‘O duque’ vs ‘O golpe no corazón’

Xornada 3 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Anxo Vacca e Ana Vigo.

O duque

Hai cousa de cen anos, eu era o dono dese castelo. Todos na comarca coñecían o meu nome, por onde pasaba sentía o recoñecemento da xente. Tiña todo o que podía desexar: extensas terras, saúde de ferro e unha muller xeitosa. Aquí facíase sempre a miña vontade, nada había no mundo que non puidese conseguir.

É normal que espertase envexas, supoño. Cando o meu sobriño quixo adestrar comigo pensei que estaba de broma, el era un raparigo, e eu, un espadachín experto. Esquecera que o desgraciado sabía de feitizos. Non me preguntedes como fixo, só sei que, dende aquela tarde, o meu corpo desapareceu. A miña alma ficou confinada nesta armería, sen posibilidade de escapar.

Ninguén abrira dende aquela, pero agora escoito pasos e risos que se achegan. E outra voz, alterada, que os persegue:

—Non entredes, por favor!

A porta ábrese. Vexo aparecer unha rapaza e a quen debe ser o seu irmán, a xulgar polo seu parecido e por como se falan. Bótanlle unha ollada á sala, ela ve as armas de práctica e rétao. Collen cadanseu florete, e ignoran o servente que asoma:

—Por favor, saíde axiña, temos que pechar. Aquí fica prisioneiro o irmán do duque don Pedro, xa sabedes o que contan.

Xa dicía eu que me resultaban familiares. Son cuspidiños ao traidor do seu bisavó. Son paciente, deixo que se midan mentres rin do servente.

—Falas dese que arrasou a vila e xurou queimarnos a todos en aceite fervendo? Morreu hai anos!

—Mira que crer en historias de pantasmas…

A rapaza non tarda en deixar fóra de xogo o seu rival. Nese intre, introdúzome no florete e posúo a vontade da moza. Xíroa para que colla unha arma de verdade, das que serven para esnaquizar ósos.

Agora comeza a diversión.

………………………………………………………………………….

Golpe no corazón

Collo alento e prepárome mentres Rosa fai o propio; evito mirala, non quero poñerme nervioso.

A adestradora mira pra nós e poñemos as caretas.

Sen dicir nada antes, comeza.

En garde! –póñome en postura.

Pret! –tenso os músculos.

Allez!

Nada máis dicilo, Rosa xa se lanza cara a min, manteño a distancia, párolle os golpes, aguanto, tento contraatacar. Rucho o beizo, noto como antes de poder reaccionar xa me crava a espada no peito á altura do corazón, podo notar a súa cara de satisfación mesmo coa mascara tapándoa.

A adestradora, sen dicir nada, volve a comezar e fago o mesmo. Postura, tensión, allez.

Esta vez ambos adiantamónos e parámonos mutuamente o golpe pero nesta ocasión eu son máis rápido, consigo golpeala aínda que non coa mesma precisión, ela volve a sorrir aínda que agora burleira, tentándome, aínda que non o necesita.

A adestradora prepárase e:

En garde! Pret! Allez!

Déixome caer no chan e collo alento como podo, o adestramento xa acabou, perdín outra vez.

Pensei que desta vez… ó mellor, pero vese que non; mentres intento respirar, Rosa quita a súa mascara e deixa ceibe o seu longo pelo louro, míroa e ela devólveme a mirada, sorrime tan resplandecente coma o sol.

E remata comigo cun golpe no corazón.

6 comentarios en “‘O duque’ vs ‘O golpe no corazón’

  1. Que duelo máis chulo. Creo que ambas mans sacaron bo proveito da imaxe. O que máis me gustou foron os finais. É curioso, un pecha e outro abre.

    O duque
    Un relato sinxelo e ben contado. Utiliza as palabras xustas e os diálogos están no sitio preciso para evitar circunloquios. Gústame moito o final. Deixa ao lector no sitio xusto para construír o seu relato.

    Golpe no corazón
    Outro relato sinxelo que usa o duelo para falar doutra cousa. Encantoume o fina, tamén coma o do rival, que pode parecer tópico. Aínda así eu sigo a caer nesas trampas.

    O meu voto vai para Golpe no corazón. Prefiro amor a vinganza.

  2. Agradecín moito que neste duelos os autores obstasen por narracións tan lixeiras. Dálle un folgo fresco que se aprecia moito e aplica que a áxilidade non narrar é unha voa virtude. A imaxe mandeina eu, porque teño unha carpeta no orde con fotos de cousas estranhas como tratados de esgrima. Eu que sei.
    O duque é un bo exercicio, cunha historia que me recordou a O Encontro de Borges. O de armas posuídas queda ben feito. O dialogo non tropeza e fecha ben, creo que arrisca pouco, pero usa as ferramentas que ten. Bo traballo.
    Golpe no corazón creo que demostra interese na foto, ou iso ou o autor ou autora é entendido. En ambos casos, eu non tiña nin idea, e séntalle ben o retrato dunha xornada de entrenamento. O final non me fluíu tan ben, quizais porque oh dijo el título. Aínda que agora que o penso, igual é como se acaban de verdade esas sesións. O dialogo tamén é axil e iso paréceme de loar. Les o relato en nada, e quedas con todo. O breve funciona dúas veces.
    Cústame algo decidir entre os dous, pois non creo que haxa moita diferencia técnica, creo que vou tirar por gusto persoal, pois non me queda outra se non quero votar ao azar. O meu voto vai para O duque.

  3. Encántanme os relatos que con pouco dan moito. E que o sexan os dous do duelo gústame aínda máis. Parécenme os dous áxiles e lixeiros, agradézoo, tamén.
    ‘O duque’: Unha historia curiosa e sinxela. Ben narrada… pero paréceme algo apurada. Quedo con ganas de saber salgo máis do duque, ou de ubicarme doutra forma.
    ‘O golpe no corazón’: Outra historia sinxela, gustoume moito. Creo que me tería gustado menos parágrafo ao comezo. Hai tamén algo de lío cos tempos verbais.
    Vai o meu voto para “O golpe no corazón”, a imaxe coa que me deixou gustoume máis.

  4. Canto partido literario se lle pode tirar ó mundo dos duelos (esta liga ben que o proba!), do boxeo e das disciplinas agonísticas en xeral. Gustáronme moito os dous textos, así que decidirei o meu voto en base as sensacións que me provocaron.

    O duque: a quen lle gustan as historias de espectros e obxectos malditos? A min si! E esta, que ten un gusto clásico, funciona ben dentro da estructura clásica que presenta.

    O golpe no corazón: un conto sobre un enfrentamento de esgrima que é, en realidade, unha loita nos eidos do cortexo e do amor. A historia vai crecendo en cada parágrafo e remátanos cunha estocada directa. Ben feito.

    O meu voto vai para O golpe no corazón.

  5. Dous contos sinxelos. Creo que un mellor acabado que o outro. No duque ese encantamento quedoume algo estraño, igual precisaba dalgo máis de espazo, polo demáis quedei con moitdas ganas de saber cal é esa arma de verdade que se vai empregar e como vai vingarse o duque encantado. O final moi ben.

    O rival “Golpe no corazón” gustoume a idea desa dobre estocada. Unha historia de amor agochada na derrota corpo corpo nun deporte físico. Un bo escenario ben descrito.

    Voto Golpe no corazón

  6. Estou con Érica, o duelo, tanto de esgrima como de outras disciplinas, é un tema que ten dentro de si moitísimo xugo literario. Supoño que porque consegue ritualizar nunha forma artificial o drama do combate e a tensión da violencia. As dúas autoras aquí tiraron por contos lixeiros e relativamente sinxelos, que non ten nada de malo per se, claro, pero que a min aquí deixoume un pouco frío. Ningún dos dous me acaba de convencer moito, como se non se profundizase abondo.

    O duque
    Un conto típico de pantasmas, de ánima habitando unha habitación e posúe a quen entra nela. O que máis me gusta do relato é como pasa do pasado ao presente con elegancia e sen precisar de moitas palabras, un xiro ben resolto. Tamén penso que esta ben o final, cortar de súpeto nun clímax anticipado, un bo recurso para conto curto tamén. Entre as cousas que me gustan menos, a nivel formal hai un uso das vírgulas que me pon un pouco nervioso, que entrecorta de xeitos raros o fluir. Un exemplo, hai outros: “Non me preguntedes como fixo, só sei que, dende aquela tarde, o meu corpo desapareceu.”, hai que estar moi seguro de que son necesarias para poñer eses dous incisos seguidos. Non é nada grave, claro, pero si unha cousa a mellorar. Máis sobre o fondo, quizais foi algo pretendido polo autor/a, pero creo que ao conto lle falta un chisco de misterio, de incomprensión, tratando o tema da pantasma. Todo está demasiado cristalino e case podes anticipar o seguinte punto en todo momento, vexo un pouco de descadre entre ton e tema.

    Golpe no corazón
    Un conto sinxelo, máis de imaxe que de trama, mellor resolto que o seu rival creo eu, porque xoga con máis soltura as súas cartas. A primeira metade está bastante ben, a electricidade dese diálogo de só unha palabra, os parágrafos rápidos descritivos dos movementos e sensaciósn dos duelistas. Aquí vexo unha boa conxunción entre forma e fondo, a maneira de describir casa ben coa dinámica da loita. O problema que lle vexo eu é que non resolve moito, apenas quedan apuntadas as personaxes e non se nos dá moito co que imaxinar onde están, que fan, quen son. Entendo que pode ser interesante ás veces facer un conto que funcione en certa medida como miniatura, como descrición illada dun momento concreto, pero a min non sei, ao final paréceme máis un exercicio. Penso que podería funcionar moi ben como comezo dun conto, do que esta primeira escena estaría moi ben como entrada excitante.

    Voto por Golpe no corazón

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s