento da casa natal do empresario que estaba libre. Tiña por veciña a Iria Brens e o propio promotor do premio. Patricio Aragonés foi durmir a unha antiga reitoral reconvertida en casa de turismo rural, a tres quilómetros do lugar de reunión. Rosendo Neves ficou máis perto, na Pensión Tosar, nun cuarto renovado había pouco. Para que non cargasen, a organización recolléralles antes as caixas cos orixinais e ao día seguinte habían telos accesibles por se os precisaban durante a deliberación.

17 de novembro. O xurado debía decidir quen gañaba o Premio do Millón de Euros nunha xuntanza que empezaba ás dez da mañá. Todos contaban con estaren fóra para o mediodía. A organización prevera un xantar, coa asistencia do alcalde, do conselleiro de Cultura e varios dos seus subordinados.

Iria, Helena e o home máis rico de Galicia almorzaron no propio apartamento onde se habían xuntar. Unha empresa de comidas dispuxera unha farturenta mesa con toda clase de friames, pans, doces, froitas e bebidas.

—Que ben —dixo Iria, quen sempre se erguía alazarada porque facía xaxún nocturno intermitente—. Coma nun hotel de cinco estrelas. Até hai ovos revoltos! E bacon

A esa mesma hora, Rosendo e a súa muller Mila, e mais Vera e o seu home Patricio compartían un almorzo máis austero nunha mesa dun bar que fedía a pementos fritidos, a medio camiño entre a pensión e o local da reunión. Cando os homes saíron, as dúas mulleres, que non se coñecían, finxiron unha conversa durante uns minutos até que ambas buscaron unha escusa e marcharon. Mila, para o cuarto, onde había pasar toda a mañá enredando nas redes sociais; Vera, para o coche. Pensou que até as doce tiña tempo de dar unha volta polos arredores. Ameazaba chuvia pero trouxera unhas boas botas e a Barbour.

—A min dixéronme que non me preocupase por nada, que votase polo que ti me dixeses —recoñeceulle Patricio a Rosendo cando ficaron sós.

—A orde é votar por «Perante a vida». Eu xa me encargo de defendela perante os outros. Ti líchela?

—Claro —mentiu Patricio.

—Pois, se che apetece, dás dúas ou tres pinceladas para que pareza que estás convencido da súa valía e pronto. Dáme o corpo que isto o liquidamos en media hora.

Xa cos cinco na sala falaron do tempo e da pandemia por encher o silencio. Rosendo aínda foi petiscar algo da dozaría. Ás dez entraron dúas mulleres de traxe de chaqueta. Recolleron a mesa do almorzo, deixando tan só un froiteiro repleto e as botellas de auga e de zumes. Logo desinfectaron cada unha das cadeiras da longa mesa de deliberacións na que colocaran (ben separados entre si) letreiriños cos cinco nomes do xurado, amais dun botellín de auga, un bolígrafo e unha carpeta con follas en branco. No chan, ao pé de cada posto, as caixas dos mecanoscritos.

—Para evitar logo ao final andar improvisando —dixo Iria Brens— coido que o mellor é xa decidir quen vai ser a secretaria ou o secretario do xurado. A persoa encargada de redactar a acta, xa sabedes. Non ten maior función.

—Calquera —dixo Patricio—. Xa que falas, ti mesma. Non es a máis nova? Teño entendido que nestes casos a escolla faise atendendo á idade.

Todos asentiron e decidiron tamén que o home máis rico de Galicia exercería de presidente do xurado, por ser o máis vello.

—Se mo permitides —dixo Rosendo Neves tan pronto todos sentaron— gustaríame propoñer un sistema de votación que coido que é o máis xusto e que, ademais, facilitará que rematemos logo —engadiu un sorriso e calou un segundo para logo proseguir—. Coido que o ideal é que cada un de nós seleccionemos tres orixinais. E sobre esa selección, dá igual o número, sexan tres ou sexan quince, votamos cun baremo de entre un e cinco puntos para cada obra. As cinco obras máis votadas pasan a unha segunda rolda. Volvemos votar, outra vez utilizando unha puntuación con valores do un ao cinco. E o que máis puntos teña, pois gaña. Se fixer falta desempatarmos, utilizariamos un criterio de escolma ponderada, beneficiando a obra que consiga máis lotes de cinco puntos. Doado, non si?

—Non entendín nada —replicou o home máis rico de Galicia, que presidía a mesa desde a punta máis achegada á fiestra—. Será que aínda non espertei de todo, pero eu necesitaría un mapa para saber quen ao final gaña.

—Pola miña experiencia, iso non vai pasar —Rosendo levantou un tantiño o labio superior, amosando os incisivos até a enxiva—. Co método que eu propoño todo será rápido e transparente. Evitamos, por unha banda, a atomización. E, pola outra, potenciamos a fortaleza das medias xeométricas e dilucidamos dun xeito sinxelo a media harmónica que tanta falta fai nestes veredictos.

—Rápido? Transparente? —o home máis rico de Galicia falaba fitando para Rosendo, cun ton directivo—. Temos todo o día para tomarmos unha decisión. E se cómpre, teñen todos a cama paga un día máis. E por transparente, igual eu estou parvo de todo, pero o máis transparente é que a obra que gañe este certame sexa aquela que ten máis votos ca as outras. Cada un vota por unha novela e xa. E como somos cinco votantes, a maioría é de tres votos. Tres. Estou enganado?

Neves nin chistou de volta. Enredou co bolígrafo sobre unha folla en branco, pintando cubos en perspectiva, coma sempre que se puña nervioso.

—Acordamos entón o de unha persoa, un voto? —preguntou Iria Brens.

—Acordamos —finalizou o home máis rico de Galicia.

Ninguén se opuxo.

De repente, o teléfono de Rosendo Neves empezou a vibrar. Leu na pantalla Xulio Telleiro e veulle o corazón á boca.

—Desculpade un momentiño. É a miña muller. Ten que ser algo urxente, se non ela nunca se atrevería…

Sen esperar calquera licenza, puxo a máscara e saíu porta fóra. Cando xa se sentiu lonxe dabondo coma para que puidesen escoitar a conversa, descolgou.

—Que, Xulio, xa te convenciches de que «Perante a vida» é de Penélope Trinta?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s