Fermoso e imprescindíbel libro sobre ‘o mar dos galegos’

Capa do libro de Calo Lourido.

Manuel Veiga Taboada.

O mundo do mar e todo o que o rodea non foron aínda suficientemente tratados polo ensaísmo galego. Xesús Giráldez Rivero é sen dúbida o autor de referencia no que concerne á pesca. Crecimiento y transformación del sector pesquero gallego (1880-1936), editado en 1996 polo Ministerio de Agricultura e Pesca, é un traballo amplo, especializado e de enorme interese para todo aquel que pretenda ter algún coñecemento sólido sobre o sector. Aprenderá moito sobra a evolución e características das artes de pesca, sobre a variedade dos barcos e sobre as vendas de peixe e a conformación dos mercados. Son datos importantes, incluso fundamentais, na historia da Galiza contemporánea nos que paga a pena entrar. Con todo, a de Giráldez non deixa de ser unha investigación especializada á que dificilmente se achega un lector común.

No terreo da divulgación e cunha temática máis xeral, que vai para alá do mundo da pesca, podemos gozar xa, non obstante, de Vida e traballo no mar dos galegos, que no 2019 editou o Museo do Pobo Galego e que vén asinado polo recoñecido historiador Francisco Calo Lourido. 

Estamos aquí ante un libro de aspecto moi diferente do anterior, en primeiro lugar polo seu tamaño, ben máis curto, pero tamén porque en lugar de cadros estatísticos, ofrécenos abundantes fotografías a cor. É polo tanto unha obra para todos os públicos que forma parte da serie “Manuais” que publica o citado Museo.

Calo Lourido ten xa unha longa traxectoria profesional. Todo iso percíbese neste libro que é o resultado, destilado, tanto de investigacións monográficas anteriores, como de experiencias sobre o terreo. Unha obra por todo iso que se le con enorme agrado, que nos dá a coñecer desde a xeografía costeira até a vida dos mariñeiros e os seus esforzos. Un texto ecuánime e mesmo orixinal, de alguén que na madurez xa non precisa demostrar o que sabe, pero que o demostra sen querer a cada páxina. 

A través de Vida e traballo no mar dos galegos os non versados aprendemos que as poboacións da costa non sempre, nin moito menos, se dedicaron principalmente á pesca, que o traballo do mar é escollido por exclusión dos demais e que a simbiose agricultor-mariñeiro non existe. Ou se é unha cousa ou se é a outra. A dureza da vida no océano queda patente coa ansia de todos os seus traballadores de posuír un anaco de terra, de pisar firme e morrer en lugar seguro. Hai moito de boa socioloxía nestas páxinas.

Por suposto, coma no libro de Giráldez, aquí tamén se fala de artes de pesca e de clases de barcos, pero dunha forma máis accesíbel. A temática da obra de Calo é tamén máis ampla e remóntase en ocasións até a Idade Media.

Calo fálanos con precisión, facendo ocasionalmente algúns excursos tanto históricos coma xeográficos –sobre a costa de Portugal, por exemplo– que dan como resultado unha obra rigorosa e amena. 

Son varias as curiosidades que o lector pode atopar neste libro, a dos escabeches destinados á corte real, poñamos por caso. E moitos tamén os descubrimentos, por exemplo o de que os galegos foron mariñeiros grazas á riqueza das rías, en canto que os portugueses, tan próximos pero cunha costa moi diferente, con menos quilómetros que a galega, por certo, víronse abocados a iren lonxe até convertérense en navegantes.

En resumo, un libro ben nutrido e fermoso que merece a máis ampla difusión. Atrevémonos a dicir que non debería faltar en ningunha casa e mesmo en ningún centro escolar.   

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s