‘A cousa máis marabillosa do mundo’ vs ‘Alegoxandre Magno’

Legoalbert.

Xornada 4 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Anxo Vacca e Carlos Vega.

A cousa máis marabillosa do mundo

A peza é coma unha especie de robot negro nunha montura beige tamén robótica feita de Lego, ou algo así.

Non é nada realmente interesante, creo que era algo limitado, ou que quedan poucos, ou algo así, ou poida que de Stars Wars, non sei, ó lado hai unha placa que o explica pero é moito texto.

Kuki, en cambio, queda mirando, con esa cara tan mona que pon de que está mirando a cousa máis marabillosa do mundo.

Sabía que lle ía gustar a exposición pero non sabía que tanto, pra min ó cabo non deixan de ser pezas de xoguete, ou algunha estrutura chula, pero a el encántanlle, supoño que non deixa de chocarme ver unha exposición con todo nenos ou señores maiores e tan só un rapaz alto, guapo e ben peiteadiño.

Aínda que ben supoño que nunca esperara que lle fose a regala-lo mesmo a meu sobriño ca a meu mozo, aínda que polo mesmo a el se lle vía bastante máis contento con el.

Míroo, el segue sen aparta-la vista.

—Gústanche moito, non? —dígolle un pouco picón.

—Si, é fantastico. Grazas por vir comigo —di con ese seu sorriso tan infantil é tenro.

Pouco despois fomos a outra e logo a outra e despois á anterior e nunhas parábase máis e noutras menos, creo que vimos dúas veces cada peza e a cada unha sorríalle felizmente.

……………………………………………………….

Alegoxandre Magno

A tormenta é unha variación natural de temperatura e densidade que escapa ao control humano. Pódese manifestar de varias maneiras dependendo do nivel no que se desencadee, pero sempre ocorre nun centro de baixa presión que se desenvolve dentro dun sistema de alta presión. Prodúcese de forma natural e escapa ao control humano. Pódese dicir entón que a tormenta é un fenómeno meteorolóxico.

Un raio é unha descarga electrostática que se produce entre unha nube e o chan. Case sempre nace dunha tormenta e golpea de forma violenta, pero con naturalidade. Grazas aos avances científicos estas descargas non poden escapar do control humano. Grazas ao pararraios xa non son fenómenos meteorolóxicos.

Benjamin Franklin inventou o primeiro pararraios coa finalidade de atraer os raios ionizados mediante un instrumento de ferro que se afundía na terra, onde se anulaba a descarga. A terra é infinita, polo que a electricidade non pode recorrela enteira, así que o raio retirase, de volta á tormenta. 

Mediante o faiado das casas moitos pararraios se conectan á terra. Un faiado é un cuarto destinado a gardar obxectos inútiles. Un obxecto inútil non e natural, aínda que pode escapar ao control humano. Moitas veces os obxectos son tratados sen coidado, como, por exemplo, as gretas que as descargas dun pararraios afunden sobre as vigas de madeiras, pelando os cables eléctricos que as soportan. Os cables non son naturais pero si susceptibles de fallo. Unha chispa é un fallo, pois o pararraios fallan ao traducir a natureza do raio en obxecto inútil.

Os obxectos inútiles poden ser varios, coma un Lego ou un ordenador. Un Lego é un quebracabezas de plástico que pode ter diversas formas. Non é un fenómeno meteorolóxico, pero pode caer con violencia sobre primos ou irmáns e maniféstase de diversas formas. O ordenador non é un xoguete, pero pode ter xogos dentro, como o Age of Empires II.

O Age of Empires II é un simulador de civilizacións que, entre outros documentos, garda un arquivo cos parámetros dos grandes conquistadores. Unha chispa, a través dun cable pelado, pode facer contacto co ordenador, revivindo o ultimo xogo gardado. Un ordenador non é de terra, polo que o raio  pode recorrelo sen problema. Arrastra consigo o arquivo de personalidade da partida en cuestión, pois o fenómeno é natural, e a natureza adaptase.

O raio, que tras o paso polo ordenador é chispa ilustrada, chega por contacto ao Lego, onde percorre a figura plastificada do xinete. Un xinete non é natural pero si inútil, polo tanto é humano. Os arquivos de personalidade encaixan por un segundo no modelo, e o Lego pasa de obxecto a suxeito, ionizado polo peito do conquistador helénico.

Chámase metempsicose o trasvase dunha personalidade dende un corpo a un recipiente. A reencarnación é natural e escapa ao control humano. Que a alma dixitalizada de Alexandre revivise nunha milésima de segundo é ao mesmo tempo fenomenal pero inútil. É, polo tanto, unha traxedia.

6 comentarios en “‘A cousa máis marabillosa do mundo’ vs ‘Alegoxandre Magno’

  1. Moi boas! Vaia unha imaxe curiosa, imos alá coa lectura.

    ‘A cousa máis marabillosa do mundo’: Unha historia tenra e sinxela, agradable de ler. Porén, penso que brillaría máis con algunha outra volta.

    ‘Alegoxandre Magno’: Gústame moitísimo como estrutura a análise de cada, digamos, elemento, ligando unha cousa coa outra, ata levarnos ao curioso fenómenos que protagoniza o relato. Penso que está moi ben escrito e que xera interese, polo menos no meu caso.

    O meu voto é para ‘Alegoxandre Magno’.

  2. Un duelo, para min, e sentíndoo moito, desigual.
    “A cousa máis marabillosa do mundo”: boa idea, bo intento, pero ao autor ou se lle acabou o tempo ou as ganas. Non vexo historia, non vexo desenvolvemento, só unhas anotacións de ideas que poderían chegar a ser algo bo. Síntoo.
    “Alegoxandre Magno”: É bo non só en comparación senón en todo. Que boa cadea de frases e ideas, lino cun sorriso cada vez maior e cada detalle novo me interesaba máis. Xenial.
    O meu voto é para “Alegoxandre Magno”.

  3. Non creo que A cousa máis marabillosa do mundo non teña historia. A min lembroume un chisco o que fai Lydia Davis, que busca a complicidade do lector para que atopemos motivos que nos chamen a atencion nun relato de algo banal ou cotiá. Concordo, iso si, que o relato que ten en fronte é un tsunami de frases que arrasa co lector. Postos os dous na balanza por estilo e idea gustoume máis Alegoxandre Magno

  4. Vaia, imos cos relatos desta xornada. Esta imaxe propúxena eu e era das que máis me apetecía que saísen a verdade, cría que podía dar moito xogo interpretando. Alédame que si derá para dúas vías tan distintas.

    A cousa máis marabillosa do mundo. Penso que é un relato un tanto frouxo, a verdade. Estou con María en que non hai que vedar por si mesma a posibilidade de escribir contos que sexan como retazos da realidade, miniaturas que non son trama senón como unha especie de cadro con palabras. De feito sempre hai posibilidades de, con xeitos sutís, facer que a anecdota reverbere saíndo do concreto. Neste sentido, no bo do conto creo que está na posición da narradora, a súa ollada crítica e un tanto de foránea sobre o que se conta, que funciona ben. E tamén o final, abrupto, conecta con esa idea de que o que lemos non ten unha finalidade específica, non é un conto clásico que resolva. Agora ben, aparte dos riscos inherentes a este formato (caer no banal, fundamentalmente), o que me parece frouxo son cousas máis de técnica literaria. Vexo repeticións innecesarias (os “ou algo así” case pegados), vexo frases pouco traballadas (“con esa cara tan mona que pon de que está mirando a cousa máis marabillosa do mundo”, chea de “que” por todas partes. Son estas cousas as que fan que non lustre un relato, e se cadra son máis importantes nun conto que non se pode apoiar en grandes ideas ou imaxinación desbordante para brillar.

    Alegoxandre Magno. Que relato tan interesante, levo pensando en como falar sobre el uns días. A idea central do lego que cobra vida é xa moi divertida, aderezada ademais por outros elementos para dotarlle non só de vida, senón dunha personaldiade concreta. O collage de referencias está ben tirado e para un autor máis conservador serviría xa para artellar un conto máis de sota, cabalo, rei que funcionase perfectamente, e que sería aposta sólida para un duelo. Pero hai ademais neste conto unha aposta formal, unha aproximación máis revirada á historia que é o que mais me conquista a min. Gústame moito a escolla da linguaxe entre o manual técnico e o ensaio filosófico un pouco barroco no gramatical, o anvance simuladamente analítico polos diversos elementos e non tanto argumental. O literario aparece nas anáforas, empregadas quizais con pouco brío, nin esaxeradas nin sutís, mais unha boa idea. En xeral a min gústame moito estas probas con xeitos menos típicos de narrar e aprezo moito o risco que conleva.
    Na parte mala, ben, entendo que claro era unha cousa ambiciosa e facela en poucas palabras e poucos días pode quedar sempre un pouco como experimento. Detéctase un pouco o arbitrario dos saltos entre elementos, que están guiados polo autor para contar, e non casan ben co ton. Tamén hai certa vacilación na sintaxe, que eu creo que debería ser moito máis afilada e concisa, para engrandecer a proposta. Mesmo no material, hai certos detalles de frases vagas, como a de “Os obxectos inútiles poden ser varios, coma un Lego ou un ordenador.” Con todo, vaia un relato moi interesante, e memorable ao seu xeito.

    O meu voto vai para Alegoxandre Magno.

  5. A cousa máis marabillosa do mundo

    Pois eu non sei se hai historia, pero non me importa. Gustoume a elegancia do relato. É coma se o propio texto se convertese, el mesmo, nunha figura inmóbil de exposición, coma a propia imaxe. Moi ben traído. Tamén me levou de volta, non sei por que, a Beautiful Girls (1996) unha das miñas películas fetiche (teño que volver a vela), onde semella que non pasa nada e nada pasa, so un retrato da beleza en si.

    Alegoxandre Magno

    Unha xenialidade. Puro exemplo literario do infinita que pode ser unha milésima de segundo. Gustaríame saber canto tempo empregou o autor en rematalo. Maniféstese, por favor. E cando parecía que o relato xa era orixinal abondo… zas! Cullerada de xarope grego. Parabéns.

    O meu voto vai para Alegoxandre Magno

  6. Dúas propostas opostas a partir da mesma imaxe. Isto é o que máis me gusta dos duelos!
    ‘A cousa máis marabillosa do mundo’: aprezo o ton íntimo do conto e esa atmósfera de primeiro amor que se presenta incorruptible. Aínda así, a historia resoltoume sinxela de máis. Algunhas repeticións innecesarias e otras cousiñas de estilo botáronme fóra da lectura varias veces.
    ‘Alegoxandre Magno’: este conto ten unha densidade narrativa que me gusta moito. Lino como se fosen as notas tomadas por unha conciencia alieníxena que ten que poñer orde nun mundo que só entende a medias e a min ese exercicio de estrañamento funcionoume. Igual o autor lle podería tirar máis proveito á historia puíndo as transicións entre os parágrafos-ideas e homoxeneizando o fío conductor da historia, porque entre referencias a metereoloxía, pararraios, obxectos naturais, ordenadores, pezas de Lego e videoxogos, a cabeza do lector tolea un poquiño. Pero, insisto, o autor creou unha peza experimental fascinante.
    O meu voto vai para ‘Alegoxandre Magno’.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s