Comparar a Perucho con Cunqueiro e outras sandeces

Joan Perucho.

Xesús González Gómez.

Aproveitando a celebración do centenario do seu nacemento, diversas editoriais catalás reeditaron no 2020 libros de Joan Perucho (1920-2003). Unha desas reedicións, Els homes insivibles (Barcelona, Comanegra, 2020), recolle dous libros do escritor: Diana i la mar Morta (1953) e Cendres & Diamants (1989). A edición correu a cargo de Julià Guillamon (especialista en Perucho e autor dunha magna –polo volume– biografía do escritor) e Jordi Puig, e leva un epílogo de Marina Espasa.

Ambos libros, como se di na contracapa, «abalan deliberadamente entre o poema en prosa, o microconto e o texto memorialístico». Así será, e non imos entrar en discusión: para min Perucho é un escritor menor; un escritor supravalorado talvez porque no seu día foi minusvalorado (cando estaba de moda o realismo histórico, ou crítico, ou como se lle queira denominar). Por outra banda, e só este comentario sobre o tema, acho que o de poema en prosa se podía doadamente abandonar e quedarmos co sintagma «prosa poética», pero coa que está a caer, mellor non empezar a discutirmos sobre o sexo dos anxos. E digamos que o título Cendres & Diamants o toma prestado o escritor catalán de Jerzy Andrzejewski, de cuxa novela Cinzas e diamantes realizou un espléndido filme Andrei Wadja: o curioso é que nin editores nin epiloguista digan palabra sobre o tema; nin Perucho, mais este inicia o seu libro cunha cita do polaco. Desculpen vostedes esta parva «erudición».

En realidade non queriamos falar, directamente, do escritor catalán, bilingüe debido ás circunstancias políticas que lle tocou vivir. Digamos que segundo rumores máis reais que a vida mesma, moito dos artigos que Perucho publicou directamente en castelán, logo foron publicados en catalán, en libro(s), debida a súa versión catalá a Joan Leita[1]. Perucho, seica, revisábaos. Esta «práctica», tan mal vista no noso país, deuse bastante na literatura catalá: Josep Pla, Joan Fuster e algún outro, que vivían da escrita, non tiñan tempo de traducir todo canto publicaban en español: traducíanllo e eles daban unha corrección, logo recollíanos en libro e raramente, que eu saiba, se mencionaba o nome do tradutor.

Como diciamos, non queriamos falar de Perucho, senón dunhas «sandeces» que se deslizan no epílogo, da autoría, como dixemos, de Marina Espasa. «Sandeces», estou seguro, debidas máis ás présas da autora do que a outra cousa: postos a imaxinar, podiamos pensar que á escritora lle encargaron o epílogo. Despistouse, e nun momento dado chamárona da editorial e dixéronlle que antes de vinte e catro horas necesitaban o texto, porque ían os orixinais á imprenta. E había que entregalo, e saíu o que saíu. A cousa empeza no primeiro parágrafo, como avisando ao lector que non lle teña en conta moitas das cousas que van aparecer, xa que as présas son as présas e os compromisos os compromisos:

«Envexo os lectores que, grazas a esta reedición de Comanegra, se achegarán por vez primeira ás prosas curtas de Joan Perucho, porque baterán coa voz orixinal dun sabio iluminado e un pouco bromista» (a cursiva é miña, XGG). (Iso de sabio iluminado debeu chegar á alma da autora e dun(ha)s canto/as lector/as). Mais non nos abraiemos, se un «prólogo podería titularse pararraios», como dicía Christopher Lichtenberg, como poderiamos titular un epílogo –gardalama traseiro? gardacostas persoal? salvavidas? Parachoques traseiro…? Taller de reparacións? Ou, penso que máis axeitado, rocho ou faiado? É dicir, un lugar no que se amorean cousas ou trebellos máis ou menos inútiles. Se o prólogo pode servir, cousa que acontece a maioría das veces, como pararraios, os epílogos, nun tanto por cento demasiado elevado, amontoan todo aquilo que quizais só se debería dicir nunha conversa entre amiga/os e cum grano salis. Pero este primeiro parágrafo non o poderiamos considerar unha «sandez» («dito ou feito que demostra pouca ou ningunha intelixencia», segundo o dicionario que teño eu da RAG, edición de 1997). Non, non é unha sandez: simplemente a autora lanzouse a unha velocidade tal de inicio que, cando quixo frear, foille imposíbel e pegou unha zoupada contra o primeiro valado que se cruzou no seu camiño. As sandeces son outras. (E como definición de sandez quedo cunha que atopei na rede: «dito ou feito necio, torpe ou pouco adecuado»: quedamos co de torpe e pouco adecuado. Ou quedamos co sinónimo despropósito).

Damos tales «despropósitos׃ na lingua orixinal en que foron escritos, e logo a súa tradución:

«Els anys de postguerra, grisos com el plom, van produir una literatura igualment grisa i fada, escarrausida, però esquitxada aquí i allà per peces plenes de llum, com les proses de Diana i la mar Morta o els contes que Sarsanedas va aplegar a Mites (1954), que seguien la petja d’algunes proses oníriques de J. V. Foix o les de Ariadna al laberint grotesc (1935) de Salvador Espriu, potser amb l’alegria de to d’un Sagarra. A l’altre extrem de la península Ibérica, Álvaro Cunqueiro, una mena de Perucho reflectit en un mirall gallec, escriurà coses con Merlín e familia […]» (p. 156; o subliñado é meu, XGG). [«Os anos de posguerra, grises coma o chumbo, produciron unha literatura igualmente gris e insípida, mesquiña, mais salferida aquí e alá por pezas cheas de luz, como as prosas de Diana i la mar Morta o os contos que Sarsanedas axuntou en Mites (1954), que seguían o paso dalgunhas prosas oníricas de J. V. Foix ou as de Ariadna al laberit grotesc (1935), de Salvador Espriu, talvez coa alegría de ton dun Sagarra. No outro extremo da Península, Álvaro Cunqueiro, unha especie de Perucho reflectido nun espello galego, escribira cousas como Merlín e familia».] Cunqueiro unha especie de Perucho reflectido nun espello galego! Xa é hora de empezar a dicir as cousas en voz alta. Perucho puido aprender, e estamos seguros de que así foi, moito de Cunqueiro, dificilmente o contrario. Cando o catalán publica as primeiras cousas, o galego tiña no seu haber diversos libros poéticos, tanto en galego como en español, e algunhas obras de teatro (unha) e textos narrativos no seu haber en español –por non falarmos dos centos, talvez miles, de artigos que xa argallara nun e noutro idioma: en todo caso, Perucho puido ser, que non o é, unha especie de Cunqueiro reflectido nun espello catalán, pero as literaturas de Cunqueiro e de Perucho, aínda que como escritores podían ter intereses similares –non tantos como parece e como nos queren facer acreditar[2]–, aínda que fosen amigos, aínda que se admirasen mutuamente, son completamente diferentes. Que ten que ver a poesía de Cunqueiro coa de Perucho? E os libros narrativos de un e outro son completamente diferentes. E se nos remitimos aos artigos na prensa, que me ensinen algún de Perucho que poida ser considerado unha obra mestra. Marina Espasa puido ler a Cunqueiro, supoño que si, pero esa frase, ese Cunqueiro que é unha especie de Perucho reflectido nun espello galego, é, simplemente, unha frase que traduce unha posición que se podería denominar «suprematista», unha posición que traducía moi ben o lema do Centro Gallego de Barcelona: «Máis que nós ninguén». Marina Espasa confundiu atraso económico con atraso literario, e así lle saíu esa malfadada frase. Ou talvez nos equivoquemos, e en realidade non leu a Cunqueiro e simplemente botou man do tópico. E como pensamos que Espasa non é suprematista, hai que cualificar a súa frase como o que é unha «sandez», un despropósito.

O tópico da «semellanza» entre as literaturas de Cunqueiro e Perucho está moi arraigado, infelizmente. Tópico que puxeron e moda, hai anos, aqueles que levaban adiante un duplo combate: contra a literatura comprometida (sic) e contra o herdo e loanza das vangardas. Noutras palabras, ese tópico foi creado e cultivado por reaccionarios (literariamente falando, ás veces; politicamente no noventa e nove por cento das ocasións[3]). Pero haberá que loitar contra el, dalgunha maneira. E a mellor maneira é que se lean un e outro escritor, entón o tópico esvaerase por si só.

Mais Marina Espasa non se detén aquí e así catro páxinas máis adiante (na 160), pódese ler: «“Una invisible presència, darrere en negre antifaç ens espera”. Aixi es tanca la prosa que li manlleva el títol a un llibre [unha novela] de Julien Gracq, un altre escriptor germà o cosí de Perucho, es diu Au château de’Argol». [“Unha invisíbel presenza, detrás dun negro antifaz, espéranos”. Así se cerra a prosa que tira o título dun libro de Julien Gracq, outro escritor irmán ou curmán de Perucho, titúlase Au château d’Argol».] Se o «parentesco» entre Perucho e Cunqueiro puido ser defendido e voceado por aqueles que non queren facer funcionar as súas meninxes, porque no fondo se trataba dunha operación máis política que literaria (operación da que ambos escritores son inocentes), o parentesco entre Gracq é Perucho é unha das invencións máis fabulosas da literatura fantástica, afirmariamos, parafraseando a Borges sobre o concepto dun Deus todopoderoso que nos ama e nos vixía. É dicir, un despropósito maior, unha «sandez». Gracq falou no seu día dos seus devanceiros: Chateaubriand, Stendhal, Proust, Baudelaire, Lautréamont, Verne, Hegel, Wagner, o surrealismo –estes tres últimos, cunha miga de literatura artúrica, son a base da novela citada por Marina Espasa–, Marx, etc., todos presenzas constantes aínda que invisíbeis algúns deles en primeira instancia, nos seus escritos, tanto teóricos como de ficción, e unha influencia maior, presente sobre todo nas súas novelas e relatos (e, claro, nos seus libros sobre Nantes –La forme d’une ville– e Roma –Autour des sept collines): a xeografía, lembremos que o cidadán Louis Poirier era profesor de xeografía nun liceo parisiense. Emparentar a Perucho, un escritor de segunda categoría upado por razóns que teñen a ver máis coa historia e a socioloxía da literatura do que con esta, con Julien Gracq, é para lembrarlles aos autores deste estraño parentesco que talvez deberían ler La littérature à l’estomac, do escritor francés, por non falarmos dos seus dous volumes de Lettrines e, por que non, tamén recomendarlles a lectura de Préférences e En lisant, en écrivant; e, bien sûr, a lectura das novelas do autor de Un balcon en forêt, porque ao proclamar ese parentesco está máis que claro que nunca leron unha liña de Julien Gracq. Mais, talvez, este «despropósito», ou equívoco, de Marina Espasa vén dado polo traballo de Rosa Cabré publicado no citado libro («El discurs fantástic de Joan Perucho»), no que afirma que a poesía de Perucho é a clave da síntese entre surrealismo e existencialismo; síntese, evidentemente, que só existe na fantasía de Rosa Cabré. Perucho leu os surrealistas, seguro; leu a Gracq tamén máis que seguro, pero nin Gracq nin os surrealistas confundiron nunca (como non o confundiu Cunqueiro) fantasía e imaxinación, que é o que en realidade fixo Perucho e moitos, case todos, dos seus críticos-apoloxetas.

[1] Curiosamente, en parte ninguna se fala deste «rumor», nin mesmo Julià Guillamon na súa, como dixemos, magna biografía, Joan Perucho, cendres i diamants: Biografía d’una generació, Barcelona, Galaxia Gutenberg, 2015. Os responsábeis de Edicions 62 ou da defunta editorial Laia poderían dicir algo sobre o tema, se quixesen.

[2] Pode o/a lector/a curioso/a botar una ollada á «Per una bibliografía completa de Joan Perucho (1947-1995)», de Lourdes Güell e Fernando Valls, recollida en Joan Perucho o la mirada darrere del mirall, Vic, Editorial Eumo, 1998, a cura de Rosa Cabré. O/a lector/a decatarase de que se ben podían ambos escritores ter intereses comúns, dá a impresión, despois de ler esta bibliografía incompleta, lembremos que Perucho morreu no 2003, e coñecer a de Cunqueiro, que eses intereses, en realidade, se circunscribíanse a un só: a gastronomía, ou a cociña, elíxase o substantivo de que máis se guste.

[3] Lembremos que nos anos 1960, a operación «nueva novela» (española, claro), operación que ía contra a novela que eles denominaban social-realista, foi lanzada polo funcionario do Ministerio de Información e Turismo, Manuel García Viñó, subdirector durante moitos anos da revista oficialista (franquista) La Estafeta Literaria –revista fundada por Juan Aparicio, de triste lembranza entre nós, e entre máis xente, claro– e apadriñada, a operación, por Vintila Hora, que fora militante da fascista Garda de Ferro romanesa, e que debeu exiliarse en España, paraíso de nazis e fascistas europeos. Curiosamente, como temos comentado noutras ocasións. Coa chegada da democracia, García Viñó foi editado e defendido por elementos independentistas vascos (que lle publicaron algún libro) e por elementos da extrema esquerda española, así como por Luis María Ansón, quen lle deu unas páxinas semanais no xornal La Razón. Sobre o realismo (ou social-realismo) español dos anos corenta até mediados dos 60, téñense escrito moitas parvadas (tanto a favor como en contra), pero negar a calidade de escritores como Alfonso Grosso, Sánchez Ferlosio, García Hortelano, Juan Goytisolo, Ignacio Aldecoa, Caballero Bonald, etc., non cabe en ningunha mente, aínda que un (eu mesmo) non sexa partidario desa clase de literatura. E non se pode escribir, impunemente, como escribiu, por exemplo, Fernando Valls, sobre o «apabullante e esteticamente inútil predominio» do social-realismo (prólogo, precisamente, a Rosas, diablos y sonrisas, de Joan Perucho (Madrid, Espasa Calpe, 1990), porque de «apabullante» nada: os medios, o poder, a censura e os cartos estaban en mans dos outros. E «inútil esteticamente», talvez, mais tamén e certo que quizais debido a percibir esa inutilidade, se cambiou, pero se cambiou desde dentro, e ás veces para, politicamente, peor. Mais estas últimas son outras historia que non nos traen agora. Para o/a lector/a curioso/a recomendamos o libro de Julio Velez, La poesía española según El País, Madrid, Ed. Orígenes, 1984) e a primeira edición de Novela española de nuestro tiempo: en busca del pueblo perdido, de Gonzalo Sobejano, Madrid, Prensa Española, 1970; en caso de non atopala, recomendase a edición corrixida e aumentada Novela española de nuestro tiempo: 1950-1974, publicada no 2005 por Marenostrum Comunicación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s