‘O home dos meus soños’ vs ‘A importancia de querer a Ernesto’

A proposta.

Xornada 5 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Érica Couto e Sabela González

O home dos meus soños

Érica Couto.

Paso as noites na compaña doutras criaturas de arrepío coma min. Bañámonos nas pozas de sombra e lanzamos maldicións ó chou para quen as queira cazar mentres dorme.

Porén, hai noites nas que prefiro sentar enriba do teu peito e mirar como repousas. Revólveste arfante, louro coma un meniño crecido, e súas sen atreverte a abrir os ollos. Estas noites son as miñas preferidas.

E logo están as noites nas que tomas o control. Esas non me gustan nada, porque mandas en min. Unhas veces chegas a pé, outras montas nun cabalo cor cianuro con patas de misto, pero sempre nos espantas ós bechos que amolecemos na auga negra. Todos foxen, menos eu. Todos galopan e arrincan chispas azuis das pedras cos pezuños, ou se lanzan a voar con ululados rapaces, todos menos eu, que quedo prendido na poza.

E entón pintas as sombras de palla e millo verde, de abrente e coral mariño. Afundes a man na terra, arrancas terróns nos que aínda voltean vermes que, de tanto comer nos mortos, relocen ben gordos, e transfórmalos en camelias e rosas de té que prendes no teu peito.

E a min, súcubo humilde, tírasme da carne animal, érguesme da terra negra que é o meu dominio e dásme dúas patas en vez de catro. Córtasme as guedellas de besta, vístesme de veludo vermello e chámasme príncipe dos teus amores.  E despois de mudarme en home, cun xeonllo no chan florido e as dúas mans arredor dun anel de ouro, pídesme matrimonio.

E eu sempre digo si. Digo si e déixome abrazar. Digo si e bícote nos beizos moles.

Non hai peor pesadelo ca este. 

…………………………………………………….

A importancia de querer a Ernesto

Sabela González.

Javier practicara durante semanas como pedirlle matrimonio. Facíao cada mañá, cando Ernesto marchaba para ir traballar ao parque de atraccións. En canto a porta do apartamento minúsculo e abafante que compartían se pechaba, Javier tiraba o anel do caixón dos calcetíns, chantaba un xeonllo no chan e arroibábase fronte ao espello.

Pasaran os cinco últimos veráns xuntos, engadindo creación propia aos suores de París, despois de coñecérense un xuño na terraza dun Starbucks. Javier viña de chegar á capital francesa para traballar nun proxecto de investigación na Sorbona e andaba a pelexar co idioma. Ernesto xa tiña daquela galóns gabachos e levaba case unha década facendo de Gastón en Eurodisney. Tardaran un “desolé” mal pronunciado en se decatar de que compartían orixe e riran con sinceridade pola pouca poesía do seu encontro. A quen quixese escoitalo, gustaban de definirlle a súa historia de amor coma un chiste dun galego e un de Albacete que se atopan nun café. Pero Javier sabía que eran dúas almas afíns na cidade das luces. 

Cada ano, cando a primavera tocaba ao seu fin e a tempada de verán comezaba a se entrever nos escotes das parisienses e nas ofertas vacacionais, Javier comezaba a durmir mal coa emoción da chegada de Ernesto, que pasaba a maior parte do ano nas Américas, adicado a outros traballos de entretemento vacacional, segundo explicaba con desgana cada vez que alguén se interesaba. Este ano non era distinto. O cheiro alérxico de maio tróuxolle a Javier as pirmeiras noites intranquilas. Para finais de mes, co anel xa gardado nos calcetíns de deporte máis vellos e amareleados que tiña, tremíanlle as pernas a cada número que riscaba no calendario. O primeiro de xuño, Ernesto chegou á porta do apartamento e apertouno e bicouno coa emoción e a intensidade de sempre. Ernesto era dos que atenden cos cinco sentidos, dos que sempre teñen unha palabra de alento. Nunca se avergoñaba dun aloumiño e o seu rostro ofrecía cada mañá un sorriso de bicos e un cento de ideas para gozar da cidade coma se fose unha aventura. 

“O meu verán”, chamáballe Ernesto a Javier. “Quérote, meu verán”, dicíalle cada noite e cada mañá. Javier sorriulle ao espello co peito a estoupar, apertou a caixa do anel no peto e arroibouse, feliz. Conduciu ao parque coa lista de cancións predeseñada para lembrar cada día con Ernesto, dende o “café desolé”, como deran en chamarlle ao comezo, ata o bico de “meu verán” daquela mesma mañá. 

Javier camiñou con decisión ata o seu amor, antroidado de inimigo de película. Chantou o xeonllo e sorriulle a Ernesto con sinceridade e entrega. De entre o xentío que suspiraba con emoción, unha pequena correu feliz e abrazouse á perna de Ernesto. El sorriulle antes de palidecer. Con xenuina sorpresa, Ernesto buscou un rostro entre a xente. Logo, cun Javier esquecido co seu xeonllo chantado no chan, esbozou o enorme sorriso dos bicos das mañás.

–Meu inverno! Pero que fas ti aquí?

8 comentarios en “‘O home dos meus soños’ vs ‘A importancia de querer a Ernesto’

  1. Mimá, esquecera a foto esta. Como confidencia, pódovos contar que descargara a imaxe porque, como profecía de Delos, eu penso que nalgún momento vai aparecer Gastón, así de guapo e tipazo, a roubarme a miña moza con ese sorriso profident. Eu que sei, téñolle medo a moitas cousas. Sinto moitísimo o trago ás autoras, que lle vou facer, teño unha mesma carpeta para imaxes e para memes. Aínda por estas, tremendos relatos que se sacaron ca cousa de Gastón.

    O home dos meus soños é o meu relato da xornada, ben pola atmosfera abafante, que facía tempo non atopaba nun relato ou polas imaxes que vou gardar pretiño do corazón, co xardín cheo de criaturas de arrepío con patas de misto. A atmosfera esta tan ben ensombrecida que lle pesa ao relato, afastándoo da imaxe, que é difícil de situar mesmo en universos veciños. Aínda así, é un exercicio boísimo do que pouco coxea. Como moito, quizais a personaxe. O tema de peor pesadelo favorito tamén me conquistou, pero é que tremenda descrición, así non se pode.

    A importancia de querer a Ernesto caeume en graza dende o título, que pasa de ser unha gracia a darlle perfecta identidade ao relato. Consegue que conxeniar co protagonista sexa doado e parece recen sacado da imaxe. A ilusión do namoramento tradúcese ben durante toda a narración. Gustoume a caracterización da cidade que fai. O ton xeral logra comprimir a historia de principio a fin e para iso creo que hai que escoller moi ben as palabras. A idea xeral, que articula co xogo das estación pecha na última frase deixando un final a medias que se sinte ben pechado.

    Sinto moito non poder ser obxectivo unha vez máis, pero cando o ambiente se fai tan ben, non é posible saír del. O meu voto vai para O home dos meus soños.

  2. Vaia duelo. Non é que estes textos me parezan diferentes, senón que me resultan antagónicos.

    O home dos meus soños

    Conta moito este relato/poesía en moi poucas palabras. Abre portas para unha ollada e vólveas pechar. Descolocoume, ao principio. Precisei de varias lecturas. Gocei máis da terceira que da segunda. Nunca aburre.

    A importancia de querer a Ernesto

    Pasoume o contrario con este texto. Gustoume a primeira lectura. Resultoume fácil, interesante, divertido. Aínda así quedoume a sensación de que a historia podería ser contada con menos, percepción que se acentúa en sucesivos repasos, pero creo que isto é culpa do rival.

    O meu voto vai para O home dos meus soños.

  3. Doutra volta unha imaxe complicada polo específico, con dous resultados moi diferentes.

    ‘O home dos meus soños’ resulta misterioso, sinistro e atrapante pola linguaxe e o ambiente, paréceme moi suxestivo e que aproveita o espazo dado, sen precisar nin máis nin menos.

    ‘A importancia de querer a Ernesto’ paréceme unha historia tenra, simpática e ben contada, por non falar de que reflicte con fidelidade a imaxe dada. Porén, non me chegou a transmitir tanto coma o seu rival.

    O meu voto vai para ‘O home dos meus soños’.

  4. Isto xa é seguinte nivel de imaxe eh? Difícil pero xa case un collage e todo con ese marco. Que medo a carpeta dos memes de Carlos.

    O home dos meus soños. A verdade é que este é un relato fascinante. Consegue moito a nivel de atmosfera, e as imaxes son súper potentes. Ten un lirismo agochado, confía nas imaxes que evoca sen necesidade de cargalas en demasía, non abusa do adxectivo, en xeral hai imaxinación moi ben aplicada. O que si, non sei, cústame conectar con estas criaturas escuras cunha falta de trama, sinto que non comprendo moi ben as súas motivacións, máis alá do evidente, que tampouco e moito haha. Non sei, quizais é cousa miña, pero si que lin o relato varias veces buscando interpretar e quedo un pouco co mel nos beizos nese sentido. Non sei se a autora é demasiado críptica, ou só quería suxerir sen contar. Con todo, os puntos fortes do relato son moi fortes, o que o fai destacar.

    A importancia de querer a Ernesto. Estou en xeral de acordo co que comentan os compañeiros. É un relato solvente, que conta unha historia lixeira de amor e engado e confía no punch final con bo criterio. A min resultoume moi agradable a lectura, sen abraiarme, pero porque a historia non pide máis épica, deixa bo regusto. Concordo iso si, con que creo que lle sobra un pouco de texto, enguedéllase nos xiros, nalgunhas descricións, probablemente cun pouco de limpeza melloraría aínda máis o seu ton livián.

    Falaba tamén Francisco de que na comparación vense moi claramente puntos fortes e frouxos dos dous contos, estou moi de acordo. Lin xa hai uns dias os dous contos e a historia máis meridiana de A importancia de querer a Ernesto segue máis clara, mentre que O home dos meus soños pide sempre que o volvas ler. Non sei que pensar disto a verdade, para valorar hahaha.

    Vou votar por A importancia de querer a Ernesto.

  5. oh, non. outra decisiń superdifícil porque aquí están dúas compañeiras con dous relatos tremendos. Luz e sombra.eu vexo nos dous relatos dúas historias sobresalientes. as dúas xogan con hisotira de cara e cruz. O home do s teus soños cara e cruz dun demo dos pesadelos que cae no seu propio pesadelo. E logo a cara e cruz dese amor estacional. verán e inverno. O home dos meus soños tira de liña escura e ernesto de liña clara. lin en twitter que está liga é a máis igualada e non me estraña porque quen decide así???. a atmósfera de home dos meus soño é insuperable, pero o chis púm final de ernesto colleume máis de sorpresa, quizáis porque tiven un intre de dicir que pasou? e logo ahhhhhh…. dúas vidas o tal ernesto! Voto (aínda que sinto que aqui mellor era dividir o voto, perdón a quen non o recibe) A importancia de querer a Ernesto

  6. ‘O home dos meus soños’ Está ben escrito e ten forte carga emocional.

    ‘A importancia de querer a Ernesto’ É un relato que me pareceu cercano e moi ben narrado, aínda que polo menos eu, vinme vir o final

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s