‘Que ten a filla do sepultureiro’ vs ‘Hipótese sobre os obxectos’

ANNA SHVETS/PEXELS

Xornada 3 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Érica Couto e Carlos Vega.

Que ten a filla do sepultureiro

Inocente! E por que a veces a súa sombra ten corneciños?

Pilar Pedraza

Había unha vez un home que vivía ó lado do cemiterio, pois había anos que coidaba da última morada. Ese home tivera unha filla, moito antes de casar coa morte. A nai aviñérase á terra había anos e quedara o home só con aquela criatura, cuxas atencións se reduciran a un prato quente de vez en cando. Non obstante, resistíase ás ofertas da xente do lugar, que moitas veces se ofrecían, temerosas de Deus, a alixeirar os labores paternais.

O sepultureiro era incapaz de ver nesas palabras máis que penosa esmola e, rabioso, prohibíralle á rapaza calquera contacto coa xente. Incluso falar coas vellas que, de vez en cando, lles traían flores ós defuntos. Ante as protestas rematou por fechala dentro da casa, temeroso da fuxida. A nena murchaba, pois cada vez que escoitaba tremer a casa cos estrondos da porta, pensaba na substancia do futuro que lle resta e palidecía ao comparala co contorno que a rodea, atopándoos familiares.

O único día no que tiña permitida libre saída era no aniversario, onde puña o vestido (único) azul e baixaba correndo polas escaleiras. Aquela vez preparara o almorzo amodo, recreándose no xemer da lareira e no fumegar da cunca. Logo baixara para o lugar pois convertérase en costume que a xente a agardase nas tendas, para agasallala con doces, ou calquera cousa que fose fácil de agochar baixo a saia. 

Ese fora o primeiro ano que a vella Elvira a esperara. A pesar de que era das que máis flores lle traían ao marido, nunca falaba con ela. Chamáraa dende o balcón de ferro, ao vela pasar. Sen moitas palabras, obrigáraa a aceptar unha caixa de madeira fechada por unha chave prateada.  Como despedida, recibiu orde de agachala ben, e usala tan só cando estivese segura de que ninguén podería interrompela. Polo que escoitou a moza, aquela caixa era herdanza antiga, de viúva en viúva, pero que ante o prognóstico da profesión familiar, o Consello decidira facer unha excepción con ela.

As últimas palabras craváronse fondo na rapaza, onde fermentaron en excitación ante a próxima saída do vello. Foille difícil non tropezar coa saia ao baixar ata o soto, onde agochara a caixa fechada. Baixo a tapa erguida non atopou máis cunha morea de ¿paus? de madeira pulida, cuxo verniz facíalle chiscas aos ollos. No anverso da tapa, gravado con coidado, alguén fixera unha serie de esbozos, asignados a cada modelo, que a rapaza, en silencio, asimilou. Sorprendeuse aliviada de atopar algunha das súas ideas, que antes imaxinaba trastornos singulares, recollidas aos ollos de Deus sabía canta xente. 

Para reclamar testemuñas que describisen a escena seguinte, tería que espertar a trompeta final ós mortos do xardín. Posuídos pola ira dos malvados, achegaríanse a espiar, arrimando o vermiforme fociño polo baixo da porta. Alí verían o que tiña a filla do sepultureiro nas mans e que insistía, no éxtase da casa solitaria, a afundir no corpo, seguindo o sinal invertido que lle marcaban as fracas cadeiras na pel. Asistirían, idiotas, á eufonía do clímax, que vibrou nos cristais abafados, ante o obsequio daquela mal chamada caixa de paus, ben denominada tesouro.

……………………………………………………………………..

Hipótese sobre os obxectos

O presente proxecto de investigación ofrece unha revisión dos nove obxectos coñecidos como Grupo Votivo de Ratiformes que se atoparon, durante a campaña de excavación de 2287-2288, no complexo A de Cidade Capital.

En estudos previos, atribuíuselles ós obxectos unha función puramente decorativa como marcador do estatus do propietario. No seu estudo pioneiro do material, Van Burenberg 2290 propuxo interpretalos como ornamentos que se integrarían no vestiario cerimonial da elite. Larsson e Jacobsen 2292, pola contra, favoreceron a interpretación cultual dos achados. Con base ás pragas animais de volátiles (xénero columbidae) e mamíferos (xéneros mus, chiroptera e oryctolagus) que ocuparon os centros urbanos tras a Crise Enerxética de 2063, os dous autores suxeriron a función apotropaica das pezas.

Contra estas interpretacións previas, este proxecto propón unha hipótese de traballo radicalmente diversa. Como se ve na reconstrución presentada na imaxe 2, apréciase un predominio de formas orgánicas, globulares e filiformes no conxunto. As curvaturas que dominan os deseños, o uso de materiais termoplásticos que recobren sen fisuras os obxectos e a textura similar á pel, verificada a través de análises, suxiren unha función distinta das xa mencionadas. A aplicación de aneis e cordóns flexibles parece indicar un uso destinado á inserción e remoción dos obxectos en condutos orgánicos de pequeno tamaño (boca, ano e vaxina e, con menor probabilidade, fosas nasais e cavidades auriculares). O descubrimento de sofisticados mecanismos internos de movemento e vibración, recentemente identificados por Ortega e Cifuentes 2297, lévanos a propor unha lectura do material en clave punitiva.

Consideramos que se trata de instrumentos de castigo, que formarían parte da resposta institucional contra a violencia popular que derivou nas revoltas de 2021, 2023 e 2024. Tal hipótese susténtase en varias evidencias, entre elas, a concentración dos nove obxectos nun mesmo punto, a identificación dunha estrutura arquitectónica realzada nas proximidades (probablemente un estrado ou un patíbulo permanente) e a presenza asociada no mesmo contexto arqueolóxico de instrumentos de tormento coma cordas de cáñabo, bólas con correa e fibela, e paddles.

Este estudo aplicará unha metodoloxía baseada na arqueoloxía experimental. Reproduciranse as nove pezas que forman o Grupo Votivo de Ratiformes, que se probarán en varios suxeitos voluntarios baixo a supervisión directa dun equipo médico autorizado. Pártese da hipótese de que os instrumentos se utilizaron no contexto histórico de orixe para aplicar descargas eléctricas, realizar estimulacións sensoriais extremas, inducir epilepsia e privar dos sentidos ós disidentes das mencionadas revoltas.

O equipo de investigación comprométese a suspender o estudo en caso de risco de morte.

7 comentarios en “‘Que ten a filla do sepultureiro’ vs ‘Hipótese sobre os obxectos’

  1. Moi boas, unha semana máis! De novo dous relatos ben diferenciados a partir dunha mesma imaxe, gustáronme ambas formas de levalo.

    ‘Que ten a filla do sepultureiro’: É un relato máis clásico, e consegue que unha ambientación máis “antiga” xere contraste co contido dese tesouro, algo bastante moderno. Polo demáis, sinto algo de mágoa porque a pobre rapaza seguirá aí pechada (con consolo, pero pechada).

    ‘Hipótese sobre os obxectos’: Paréceme divertida, tanto polas referencias como pola situación de estudo arqueolóxico. Ademais, está moi ben escrito. Seguramente non se entendería por completo sen a imaxe, pero como está feito neste contexto do torneo, penso que é un detalle sen importancia.

    O meu voto é para ‘A Hipótese sobre os obxectos’.

  2. Quen enviaría esa foto? 😉 eu esperaba a verdaade algo máis de chispa nas propostas 🙂 “Que ten a filla do sepulturerio” Creo que empeza do xeito equivocado porque di “Había unha vez un home…” e nos deixa agardando ata o final o protagonismo que lle dá o pai o comezo da historia. Por outra parte aparece pola metade un Consello ¿de viúvas? que non entendo moi ben e queda sen explicar. Mola esa idea de liberacion que ofrece a caixa do tesouro. Creo que a forza do relato está aí e quizáis podería ter máis espazo. “A hipótese sobre os obsxects” vai de menos a máis. Ten o seu mellor momento cando nos decatamos que os que parecen que realmente van dar coa utilidade real dos utinsileos, suman un equívoco máis, delirante cando nos empezan a falar de experimentar con torturas reais, iso si suspendendo o estudo en caso de morte jeje… é un relato simpático que se le moi ben. Voto por “A hipótese sobre os obxectos”

  3. Boa noite. Encántame a foto. Parabéns a quen a mandou. Creo que outra vez os autores optaron pola prudencia e a timidez. Non quero imaxinar o que faría Maese Sheldon Botana con este material. Ao relato “Lume” da pasada liga me remito.

    Que ten a filla do sepultureiro
    Bo relato costumista cheo se sarcasmo e subtexto. Fala calando. Di sen mencionar. É como se o verdadeiro relato estivese nos silencios, nos espazos en branco. Podo sacar unhas cantas leccións para min. Se hai que por un pero é que se me fai lento para o frenesí que me suxire a foto. Porén, creo que iso é culpa miña. Teño que ir máis amodo.

    Hipótese sobre os obxectos
    Interpretación orixinal da foto que lle permite á autora ou autor tocar o “tema” dunha forma tanxencial. Lémbrame a “Promoción 6642”, tamén da liga anterior. Utiliza moi moi ben a linguaxe formal de investigación para darlle a historia unha pátina cómica que sempre se agradece. Encántame a frase final, que suxire que os protagonistas están comezando a desfrutar do proceso. Contra: quedei con ganas de máis detalles morbosos.

    O meu voto vai para Hipótese sobre os obxectos porque o seu ton cómico me chega máis que o do rival.

  4. Dúas aproximacións moi distintas. Mola. Pero que difícil comparar cando cada un é bo no seu!
    ‘Que ten a filla do sepultureiro’: Un conto clásico e benévolo coa protagonista do título. Gustoume o desenvolvemento, correcto, da historia. A idea gustoume moito. Véxolle se cadra que é confuso na ubicación de personaxes e historia.
    ‘Hipótese sobre os obxectos’: Unha visión orixinal e, para min, moi boa. Encántame o humor pouco obvio pero suficiente do final e a idea é xenial. Ademais, o desenvolvemento a modo de artigo paréceme que está moi ben conseguido.
    Vai o meu voto para “Hipótese sobre os obxectos”.

  5. Unha imaxe curiosa pra facer un relato e xeito de afrontalo diferentes.

    Que ten a filla do sepultureiro. Resultoume un pouco confuso a verdade.

    Hipótese sobre os obxectos. Moi entretido, divertido e curioso. Faise replanteatse un pouco que tipo de parvadas que creremos sobre utensilios antigos.

  6. Vaia, vaia, que imaxe máis boa María, ten o puntiño perfecto entre divertido pero tamén evocador para dar moi bo material para duelo. Demóstrase en que deu para dúas historias moi distintas pero creo que bastante boas, foi difícil a escolla.

    Que ten a filla do sepultureiro
    O punto máis forte do conto esta na maneira en que mestura contexto e trama. Colle a un sepultureiro para automáticamente dar a todo un toque lúgubre (un pouco truco, porque que o pai sexa sepultureiro non engade moito na historia, pero que nun conto moi curto serve para aforrar palabras claro hahahaa), e despois coloca o descubrimento do dildo como tesouro nun xiro que ten humor pero tamén trae como a luminosidade a un mundo escuro, na lingua algo moderno fronte ao antigo. A min gustoume moito tamén o detalle do consello de viúvas, dálle máis lore a ese mundo e fai máis interesante as relacións das personaxes. Con todo, estou de acordo co tema da confusión que comentan algunhas compañeiras, que eu creo que está relacionada con dúas cousas. Por unha banda, algunhas frases teñen construccións un tanto raras, que entendo que poden ser marca de estilo, pero que non casan ben co ton de conto clásico que eu creo que busca o relato. E por outra, que aínda que cada unha das partes do conto gústame non acaban de integrarse de todo, vésenlle un pouco as costuras (o truco do sepultureiro que comentaba antes, o do consello só mencionado pero non desenvolvido…) Non sei, penso que é un conto bastante bo, qeu cun pouco de traballo nos detalles podería brillar aínda máis.

    Hipótese sobre os obxectos
    É arma poderosa e perigosa facer un informe/relato. Todos os mecanismos de estilo e o tipo de linguaxe funcionan moi ben para crear contexto e meterte rápido na historia, pero teñen o contrapunto de que en si mesmo teñen unha plasticidade limitada, claro, e podes acabar perdendo a verosimilitude ou soando a robot, que quen le perda interese. Eu teño intentado escribir algunha cousa así e se tes algo de costume de ler textos técnicos resulta bastante sinxelo de imitar, pero o complicado é manterlle o pulso a historia dentro dese marco. O as na manga aquí da autor/a é o do humor, que se volve meta porque non é comprendido polo narrador que escribe o informe, brillante poruqe consegue engadir un elemento máis sen alterar eses límites que se impuxera coa linguaxe. Está todo moi ben resolto. A lingua é moi crible, o humor sempre sae da contraposición do noso coñecemento, nunca se lle ve o truco. E logo é que é bastante gracioso, a idea dos dildos como aparatos de tortura, e o medo das cobaias humanas a sometérense ao trato a eles, que fino e basto a un tempo, brillante. Un conto moi bo, parabéns.

    Voto por “Hipótese sobre os obxectos”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s