‘A pegada’ vs ‘Traba’

Pisada.

Xornada 7 (derradeira) da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Anxo Vacca e Sabela González.

A pegada

Sabela González.

Aquela tarde de luns saíu o sol e a pegada na lama converteuse nun baixorrelevo. Lembro que era luns porque foi o mesmo día que reapareceu a miña bici, máis limpa que cando a perdera, no portal do edificio. César e mais eu ficamos máis intrigados por aquela marca profunda e precisa na lama que polo máxico amaño da bici: arredor dela non había ningún paso máis. Quedamos despois da merenda e bulimos investigala.

Eu dixen que era dunha bota. César bateume no brazo e dixo que duns tenis, ou non vía a punteira raiada? Eu penso que as deportivas de montaña tamén teñen iso, pero non discutín por se levaba outra. Tiramos unha foto co móbil e, como viramos facer a Sherlock Holmes naquela película, tamén a calcamos nun papel dos patróns da miña nai cun carbón. Percorrimos os arredores na procura doutra pegada similar, pero entre todas as marcas na lama endurecida ningunha outra se lle parecía. 

Nuns días esquecimos a pegada misteriosa esvaída baixo a choiva. Ata que volveu. Tres veces máis, para ser exactos. César viuna primeiro, xurou e perxurou que era a mesma pero aínda que me bateu na caluga dúas veces non dei atopado a foto no móbil. Lembrei o papel de seda, esquecido no meu cuarto, e ante a ameaza da man levantada de César bulín rescatalo para cotexalo coa pegada. Dende aquela, decidín levar o papel sempre no peto.

Dimos en buscar a pegada todos os días. O segundo día que a vimos, sinalando coa súa punteira ao lonxe, foi o día que a profesora me devolveu o exame suspenso cun aprobado por riba. Vaia festa montei, ata que o César me zoscou para que calase, coma sempre. 

O último día que a vin foi o día que César desapareceu. Esta última pegada non quedara marcada na lama, senón no portal mesmo do edificio. O pé dereito da bota-tenis formaba un perfecto ángulo de 90 graos contra a parede. Nunha liña recta ascendente atopei medio folio pegado con cinta adhesiva. “Informamos que se ha procedido al apagado de la calefacción. Gerardo.”, dicía. Corrín avisar a César, pero a súa nai díxome que non chegara, que se non estaba comigo. Encollido de ombreiros seguín correndo escaleiras arriba. 

–Mamáaaa! –entrei berrando–. Quen é Gerardo?

–O mantedor da caldeira. 

–O da calefacción? E como é?

–Pois podes crer que nunca o vimos? Falamos por teléfono, un tipo simpático, moi amable, pero nunca o demos visto –mamá riu–. Chámase igual que o meu ex.

Mamá seguía rindo. A min correume un calafrío polo corpo ao enfiar recordos e pegadas. Había de ver unha máis, a última. O día que Papá non volveu do traballo.

………………………………………………………….

Traba

Anxo Vacca.

Marica para en seco suavemente na area para volverse cara a min, mantén o seu sorriso, aínda que afrouxado, tentando verse máis seria.

—Entendestes ben o que che dixen, non?

—Non debo pensar en nada—ela parece un pouco frustada cando llo digo, levanta a cabeza para cravarme a mirada dende abaixo co seu ollo de vidro que me mira dende a súa cunca dereita.

—Non. Non é que non debas pensar nada, non se che pode pasar ningún pensamento pola cabeza.

—Entendo—asinto.

Non se ve moi conforme, pero achégase máis a min e seguimos camiñando xuntas cara ao centro da praia.

Ao cabo dun cacho detémonos.

—Ben, xa debe estar ao caer—di mirando para o pulso espido.

Quedamos paradas, aínda e moi cedo, pero no medio dunha praia tan longa parece que non pasará o tempo, tan só a luz morna do sol da mañá e o movemento suave do mar.

Despois de esperar un tempo indefinido podo notar algo que se achega dende lonxe, unha figura estraña cuadrúpede.

A medida que se achega solemnemente podo albiscalo mellor. A figura é coma un cabalo pero máis ancha e musculosa e cun pelo que lle cobre todo o pescozo que lle acaba nunha cara de cabalo máis achatada e dous cornos de cabra, un a cada lado da testa.

Apenas consigo reunir forzas para pensar en algo para distraerme, só me concentro en pensar en branco.

Pel branca, as imaxes de onte á noite invádenme a cabeza libremente e mesmo me poño encarnada.

Quedo parada, miro para el, solta un forte bruído e parecen tensárselle os músculos, Marica mírao revírase para min ábrellense os ollos de par en par e sorrí para berrar alegremente.

—Corre —colléndome da man antes de saír fogueteadas.

Por un momento non noto o peso do meu corpo e avanzo máis rápido do que podería imaxinar, Marica, por un milisegundo, parece que vai poñerse a rir. Iso é mal sinal.

Aprétame a man.

E podo escoitar un “estás lista”; antes de dicir que non, lánzame despedida cara a riba, notando coma unha especie de empurrón estraño sen impulso nin impacto.

Quedo supeditada no aire, non sei canto pasa, tan só podo ver brillo e o ruído do mar.

Ata que noto como me pouso suavemente na area.

Marica vólveme sorrir dende riba.

—Que? Aproveitando para durmir?—fago por poñerme en pé, estou mareada.

—Non te esforces, déixate estar uns minutiños ata que te sintas mellor.

—Xa marchou o alicornio—murmuro para min.

—Si, non vexas como se puxo, tiven que estar un bo cacho con el antes de que se calmase.

—Entón díxoche que todo ok?

—Si.

Fago por incorporarme, está vez máis espabilada, así que sento na area.

Ambas quedamos caladas desfrutando da caloriña do sol e o fresco da brisa do mar tan cedo.

Despois dun cacho, Marica revirase para min.

—Hoxe son os Milagres de Traba. Queres ir por uns churros?—non me acordaba.

—Pois agora que o dis, fai tempo que non como.

—Imos?

—Va.

Entón ela estendeme a man e cólleme firmemente para axudarme a levantarme.

—Estás ben?—mírame preocupada.

—Estou.

Ela volve sorrir amplamente e noto coma lle brilla o ollo esquerdo.

Ela achégame a man e imos sen présa desfrutando do camiño.

8 comentarios en “‘A pegada’ vs ‘Traba’

  1. Recoñezo que debo estar espeso nesta derradeira xornada do torneo, pero estes dous textos, de innegable calidade, resultáronme crípticos de máis e non os dei desfrutado como creo que merecen.

    A pegada

    Moi boa ambientación. Vexo oficio na fórmula e o deseño de personaxes “savoir faire”. Parabéns. Porén, non dei atopado a chave para descifrar o misterio: é Gerardo o asasino? Ese Gerardo é o mesmo que o ex da nai? Por iso desaparece o pai? Por que desaparece César? Por que a mestra decide aprobar ao narrador? E o peor de todo: por que Gerardo decidiu apagar a calefacción? Que alguén mo explique polo amor de deus!!

    Traba

    Gustoume tamén este relato polo universo que crea. Arrebólanolo así, como quen deita un prato de lentellas enriba da mesa. Naturalidade ao poder. Así e todo, tampouco me decatei moito do que pasaba. Que pasou co alicornio? Todo ok, o que? Nada, o falado, que ando espeso.

    O meu voto vai para A pegada.

  2. XD entendo a Fran. algo encriptado o que pasa aquí neste duelo. Acho con todo unha gran diferencia. A pegada é un relato que quixo presentar unha historia completa e quizáis non foi quen pola présa en executar ou por que o texto se lle puso rabudo ou porque a historia completa quedou na cabeza do autor. Traba incorpora ao propio conto o misterio da maxia… dúas rapazas son capaces de materializar (deixando a mente en branco) un raro unicornio e mesmo voar polo aire para pousar tranquilamente na area algo mareadas. E ese intre máxico sen explicación (o único que sei é que xoga na narración a forza da amizade, do amor, e ben escrito que está esa unión entre as dúas) dicía que ese intre máxico está metido no relato sen necesidade ningunha de crear un unha sorpesa final que non sorprenda a ninguén. Non é u conto pretencioso. É un conto precioso. Gustoume moito, tanto que non me aburre volver a el. Voto por a Traba.
    on ningunha. Que nos toca completar coa sensibilidade de cada un. A min tocoume. Entendín a miña maneira esa maxia que se non propón.

  3. Tremendos dous relatos para acabar a derradeira xornada. Dende logo, estas fotos tan libres dan bastante xogo para sacar cousas interesantes e bastante opostos. Gústame moito cando o estilo dos autores sobrepasa a foto e quedan dous relatos ben distintos.
    A pegada creo que senta moi ben o escenario e o feito insólito. Narra de forma moi cómoda e ten detalles como o das covachas que lle meten ao protagonista que están moi conseguidos. Ao final pérdome un pouco, pero quizais tamén ando eu algo espeso. Dende logo, vou agradecer a explicación cando acabe a votación, porque cacho misterio ten o conto¡ A pesar de non pillalo, gustoume moito deixarme enganar por el. Grazas¡
    A traba consigue competir en ambientación co seu rival, que non é pouco. Consegue meter feitos como o unicornio ou a levitación sen que lle saque a un da narración son feitos de louvar, dende logo. Aínda así, penso que non conseguín darlle todo o sentido que verteu nel o autor ou autora. Este quizais si que sexa máis erro meu. A pesar disto tanto o escenario máxico coma os diálogos están mesturados con moi bo xenio. Bo traballo.
    O meu voto, algo confuso, vai para A pegada, pola atmosfera que me atrapou.

  4. Coincido en que, en parte, os dous relatos vólvense algo crípticos, pero eu desfrutei de ambos, cada un no seu estilo.

    ‘A pegada’: Enganoume, para ben, ao facerme crer que era unha historia sobre os xogos dos rapaces. Penso que fai unha boa transición ao drama, tal e como eu o entendín, o tal Gerardo si é o ex da nai, e o que causa a desaparición de César e do pai (ou asasinato, seguramente).

    ‘Traba’: Penso que o ambiente fantástico está ben conseguido e non causa estrañeza, queda claro que Marica ten algunha clase de poder sobrenatural, e plantéxase como algo normal, o que fai que o lector o acepte (polo menos no meu caso foi así).

    Difícil decisión, pero o meu voto é para ‘A pegada’, por provocarme ese desacougo tan inesperado.

  5. Chegamos ó final da liga e dá un pouco de mágoa que remate, sobre todo porque, neste punto, xa imos coñecendo e recoñecendo o estilo e a voz propia de cada autor.
    ‘A pegada’: deste relato gústame como se vai desenvolvendo pouco a pouco arredor desa pegada misteriosa. Creo que esa parte está moi ben construida e sabe acrecentar o interese do lector. O final, iso si, pareceume algo abrupto, e ese técnico da calefacción sen rostro ten un puntiño forzado que só se xustifica, creo eu, pola necesidade de pechar a historia e dar unha explicación dos feitos en 500 palabras.
    ‘Traba’: eu tamén me perdín un pouquerrechiño con esta historia. Lina con gusto, iso si, pero sen saber moi ben que pasaba. Supoño que esa é a grandeza do xénero fantástico.
    O meu voto vai para ‘A pegada’.

  6. Pois chegamos ao final do torneo e a verdade é que si que dá agora mágoa que remate. Custou sacar conto algunha semana, pero tamén con ese esforzo saíron cousas onde pensabas que non había nada, e sempre teñas unha chea de contos para catar.

    Concordo neste duelo coa visión xeral que se foi dando, que curiosamente os dous contos partindo da pegada acabaron sendo un tanto confusos/crípticos, nese desvelar a identidade do pisador.

    “A pegada”. Está moi ben artellado este conto ata a última parte, vas seguindo o misterio con interese, vanse presentando os elementos con bo tino, a pegada, o papel, as relaciósn persoais… Pero despois todo precipita de súpeto, o final chega sen dar ningunha explicación e rompe co ritmo que se formara. É unha mágoa porque o home da calefacción ten capacidade para ser un xiro de guión moi bo para un conto como este, pero tal como está construído, eu creo que lle faltan outras 300 palabras para anticipar e resolver mellor e deixar todo máis claro.

    “Traba”. Que curioso este conto, móvese con moita franqueza no terreo entre o surreal e o cotián, gústame moito a naturalidade con que se desenvolve. Véxolle pexas, algunhas importantes, a que máis a sensación de que non hai nada en xogo, que os personaxes están un pouco nunha nube onde os eventos non teñen tampouco moito peso. Con todo, mellorando un pouco a “macroestrutura” por dicilo así, manter este ton e as cousas boas deste conto pode dar noutras historias ben interesantes.

    Voto por Traba.

  7. Ola! Grazas a todos e todas polos vosos comentarios nesta liga, o que se aprende, diormío!

    Non esperaba eu a confusión deste relato, a verdade, pero é certo que me vin apurada de palabras para comezalo como quería e que o remate non fose ehém unha merda. Creo que con este o lector beta sufriu, hahaha.
    Gerardo é, en efecto, o ex da nai e, con toda probabilidade, un psicópata, empeñado en recuperala ao erixirse en protector e vingador do neno. E si, culmina desfacéndose do pai. A calefacción apagouna porque era abril, pero o resto, maldade todo.

    Grazas de novo! Espero que nos leamos pronto 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s