‘A apócema’ vs ‘Podo voooaaar…!’

Cogomelos.

Xornada 4 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Ana Vigo e María Pais.

A apócema

Un deles dispuxo sobre a mesa os ingredientes. Outro acendeu a virocerámica. O terceiro repasou a receita da apócema para comprobar que nada faltaba. Estaba a cola de píntega, os ollos de lamprea e os cogomelos. Só quedaba pronunciar o meigallo.

Lidia estaba segura de que nada pasaría. Atoparan aquel libro na antiga biblioteca, á que acudiran para estudar. Ela era a única que tomaba a selectividade en serio, os seus tres compañeiros dedicáranse a enredar e perder o tempo.

Convencérana de probar con eles algún dos conxuros descritos no volume. Pensaran no que prometía riqueza e felicidade, pero ao ver a Lidia preocupada pola proba de matemáticas, escolleran o que xeraba tranquilidade eterna.

Mesturaron todo nunha pota e pronunciaron as palabras mentres fervía a lume medio. O libro indicaba que tiñan que beber un grolo daquel bebedizo para beneficiarse dos seus efectos. Fixérono un por un. Lidia meteu a culler na boca por contentalos, os tres parecían moi confiados e escolleran aquela receita por ela. Non lle custaba nada contentalos. Sabía doce.

Espertouna o vento sobre o seu corpo. Empezaba a caer unha chuvia fina, e arredor todo estaba en calma. Non podía mirar, escoitar nin falar; tampouco moverse. Non tiña pernas, brazos ou cabeza. No seu lugar aparecera un sombreiro vermello con puntos brancos. Espertara no corazón da fraga, onde ninguén podería acceder, e de onde só sairía se algún excursionista aventureiro decidía arrincala da terra. Tranquilidade eterna.

…………………………………………………………

Podo voooaaar…!

Yuri estaba fumando en pipa botando as volutas de tabaco por riba da cabeza protexida por un gorro de tres cores. Era o único o que lle saíra media barba. Pararan a repousar na viaxe ata as grutas alén de Koriakos. Unha tradición para os fillos do clan. Os outros cinco gnomos comían cereais. Yuri gabábase. El xa estivera fóra dos territorios e vira un leopardo tan longo que tardara medio día en pasar desde a cabeza ata a cola. Nada máis dicir isto subiu enriba do mapache para deixar claro que o descanso acabara porque el xa se daba por descansado. Os demais (as irmás Kostenka, Vadim, Makari e a fermosa Verinka) non aturaban o gobernichar daquel presumido.

Enriba dos mapaches pasaron o río. Entre todos decidiron cal era a zona axeitada aínda que Yuri terzaba en impoñer o seu criterio. Cando anoitecía chegaron ás covas. Podíase entrar por pequenos espazos. Marabilláronse. O teito era alto e de minerais dourados. Bastaba acender un pequeno lume para que todo se iluminase como nun pazo real. Yuri daba mil ordes sen sacar as mans dos pantalóns bombachos.

–Solta os mapaches, Vadim. Makari, a fogueira! Que tal, xemelgas, se vós preparedes os riles encebolados? Boas rapazas! E ti, Verinka…

–Vai rañala! —Verinka tiña a lingua afiada pero Yuri estaba acostumado os seus desplantes.

Despois da cea, animados polos zumes fermentados, Makari sacou unha amanita da equipaxe. Fresca dun vivo cor vermello.

–A festa acaba de empezar! –fixo lascas que pasou polas brasas e repartiu. Verinka accedeu a morder un anaco. Yuri deulle boas trabadas. O efecto foi rápido e todos empezaron a bailar. Makari púxose en porrancho. As xemelgas botaron fóra os peitos e bailaron tamén con Makari. Yuri púxose máis pesado ca nunca. Insistía moito para que Verinka tamén lle amosase os peitos e bailase con el. Pero ela estaba máis atenta a Vadin que improvisaba co violín.

–Vamos, fermosa Verinka, baila comigo! –espiuse Yuri. Verinka podía ver a pirola a saltarlle como unha troita–. Baila! Veña… se queres podes beber os meus ouriños, din que a amanitas é deliciosamente excitante despois de mexala.

–Es un puto porco, Yuri, pero ti igual te cres unha fada voadora.

–Pero é que eu son unha fada, podo vooar… –a alucinación falaba pola boca de Yuri que deu saltos ata a entrada de cova para coller impulso-. Mira, Verinka, son quen de voar e vou ir mexarche por riba.

Empezou a mover os brazos. Unhas alas grandes apareceron a cada lado de Yuri que sorría como o máis feliz do mundo. Estábase a elevar? Parou a música porque todos quedaron coa boca aberta. Yuri ía dar un chimpo para regresar á covacha cando o peteiro dun moucho enganchouno por un pé mentres exclamaba vitorioso “podo voooaaar…!”. A frase perdeuse polo aire.

Verinka empezou a rir. Como todos estaban colocadísimos fixeron unha carreira de risas que os esgotou. Quedaron durmidos uns enriba dos outros e soñaron que eles tamén voaban, xuntos, por territorios descoñecidos.

5 comentarios en “‘A apócema’ vs ‘Podo voooaaar…!’

  1. Dúas ideas moi diferentes pero igualmente interesantes.
    “A apócema”: Ao principio pareceume un resumo do que se quería narrar, e iso que son fan das historias máis ben curtiñas. O final, a verdade, sorprendeume e arrincoume un sorriso pola súa orixinalidade (a pesar do mal rollo, haha). Creo que lle me falta unha voltiña en xeral, pero está ben formado e a historia gustoume.
    “Podo voooaaar!”: Un relato máis longo e completo, curioso, boa idea e con personaxes máis completos. Unha escea completa e correcta. Gustáronme os personaxes, non tanto o diálogo, que me botou un chisco fóra. 
    O meu voto vai para “A apócema”.

  2. Non sei que terán as setas que é velas e pensar ananos a vivir nelas ou a flipar con elas. Os dous relatos están ben escollidos respecto a iso.
    A apócema chamoume a atención por como condensa o que conta, de forma que parece un resumo dun relato máis longo, aínda así, ten xogos como o de apócema medieval inducida en vitroceramica que me gustaron ben. O ton é simple, pero encaixa perfectamente co ton da narración. Breve dous veces bo. Parabéns a autora, foi moi agradable de ler.
    Podo voooaaar¡ parece que ten unha vantaxe innata só por ser máis longo, pero ademais conta unha historia con bastante duende e deixa bo sabor de boca. Escenas como a da caravana de mapaches fixéronme tilín. Igual é que son incapaz de ignorar a mítica escena de paxaro xigante que se leva auña a media palabra. O resto está ben narrado e as palabras escollidas con xenio. Gústame léelo, pero a historia non me chamou tanto e penso que debe ser parella á forma. Pode ser problema meu, que non entrei a historia con tanta expectativa. O único que podo dicir e que se vexo unha seta a partir de agora vou recordar a Yuri no seu primeiro voo.
    O meu voto vai para A apócema.

  3. Que boa esta imaxe a verdade, podíase levar por moitos sitios pero ademais en si mesma ten algo como de conto de fadas que as dúas autoras detectaron e quixeron explorar.

    A apócema. É curioso, teño a sensación de que nesta liga está habendo como varios contos de meigas, ou de ritos de meigas como de conto popular. Este conto non está mal, a idea é de metamorfose clásica, conecta o tema coa preocupación da protagonista, vai narrando con soltura e claridade. O malo é que tampouco hai nada que resalte especialmente nel, ten boas trabes e está feito por alguén que evidente sabe armar unha historia, pero non vexo nada de risco nin no imaxinario, nin nas personaxes, nin no xeito de contalo. Non hai nada malo nel, pero queda un chisco soso.

    Podo voooaaar…! Rinme bastante con este conto, creo que o mellor que ten é o punto desinhibido que ten, un punto festivo de veña, a ver que barbaridades se me ocorren poñendo a uns gnomos nunha rave. Subverte de xeito divertido o tópico de David o Gnomo pero ao tempo tirando bastante do elementos que o identifican, na primeira parte ademais crea contexto rápido pero efectivamente, coa idea do rito de paso. Pero o gordo, claro está na festa haha. Na parte do haber estou de acordo con Sabela en que quizais na parte do diálogo hai algún problema de ritmo, eu creo que máis pola maneira en que se mestura narración e diálogo. En xeral quizais tamén se podería empastar as dúas partes do conto un pouco máis, que non se note tanto a parte de exposición e a parte de acción. Pero vaia, a min gustoume bastante este.

    Voto por Podo voooaaar…!

  4. Dous relatos agudos e ben buscados para a foto.

    A apócema

    Estupenda idea que se me fixo curta. Quero máis. Saber como son os cociñeiros e cal é o verdadeiro motivo para facerlle algo tan horrible a Lidia. E por que Lidia lles fai caso e bebe da porcallada.

    Podo voooaaar…!

    Relato máis longo que arrisca máis e por iso amosa máis as costuras. Moi orixinal a ambientación en Kamchatka que lle dá unha intensa cor exótica. Con todo chócame coa linguaxe dos diálogos, que me leva máis a uns adolescentes de botellón no Castro que a un grupo de gnomos rusos. De feito, imaxino para min o relato como un grupo de rapaces galegos que se flipan ata crérense gnomos e tirarse a voar dende palco da festa. Entón resúltame moi atractivo (pero iso son setas das miñas). Aínda así, creo que este relato puxo máis churrasco na grella que o seu competidor, cousa á que lle dou aprecio.

    O meu voto vai para Podo voooaaar…!

  5. Os dous relatos optaron por explorar o poder psicotrópico dos cogomelos, pero en dúas vertentes ben diferenciadas.
    ‘A apócema’: unha estrutura narrativa clásica de introducción-nó-desenlace que se le con facilidade, aínda que a min me pareceu algo desapaixoado. Arrisca pouco no desenvolvemento para concentrarse nese final sorpresa, que é o punto forte do texto.
    ‘Podo voooaaar…!’: este conto resultoume, por momentos, algo confuso, quizais polo número de personaxes (e de mapaches) que se introducen na historia. Conforme avanza a historia e o grupo de gnomos se “desmadran”, o certo é que me resituei e acabei por rir con este pequeno desvarío.
    Custoume decidir, mais neste caso gañou a escuridade fronte ó humor. O meu voto vai para ‘A apócema’.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s