‘O home de vinilo’ vs ‘Verbas en Irmeá’

Xornada 3 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Guillermo Rodicio e Sabela González.

O home de vinilo

O home de vinilo é mouro coma a noite. A súa silueta de xigante percorre as sombras case imperceptible e asómase pantagruélica nas portas dos garitos. Se o ollases de ben preto, verías que un suco finísimo percorre o seu corpo, da cabeza aos pés, arredor dos brazos e de cada dedo. Na súa pel, o home de vinilo agocha melodías, ritmos e sons que só el coñece e eu morro por descubrir.

O home de vinilo vive baixo a cabina do dj, aproveitando a súa altura, nun recuncho acolchado con coxíns e teas de veludo para non raiar as pistas do seu corpo contra os recantos. Os sábados á noite asoma pola cortina e toma asento na súa butaca verde, ao fondo da pista de baile. Sorbe whisky con coca-cola por unha palliña e escoita atento as sesións. Cando é hip-hop, dá co pé no chan. Cando é minimal, move a cabeza e sorrí, amosando unha galleta vermella de Television Records.

Cando coñecín o home de vinilo, os meus brazos metálicos ocultábanse nas amplas mangas dunha blusa, as cápsulas das falanxes nos puños pechados. Tremíanme as agullas, que anticipaban o pracer das melodías ao vibrar sobre a súa pel e cando pousei a miña man na súa o peito quíxome estoupar con baixos de Daft Punk ata a gorxa. Falamos co tacto inquedo e a copa fácil aquela noite e moitas máis e un día puiden por fin pasearlle as pistas todas. Detrás de aparencias de Moderat atopei un recordo de Ocean Colour Scene. Entre cóxegas do Reno Renardo atopei refráns de Rosa León. Baixo o po de Pearl Jam estoupei con Mumford and Sons.

O home de vinilo dorme ao meu carón co clac-clac da miña agulla aínda no final do seu corpo. Segue xirando sen son despois da última pista, respiración profunda, 33 revolucións. Sorrío, destápoo e fágoo voar no aire cun xiro maxistral. Cara B. Esperta. Unha nova sinfonía.

…………………………………………………..

Verbas en Irmeá

O “disco riscado” foi un misterio para os habitantes de Irmeá durante case un milenio. A Voyager caeu no fondo dun canón fluvial do seu planeta, que durante unha época foi considerado maldito. Nos séculos seguintes, un imperio de base relixiosa acadou hexemonía no continente, rescatou o disco e venerouno como unha das súas reliquias sagradas, un agasallo dos ceos. Cunha tecnoloxía semellante á do imperio persa, non tiñan medios cos que acceder ao contido do disco, mais xa neste momento inicial sospeitaron que as liñas de estrañas formas inscritas nel debían ser algún tipo de mensaxe. Sacerdotes e ilustrados mantiveron acendidos debates e argallaron as máis bizantinas teorías. “Acendidos” no caso dos irmeáns non é metafórico, hai que ter en conta que se comunican provocando cambios de presión na súa epiderme, mudando de cor de maneiras sutís, un mecanismo evolutivo de camuflaxe que virou código lingüístico.

A presenza do disco moldeou a historia de Irmeá. Un desenvolvemento temperá da química corroborou a súa orixe esóxena, o que provocou un furor pola astronomía. A relixión politeísta á que estivera asociado desde antigo conseguiu tal prestixio que se converteu en ecuménica, favorecendo a un tempo movementos globalizadores no planeta, convencidos dese “nós” fronte aos “donos do disco”. Puxeron un satélite en órbita cando aínda non sintetizaran a lei da gravitación universal. A ciencia irmeá ten ata hoxe un forte carácter mistérico, máis dialéctico que empírico, froito de colocar un enigma irresoluble no seu centro.

Porque os irmeáns nunca poderían escoitar o contido do disco. A densidade do aire en Irmeá é tal que o son viaxa a velocidades absurdamente lentas, polo que as ondas acaban mesturadas nun constante ruído de fondo. Ningunha especie animal desenvolveu receptores para o son nas veigas de Irmeá. Ningunha combinación de cores na pel significa “escoitar”.

Foi nas primeiras viaxes espaciais que a xente de Irmeá descubriu o concepto do son. O planeta máis grande do seu sistema solar, Curmeá, dun tamaño aproximado de 17 Terras, resultou albergar vida. Os astronautas quedaron abraiados coa vizosidade dos seus ecosistemas, as súas observacións revolucionaron varios campos científicos, mais o que fascinou o irmeán común foi a capacidade dos animais que alí vivían para comunicarse sen necesidade de mirarse.

Por suposto intentaron aplicar todo o aprendido ao disco, mais a idea de esculpir fonemas nun obxecto non é intuitiva para unha civilización que só coñece o son teórico. A pista final déronlla os xigantes de pedra de Curmeá. Individuos extremadamente solitarios e lonxevos, viven case sempre arredados dos outros. Cando queren falar con outro xigante colócanse nun punto estratéxico e emiten un berro colosal que vai rebotando en montañas e vales, ata chegar matizado ao xigante receptor. Empregan a orografía do planeta como gramática.

A lingua dos xigantes permitiulles aos irmeáns deseñar a súa primeira versión do gramófono, e de aí un mecanismo de tradución son-cor. Así, nunha tarde especialmente quente dun verán irmeá dentro de 250.000 anos, nun dos seus laboratorios-templo puideron ver o saúdo do presidente da ONU, que para eles “falaba” cun estraño sotaque verde-azulado.

6 comentarios en “‘O home de vinilo’ vs ‘Verbas en Irmeá’

  1. Dúas historias orixinais neste duelo, parabéns!

    ‘O home de vinilo’: Arriscado, como sempre que se humanizan obxectos, pero penso que funciona. Ten bo ritmo, e o final pareceume perfecto.

    ‘ Verbas en Irmeá’: Neste relato hai moita imaxinación, encantoume ese detalle dunha civilización que se comunica mediante cores (seguro que poden ver infrarroxos e ultravioletas). Confundiume algo no inicio ao non ter claro quen narraba, supoño que é unha clase de narrador omnisciente.

    O meu voto é para ‘O home de vinilo’.

  2. Este é para min, o mellor duelo da xornada.

    O home de vinilo
    Poesía pura. Unha canción. Apréciase o ritmo das frases. Que alguén lle poña música, por favor. Semella un tema da época top de Amaral. Perdón pola velloucada. Por certo, comparto gusto musical co autor ou autora. Vivan os 90!!

    Verbas en Irmeá
    Négome a comentar este texto. Calquera cousa que poida dicir vai desmerecelo. Creo que é o mellor relato do que levamos de torneo. Paréceme un exceso, un abuso de imaxinación e worldbuilding. Cando me toque contra esta persoa, collo a semana libre.

    O meu voto vai para Verbas en Irmeá.

  3. Incribles ambos.

    O home de Vinilo. Sentese moi coidado é sercano, unha pila de sensacións condensadas.

    Verbas en Irmeá. Sinxelamente marabilloso, ciencia ficción moi ben levada e moi interesante.

    Meu voto vai pra Verbas en Irmeá

  4. Continúan as sorpresas na liga! Os duelistas demostran outra vez xeito e mestría na escrita. Moito xogo vos deu a imaxe!

    O home de vinilo: un conto que funciona ben de principio a fin e se le case sen querelo. Está escrito, penso eu, para ser efectista ó máximo e abofé que o consigue.

    Verbas en Irmeá: nun principio, o estilo narrativo algo impersonal do texto, próximo á crónica, non me estaba convencendo de todo. Ai, pero conforme ía pasando parágrafos e Irmeá e Curmeá collían corpo, acabei por sucumbir a este relato. Gústanme moito as historias de ciencia-ficción con xiros lingüísticos que tratan aspectos como a comunicación e a traducción cultural, caso de Os desposuídos de Le Guin e A historia da túa vida de Ted Chiang, e, no caso de Verbas, o autor ou autora fixo un bo traballo.

    O meu voto vai para Verbas en Irmeá.

  5. Este comentario pertence a Carlos Vega:

    Dende logo, o mellor duelo da semana. Lin o primeiro relato e pensei que era gañador indiscutible, lin o segundo e bueno, quedei moñeco.
    O home do vinilo é case poesía. Presenta o personaxe de forma perfecta, achegándoo ao lector ata o último paragrafo, onde semella tocalo. Creo que o único que lle podería fallar é que o lector non conecte dabondo coas referencias, xa que ou ben non as pillo todas, ou ben se me fan demasiadas ao final. Creo que é unha idea demasiado orixinal para depender tanto de factores externos e, en cambio, substituíndoos por eu que sei, invencións ou cousa que se lle poida ocorrer a quen tivo tremenda idea, xa queda un relato que non perde ante ninguén. O formato reducido dálle ese aspecto de fiestra pequeniña e misteriosa, gustoume moitísimo.
    Verbas en Irmea é a proba salomónica de que esta liga necesita dúas división B, porque eu aínda teño que saír da canteira nuns anos para loitar contra algo así. Ten ideas polas que daría un pe. Quédome coa falta da noción de escoitar, e coa gramática montañosa. Menuda obra. Expreme as 500 palabras no que podería ser unha novela. Non sei como se pode facer iso, pero cada palabra está escollida ao milímetro. Non me vou arrastrar tampouco, pero non me sorprendería que este fose o relato da liga.
    O meu voto vai para Verbas en Irmea.

  6. Duelo moi parello. Gustaáronme as dúas propostas. Con home de vinilo custoume ao primeiro imaxinar ese home de vinilo de pernas e brazos, pero logo pensei en todo o que lle lin a Clive Barker sobre diferentes formas de mostros humanoides e enseguida entrei polo aro. Verbas de Irmeá ten o seu punto forte no despregue da imaxinación para crear mundo, pero por partes quedou algo frío, demasiado académico, Se cadra non se notaría tanto se o home de vinilo non fose no fondo unha historia de amor ben construída. Voto por o home de vinilo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s