Durrell desmitifícase a si mesmo (e quizais deixa en ridículo a Steiner)

Lawrence Durrell.

Manuel Veiga Taboada.

Sacralizamos a cultura? Podemos ser obxectivos cando falamos dun libro? Será que a arte ten moito máis de mito do que á crítica lle gusta recoñecer?

Lendo hai pouco Linguaxe e silencio, de George Steiner, chamoume a atención o ensaio “Lawrence Durrell e a novela barroca”, sobre todo porque nel arremete contra o estilo literario máis preciso, incluso lacónico, que hoxe está de moda. 

Este barroquismo de Durrell, e tamén doutros autores que cita como Conrad ou Nabokov, encóntrase agora segundo Steiner en desventaxe: “O ouvido moderno –di– foi adestrado pola academia austera e deliberadamente empobrecida de Hemingway. Ao reaccionar contra os excesos das maneiras vitorianas, o escritor moderno erixiulle un altar á simplicidade. Refina a fala común, pero conserva a súa monotonía. Cando comparamos unha páxina das novelas de Alexandría [refírese ao famoso Cuarteto] co levado a cabo por Hemingway ou Graham Greene, estase a poñer un mosaico forxado en ouro e enxoiado bizantinamente ao lado dunha fotografía en branco e negro. Non é nada agradábel xulgar o un en virtude do outro”.

Steiner continúa: “Pero isto non significa que Durrell sexa un decadente pasado de moda nin que a súa concepción da prosa inglesa sexa errónea. Podemos agradecer que Hemingway e os seus innumerábeis imitadores fixesen a linguaxe máis fría e contida e que lle achegasen á ficción as virtudes do enfoque directo. Pero non o fixeron sen pagar un prezo. O inglés contemporáneo é de cote exiguo e falto de imaxinación. O estilo da política e a comunicación de sucesos raia no analfabetismo. Ao ter menos palabras ao alcance que o home educado do século XVII e que incluso de finais do XIX, dicimos menos ou dicímolo con vaguidade absurda. Nos seus anuncios comerciais, os seus cómics ou a súa televisión, vive pola imaxe máis que polas palabras”.

Steiner conclúe: “De aí que unha escritura como a de Durrell, co seu gozo shakespeariano e joyciano na esplendorosa abundancia e variedade sensual de palabras, pode parecerlle a calquera amaneirado e precioso. Pero a obxección procede en parte da nosa sensibilidade empobrecida”.

Como se pode ver, esta crítica de Steiner semella moi actual, a pesar de que o texto que vimos de citar data nada menos que de 1960. Que non se podería dicir agora tendo en conta a hipertrofia dos medios de comunicación e a existencia da internet?

Un pode tomar posición neste momento a prol ou en contra do argumentado por Steiner e nada máis habería que dicir. Mais resulta que unha casual coincidencia de lecturas levoume a reformular por completo a cuestión.

George Steiner.

A editorial Acantilado acaba de editar, en dous grosos volumes, as entrevistas publicadas por The Paris Review, entre 1953 e 2012, cun enorme número de escritores. E velaí o que dicía o propio Durrell en 1959 sobre o seu propio estilo, o estilo que un ano despois Steiner cualificaría, en sentido moi positivo, de barroco.

“A súa prosa parece moi elaborada”, coméntalle o entrevistador. “Sáelle así, sen máis?”. E Durrell responde: “É demasiado profusa. Quizais teño que pasar aínda máis apuros económicos para que sexa un pouco máis clara, menos exuberante. Sempre me dá a impresión de que é algo recargada. Son consciente de que é un dos meus principais problemas. Débese á indecisión, a que non estou seguro do obxectivo e cando non atinas, optas por poñelo todo, para asegurarte. E iso produce un estilo sobrecargado”.

Certo que o crítico pode descubrir o que o artista non foi capaz de ver sobre si mesmo, é dicir, pode valorar mellor os seus méritos. Só que, neste caso, o que di Steiner de Durrell e o que o propio autor explica parece excesivamente contraditorio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s