‘O verán en Lucenza’, un sutil relato iniciático

Alberto Fortes.

Eva Moreda.

O verán en Lucenza (Xerais, 2020), última entrega de Alberto Fortes, é unha novela breve que presenta un bo monllo de calidades narrativas e que ben pode procurar unha ou dúas tardes de lectura gratificante sempre e cando non se busque acción desaforada. A novela é o relato en primeira persoa da estancia dun rapaz na casa das súas tías no rural galego (a Lucenza do título) nalgún momento dos anos setenta.

Cales son esas calidades narrativas das que falaba? Primeiro, Fortes adopta con bastante éxito un estilo que poderiamos chamar lírico sen caer nos excesos preciosistas (adxectivos a cachón, frases que queren ser profundas e que non pasan de meme) que vemos tantas veces cando un escritor ou escritora galega esperta un día e lle vén a gana de converterse nun ou nunha grande estilista. Segundo, aínda que esta sexa por definición unha novela na que en aparencia non pasa nada, Fortes ao cabo consegue darlle ao conxunto un ton de relato iniciático: o rapaz que remata a novela non é o mesmo que o rapaz que a comezou, aínda que non haxa tampouco grandes nin estridentes revelacións; todo pasa de xeito máis sutil. Terceiro, a voz narrativa observa e consigna o detalle do seu contorno, pero non ten présa tampouco por xulgar nin sentar cátedra, aínda cando trata os temas espiñentos da relixión ou da Guerra Civil (e digo espiñentos porque aí é cando a case todo o mundo lle entra a tentación de pontificar, tentación que Fortes, con bo xuízo, evita). 

Quedoume a sensación, porén, de que estamos diante nunha novela na que o todo non chega a ser máis que a suma das partes. Penso que isto se debe a que ás veces se nota preocupación de máis por ter controlado o artefacto en todo o momento, en lugar de arriscar un pouco máis. Fortes semella ás veces querer facer un exercicio (ben logrado) de ventriloquismo: escribe unha novela sobre os anos setenta que ben se puidera ter publicado nos anos setenta, sen chamar en ningún momento a atención cara ao feito de que esta é unha novela escrita case cincuenta anos máis tarde, cun rural que pouco ten que ver co que se retrata aquí: se cadra un certo distanciamento con respecto aos feitos relatados podería darlle un pouco máis de profundidade ao artefacto, acentuar aínda máis os claroscuros desa Lucenza que agora se nos presentan con máis timidez. Algo desta ollada, así e todo, si que se albisca ocasionalmente, cando o narrador se mostra máis disposto a experimentar coa lingua mediante o aforismo (“Esta é a miña condena: mentres ninguén apareza no mundo, tampouco poderei aparecer eu”) ou o xogo lingüístico (“o martirio, o único e verdadeiro martirio dos domingos, é a ladaíña da sesta: Sesta Inexorable, Sesta Inescusable, Sesta Inelutable, Sesta Irredimible, Sesta Inesgotable, durme por nós”).

♦ O verán en Lucenza, de Alberto Fortes, Xerais, 2020. 112 páxinas. ♠17€

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s