Así fixo Otero Pedrayo ‘O libro dos amigos’

Ramón Otero Pedrayo nos Xogos Florais de Betanzos. FUNDACIÓN PENZOL.

Xesús González Gómez.

«Al cuidado de L[uís] S[eoane] y se terminó de imprimir el 10 de julio de 1953», reza o colofón de O libro dos amigos, de Ramón Otero Pedrayo, publicado polas edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires. Segundo Marcos Valcárcel, a cuxo cargo estivo a edición dada ao prelo por Galaxia en 1997, «Pola pluma do propio Otero no breve prólogo do libro, sabemos que remata de escribir o orixinal só uns meses antes [da aparición do libro] “co sol do primeiro Outono”. Moi pouco antes, nos inicios de agosto de 1952, Otero asistía ó enterro de Bieito Doval Peleteiro, “o Señor Bieito” no presente libro, no que debe ser a evocación máis inmediata nos días da concepción do libro, como deber de amor e gratitude os seus seres máis queridos» (p. 14, a paxinación será sempre a desta edición de Galaxia). Nestes parágrafos, Marcos Valcárcel incorre en incorrecta lectura e nun erro, do que falaremos máis adiante.

A incorrecta lectura é deducir das palabras limiares que Otero Pedrayo lle puxo ao seu libro que o escritor o rematara co sol do primeiro outono de 1952. Dicimos que incorre en erro de lectura porque o que di Otero exactamente é que «quixera rematar na Festa dos Difuntos estas páxinas nadas co primeiro sol de Outono», que é cousa moi diferente. Por outra parte, na páxina anterior pódese ler: «[…] tremou na ponla máis outa e levián do esprito o froito maduro, triste e fermoso do libro cuias primeiras verbas escribo arestora» (p. 51, o subliñado é noso, XGG). Podemos deducir que Valcárcel se despistou e, ademais, que non se decatou de que esas palabras limiares están datadas o 1 de outono… de 1945.

Estamos seguros de que foi en 1952 cando o escritor de Trasalba lle puxo punto e final ao orixinal que mallaba nel desde había ben anos; e que quizais o atormentaba, como escritor. Esta seguridade vén dada pola necrolóxica ou retrato de Portela Valladares, quen morreu aquel ano de 1952, o 29 de abril, no exilio francés. É dicir, que, coma mínimo, en maio daquel ano estaba acabado o orixinal. Mais, cando encetara o escritor galego a súa «redacción»?

Podemos pensar, mesmo deducir, que o noso escritor encetou a redacción deste libro seu no outono de 1945, ou sexa, como afirma, moi caladamente, nas palabras preliminares do que, finalmente, deu en ser O libro dos amigos, e que ao longo dos anos foi escribindo os retratos e/ou «necrolóxicas» que conforman o volume, pero á «cousa» é máis encerellada, como confesou en dúas ocasións o propio autor.

Nas citadas palabras preliminares de 1945 Otero Pedrayo avisa o lector de qué vai ir o libro e, en certo xeito, dá a impresión de que quere conducir a lectura que se faga del, xa que empeza por avisar de que o que está no seu «comén» non é «unha empresa literaria», senón «un anceio do corazón» (p. 51-52). Será, explica, un libro no que evocará «presencias gasalleiras e amadas» (p. 52). Un libro no que esas presenzas, ao querer acariñalas non deben ser feridas, un libro no que «os mantos da retórica» non deben recubrir «en solemnidade de oración panexírica as figuras dos que viven en min», e tampouco debe pechalas, mesmo sen querelo, «en mármores xiados do panteón» (p. 52). Esas presenzas, esas figuras que viven no escritor, aparecerán, unha tras outra, «sin perspectiva nin ordenación histórica polos camiños de sempre» (p. 52-53). E a primeira figura, a primeira presenza que debe aparecer é a daquel que nunca abandonou a casa en que Otero naquel momento está a escribir estas liñas, e quizais escribiu todo o libro: seu pai que, finalmente, non será figura neste libro oteriano, aínda que sexa presenza… por ausencia.

Recapitulando, se temos que acreditar nas palabras de Otero, este empezou a redactar O libro dos amigos no outono de 1945 e rematouno en 1952, pouco despois da morte de Portela Valladares e non despois do enterro de Bieito Doval Peleteiro, en agosto dese ano, segundo hipótese errónea de Valcárcel. Logo diremos por que é errónea. É dicir, que o escritor estivo sete anos a traballar neste libro. Foi así? Pensamos que si, pero que se tardou sete anos en redactar o libro non foi por falta, por así dicilo, de material, senón pola dificultades que atopaba o autor para escribir, para dar forma ao que quería escribir. Dificultades que deberon repetirse anos despois, xa que Otero, como lembra Valcárcel, soñou a continuación do libro, mais non foi posíbel, e non sería por falta de «oficio», precisamente.

O 9 de xullo de 1946, no vespertino compostelán La Noche, na sección oteriana Parladoiro, aparece o artigo titulado «O libro dos amigos mortos», que se inicia coa seguinte frase: «Cen veces tentei escribilo». Tanto en «mañáns de calmizos e cincentos abriles» como «en noites galoupadas pol’as nordesías»; ben en «cidades eistranas» ben «no amor das campías». Cen veces intentouno porque «endexamais me desampara a lembranza dos amigos mortos», tanto nos carreiros como nos «esteos e pechos bosques»: «I-endexamais pasei da primeira páxina», aínda cando, continua Otero, este libro semella «o mais doado de faguer». Doado de facer porque os pensamentos «acoden com’as ondas á praia». Os pensamentos «cobran enteireza de vida, adiantan os amigos, leviáns ou cansos, cada un co seu acento, seu riir, seu calar…». Soben, os pensamentos, as «escaleiras do pazo da amizade, e comigo enxergan loubamente os mesmos hourizontes, os mesmos duros camiños, a frol das cumes raiosas i-acariñamos as ideas, os libros, as espranzas de sempre…» E aparece a restra dos amigos: o rapaciño co que enredaba nos seráns dos domingos decimonónicos, Marcelo Macías, o Sr. Tinacio, Lousada Diéguez, «Antón Vilar ca nova idea xenerosa ardéndolle na fala», «Lesta Meis, ledo na doenza e na probeza; o Sr. Bieito, mestre canteiro (este Sr. Bieito, Bieito Doval Peleteiro a cuxo enterramento, segundo Marcos Valcárcel, asistiría Otero o mes de agosto de 1952 e, xa que logo, a súa «necrolóxica» sería a última –ou das últimas– redactada polo escritor antes de entregar o orixinal á editora. Valcárcel sufriu un lapso. Otero dáo coma morto neste artigo de 1946. Na correspondencia intercambiada con Antonio Fraguas, na carta datada en Trasalba o 19 de setembro de 1945, este escribe: «Morreu o 3 de agosto un grande e xurdio paisán seu, o Sr. Bieito Doval Peleteiro, de Valongo, gran mestre de pedra e pico, etc.»: este é o erro en que diciamos incorre Valcárcel. É dicir, o Sr. Bieito morreu en 1945 e, polo tanto, Otero non puido asistir ao seu enterro en agosto de 1952); Carrasco e Formigueira (sic), Xurxo Lourenzo, Ánxelo Ramos e outros: «Ningún enlarafuzado pol’a vulgar ambición». Uns amados polas musas, outros ignorantes de letras, mais «mestres no poético vivir dos labramios i-as noites de San Xoán». E os non galegos, «merecentes de repouso nos adrales das nosas eirexas».

Este libro dos amigos mortos sería, certamente, o mais doado de escribir, porque de feito «non deixa de se escribire cada día nas peles d’abedoeira […], nas ondulacións do estanque»; e por ser o máis doado de escribir «e mais vivente libro, non se pode escribir coma os demais libros, que sempre supoñen un folgo no río, un muro pr’a ventá, un “dinantes” e un “despois” na lembranza vivente e no amor». Este libro non pode escribirse coma os outros libros porque non pode haber un antes e un despois na lembranza e no amor deles (dos amigos), senón que tanto a lembranza coma o amor sempre deben estar presentes, mesmo, por así dicilo, nos brancos das marxes. E esa dificultade, da que é consciente o escritor, é polo que, de cen veces que o intentou, non logrou pasar da primeira páxina, ou das primeiras liñas, que serían, en certa maneira, as que conformarían o que logo serían as verbas limiares de O libro dos amigos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s