‘Kullervo, a machada vingativa’ vs ‘A fuga’

KETUT SUBIYANTO.

Xornada 2 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Carlos Vega e Guillermo Rodicio

Kullervo, a machada vingativa

Guillermo Rodicio.

–Cantas persoas mataches na última cruzada, Kullervo?

–Eu nunca matei un home.

Os vapores da sauna inundaban o ar ata o punto de que os dous corpos parecían flotar nun baleiro branco. O capilomante sostiña entre as mans a cabeza do guerreiro, explorando. Descubriu cos dedos unhas rugosidades delatoras no final da caluga.

–Non ten moito sentido mentirme, xa o sabes.

–Acabei con moitos demos na guerra, pero non creo que ningún morrese de todo nin que fosen humanos –chascou a lingua molesto–. Bruxo, non veño aquí a que me xulguen.

–E que precisa de nós Kullervo, a machada vingativa? Podo buscar na túa cabeza os camiños todos do futuro, mais non fai falla dun augur para coñecer o teu porvir. Desde a vitoria do lago Köyliönjärvi, todos saben quen será o próximo caudillo de Finlandia. O teu cabelo apesta a sangue e gloria. 

Nun movemento de raio Kullervo agarrou o pulso do capilomante coa forza das montañas.

–Farías ben en medir as túas palabras, meigo. Sen o noso brazo, o bispo dos cruzados había queimar este voso templo sen deixar rastro. É fácil desprezar o ferro cando son outros os que loitan –afrouxou a forza da presa–. Deixa de mirar cara a diante, non teño interese no futuro. Os capilomantes alimentades a vosa fama de vaticinadores, perfumades e engalanades as tempas dos reis coas coroas dos bidos que alimentan a sauna. Mais, se son certos os murmurios, tendes outros poderes. Non só os ledes, podedes tamén limpar e cortar os cabelos, podar e enxertar as gallas.

Houbo un longo silencio, acentuado co crepitar do carbón.

–Ata onde queres que vaia?

–Ata o comezo.

As mans afundiron nas liñas do coiro. 

Un neno, nas terras de Loutola, preto de Joukola, pica leña e perdoa un niño de paxaros xusto mentres os demos arrasan a súa aldea. Un rapaz, no abrigo da noite, entra cunha machada nun campamento e só o abandona bañado en sangue ao amencer. Un home, na beira dun lago, arrinca a mitra da testa dun cadáver e lanza un berro de ira e desespero.

O capilomante soltou a cabeza, púxose en pé e comezou a camiñar arredor de Kullervo. A néboa arremuiñábase no seu corpo como unha armadura.

–Queres limpar e cortar o pelo, Kullervo de Loutola?

–Quero.

–Por que agora, na fin do camiño? 

–A vinganza resultou estar baleira.

Con auga quente da barriga da terra limpou, cun peite e aceite de ouro desenredou os nós do pasado na melena do guerreiro. Herbas e xabón borraron as pegadas marcadas no máis fondo. Unha navalla afiada cortou, escolleu formas e lonxitudes, trazou un novo mapa. Con pedras na boca, todo isto fixo o capilomante, recitando as palabras que lles ensinara Väinämöinen ao comezo dos tempos para invocar o esquecemento. 

Cando rematou, preguntou de novo.   

–Cantas persoas mataches na vida, Kullervo?

–Eu nunca matei un home.

………………………………………………………………..

A fuga

Carlos Vega.

Á alma de Febo, aquela noite, saíranlle rabo e patas de gato. Notara as pegadas afelpadas a subirlle pola gorxa segundo se revolvía amodo na cama, intentando non molestar. Disimulou como puido a tose que lle arrancaba nos pulmóns a pelaxe do animal, ao botarse contra a mandíbula que se pechaba sobre el, nun último intento do corpo por resistir o abandono do espírito.

Dende o outro lado da cama non lle chegara máis que un breve telegrama: dous tiróns de sabas e un murmurio. Quentóuselle a sangue e, por un segundo, esqueceu o cárcere que formara sobre o corpo. Abriu a boca un segundo, deixando fuxir o preso. 

O animal, de pronto libre,. non semellaba procesar por completo a liberdade e Febo sentiu, na presión asfixiante que se lle sentara enriba, dous ollos laranxas, atravesados por dúas fendas diminutas que o interrogaban. Dúas raias negras tras as que se agochaban desexos que renunciaran á mente tempo atrás, tras anos de vivir encubertos pola vida compartida. 

A noite derreteuse arredor do ser dividido e, durante o que semellaron horas, ningunha das partes articulou movemento ningún. Unha, incrédula ante a singularidade, a outra, ante a  oportunidade. 

Non obstante, aquel milagre secreto permitiu que a casca, liberada do peso da súa propia conciencia, caese no repouso e que, por unha noite, durmise como en cama baleira. Aínda así, espertou como morto vivente, erguéndose da cama sen outra vontade que a de pór os pés no chan. Ouviu a auga na ducha, cuxa invitación abaneaba na porta medio aberta.

Antes de entrar, a alma de Febo pasoulle entre os pés, escapando cara ás escaleiras, pero como se dunha correa se tratase, algo lle turrou do pescozo, marcándolle os tendóns no corpo famélico, baixo a presión da resistencia. Aos dous pasos a corda tensouse, deixando no outro lado da habitación diminutas rabuñadas de cinco puntas, que marcaron o chan ata a porta abafada. 

Seguiuno ao baño, onde o agardaba o comezo do día, con aquel riso que o engaiolara durante os primeiros anos e que naquelas mañás chegaba a ferirlle as orellas. Recibírono aquelas mans que ao principio se lle achegaban agarimosas e agora semellaban multiplicarse baixo a auga quente, envolvéndolle as cadeiras e enroscándoselle na cintura, chuchándolle o alento, de tan baleiro que sentía o peito co seu contacto.

Non obstante, eran estas cousas que só pensaba o animal, mentres que o corpo se deitaba na bañeira, derrotado, entre as pernas do conquistador. A través das troneiras polas que se asomaba a mirada, as ideas parecían revivir ante a visión do gato, que riscaba na fiestra ata romper as uñas contra o cristal. 

As mans que lle aloumiñaban o cabelo detivéronse por un segundo, presentindo desastre na casca que se deixaba facer, abandonada. A mente negou coa cabeza e confinou calquera pregunta nas puntas dos dedos, enterrándoas na escuma do xabón. Mentres tanto unha corrente fría coábase no baño, delatora da fuxida.

9 comentarios en “‘Kullervo, a machada vingativa’ vs ‘A fuga’

  1. Moi boas! Comezo a xornada con este duelo, cheo de contrastes.

    ‘Kullervo, a machada vingativa’: Paréceme moi orixinal a interpretación da imaxe dada, e o ambiente que se crea coa conversa dos personaxes. Enganchoume dende o primeiro momento, e penso que está ben desenvolvida, e aínda mellor pechada.

    ‘A fuga’: Interesante e moi ben escrita, malia que, por momentos, pareceume algo críptica.

    O meu voto é para ‘Kullervo, a machada vingativa’.

  2. Que estupendos relatos e que marabillosa foto. Parabéns a quen a mandou. Aínda así, dáme a impresión de que os autores foron tímidos no seu enfoque. Eu, no meu afán de elefante cacharreiro, xa lle tería dado o cubata a un compañeiro.

    Kullervo
    Ala! Xa teño deberes para casa. Nin pura idea do que era a Kalevala ou quen era Kullervo. Agora xa teño que meterme na Wikipedia e procurar libros sobre o asunto. Vaia faena. Gústame a recreación do universo e o concepto de capilomante. O final, facendo referencia ao principio, como máis me presta. Non quero pensar como quedaría se, en vez de facer referencia a armas antigas, o texto se ambientase na Finlandia actual. Se o autor fai a proba, que comparta o resultado.

    A fuga
    Encántame o principio. E tamén, por que non, o resto do texto. Recórdame a “Aire”, a canción de Mecano. Si, gústame o Mecano dos oitenta, aínda que son máis de Chema que de Nacho. É un relato ben construído aínda que a historia non me chegou tan fondo coma a do seu rival.

    O meu voto vai para Kullervo.

    • Si! Como pon César o Kalevala está traducido nunha edición de Rinoceronte, que foi onde a lin eu e de onde saquei parte da inspiración para este conto. Un libro moi interesante, tanto pola imaxinería finesa que é bastante peculiar, como pola linguaxe. Eu recomendo se che interesa a épica, vaia. A figura de Kullervo ocupa unha parte do libro e é máis dramática, o protagonista deste meu conto non é exactamente el, está inspirado na figura dun dos heroes fineses das guerras de cruzada dos suecos contra Finlandia intentando cristianizala. Vamos, un mix raro, con capilomante para empastar todo hahaha.

  3. Imaxe suxerente… relatos brutais!
    “Kullervo…”: Unha novela xenial en miniatura. Gustoume a ambientación, o ritmo, os personaxes… Xenial, pouco que dicir. Lembroume a Geralt de Rivia, a pesar da imaxe XD
    “A fuga”: Un bo comezo, pero fíxoseme algo densa a continuación. Creo que lle falta unha volta, porque a idea e a construción son moi bos. Sobroume algún inicio con coma (“Non obstante,…”), cousa da que eu mesma peco, pero no resto vexo a palla axiña, jeje.
    O meu voto vai para “Kullervo…”.

  4. eu tamén busquei kullervo en internet e flipei con ese personaxe. Gustoume moito este conto. É evocador e nos leva moi ben ata a épica do loitador canso da súa vida. Todo o ambiente na sauna está moi conseguido… “A néboa arremuiñábase no seu corpo como unha armadura”.. en fin.. para min é un relato moi bo. Ollo! tamén a ese oficio do capilomante que tiven que buscar en internet… O rival: “A fuga” empeza moi ben pero teño que confesar que segundo avancei fíxoseme dificil entender todo o que sucede. A alma escapa en forma de animal gato pero logo están esas mans no baño que non acabo de entender… Síntoo. Repaseino pero se me escapa algo. Voto por Kullervo , a machada vingativa
    Ah! a imaxe escollina eu 🙂 pareceume unha foto bonita e esperaba outro tipo de literatura pero tamén está ben que te sorprendan a hora de inspirarse nas fotos

  5. Isto si que é imaxinación! Parabéns ós dous autores que conseguiron liberar dous mundos de fantasía escura e potencia heroica a partir dunha imaxe que parece tirada dunhas vacacións nun espá.

    Kullervo, a machada vingativa: as estructuras narrativas circulares son a miña perdición e a cousa suma puntos se lle metemos referencias históricas ou míticas. O que verdadeiramente me gustou deste conto é o xeito no que o autor conseguiu articular a historia arredor dos cabelos de Kullervo. Na masa pilosa está a historia do protagonista, toda a súa forza reside nas experiencias concentradas aí, no exterior da cabeza. O capilomante, cun xesto en apariencia simple, corta esa conexión co pasado doloroso e libera o heroe da súa forza, que, nutrida pola carraxe e a vinganza, tamén é a súa perdición.

    A fuga: o primeiro parágrafo de A fuga conquistoume. Tíñame presa, pero, conforme avanzaba na lectura, funme perdendo na progresión de imaxes. Coido que, para quen le, pode resultar hermético de máis en varios puntos. Coincido cos compañeiros en que é un conto con moito potencial.

    O meu voto vai para Kullervo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s