‘O tempo contigo’ vs ‘Montaxe na arranxa…’

Montaxe

Xornada 2 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Fran Fernández Davila e Anxo Vacca.

O tempo contigo

Anxo Vacca.

Acórdame perfectamente, fora todo antes da pandemia, viñeramos aquí ó cine, a ver a nova de Makoto Shinkai. Foi a primeira vez que vin unha peli subtitulada ó galego, na pequena sala de cine de Numax. Agora sempre me vén e non podo evitar lembrar os rapaces que rían e choraban canda nós, ou os velliños máis emocionados mesmo ca os netos que supostamente acompañaban. Nós estiveramos toda a sesión calados, desfrutando da beleza da animación, do xeito de falar que a tradutora lles regalara ás personaxes, e dos actores berrando. E, sobre todo, acórdome da calor da túa man collendo a miña.

A peli saíu dos cines e aínda que está en streaming, mesmo a sacaron en DVD, non hai rastro deses subtitulos, coma se non foran, coma un soño perdido que me doe recordar.

Por outra banda, tiven sorte e conseguín traballo aquí e podo ver o pouco que se subtitula e as caras de alegría da xente, mentres recordo aínda doído o tempo contigo.

……………………………………………

Montaxe na arranxa se todo non

Fran Fernández Davila.

Chimpa o mozo dende a auga ata a ponte, recólleno os amigos no borde do petril, agárrano entre todos, límpanlle a roupa a puñadas, sáltalle o sangue da camisa e vólvelle ao nariz. Arrástrano polos brazos á discoteca, ábrese soa a porta de atrás, bate unha música estraña e de merda, plántano diante da moza do dillei. Primeiro plano de ollos a fumegar. Fundido a branco. Saída en iris.

El toca a fazula encarnada coa punta dos dedos. Ela tira unha cóbrega e dálle unha hostia de envés. El intenta bicala e sorrí.

―Aló ―di el, e volve á barra reguetón cara atrás.

Colle o mozo un vaso baleiro e cospe dun golpe a cola con ron. Entrégalle a bebida ao camareiro, que saca da caixa un billete de dez. Queda un intre a escanear o baile da moza, sácalle un molde en tres-dé. Retira o cóbado da barra e cruza a pista. Os corpos tropezan coa luz. Cortina de estrela e plano xeral. Apaña a chaqueta do gardarroupa e abandona o garito. O mangallón do porteiro despídeo cun aceno de pase. O coche roda á súa inversa por un mundo en dirección prohibida.

Os bombeiros marchan moito antes de que el entre no estudio. Apaga a papeleira. Recolle o lume no chisqueiro. Apaña os negativos e espállaos pola mesa. Ela, sempre ela, en cada fotograma unha pintura dela. Manipula, manosea e nunha hora os cachos volven á súa orde orixinal. Aínda non pensa que a súa vida é unha merda, aínda pode soportalo un pouco máis. Desanoitece.

7 comentarios en “‘O tempo contigo’ vs ‘Montaxe na arranxa…’

  1. ‘O tempo contigo’: Unha historia moi melancólica, a través da lembranza do protagonista. Está ben, correcta, penso que lle falta algo de traballo.

    ‘Montaxe na arranxa se todo non’: Admito que ata a metade do relato non entendía de todo que fallaba. Paréceme unha xenialidade o uso da montaxe cinematográfica a inversa no texto.

    O meu voto é para ‘Montaxe na arranxa se todo non’.

  2. Que ben, dous relatos curtiños e traballados! Paréceme moi complicado ser breve e sempre o valoro moito, a verdade. Xuntar os dous estilos había dar unha obra de arte…
    “O tempo contigo”: O primeiro parágrafo paréceme moi completo e traballado, pero logo parece que a historia queda coxa tras unha idea brillante. Como un recordo tan persoal que non acabamos de ser quen de transmitir como nós o sentimos. Percibo iso e gústame, e gústanme as palabras que o debuxan, pero fáltame algo e o peche gozaría dunha voltiña máis.
    “Montaxe na arranxa…”: Ao ter que descifrar o título entrei de golpe na marcha atrás e encantoume ir recompoñendo a historia. Paréceme que resolve moi ben a idea e gustoume moito a sinxeleza coa que as esceas invertidas se debuxan (“límpanlle a roupa a puñadas”, “desanoitece”). Sinceramente, neste caso, dáme igual a historia, porque a forma o fai todo.
    O meu voto vai para “Montaxe na arranxa…”.

  3. outro no que me costou escoller. “Montaxe na arranxa se todo non” paréceme un prodixio técnico, moitos aplausos para o autor. Eu vexo perfectamente ese ir para atrás das escenas. Pero a vea romántica poido comigo en “O tempo contigo”. melancolia e amor e cine. E Makoto Shinkai! ❤ tres veces vin your name e aínda tño ganas de vela outra máis

  4. Ola! Neste duelo tocou unha das fotos que eu mandei e que divertido ver como a imaxe xermola en historias inesperadas. De feito pensando no duelo a un pouco de distancia pode ser case un epítome do clásico debate entre forma e emoción. Imos cos relatos.

    “O tempo contigo”. Ai,eu tamén boto de menos ir ata a Numax a ver algunha película cos subtitulos de Samuel Solleiro. Concordo co que comentaban arriba outras compañeiras, o relato ten como maior forte a capacidade de transmitir a nostalxia polo tempo pasado, a través dun recordo que se sinte moi persoal. Sinto conexión entre este relato e o de “Doce” da xornada anterior, o autor ten boa man para sintetizar un realismo moi humano e volve repetir neste conto. O problema é que un inicio moi potente queda un tanto esvaído despois, non mantén o pulso e a propia trama parece esfarelar como se chegase exhausto ao punto final. É unha mágoa, creo que está feito o máis difícil, o espírito, e que cunhas voltas e máis traballo hai material para algo máis potente.

    “Montaxe na arranxa se todo non”. Todo o contrario ao conto anterior, aquí todo está medido e estudado, hai un esforzo moi logrado de sorprender a quen le coas diferentes maneiras en que se pode verbalizaro tempo movéndose cara atrás. É imposible non lembrar aquí a última película de Nolan, non sei se a vería o autor, “Tenet”, onde se xoga cunha idea semellante e o que alí son recursos visuais aquí son narrativos. No plano formal paréceme moi brillante, tanto pola idea como pola execución. O problema, claro é que a historia e os personaxes quedan sepultados debaixo do mecanismo. Non é esta unha crítica tanto ao relato concreto, fai moito en poucas palabras e con pouco tempo, pero sempre que se opta por un risco tan grande no formal, adoitan quedar historias sosas, das que recordamos sempre “Ah si, o conto aquel que ía para atrás”, pero non que pasaba exactamente nel. Con todo, creo que hai unha orfebrería no relato impresionante.

    Voto por “Montaxe na arranxa se todo non”.

  5. Ai, o cine como vehículo da memoria afectiva! Os dous relatos, creo, tócanse nese punto.

    O tempo contigo: como xa dixeron os compañeiros e compañeiras, tamén a min me pareceu que un inicio evocativo de tempos mellores se disolvía nun final demasiado abrupto. Paréceme que o autor ten aquí un bo material para expandir a súa historia.

    Montaxe na arranxa se todo non: imaxinación innovativa para un relato que, como sucede tamén en “Amigos de infancia”, racha (para ben) cos modelos narrativos máis tradicionais. A liga ponse seria!

    O meu voto vai para “Montaxe na arranxa se todo non”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s