‘Adolphe’, unha obra pioneira da autoficción

Xesús González Gómez.

Benjamin Constant.

Despois de pasar polo Mercat de Sant Antoni, por seis euros comprei oito libros, uns para gardar, outros para ler e regalar e outros para regalar directamente: velaí a lista: a un euro: La tumba, de José Agustín, escritor mexicano do que se deu en chamar Literatura da Onda. Non é o mellor del, precisamente –a súa mellor novela talvez sexa a divertida De perfil–, pero como estaba dedicado a un escritor colombiano, xa falecido, e que viviu durante moitos anos en Barcelona onde exerceu a crítica literaria, entre outras cousas, compreino. Tamén, mesmo prezo, a primeira edición de Las batallas en el desierto, de José Emilio Pacheco; este collino porque era a primeira edición, Editorial Era, México, xa que tiña na miña biblioteca a edición española de Montesinos; logo, folleándoo, decateime de que estaba dedicado ao escritor colombiano referido liñas atrás. Os outros tres dese prezo foron: Gospel, Blues y Jazz, de Paul Olivier, Max Harrison e William Bolcom, publicado por Muchnik Editores en 1990; Crónicas I, de Alejo Carpentier, con limiar de José Antonio Portuondo, Editorial Arte y Cultura, A Habana, 1976, e La cocina gallega, de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira, versión castelá, Editorial Everest, que antes de deixar o mercado regaleillo a un amigo. E por un euro tres libros: Novísimos narradores hispanoamericanos en Marcha (1964-1980), do uruguaio fillo de galegos Ángel Rama (Marcha Editores, México, 1981), Réflexions d’un cinéaste, de S. M. Eisestein, Éditions de Moscou, Moscova, 1958, e Ola de crímenes, de James Ellroy, Ediciones B., 2009. Unha vez na casa púxenme a ler un libro en galego que recibín hai pouco: Adolphe, de Benjamin Constant, tradución de Xosé Manuel Beiras e presentación de Antón Figueroa Lorenzana, publicado por Edicións Laiovento (Santiago de Compostela, 2020).

En 1816, Benjamin Constant, durante o seu exilio londiniense, decide publicar Adolphe, acabado antes de 1810 e que lera en diversos «salóns». A novela conta o amor imposíbel entre Ellénore e Adolphe. Inspírase, segundo todos os indicios e todos os estudosos, nas relacións do autor con Madame Staël e Madame Lindsay. Cando a súa publicación, foi acollida como un «roman à clef», o que Constant desmente no limiar que lle puxo á segunda edición: «[…] sentín unha penosa solpresa, que me deixou a necesidade de reiterar que ningún dos caracteres tracexados en Adolphe ten relación con ningún dos individuos que coñezo, que non pretendin retratar a ningún deles, amigo ou indiferente, pois que me sinto ligado a eles por ese tácito compromiso de mutua consideración e discreción que fundamenta a sociedade. […] Esa teima de recoñecer nas obras da imaxinación individuos cos que un se atopa nas relacións sociais vén sere para esas obras unha verdadeira Praga. Degrádaas, imprímelles unha direición falsa, destrúe o seu interese e aniquila a súa utilidade. Percurar alusións nunha novela equival a preferir as engrealladas á natureza, e suplantar co lengoreteo a observación do corazón humano» (p. 11-12).

Na súa presentación, Antón Figueroa avisa de que Beiras é,  «como todo bo tradutor, un excelente escritor cun estilo propio moi característico […]. Moi posiblemente esta impresión de estilo se deba  á segunda das notas que vou apuntar: a súa linguaxe, a súa frase, sobre todo quizais o seu vocabulario que resulta unha testemuña viva da lingua da Xeración Nós, na que el non viviu, pero si da que puido aprender naqueles tempos tan duros da súa formación. […] Esta marca dun galego xa histórico resulta particularmente interesante no día de hoxe cando moitos falantes teñen, temos, a impresión de facelo nunha lingua cada vez máis uniforme» (p. 9). Acho que os parágrafos reproducidos liñas atrás documentan perfectamente o que di Antón Figueroa a propósito da versión de X. M. Beiras. Figueroa tamén di que a novela de Constant contribúe, dalgunha maneira «a explicar e a poñer a andar unha nova escritura moi diferente da escritura de corte clásico. O interese desta noveliña está precisamente neste carácter teórico, preparatorio, precursor e renovador dos presupostos narrativos» (p. 7). Esta noveliña «desbota as regras do clasicismo […] para dar lugar a unha narrativa máis preocupada polos problemas resultantes dos hábitos sociais e polo seu peso decisivo na conducta e na psicoloxía do individuo« (p. 8). Poucas liñas antes, Figueroa di que este relato sitúase «só quince anos antes que do primeiro gran relato deste século, Le Rouge et le Noir (1830)»: non fai falta dicir que se está a falar de literatura francesa. Precisamente o autor desta última novela, Stendhal foi un dos comentaristas de Adolphe cando se publicou a súa terceira edición. Primeiramente comentou a novela no New Monthly Magazine, no número correspondente a de decembro de 1824. Recensión na que dicía o seguinte:

«O seu libro sobre a relixión[1], especie de sermón protestante, en que o Sr. Constant se esforza en quedar ben con todos os partidos, non gozou do éxito que se esperaba, polo que o autor intenta consolarse publicando unha nova edición de Adolphe, novela que é máis singular que excelente. Adolphe seduce unha muller que non ama e a vítima namorase a continuación apaixonadamente do seu sedutor. Este, ao non ter bastante forza para romper sofre do amor que medra sen cesar da súa amante. Pódese dicir que esta novela é un galanteo tráxico, no que a dificultade non está, como en Marivaux, en facer unha declaración de amor senón unha declaración de odio. Desde o momento en que se chega a esa declaración, a historia remata.

»Este escrito da mocidade do Sr. Constant contén diversas frases e máximas que evidentemente son tomadas a Madame Staël, de quen o Sr. Constant foi o amigo moi íntimo durante varios anos.» (New Monthly Magazine, decembro de 1824).

Dez meses despois, en setembro do ano seguinte, Stendhal volve falar de Adolphe, esta vez no London Magazine, no nº 10, correspondente ao 16 de setembro de 1825:

«Leron vostedes Adolphe, de Benjamin Constant, da que se acaba de publicar unha nova edición? Adolphe é un home de talento brillante mais sen forza de carácter. Ten precisamente as calidades que deben gustar á sociedade francesa. Está ligado a unha muller coa que tivo a debilidade de fuxir. Toda a novela non é outra cousa que unha declaración de odio. Adolphe intenta facerlle comprender a esta pobre criatura que xa non a ama e que deben separarse. Hai moita afectación no libro mais, a fin de contas, di algo, ben ou mal, e isto distíngueo da maioría dos libros modernos. Dise no mundo que Benjamin Constant pintouse a si mesmo. Era célebre na súa mocidade polo seu talento e a súa valentía: hai en verdade unha penetración e unha vivacidade de espírito tan notábeis que ve nas razóns de cada liña de conduta que é posíbel seguir. Esta clase de discapacidade é moi común en Francia. Como a vaidade desbotou todas as outras paixóns, a vergonza non é cambiar de opinión senón, calquera que for a opinión que se adoptase, non ser capaz de defendela mediante ocorrencias espirituais e brillantes que poidan impor silencio ao adversario e, sobre todo, divertir nun salón a todo o circulo reunido arredor vosa. Non podo impedir engadir aquí que a conduta de B. Constant en 1815 a respecto de Napoleón me parece que non pode ser reprobada. Como este home extremadamente intelixente é pobre, as xentes das clases máis altas que son ricas criticárono coa maior inxustiza por aceptar de Napoleón un posto de vinte e cinco mil francos. Son as mesmas xentes, é verdade, que se presentan nas veladas de Madame de Cayla, que aceptou un posto infame e repugnante, mais que lle reporta un millón ao ano. Son persoas das que é necesario para a vosa información que lles reporte as súas opinións e xuízos. O meu desprezo por elas faime ás veces esquecer as súas opinións, pero equivócome […]».

A modernidade, se así se pode dicir, de Adolphe baséase en dúas cuestións fundamentais. Podemos considerar esta novela de Constant como o que hoxe denominamos «autoficción» e, por outra parte, malia que poida parecer o contrario, Constant deixa a porta aberta a múltiples interpretacións. A de Stendhal, no canto de ver nela unha novela de «amor» viu na novela «unha declaración de odio», o que pode ser discutíbel, pero que merece ser debatido. Outros comentaristas ven nela o descubrimento da impureza fundamental do sentimento amoroso; outros ven no narrador-protagonista da obra o portador dun violento conflito espiritual que nace do desexo de actuar e do coñecemento dos erros deste mundo; para outros, Constant, con esta narrativa convértese no pai da novela de análise, sendo Adolphe a novela da batalla dos sexos: aqueles, ou aquelas de máis alá afírmannos que é a novela dunha escravitude consentida, escravitude analizada por un home que ten vocación de liberdade; así mesmo outros/as consideran a novela unha análise pesimista do egoísmo e do mal de amor; algún/ha outro/a considera que esta é a novela dunha apatía, da pasividade individuais, etc. Nun antigo artigo, publicado en El Pueblo Gallego o 10 de xullo de 1930, «Dous diáreos: Novalis e Constant», Ramón Otero Pedrayo escribía, comentando o Journal do francés: «Constant vive pra fora. Viaxa, leva nas malas da posta a bibrioteca inteleitoal, precisa o mesmo en París que en Ginebra ou Gromingam, das noites de sociedade. Ouserva, xuzga, critica, compara. Morre no friaxe estelar dos outos pensamentos […] Ten medo a que se lle esborralle a orgullosa concenza matemática e política. […] Constant atópase soilo no interior da casa e no interior da ialma. O eterno viaxeiro craro, lúcido, sabe xogar co amor i escribe a estrana, fonda, antepática i escural novela Adolfo, comentada por tódolos que buscan no arte literario unha segunda instancia, derradeiramente por Ortega [y] Gasset»[2]. O que di Otero é que alén da «primeira instancia» da novela, da obra de arte, non existe outra instancia, e, xa que logo, hai que xulgar Adolphe literariamente. (Ademais, penso que a novela de Constant está nos alicerces dunha novela –que tamén poderiamos denominar hoxe «autoficción»–, para min cando menos superior, aínda que só sexa polos seus primeiros capítulos: un retrato da mocidade baixo a monarquía de Xullo, é dicir, de 1830 a 1848, en Francia: Memorias dun fillo do século, de Aldfred de Musset.)

Como se di na lapela, Constant, considerado un dos pais do liberalismo (político), acabou a súa vida como deputado da extrema esquerda liberal durante a restauración borbónica despois da caída de Napoleón. Morreu en 1830, o 8 de decembro, xa derrocada a monarquía borbónica, celebrándose as súas exequias –funerais nacionais– o dia 12 do mesmo mes, e despois dunha cerimonia nunha igrexa protestante de París foi enterrado no Père-Lachaise. O día anterior, o día once, un estudante de dereito cuxo espectro percorrería politicamente o XIX francés, daba a coñecer o seguinte chamamento:

Chamamento aos estudantes, 11 de decembro de 1830

Aos estudantes de Medicina e de Dereito,

Morreu Benjamin Constant. Francia chora un dos máis firmes apoios da súa liberdade, un gran cidadán e un grande home. Nosoutros choramos un amigo. Sabedes que acentos achou a súa voz para rexeitar as calumnias e as aldraxes que sobre nós envorcaba un poder opresor. Sabedes que ardentes palabras deitou en 1820, 1821, 1822 e 1827, cando, non contento con nos entregar ao sabre dos seus satélites, o poder insultábanos desde a tribuna e nos seus xornais. Benjamin Constant tiña a gloria ser amigo dos mozos. Até o seu derradeiro momento ergueu a súa voz para defendernos, pois a mocidade francesa, o mesmo que a liberdade, ten necesidade de ser defendida, mesmo despois da batalla da gran semana[3]. Cinco días antes de morrer, facía aínda resoar a tribuna con patrióticos acentos; morreu na brecha, combatendo polos principios e os resultados da nosa revolución. Un pobo enteiro acompañará até o derradeiro intre os restos mortais do defensor dos seus dereitos. As Escolas débenlle ao seu amigo un loito particular, unha homenaxe solemne de recoñecemento. Invito a todos os meus camaradas a se reuniren na praza do Panteón, o domingo ás nove en punto da mañá. Os que posúan armas virán armados a fin de lle render a Benjamin Constant as honras fúnebres.

Louis-Auguste Blanqui, estudante de dereito.

P.S. — O xeneral Lafayette declarou que aprobaba esta reunión; un dos seus oficiais de Estado maior mañá virá canda nós.

Para acabarmos, só nos cabe pedir a Xosé Manuel Beiras a tradución da outra novela de Constant, Cécile, e a Edicións Laiovento a súa publicación.


[1] Trátase de De la religión considerée dans sa source, ses formes et ses devéloppements, cuxo primeiro tomo apareceu en 1824 e do que Stendhal publicou una recensión en setembro dese mesmo ano no New Monthly Magazine.

[2] Ramon Otero Pedrayo, Prosa miúda. Artigos non coleccionados (1927-1934), Sada, Ediciós do Castro, 1988, edición de Aurora Marco, p. 63-64.

[3] A gran semana: do 2 ao 9 de xullo de 1830, os acontecementos sucédense en Francia sen solución de continuidade. O 30 de xullo Carlos X, rei Borbón, é deposto polo parlamento e o senado, que designan a Louis Philippe, duque de Orléans, Lugartenente Xeral do Reino. O día 2, a revolta do pobo de París, obriga a Carlos X a se refuxiar en Rambouillet, onde abdica a favor do seu neto. As Cámaras, senado e mais parlamento, non recoñecen a autoridade do rei e reelaboran a Carta Constitucional de 1814, declarando o trono deserto e procedendo a elixir a Louis Philippe d’Orléans como novo rei, proclamado como Louis Philippe I, rei dos franceses, o 9 de agosto. Comezaba a denominada monarquía de xullo que o pobo de París derrocaría 18 anos despois. Para sempre.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s