‘Daiquiri de plátano’ vs ‘Ensalada de froitas’

Home branco de traxe armado

Xornada 5 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Anxo Vacca e Guillermo Rodicio.

Daiquiri de plátano

Síntoo cada vez máis preto, bulo co paso, dáme un punto e dóeme a cabeza pero continúo desesperadamente, xa case noto como me vai coller. Fago un último puxo á desesperada pasando a través do xentío, vexo unhas escaleiras que baixan para unha calella e baixo a tombos sen preocuparme do que haxa embaixo; estou desesperado. Dóeme o corpo, apenas me responde e a medida que vou baixando perdo folgos ata que acabo no chan de abaixo.

Collo alento, a pequena rúa cheira a mexo e a gómito e a escuridade é case total. Sorrío un pouco e levanto a cabeza, efectivamente o cartel dun bar alégrame os ollos e levántame o espírito ó velo, dou un chimpo e síntome renovado. Boto a man ó peto en busca do vaper, só noto o carallou de merda de arma orgánica que me deron.

Sen máis metome, o bar é pequeno e está case baleiro; só un par de mesas con velliños e un par de modelos antigos, o tipico bar acolledor obreiro, estou segura de que ela nunca entraría nun sitio coma este.

Sen máis dilación, xa vou cara á barra e sento ó lado dunha modelo para oficina 3SKR que está escribindo nun portátil. Sento e vexo que nela está atendendo un modelo 10LI de hai dúas xeracións.

—Unha estreliña —cando o digo, ela queda parada sorrindo tetricamente, cando por fin acaba.

—Desculpe, señor cliente, pero non servimos a persoas armadas —di cunha voz aguda insoportable.

No bar non parece inportarlle a ninguén, así que simplemente a saco, espeno a arma orgánica e doulle unha trincada.

—Moi ben, aquí ten —aínda ben non acabo de tragalo xa me serviu a cervexa.

Doulle un longo grolo e por fin me deixo pousar, despois de todo o que pasou no día. Vin investigar un caso de roubo de masa muscular sintética, estaba preparado para calquera cousa, menos para ela.

Xa me dixo miña nai que non casara cun modelo Y4ND3, e xa vai a cuarta vez que intenta matarme, a segunda dende que nos separamos, pero é que é máis forte ca min. Ademais agora estou desarmado, e seguramente quede un cacho vixiando a zona, non creo que poida saír de aquí por unhas horas. Sorte que son funcionario e estou afeito.

Suspiro. Acabo o que queda dun grolo e pido outra.

Ela faime un xesto de confirmación e volve con dúas copas.

—Tome, unha estreliña e un daiquiri de plátano.

—Non o pedín.

—De parte de Mari.

Por un momento quedo parado sen dicir nada cando noto que a 3SKR me mira de esguello, confirmándome que ela efectivamente é Mari.

—Taste rindo de min? —digo revirándome para ela.

Si —di sen inflexión ou sequera levantar a vista do ordenador, tecleando a todo correr.

Achegome e doulle unha probada, e podo notar como me empeza a ferver a cabeza.

—Merda, outra vez non —digo xusto antes de caer.

…………………………………………………………………

Ensalada de froitas

Pasaramos horas en posicións acrobáticas no piso de Nuno, eu desesperado por atopar algún ángulo nesa selva tropical en que Tareixa cruzase comigo unha mirada un chisco máis longa do normal, ou algún outro simulacro de intimidade. Invitáranme a saír de festa por Santiago e, por algunha razón, pensara que o mellor era levar unha cesta de froitas de agasallo, así que agora me atopaba dando voltas pola festa ofrecendo uns anacos de sandía que pasara picando na cociña durante máis tempo do que estou disposto a admitir. Por suposto, Tareixa non probou nada, quizais para evitar a cacofonía co vestido cinguido que levaba, cun estampado de limóns bailongos que me deixaba ferido de gravidade, unha arma potentísima coa que estou seguro puña en perigo o propio tecido do noso espazo tempo. Fixen ese chiste falando con Nuno nun aparte e non creas que lle fixo moita graza. Soltou algo así como que na terceira copa sempre me puña pesadísimo e debía pasar rápido para a cuarta.

Tomamos a quinta xa apiñados no curruncho dun pub a rebentar. Cando pedín un gintonic nese antro e o camareiro con moito coidado degrañou unha granada para aderezar o combinado, decateime de que a miña noite estaba sendo temática xa case de xeito forzado. Soou unha canción de reguetón cun montón de metáforas sobre melóns, e Nuno comezou a facerme xestos nada sutís para que me acercase a Tareixa. A ver, a teoría é sólida. Alcol para as inhibicións, local cheo para forzar proximidade, escuridade para tapar os déficits e música moi alta para non cagala falando. Pero non creas, como rito de cortexo véxolle as súas carencias. Non é máis romántico todo o proceso de polinización, empregar como mensaxeiras toda unha especie de abellas especializadas en lanzar mensaxes eróticas a lugares afastados nun baile delicado de cartas de amor polo ar? Pois non, a verdade, vaia escusa máis frouxa para quedar na esquina dándolle voltas ao cubata. 

A fila do baño era tan longa que saín para mexar na rúa. Entroume esa pena que ás veces teño e fun dar un paseo só; cando volvín, a xente estaba xa fóra do local. Vin a Tareixa, tiña diante un home que esgrimía algo contra ela. Pensei que alguén a intentaba atracar, e por fin cun obxectivo claro achegueime e solteille unha puñada. Resultou ser Víctor, que collera un dos meus plátanos na festa e pasara a noite toda facendo chistes de pistolas e pirolas. Co engadido de que o noso amigo mide 1,90, levanta peso e ten moi bos reflexos, co que esquivou o meu torpe ataque e antes de me recoñecer devolveu o puño deixándome un fermoso amorodo no lugar onde antes tiña o nariz. Veume socorrer Nuno, fomos ao baño e mentres me puña papel hixiénico nas fosas contoume que curiosamente as bágoas teñen un alto contido en potasio. O dato. 

O meu arrouto de cabaleiro andante non conquistou a Tareixa, para sorpresa de ninguén. Volvemos para o piso auspiciados polas primeiras luces do mencer nun ceo-cor-pomelo. Aínda que Nuno tiña cama para min, acabei durmido no chan do salón coa cabeza apoiada nun manual de xenética, un dos papeis caeu e deixei un regueiro de zume de tomate por toda a moqueta. Si, si, sempre lle dou a chapa á xente con que o tomate en realidade é unha froita. 

6 comentarios en “‘Daiquiri de plátano’ vs ‘Ensalada de froitas’

  1. Moi boas tardes e feliz volta das vacacións¡ Menudo duelo para empezar a xornada. Abro debate de se estas imaxes tan bizarras funcionan a favor ou en contra do duelista, porque dende logo, a min ese tipo desármame. Non creo que dese feito cousa ningunha de semellante talla, aínda que creo que estes dous duelistas conseguírono ben¡

    Daiquiri de plátano quizais me perdeu un pouco ca introdución tan caótica, pero que ben fiada, contrasta a carreira coa pausa do bar. O ritmo bule ao mesmo tempo que o protagonista, e iso penso que está ben feito. A temática de robots e futuro inorgánico gustoume bastante, e o autor consegue introducila con normalidade, cun fondo que me recordou moito a Reservoir Dogs, non sei por que. Co final tamén me perdín un pouquichiño, pero non deixa de estar ben escrito, tan só que creo que non conseguín atopar todas as pezas. Quizais sexa problema de extensión, pois esta escena paréceme o nó e boto en falta un desenlace. Igual é que son demasiado de finais pechados. O de 3SKR é por Eskeree, négome a crer que é coincidencia.

    Ensalada de froitas, pola súa parte, conquistoume co retrato de noite en piso alleo. O xogo das froitas, aínda que me costou de aceptar ao principio, cáelle moi ben ao relato, o vestido, as cores e a banana están moi ben escollidos. Rénxeme algunha frase coma de victimismo, peor en xeral o monologo lograse ben. Tanto o pub como a teoría de conquista e o fracaso encáixanme ben. En xeral, é un relato realista que, nestes tempos, doe especialmente, por iso me gusta. Quedou moi ben retratada toda a aventura nocturna, peche incluído. A escena final tamén me chamou a atención, e foi a guinda perfecta a todo o xogo que traía o relato. Meus parabéns, gustoume moito.

    O meu voto vai para Ensalada de froitas.

  2. Outro duelo complicado, comezando pola foto, que estaba entre as que eu propuxen. Agardaba algo máis dinámico, unha escena de acción, a John Wayne e Gary Cooper con cada seu cogombro ao cinto, pero creo que ambos autores resolveron con sorpresa e oficio. Gustoume.

    Daikiri de plátano

    Xenial a idea que se intúe dun mundo onde o orgánico e o mecánico intercambian os papeis. Moi ben estruturado o texto, outra vez coma unha fiestra a un anaco de algo maior e cunha marca de xénero negro que me deixou un pouso agradable.

    Ensalada de froitas

    Que maxestoso exercicio de técnica aplicado. Gardareino entre esas leccións prácticas ás que hai que volver de cando en vez. Xa teño un monte delas nestes tres torneos. Moi acaída tamén a temática universitaria compostelá que xa é un xénero literario en si. Seguro toca o reptiliano de moitas persoas. Porén, a min quédame un pouco lonxe, xa que eu son un deses desafortunados que non tivo máis remedio que estudar unha carreira na cidade onde se criou.

    O meu voto vai para Daikiri de plátano.

  3. Moi boas! Comezo a xornada con este duelo, vaia unha imaxe máis… interesante, digamos.

    ‘Daiquiri de plátano’: Penso que está ben construído, e a idea é moi orixinal, pero pérdome por momentos, faise algo confuso e iso lévame a perder o interese.

    ‘Ensalada de froitas’: Neste caso gocei dende o principio co relato, que malia ser unha anécdota divertida, fía ben os seus elementos e fai un bo uso do humor nese contexto de pequena traxedia cotiá.

    O meu voto é para ‘Ensalada de froitas’.

  4. Buf. Que difícil, moi distintas as achegas desta imaxe. Alégrome de que non me tocara, tamén vos digo XD
    “Daiquiri de plátano”: Véxolle eivas no desenvolvemento, ás veces confuso, pero a idea paréceme xenial e sorprendeume de verdade.
    “Ensalada de froitas”: Un relato moi ben fiado e unha boa historia. Sentinme un pouco vella lembrando a época de festas estudantís, pero iso non llo teño en conta.
    Custoume decidir, pero hoxe, contra min mesma, voto pola idea deses robots de tasca atacándose con plátanos XD O meu voto é para “Daiquiri…”

  5. horror. e como decido eu aquí?? Daiquiri de plátano ten pequenas eivas na escrita. (algunha palabra que se repite, cambio de xénero do narrador?…)a favor ten un relato moi divertido algo así como unha parodia disparatada dun detetive nun mundo do futuro (non sei se real) cunha ex muller robot que intenta matalo e poida que así o faga nese grolo final… eu lino rápido e gustoume un montón, Ensalada de froitas tamén é moi bo. moi boa man do autor lvándonos por tanta imaxe de froitas, en fin un relato xenial pero aquí non dei emptizado con ese intento de lioteo universitario. non sei, eu case voto por Daiquiri de plátano hai erros para correxir pero fíxome moi divertido lelo, seguín ben a historia, e quedoume bo sabor de boca 😆😆

  6. Outra foto daquelas difíciles. Parabéns ós dous autores, que souberon saír do atranco con moito xeito. Curiosamente, nos dous relatos os bares e garitos teñen un lugar predominante. Será culpa do plátano? En fin, alá imos.
    Daiquiri de plátano: conquistoume ese mundo estraño de futuro-presente onde se beben estrellas e as armas son orgánicas. Seguramente falten datos para ter unha comprensión completa do que acontece, pero a atmósfera e o ritmo suplen ben esa carencia. Hai cousiñas que, coido, se poderían mellorar, como a reiteración de derivados de “baixar” no primeiro parágrafo, por exemplo (“baixan”, “baixo”, “embaixo”, “abaixo”), a menos que non fosen intencional.
    Ensalada de froitas: ben escrito, ben estruturado e ben resolto, co fío condutor das froitas sempre á vista (cousa que apreciei), pero sen que isto chegue a devorar a historia. Porén, a nivel persoal e totalmente subxectivo, a narración resultoume allea.
    O meu voto vai para Daiquiri de plátano.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s