‘Lara e Sabela’, personaxes ben construídos

Ignacio Vidal Portabales.

Eva Moreda.

Lara e Sabela, de Ignacio Vidal Portabales (Xerais, 2020), levou o premio Lueiro Rey de novela curta en 2019. Trátase dunha obra que intenta acomodarse a un dos esquemas clásicos da novela curta: cunha trama ben sinxeliña e sen complicación ningunha, o desenvolvemento da novela intenta fiarse á forza ou orixinalidade dos personaxes, se cadra tamén a unha ollada diferente. Non é infrecuente neste xénero de novelas –tamén nas obras gañadoras deste premio– atoparse coa sensación de que estamos diante dun relato curto alongado de mala maneira; debo confesar que unha ou dúas veces si que pensei atoparme diante dunha novela deste tipo, pero ao cabo Lara e Sabela presenta abondas calidades como para merecer unha lectura.

A novela está narrada en primeira persoa por Sabela, galerista de arte que posa ocasionalmente para unha das súas artistas, Lara; as dúas mulleres comezan unha relación que adopta un rumbo inesperado cando o marido de Lara, Valentín, morre deixándolle un encargo un pouco orixinal. Esta primeira persoa, malia uns comezos un tanto vacilantes e dados aos excesos expresivos (“Mentres sobe ao coche, admiro o amortecemento con que move as súas pernas, a cadencia das súas pisadas, a flotación branda que sostén a súa persoa e a fai vibrar diante de min coma as ondulacións do aire quente nun deserto”), acaba por afianzarse nun estilo fluído, funcional e veladamente irónico que Vidal Portabales controla, en xeral, bastante ben.

Así, sen entrar en grandes profundidades psicolóxicas (que entendo que tampouco son o obxectivo da novela), Vidal Portabales acaba por crear un personaxe atractivo que sostén o decorrer da novela: unha figura de clase media, de alto capital cultural, con experiencia (amorosa e da outra) da vida, como as que poboan moitas das novelas do noso sistema literario, pero que adquire aquí matices un tanto distintos. Sabela non se toma demasiado en serio a si mesma, integra con fluidez no seu discurso elementos da cultura popular como os reality shows. Se cadra o elemento máis atractivo aquí é o punto lixeiramente surrealista, cun aquel de crítica social que agroma ocasionalmente nas interaccións e as peripecias entre as dúas mulleres e nas de Sabela cos seus outros artistas, como é o caso da seita dos respiracionistas ou o encontro co avogado Torrado.

♦ Lara e Sabela, de Ignacio Vidal Portabales . Xerais, 2020. 176 páxinas. ♠17,30€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s