Que algún editor secuestre a Xoán Carmona!

Xoán Carmona.

Manuel Veiga Taboada.

Que algún editor secuestre a Xoán Carmona! Que o encerre nun lugar confortábel, que lle proporcione o material necesario e que non o libere até que teña redactada unha historia económica de Galiza dos dous últimos séculos, unha historia documentada pero tamén accesíbel para o lector non especialista.

Xoán Carmona Badía (Vigo, 1951) é hoxe o noso maior experto en historia económica. Leva máis de corenta anos centrado na investigación, tivo acceso a multitude de documentos de empresas nunca consultados e gustou sempre de percorrer a xeografía galega na procura dos derradeiros vestixios do que no seu día foran proxectos anovadores. 

Catedrático de Historia Económica na Universidade de Santiago, Carmona é sobre todo especialista no sector industrial, desde a protoindustria do liño, que el sacou practicamente á luz hai xa catro décadas, ao actual grupo téxtil de Inditex. A Carmona sobre todo debémoslle a tese de que Galiza, desde 1750 a hoxe, non foi nunca tan atrasada como se pensa, tampouco na industria. Certamente non estaba na vangarda nin pode falarse de que fose unha rexión moi desenvolvida, pero tampouco tan desvencellada do progreso e o comercio como aínda se adoita afirmar. Incluso, dinos Carmona, contou con significativos gromos –no liño, nos curtidos, na salgadura, parcialmente no ferro…– que ben puideron ter dado pé a desenvolvementos posteriores, xa nitidamente industriais, como sucedeu noutros países.

Pero aínda que Carmona conta con multitude de traballos editados, que foron vendo a luz a partir de 1980, o certo é que na súa maior parte encóntranse incorporados en revistas e libros colectivos de carácter especializado e de non fácil localización. 

Entre os últimos títulos que coñecemos, redactados como dicimos cun enfoque esencialmente universitario, encóntrase un traballo de 33 páxinas, incluído na obra Historia económica regional de España. Siglos XIX y XX (Crítica, 2001). Trátase dun texto que podería servir de resumo das problemáticas que habitualmente estuda, un ensaio sempre cinguido aos datos e cun enfoque clarificador. 

Algo máis recente –foi editado no 2005– e moito máis completo, é o volume: El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A obra, sufragada pola Fundación Barrié, vén asinada tamén polo investigador Jordi Nadal, finado o pasado 8 de decembro. O que achega Nadal a este libro, ademais do seu incuestionábel prestixio, é un puntual e enriquecedor contraste dos datos reunidos en Galiza cos máis estudados xa de Cataluña. Jordi Nadal, que nacera en 1929, foi quizais o principal guía das investigacións realizadas por Carmona nos últimos anos. 

Polo demais, este volume de algo máis de 400 páxinas é a expresión máis completa e acabada que coñezo das investigacións do noso autor. Por que pedir entón que redacte unha nova obra? En primeiro lugar porque, con toda a súa valía, El empeño… non está dirixido a todo o público ao que podería interesarlle. Sería necesario un esforzo máis divulgativo que resumise algunha das partes e quizais achegase algo doutros sectores económicos aquí non considerados, como o financeiro ou o agrícola. Por último, cabe supoñer que o patrocinio da Barrié condicionou nalgunha medida o resultado, sobre todo á hora de enmarcar algúns dos temas e de tirar algunhas posíbeis conclusións. 

Polo demais, en Carmona é necesario apreciar tanto o esforzo por cubrir aspectos case descoñecidos da nosa realidade, até crear un auténtico mapa económico e industrial de Galiza, como a súa profesionalidade para facelo con rigor, desmontando así un gran número de simplificacións e desenfoques. 

Continúa a faltarnos polo tanto unha obra divulgativa que nos oriente e que esclareza todo o xa apuntado, desde os encaixes de Camariñas (reliquia dun noutrora estendido ramo téxtil) á capacidade dos nosos estaleiros para transformarse até ser quen de construír plataformas petrolíferas, pasando pola importancia do INI ou as dificultades para crear un grupo eléctrico galego, conseguida por fin coa creación de Fenosa e que durou até 1982. Unha obra coma esta cobra todo o sentido ao integrar datos e realidades que só eran coñecidas illadamente e en moitos casos tamén infravaloradas. 

Para a mentalidade centralista, boa parte dos temas estudados por Carmona carecen de interese por non acadar un tamaño suficiente a nivel nacional, mentres que outras veces son directamente ignorados. O nacionalismo, pola súa parte, pecou sempre dun coñecemento insuficiente, dando lugar a que as súas conclusións fosen ás veces esquemáticas ou deformadas. 

O que pedimos é polo tanto, e como di o tópico, que se encha este gran baleiro divulgativo para o que Carmona ten xuntado xa os vimbios necesarios. Algún editor se anima?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s