Ao redor do canon

Monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela.

Eva Moreda.

Montouse unha media polémica hai unhas cantas semanas a conta dunhas xornadas de literatura que tiñan no seu título as palabras “nas marxes” e “alén do canon”. Foron varias as persoas que fixeron notar que moitos dos e das relatoras que alí aparecían moi marxinais non se poden considerar dentro do noso sistema literario galego. Outras persoas, varias tamén,  contrarrestaron as primeiras con argumentos en xeral válidos e ben formados: unha creadora ben laureada como tal pode ser tamén investigadora en literatura, e especializarse en autoras menos laureadas ca ela; nada impide, por outra parte, que os creadores laureados poidan facer achegas válidas sobre os que o son menos; pode haber temas que sexan marxinais e que aparezan na obra da autores que non o son, etc.

O que máis salientable me pareceu destas conversas foi, porén, a falta de rigor coa que ás veces se usa  palabra “canon” no noso sistema. É dicir: ás veces interésanos pintarnos a nós mesmas, as nosas amigas ou as nosas inimigas como canon ou ben como non-canon, e para facer así acabamos recorrendo a definicións incompletas, inxenuas, anacrónicas ou incoherentes do que vén sendo un canon. Ás veces sorpréndeme que fagan así persoas das que, pola súa formación e traxectoria, se cadra se podía esperar unha visión máis sofisticada. En xeral, porén, paréceme que máis ben é a historia recente do noso sistema literario a que nos levou a ter esta idea un tanto de andar pola casa do que é un canon e como chega a formarse. 

As miñas propias lecturas sobre o concepto de canon non veñen do campo literario, senón do ámbito da música clásica, e seguramente isto me faga escribir neste artigo algunha cousa incorrecta ou atoleirada. Da miña experiencia, porén, saquei dúas cousas que penso que se poden aplicar á literatura galega. Primeira: cada vez no meu ámbito de especialización se fala máis de cánones e menos de canon. O canon que se toca nos teatros de ópera ou nas orquestras tipo Sinfónica de Galicia é unha cousa, o que se estuda nos departamentos de musicoloxía é outro (e ao mesmo tempo é diferente do que se estuda nos conservatorios ou na educación primaria e secundaria), o que sae nos coleccionables do estilo Conozca las obras maestras de la música clásica  é aínda outro, etc. (E isto mesmo sen entrar a considerar que non é a música clásica a que máis escoita hoxe en día a maioría da poboación). Por suposto, algúns nomes de compositores estarán en todos estes cánones, pero a pouco que rasquemos atoparemos diverxencias. Chaikovski e Puccini –señores que imaxino lles soarán mesmo aos que raras veces escoitan este tipo de música– foron de sempre favoritos do canon orquestral e operístico, pero durante moito tempo consideráronse demasiado populares como para mereceren un estudo musicolóxico serio. Bach e Mahler pasaron por varias décadas despois das súas respectivas mortes nas que seguiron sendo figuras case de culto de especialistas (compositores, directores de orquestra), pero sen ter tampouco a mesma resonancia co público en xeral.  

Segunda: hai quen pensa que o canon é unha especie de meritocracia pura, na que o tempo, en abstracto, vai facendo criba para que ao final queden só os mellores. Hai tamén quen pensa que o canon é unha teoría da conspiración na que uns cantos señores ben rancios se reúnen en secreto e deciden que compositores se van tocar, investigar, escoitar, etc. sen que ninguén máis teña ningún tipo de influencia sobre quen está no grupiño e quen non. Por resumir, a realidade adoita estar entre un extremo e outro. Si, hai casos de señores (sobre todo señores) que nun momento dado se lanzan a intentar canonizar, con bastante pouco disimulo, a determinadas figuras. O que sucede na práctica é que ás veces o conseguen, ás veces non. Ás veces vén outro canonizador unha ou dúas xeracións máis adiante que desfai o traballo do primeiro, ás veces non. Ás veces hai varias persoas, ou varios grupos, canonizando independentemente. E moitas veces pode dar a impresión de que os canonizadores o que pretenden é, cinicamente, canonizar os seus amigos, pero sería tamén cínico reducir estas manobras a un xogo de poder: o que eu teño atopado máis a miúdo é que o canonizador tende a fixarse en creadores que comparten a súa visión estética, características persoais e experiencia vital, e os que fan cousas distintas poden pasarlle un pouco desapercibidos. 

Todo o de enriba podería resumirse en que a creación dun canon it’s complicated, e a miña teima é que esa complicación ás veces a ignoramos no sistema literario galego, porque a nosa historia recente é algo distinta. Este é un tema no que seguramente outras persoas máis estudadas poderían corrixirme, pero teño un pouco a impresión de que nos oitenta, mesmo noventa, con grande interese e presión por armar un canon que fose máis aló de Rosalía, deuse unha aceleración e simplificación de procesos. Gañar certos premios, saír nos libros de texto, ser estudado en universidades estranxeiras, converteuse practicamente en sinónimo de “estar no canon”. En comparación cos misteriosos procesos de canonización da literatura española ou da literatura universal (é por aí por estes anos que Bloom publica The Western Canon), que sempre estaban tinguidos dun aquel de esoterismo e misticismo, os procesos de canonización de noso víanse máis transparentes, máis inocentes tamén: nunha determinada altura semellaba que todo o mundo tiña un profesor de galego que estudara na facultade cun rapaz ou unha rapaza que escribira un libro moi laureado e que, con menos de corenta anos, xa estaba no canon. É normal: eramos (somos poucos), andabamos necesitados dun canon que ensinar nas escolas.

Esta situación podería ter levado a unha desmitificación do canon, dos cánones, que boa falta lles fai. Porén, en certo sentido, resultou no efecto contrario. Ben porque aínda nos dura a obsesión de crear canon, ben porque vemos que ser canon está (en teoría) ao alcance de calquera, teño para min que falamos do canon máis veces por minuto do que se fai noutras literaturas. A discusión sobre o canon parece estar sempre aí: por exemplo, no título das xornadas ás que aludín antes, cando seguramente poderían chamalo de calquera outro xeito e incluír exactamente as mesmas charlas. Xa é case un clixé dicir que a crítica literaria oficialista galega recensiona tres ou catro obras mestras por mes (“obra mestra” non é sinónimo de “obra canónica”, pero aí andan ben preto), e isto di moito tanto da dita crítica oficialista coma dos seus detractores, que moitas veces o que piden non é que se deixe de usar o termo “obra mestra”, senón que se aplique con menos alegría: é dicir, eles están de acordo con que a función da crítica é peneirar para o canon, o que queren é que se peneire con máis rigor. Ao mesmo tempo, non é de estrañar tampouco que, no medio de tanta obsesión co canon, non ser canónico ou canónica poida converterse nunha marca de prestixio en certos contextos.

Por outra parte, á hora de clasificar quen é canónico e quen non (segundo nos conveña), vémonos tamén bastante limitados polos procesos de canonización rápida que viamos nos oitenta e noventa. Imaxino que no mundo académico, ou en certas partes del, se darán debates algo máis rigorosos, pero o que atopamos ás veces en redes sociais, columnas de opinión de xornais, etc. pode ser un tanto peregrino e ignora os dous principios dos que falei antes, que penso que se lle fan obvios a calquera que pase máis dun par de meses estudando o tema: que máis que un canon hai varios; que estes cánones non aparecen e aí quedan para sempre, sen modificación ningunha. Ás veces semella que gañar o Xerais ou o Blanco Amor xa o converte a un en canon (isto non é que o digan os que gañaron estes premios, senón máis ben os que intentan construír unha certa idea do canon galego, xa sexa a favor ou en contra); vaiamos, por exemplo, a ver que libros obtiñan prestixiosos premios literarios no sistema literario español nos 40 e 50 e calculemos cantos deles se podería considerar que están hoxe no canon. Ou tamén: que te estuden nos institutos e xa non digo nas universidades faite santo subito. Igual hai un tempo si, pero na actualidade cada vez hai máis tendencia no estudo das Humanidades a estudar obras non necesariamente polas súas calidades estéticas (que se supón que son as que che dan entrada no canon), senón polo seu interese sociolóxico ou cultural, ou porque son máis prácticas de ensinar ca outras de se cadra meirande calidade literaria (máis breves, máis doadas de conseguir, etc.). 

Non penso que sexa a fin do mundo que, nunha conversa que non é académica, se use o termo “canon” de xeito laxo. Vou facer, porén, unha suxerestión: penso que moitas veces, onde usamos a palabra “canon”, tiña máis sentido utilizar a palabra “centro” (en oposición a “periferia”, ou “marxes”) ou unha das miñas favoritas: mainstream, aínda que non lle atope doada tradución. Nas xornadas das que falaba ao comezo, e polo que teño visto delas e sobre elas (que non é todo, e podo estar errada), dáme a impresión de que calquera destes termos encaixaría bastante ben. 

2 comentarios en “Ao redor do canon

  1. Eva, é unha marabilla ler o que escrebes en calquera formato. A semana pasada lin As rapazas do polar todo seguido e é unha pasada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s