‘A mascota’ vs ‘Os lobishomes queren as túas ganas de vivir’

Lúa de sangue.

Xornada 7 (derradeira) da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Ana Vigo e Carlos Vega.

A mascota

Ana Vigo.

Atopamos a Hum durante as vacacións de Semana Lima. Como cada ciclo, viaxaramos no foguete familiar ata a Vía Láctea, onde mamá posúe algunhas estrelas, dunha herdanza familiar. Foi durante unha das exploracións cos meus irmáns que descubrimos a cápsula. Contiña material xenético e algúns trebellos ben estraños. Aquel ano eu conseguira a miña carapucha multiusos; utiliceina para clonar o espécime e, posteriormente, comunicarme con el. Hum é moi curioso, só ten catro patas e non saen da súa cabeza, senón de algo que el chama tronco. Ten un pensamento rudimentario, pero podémonos entender.

Convencimos a mamá para levalo connosco. Foi doado, ela tamén sentía interese pola nosa nova mascota. Mesmo levou a Hum ao centro de pesquisas para investigar o sucedido co seu planeta de orixe. El di non lembrar nada do seu pasado, só que alguén o raptou para usalo nuns experimentos. Cando fala daqueles tempos, a través da carapucha percibo o seu medo. Na súa fráxil memoria, o mundo treme, o ceo retumba e outros coma el ouvean.

Hoxe mamá volveu con resultados do estudo sobre Hum. Trouxo un aparello que construíron no laboratorio e explicounos que serve para usar o que había na cápsula de Hum, que seica se chaman discos. Conteñen un son marabilloso, Hum di que se chama música, iso si que o recorda. Os seus ollos molláronse ao escoitala, pero a carapucha indicoume que estaba feliz despois de tanto tempo.

Mamá achegouse a min para contarme, na nosa linguaxe, o que descubriran sobre o planeta de Hum e os seus habitantes. Sentín tristeza. Collín o que el chama as súas mans entre as miñas patas. Parece incrible que algo tan delicado puidese provocar eses efectos. A nosa mascota ollou para min con intriga, e fixen ese xesto que serve para tranquilizalo. Non preguntou máis. Pode que algún día lle conte a verdade.


Os lobishomes queren as túas ganas de vivir

Carlos Vega.

A Rododrigo Gurriarán non lle gustaba recordar cando era mozo e vivía no bosque, coa tribo. A pesar disto, non podía evitar verse invadido por imaxes que cría esquecidas había tempo. Volvíanlle as pedras a ferir os pés descalzos, enluvados agora en coiro negro, e o peito parecíase encher contra o cárcere de seda abotoada que escollera aquel día. 

Coa pel bañada en transpiracións Rododrigo tiraba da chave que levaba ao pescozo, e o tacto do ferro axudáballe a traer de volta o resto dos sentidos, que se perderan na memoria do bosque escuro, entre as visións da herba mesta e as árbores peladas que se recortaban contra o ceo deshumanizado.

Co tempo conseguira dominar perfectamente a transformación. Descubrira que os hábitos da cidade, o alcohol, o telelixo e o tabaco debilitaban o instinto. Xa non temía o ciclo lunar e só morfoseaba ocasionalmente, cando necesitaba aire fresco ou esgotar o corpo. Agora vírase privado das excursións nocturnas, co toque de recolla. O médico parecera intuír a traxedia e aproveitara para lle quitar a carne crúa, pois o estómago xa non lla tragaba coma antes e o ácido úrico esixía sindicato. Agora tiña que ver, cos ollos húmidos, como a carne se sumía na prancha ata reducirse a un pastel reseso que lle facía bolo na boca.

Aínda así, tiña noites nas que sentía a urxencia de espirse e chimpar polo patio do piso de protección oficial, pero intimidábao ouvir como os mozos facían botellón clandestino na urbanización e Rododrigo tiña medo de levar por diante algún rapaz que, coma el, saíse a facer o tolo.

Con esa disciplina na cabeza, collía a chave que abría o caixón fechado do escritorio, onde gardaba unha foto en papel biblia dunha eclipse de sangue, que en termos licántropos é moi semellante á pornografía. Cunha copa de viño na mesa e a foto diante, reclinábase contra a butaca de coiro, cedendo o respaldo ante o peso e a simetría do esqueleto, que comezaba a ondularse baixo o ritmo crecente da respiración. 

O queixo afeitado deformábase, estirando o fociño sobre a forte mandíbula. De haber gravata, rompía baixo a expansión do pescozo, que lles intentaba seguir o ritmo aos ombreiros, case cuadrúpedes. A pel fervíalle e os dedos revirábanse, baixo a torsión en gadoupas. Nunca deixara de doer e a transformación, atenta, encargábase de sinalarlle no corpo os achaques da idade. Houbo un momento no que o ritual facíao sentir mozo, pero agora non pasaba dun patético intento por recuperar terreo perdido.

Debruzado sobre o escritorio, coa roupa estirada baixo a feble pelaxe, que cada vez saía menos, acercaba a foto aos ollos, feridos de marca felina. As pupilas dilatábanse en consonancia, lastradas pola miopía e a gorxa intentaba afinar o mellor que podía, sometida ao dominio do instinto.

Un piso máis arriba, os veciños perxuraban con chamar a policía, que naquela comunidade non se permitían mascotas e que vaia horas de sacar o gato medio esmirrado, do baixo que se oía miañar.

6 comentarios en “‘A mascota’ vs ‘Os lobishomes queren as túas ganas de vivir’

  1. Moi bos ambos relatos.

    ‘A mascota’ curto e bonito, é un bo relato de ciencia ficción

    ‘Os lobishomes queren as túas ganas de vivir’ é un relato que fala dun problema actual dun xeito moi intelixente. Esa necesidade de saír.

    Meu voto vai para ‘Os lobishomes queren as túas ganas de vivir’

  2. Que bo duelo! Parabéns a Carlos e Ana. Creo que acaban o torneo moi en forma. Cada día gústanme máis as súas historias e máis se atreven coa ciencia ficción e o fantástico.

    A mascota

    Paréceme un relato redondo coas palabras xustas. Un universo retratado cuns poucos trazos colocados no lugar preciso. Estupenda historia digna de publicación.

    Os lobishomes queren as túas ganas de vivir

    Outro estupendo texto que pretende facer un retrato da decrepitude dos licántropos. Ten detalles moi chuscos, coma ambientación de barrio e a pornografía seroselenita. Chócame un pouco que o home se transforme en gato en vez de canciño. Parabéns pola idea porque me parece moi desenvolvible en algo máis longo.

    O meu voto vai para A mascota. Pérdeme a ciencia ficción.

  3. “A mascota”: Historia chula, comezo revolto. Para min, o contido está estrado: Hum, pero cápsula, material xenético, clonar… información de máis, para min. A redacción gústame, doce, ben composta e con voces claras. O final gustaríame cunha voltiña máis. Enténdoo, pero fáltame algo.
    “Os lobishomes…”: Título que me gaña, así de primeiras. Paréceme ben contado e escrito e a historia gústame, esa fantasía tan embebida na realidade que non se pode negar. Gustaríame que pasase algo máis, pero é puro capricho. Unha historia que me enganchou cunhas imaxes que me entusiasmaron.
    O meu voto é para “Os lobishomes…”.

  4. Un duelo moi igualado. Moi ben ese lobishome vello de proteccion oficial. Como xa dixeron daba para algo máis longo. A hisotira da mascota curta e redondiña. Creo que ten un chisco máis de peso Os lobishomes queren as tuas ganas de vivir (bo titulo), xa que apetece saber mais dese lobo vello. Voto por Lobishome

  5. Que duelazo! Parabéns, Ana e Carlos!
    ‘A mascota’: catro parágrafos que contan unha chea de historias interrelacionadas (un mundo de viaxes interestelares e tecnoloxía alieníxena incomprensible, a viaxe de Hum, as súas orixes nun mundo ben distinto a ese que sirve de contexto á historia etc. etc.). Como di Sabela, a min tamén me pesaron na lectura esas referencias tan seguidas a foguetes, clonacións e carapuchas multiusos, mais, no conxunto, considero que é unha gran historia.
    ‘Os lobishomes queren as túas ganas de vivir’: este conto conquistoume de vez, non só porque son lectora feroz de terror e, comigo, as ambientacións góticas parten avantaxadas, senón porque o autor ou autora consegue facer algo novo co mito dos cambiaformas. Velliz, transformación en vivendas de protección oficial e porno para metamórficos: aí hai moita cousa boa que pide un texto máis longo.
    A cousa está igualada, pero o meu voto vai para ‘Os losbishomes’.

  6. Vaia vaia, unha foto ben suxestiva, gústanme estas que plantexan máis un tema xeral que non tanto unha situación. Deu por iso para dous contos moi distintos, da cifi ata o terror.

    “A mascota”. Quizais o que máis me gusta deste conto é todo o que se suxire sen contarse. O feito de titularse “a mascota” fala dalgún xeito da relación xerárquica entre Hum e a narradora, que siguen pensando nel como mascota cando saben que ten intelixencia e do seu pasado tráxico entre seres intelixentes. Esta doble consideración penso que é moi poderosa. Pasa que ao final encerellarse en describir demasiado o modo de vida da familia avanzada (como comentaban compañeiras antes, de toda a terminoloxía espacial), fai disolverse un pouco esa fantasía, como de embozan as diferenzas tan grandes que deberían sernos incomprensibles. Hai boa idea no conto, pero quizais non soubo acabar de dar o toque co ton, vaia, eu creo que debería ser moito máis etéreo.

    “Os lobishomes queren as túas ganas de vivir”. Gustoume moito este conto, como comentaba Érica arriba ten un xeito delicioso de introducir elementos inesperados nunha ambientación moi clásica de terror gótico e o mito do lobishome. Lembro unhas antoloxías de contos de licántropos que se publicaran na colección Alcaián hai uns anos, co nome de Romasana. A verdade é que unha versión un pouco máis extendida deste conto, onde se puidese argallar unha estrutura de 3 actos con estes elementos, penso que podería chegar a ser máis interesante que varios dos contos que se chegaron a publicar alá.

    Voto por “Os lobishomes queren as túas ganas de vivir”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s