A nova normalidade do Sant Jordi

Xavier Bosch.

Xesús González Gómez.

Despois de que o pasado ano, debido ao confinamento, a diada de Sant Jordi, «el día del llibre i de la rosa» non «existise», este ano os libreiros cataláns preguntábanse se habería ou non día do libro este 2021. Finalmente hóuboo, e as rúas das principais cidades catalás, sobre todo Barcelona, enchéronse de montes de xente, algúns a comprar libros e outros rosas. Con todo, as rosas non foron suficientes en Barcelona capital, xa que o Concello da Cidade Condal non outorgou demasiados permisos, e aqueles que se colocaban cada ano sen os permisos pertinentes, foron retirados pola garda urbana, que logo, pola noite, tivo que multiplicarse para disolver festas e botellóns. Mais que foi do libro?

Segundo o Gremi de Llibreters, a non ser que a ultima hora cambie os datos, como aconteceu no 2019 sen, porén, dar máis explicacións, a xornada, dentro das circunstancias, foi todo un éxito. Segundo este Gremi, a venda alcanzou un 75% da xornada de hai dous anos. Se hai dous anos se venderan 1,64 millóns de libros cun montante de 22 millóns de euros, botando contas debéronse vender libros por un total aproximado de 17,5 millóns de euros. A cantidade de libros… quen sabe. Como xa temos referido en diversas ocasións nesta mesma web, e a falar desta xornada, o Gremi non contabiliza as vendas en grandes superficies: FNAC, El Corte Inglés, etc., así como tampouco as vendas en diversas librarías/papelarías, quioscos de prensa, etc., que están afiliadas a outros gremios, polo que sempre as cifras que dan poden aumentarse entre un 5% e un 10%. Vistos os «datos» fornecidos polo Gremi de Llibreters, pódese afirmar que si, que o Sant Jordi de hogano foi un «éxito». Co o éxito foi, segundo todas as noticias recollidas de forma oral por este «cronista», as vendas dos postos de libros antigos ou de segunda man.

A listaxe de libros máis vendidos nesta xornada foi a seguinte. Por idiomas e xéneros.

En castelán, no apartado de ficción, os cinco libros máis vendidos foron:

1.- Sira, Maria Dueñas (Planeta).

2.- Independencia, Javier Cercas (Tusquets).

3.- El juego del alma, Javier Castillo (Suma de letras).

4. Transbordo en Moscú, Eduardo Mendoza (Seix&Barral).

5.- El arte de engañar al karma, Elísabet Benavent (Suma de letras).

Neste apartado, dous grupos coparon os cinco primeiros postos en vendas: Planeta (Planeta, Tusquets, Seix&Barral) e Random House (Suma de letras). Que cadaquén tire as conclusións que máis guste.

No apartado non-ficción, velaí os cinco primeiros libros en vendas:

1.- El Humor de mi vida, Paz Padilla (Harper Collins).

2.- El infinito en un junco, Irene Vallejo (Siruela).

3.- En tierra de Dionisio, Maria Belmonte (El Acantilado).

4.- Niadela, Beatriz Montañés (Errata Naturae).

5.- La armadura del rey, Calatrava, Hurtado e Pardo (Roca libros).

Neste apartado, as editoriais «independentes» (El Acantilado, Errata Naturae, Siruela e Roca libros) gañáronlles aos grandes grupos por tres a dous, aínda que o primeiro posto foi para  Harper Collins. E as mulleres, máis que por goleada aos homes; téñase en conta, ademais, que o apelido Pardo do quinto clasificado corresponde á xornalista luguesa Ana Pardo de Vera.

No apartado catalán, a lista de máis vendidos en ficción foi a seguinte:

1.- La dona de la seva vida, Xavier Bosch (Columna/Grupo 62).

2.- Consumit pel foc, Jaume Cabré (Proa/Grup 62).

3.- Tàndem, Maria Barbal (Destino/Grup 62).

4.- L’Home que va viure dues vegades, Gerard Quintana (Columna/Grup 62).

5.- Canto jo i la muntanya balla, Irene Solà (Anagrama).

Neste apartado o Grupo Planeta «arrasou», xa que os catro primeiros títulos máis vendidos pertencen ao Grup 62, grupo que axunta os distintos selos editoriais do Grupo Planeta que publican catalán. O quinto título máis vendido é unha desas novelas de longue durée, xa que, Premio Anagrama de novela en catalán, apareceu en maio do 2019, e até 23 de abril deste ano levaba 12 edicións. Como curiosidade, digamos que ao día de hoxe (25 de abril de 2021), nas bibliotecas municipais da provincia de Barcelona, contando Barcelona capital, que suman unhas 276, todos os exemplares desta novela están prestados e están en reserva uns cincocentos préstamos. (Nas bibliotecas municipais de Barcelona o préstamo dun libro –máximo 15 títulos de vez– duran un mes; en caso de que o título non estea reserva, é dicir, non o pedise outro/a lector/a, pódese renovar por outro mes; se está reservado, hai que devolvelo). Se se botan contas á baixa, poderíase afirmar que en dous anos Irene Solà, ou, mellor dito, a Editorial Anagrama (hoxe pertencente ao Grupo Feltrinelli), deixou de vender nos últimos vinte e catro meses uns 7.000 exemplares –en caso de que cada lector/a comprase o libro que pediu en préstamo á biblioteca– só na provincia de Barcelona, polo que a autora deixou de percibir uns 12.000 euros nestes dous anos. Se engadimos as outras provincias cataláns e lle damos á suma das tres a mesma cantidade que a de Barcelona, serían uns 24.000 euros que deixou de percibir a autora en dous anos, ou sexa, mil euros ao mes, o que non está mal. Ao final haberá que acabar cobrándolles ás bibliotecas? Esta novela está traducida ao castelán e publicada por Anagrama, que acaba de dar ao prelo a primeira novela de Irene Solá: Els dics., obra tamén altamente recomendábel Outros títulos pertencen a autores consagrados: Jaume Cabré, un dos mellores novelistas cataláns actuais, autor de obras da calidade de L’ombra de l’eunuc, Teraninya, Fra Junoy o l’agonia dels sons, Les veus del Pamano ou Senyoria, da que a editorial Galaxia publicou a versión galega, versión máis ou menos correcta, pero da que se poden discutir algunhas das «solucións», mais que agora non criticaremos, só recomendaremos a novela malia esas «solucións»,  había dez anos, desde Jo Confesso, que non publicara unha novela, polo que era cantado que esta nova obra súa sería unha das líderes en vendas este Sant Jordi. Xavier Bosch, xornalista, é un deses autores dos que cada unha das súas obras sempre goza dunha boa venda; e Maria Barbal, que con esta novela gañou o Premi Josep Pla de narrativa, é outro dos valores fixos da narrativa catalá, malia altos e baixos, e autora dun dos grandes best-sellers da literatura catalá dos últimos lustros do século pasado con Pedra de tartera (Croio). Da novela de Gerard Quintana, quen foi o líder e cantante do grupo de rock Sopa de Cabra, nada podo dicir, xa que non coñezo a súa novela anterior nin, por suposto, a presente.

No que respecta ao apartado non-ficción en catalán, velaí os cinco títulos máis vendidos:

1.- A cor obert, Oriol Mitjà (Columna).

2.- Paraules d’Arcadi, Arcadi Oliveres (Angle editorial).

3.- El dia que vaig marxar, Albert Oms (Univers/Grup Enciclopèdia).

4.- Les hores greus, Quim Torra (Símbol Editors).

5.- L’armadura del rei, Calatrava, Hurtado y Pardo (Ara llibres).

Curiosamente (?), como no apartado en castelán, as editoras independentes gañan por goleada. Só un dos títulos, A cor obert, pertence a un dos grandes grupos editoriais españois: Planeta. Outra coincidencia co apartado en castelán, é o libro que ocupa a quinta posición. Observemos que os libros dedicados ao «procès», outra pandemia nos últimos tempos (como pandemia están a resultar os libros dedicados á pandemia), desaparecen dos primeiros lugares de venda, talvez porque o/as lector/es decatáronse de que moitos deles, a maioría, era unha pura estafa e que outros debían incluírse no apartado de libros de humor involuntario. Só o dietario (sic) do que foi presidente da Generalitat, Quim Torra, aparece entre os cinco máis vendidos neste apartado, ocupando o cuarto lugar. Despois de ler este «dietario» a lectora ou lector un pouco distanciada/a pode pensar: a) que se trata dun libro de humor involuntario; b) que Torra ocupou o seu tempo de presidente da Generalitat escribindo este dietario e, c) que debe ser a rehostia: nunca se equivoca, só se trabucan os outros.

Oriol Mitjà.

Antes de acabarmos, deamos a lista dos cinco libros máis vendidos en castelán e catalán no apartado de libro infantil:

Castelán:

1.- El campamento, Blue Jeans (Planeta).

2.- Exi. Bienvenidos a Glitch City, Exi (Planeta).

3.- Los Compas y la maldición de Mikecrack, Mikecrack (M.R. Ediciones).

4.- Trolardy y el pan dorado, Trolerotutos y Hardy (M.R. Ediciones)

5.- Los Compas escapan de la prisión, Mikecrack (M.R. Ediciciones)

Facendo unha comparativa cos campionatos de fútbol, o Grupo Planeta gañou o mundial neste apartado, xa que os cinco títulos son de selos do seu grupo.

Catalán:

1.- Gràcies. Història d’un veïnat, Rocio Bonilla (Animallibres).

2.- Sant Jordi i el drac, Meritxel Martí Orriols ,(Combel).

3.- Sant Jordi de les galàxies, Jaume Copons Ramon (Combel).

4.- Etiquetes, Joan Turu Sánchez (Bindibooks).

5.- Parla bé, collons, La incorrecta (Montena).

Neste apartado, só un dos títulos pertence ao un dos grandes grupos editoriais españois, e, neste caso, o de español entre parénteses: o libro que acada a quinta posición, editado por Montena, do Grupo Peguin Random House. Animallibres pertence ao grupo valenciano cuxo estandarte maior é a editorial Bromera; Combel pertence ao grupo Casals, especialista en libros infantís e de texto; Bindibooks forma parte do grupo catalán La finestra lectora que se presenta como unha comunidade de lectores e reúne diversas editoriais: Eumo, Cossetània, Angle, Capital Book e a citada Bindibooks. Ah!, La incorrecta é o nome que usan para os seus libros as irmás Valentina e Júlia Planas, unha filóloga e unha deseñadora gráfica.

Para acabarmos, deberiamos dar noticia dalgunhas das novidades que se lles presentaban aos lectores e lectoras catalás, tanto de narrativa catalá como de narrativa traducida, de non-ficción como de poesía, etc. Como este ano a oferta acadaba case os trescentos títulos –entre eles Un senyor elegant, de Suso de Toro, traducido por Eduard Velasco e publicado por Més Llibres, pertencente ao grupo Bromera, e De quatre a quatre i altres textos, de Manoel-Antonio, traducido por Joan Puigdefàbrega. pola editorial mallorquina Lleonard Muntaner Editor (que hai uns meses dera ao prelo L’Enterrament, de Gonzalo Hermo, en tradución e epílogo de Sebastià Portell; engadamos que De catro a catro existe outra versión catalá, de Joan Barceló[1], publicada en 1979 pola desaparecida editorial Robrenyo, conprólogo de Xavier Costa Clavell)– damos este enlace por se a algunha lectora ou a algún lector lle pica a curiosidade.


[1] Joan Barceló (1955-1980), debuxante, poeta e novelista, morreu aos poucos meses de se dar ao prelo a súa versión do libro de Manoel-Antonio. Durante unha serie de anos foi «menystingut» (que se pode traducir como menosprezado, pero sen chegar a tanto) polo estatus quo literario catalán: agora comeza a ser reivindicado e a se reeditaren as súas obras. O tradutor e prologuista da nova versión de De catro a catro afirma no seu prólogo-presentación, que a versión de Barceló é inencontrábel: nas librarías de «novo», porque nas librarías de vello, nos mercadiños de libros barceloneses e na rede, poden atopala lectores e lectoras a prezos asequíbeis. (Como curiosidade, digamos que nesta nova tradución, nunha das notas hai un gracioso erro de imprenta: Eduardo Pondal aparece como Eduardo Pombal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s