‘As flores de Gedrosia’ vs ‘Sidadane sero’

Flores.

Xornada 7 (derradeira) da Liga Maruxairas da primavera 2021. Duelo entre Fran Fernández Davila e Guillermo Rodicio.

As flores de Gedrosia

Guillermo Rodicio.

Un brote agroma nun lugar secreto e moldea toda unha civilización. No Imperio Meréucida, cando o sino do templo de Gedrosia tocaba anunciando a morte da última emperatriz, nalgún lugar do seu territorio o pube dunha rapaza reverdecía cunhas flores irreais, de especie non natural, que non podían ser obtidas de ningún outro xeito. Unha urxencia secuestraba o imperio. Se sentases diante das portas de Merecia ese día, verías ducias de homes saír ao galope en todas as direccións, desesperados por atopar a rapaza sinalada. Marchaban antes de que calase o eco da campá, o tempo era clave. A nova emperatriz só obtiña lexitimación cando era coroada cun galano desas flores, que a marcaban como elixida dos deuses, conectada coa súa liñaxe e co pobo que gobernaba. 

A arte meréucida antiga, as súas epopeas épicas e as sagas debuxadas nas luxosas alfombras, está chea das historias deses cabaleiros, das aventuras por atopar as que deron en chamar flores de Gedrosia, en honra da súa deusa da fertilidade e o renacer.

Porén, a vontade de Gedrosia era caprichosa e a rapaza escollida aparecía en ocasións en lugares afastados, demasiado lonxe da capital. O exército meréucida viuse na obriga de iniciar e gañar varias guerras de expansión, ampliar as fronteiras para asegurar un acceso directo ás flores. Para algúns historiadores, a administración no imperio naceu precisamente da necesidade de manter postos burocráticos en calquera lugar onde existise unha rapaza con idade de ter pelo no pube.

Foi neste tempo que a epopea virou novela, a épica en drama. As historias contaban agora os amores prohibidos entre nobres funcionarios e as rapazas marcadas pola deusa, que se vían separadas das súas familias para ser levadas aos salóns da gran Merecia, tan lonxe, tan poderosa.

Unha flor asoma cara ao embigo, e con ela florece un imperio. Cun sistema de sucesión asegurado, unha administración forte e un territorio en crecemento, o Imperio Meréucida foi o máis avanzado do seu tempo, cunha cultura presidida pola flor imposible. A diferenza doutros pobos, os meréucidas adoraban o tempo da poda e non o da colleita, sacralizaron as ferramentas de fío e converteron en rito todos os procesos de cortar ou arrincar pelo do corpo. Recibían capilomantes, tosquiadores e outros estranxeiros expertos nestas artes, as clases aristocráticas competían en ter as sebes de arquitecturas máis requintadas. A casta sacerdotal xunguía misticismo, xardinería e perruquería. 

Como caeu entón no esquecemento o verxel pubiano de Gedrosia? Quen sabe. Os arqueólogos atoparon nas ruínas de Merecia tratados cun coñecemento verdadeiramente profundo de botánica. Quizais tamén tiveron un Mendel que atopase nas plantas a noción da xenética. Quizais descubriron que o vínculo entre a flor e a dinastía real non tiña nada de divino. Que durante séculos raparigas indefensas foran nada máis que un casus belli. Que todo o seu mundo estaba construído sobre nunha mentira. Quizais o último texto da literatura meréucida foi un pasquín chamando pola revolución.

Unha semente agarda xusto por riba do clítoris, a promesa de creación e destrución.  


Sidadane sero

Fran Fernández Davila.

SARXENTE: A ver, escuadra! Apaghen os neurocables e atendan! Xa sei que vimos isto duasentas veses, pro temos qu’ir seghures, eh? Un so fallo e montamos a de diosescristo. Caghuendiolaaaaa!

TODES (ES DOSE): Caghuendiolaaaaa!

SARXENTE: Fandiño, qu’é isto?

FANDIÑO: Señore, un plano da sidade en cuestión daquela época, señore!

SARXENTE: E qu’imos faser nós despois de que nos transporten, Sanromán?

SANROMÁN: Señore, procurar acubillo pra ocultarnos des paisanes, señore!

SARXENTE: E logho que, Corredoira?

CORREDOIRA: Señore, comprobar que cheghamos ao punto espasiotemporal correto, señore!

SARXENTE: Pro nós imos estar no lughar e data corretos, verdade Liboreiro?

LIBOREIRO: Señore, si señore! Es noses sientífiques de Forte Ghaiás son infalibles, señore! Xa fixeron dusias probas con ouvellas e xatos, e sempre es atoparon no punto de escavasión esatos, señore!

SARXENTE: Entón, por que temos que faser a comprobasión!

TODES: Señore, porqu’é a nosa obrigha seghir o prosedemento, señore.

SARXENTE: Caghuendiolaaaa!

TODES: Caghuendiolaaaa!

SARXENTE: E que munisión levamos, Valeiras?

VALEIRAS: Señore, non levamos armas, señore.

SARXENTE: Entón, como cona imos sacale a elaouel?

VALEIRAS: Señore, a hostias, señore.

SARXENTE: E cantas hostias imos dar?

VALEIRAS: Señore, as que faghan falla, señore.

SARXENTE: Alghunha máis?

VALEIRAS: Señore, nin unha de máis, señore.

SARXENTE: Por que non imos dar nin unha hostia de máis?

TODES: Señore, porque somos xente de pas, xentiña boa, señore!

SARXENTE: Caghuendiolaaaa!

TODES: Caghuendiolaaaa!

SARXENTE: E qu’imos faser despois de aghocharnos, Lubián!

LUBIÁN: Señore, localisar o restaurante ou salón da sea, señore!

SARXENTE: Continúe!

LUBIÁN: Entrar pola cusiña e neutralisar ó cusiñeiro, señore!

SARXENTE: Pedreira, e despois?

PEDREIRA: Insar de psicotrópicos o viño, señore!

SARXENTE: E por que faremos iso, Queiroa?

QUEIROA: Señore, porqu’e sidadane sero pode resistirse, señore. E así tamén mantemos a ilusión, a maxia do momento entre es seghidores, señore.

SARXENTE: E por que se pode resistir a ser rescatade, Soutelo?

SOUTELO: Señore, porqu’e sidadane sero está nunha misión suisida, señore, e nós temos qu’evitalo, señore.

SARXENTE: E como identificamos o oxetivo, Pereira?

PEREIRA: Señore, polos sublighaculum, señore!

SARXENTE: Explíquese, Pereira! Non se m’enlee na terminoloxía, cona!

PEREIRA: Señore, si, señore, polos calsóns, señore. O oxetivo leva flores no calsón pra tapar o sexo, señore. As nosas forsas paleolincuistas da Universidade Feighoo sospeitan qu’o oxetivo pode ou non encaixar na definisión de xénero binaria da época, señore.

SARXENTE: E como imos proseder, Fervensa?

FERVENSA: Señore, erghendo saias, señore.

SARXENTE: E como imos ergher as saias, Oubiña?

OUBIÑA: Señore, con discresión e respeto, señore. Porque somos xente educada, xentiña boa, señore!

SARXENTE: Caghuendiolaaaa!

TODES: Caghuendiolaaaa!

SARXENTE: Moi ben, escuadra! Xa sei qu’analisamos os documentos duasentas veses, pro temos que volver a darlle unha volta. Entendido?

TODES: Señore, entendido, señore!

SARXENTE: Hoxe analisaremos a versión de Ghibson. É unha pesa vella, pro atendede ighual. Oído?

TODES: Señore, si, señore!

SARXENTE: Cada latighaso, cada espiña da coroa, cada chanso, cada cravo é o que loitamos por evitar. Escuadra! Caghuendiolaaaa!

TODES: Caghuendiolaaaa!

12 comentarios en “‘As flores de Gedrosia’ vs ‘Sidadane sero’

  1. ‘As flores de Gedrosia’ Ciencia ficción de boa, moi plausible e entretida que da moito que pensar nas tradicións e costumes aceptados.

    ‘Sidadane sero’ Moitos dos dialetalismo e vulgarismo usoos tódolos días ou escuitollo a neu entorno e sempre mola que o usen e aínda que entendo que o relato pretendía ser cómico non me convence.

  2. Parabéns aos dous, dúas solucions moi diferentes pero con resultados sorprendentes. Gustáronme bastante.
    “As flores de Gedrosia”: A idea paréceme marabillosa, pero non din entrado no relato tipo “tratado”, faltoume historia con personaxes corpóreos, no canto da cultura Meréucida como personaxe do relato. A composición é correcta e está moi ben escrito, iso non llo quito 🙂
    “Sidadane sero”: É orixinal no formato e na lingua e a verdade é que rin bastante léndoo. Pero é que non sei de que vai… Perdinme bastante e ao estar escrito a modo de guión faise máis complicado ver o texto como un todo na cabeza.
    Con moitas dúbidas, voto por “Sidadane sero”, porque me botei unhas risas, caghuendiola.

  3. Coas flores de Gedrosia posoume que empeza moi moi ben. Esa busqeda case arturca das flores da pube é encantadora. e mesmo se nos di que hai sagas que relatan as aventuras de esa busqueda. Eu quero lelas! Logo si que eu creo que o conto pésalle que sexa tan longo. Perde algo de interese cando emprega o recurso de empregar preguntas para avanzar. En todo caso creo que un relato que sobresae de todos os últimos desta xornada no que quizais se nos notou algo falto de ideas. Sidadane sero non me acabou de convencer. Eu xa dixen que quizáis son algo sosa, pero empregar o macagondiola como recurso humoristico tan repetido nese suposto exercito do futuro que viaxa ao pasado? para rescatar ao sidadane sero, pois iso, que non me colleu o punto. Non sei se con outro enfoque… Voto por as flores de Gedrosia..

  4. Bo día¡ Tremendísimo duelo para despedir tremendísimo par de autores. Boa imaxe tamén. Sacar algo dunha foto tan abstracta debe ser bastante romper os miolos.
    As flores de Gedrosia ofrece un estilo popular, ben pulido, do conto tradicional. Concordo con que recorda un pouco á materia de Bretaña. Dende logo, é un exercicio perfecto de estilo, cunha idea orixinal. Shotout to a onomástica, sempre gusto moito dos nomes destes relatos, e creo que non debe n ser doados de compoñer. Quizais, o único que se lle podería recriminar é algo de exposición, pero penso que introduce os elementos de forma áxil. En xeral, paréceme un relato moi correcto.
    Sidadane sero é outra volta de torca á imaxe. Creo pillar algunha referencia por aí a Mel Gibson, pero se son sincero, perdinme un pouquichiño. O rexistro oral, dende logo, esta conseguido á perfección, pero ou non fun capaz de recoller todas as pezas ou quédame algo coxo, entre tanta referencia. Penso que gana en estilo ao seu rival, pero que perde en cohesión.
    O meu voto, bastante dubidoso, vai para As flores de Gedrosia.

  5. Parabéns aos autores, realmente é unha imaxe complicada para extraer unha historia, e as dúas parecéronme moi logradas.

    ‘As flores de Gedrosia’ ten moito encanto e gústame como está narrada, entre conto clásico e crónica histórica. A idea paréceme moi creativa, e concordo en que talvez podería ser máis breve, a extensión xoga na súa contra.

    ‘Sidadane sero’ divertiume moito e arrisca no formato, pero nesta ocasión convenceume máis o seu rival.

    O meu voto é para ‘As flores de Gedrosia’.

  6. Nesta derradeira xornada da liga vou ir rapidiño para non facervos esperar. Aproveito para desculparme por ter sido sempre a última en comentar e tamén por interactuar pouco, mais a vida comeume o sentido do tempo. Mil perdóns ós compañeiros e compañeiras, e tamén á organización.
    Agora si que imos aló!
    ‘As flores de Gedrosia’ vs ‘Sidadane sero’
    ‘As flores de Gedrosia’: que ben escrito está este conto de fábula que rende homenaxe ó conxunto da liga e consegue fiar referencias doutros textos dentro da historia. Porén, resultoume algo frío e distante e non conseguín entrar plenamente na narración.
    ‘Sidadane sero’: esta historia paréceme unha marabilla. Hai humor, ciencia-ficción, xogo lingüístico e reflexión de xénero (e máis cousas) en 500 palabras. Aínda a estou procesando.
    O meu voto vai para ‘Sidadane sero’.

  7. Moitas grazas a todas polos comentarios! Quedara contento con estas flores, aínda que entendo tamén por que as críticas foron case todas polo lado da “frialdade”. Neste tipo de conto, parecido se cadra ao estilo do disco de Irmeá, o formato das 500 palabras obriga a ser moi sintético e formal, para non enlearse demasiado. Parabéns tamén a Fran por un conto que eu penso que é bastante bastante bo, coas viaxes temporais, xénero e brincadeiras lingüísticas, moi ambicioso e cun resultado moi divertido.

    Estou pensando que me apetece agora ao final facer un Top 5 dos meus contos favoritos da liga, sen unha orde concreta entre eles. Se vos apetece poñede os vosos 5 e podemos facer tamén un pequeno broche final para o torneo en comentarios. Vale, vou coller estes 5:

    Amigos da infancia.
    Alegoxandre Magno
    Os últimos
    Mamá
    A despedida

  8. Parabéns, Guillermo pola vitoria. Grazas a todes 😉 polos votos e os comentarios. A verdade é que me quedou un relato difícil de entender pola cantidade de cousas que fun metendo. Jasús.

    Parabéns tamén á gañadora do torneo. Outra que gañou a para un hipotético All Star de gañadoras e gañadores de torneo.

    Ás e aos demais dicirvos que foi un pracer descubrivos e compartir con vós esta experiencia. Agardo poder ler moitos máis relatos vosos no futuro.

    Grazas mil a César, o meu sufrido lector beta, por aguantar a miñas lerias durante estes dous últimos torneos. Foi un luxo e unha gozada. Arigatō, sensei!!

    Por seguir a proposta de Guillermo, os meus relatos favoritos vosos foron:

    A despedida
    Alegoxandre Magno
    Amigos da infancia
    Carrusel
    Doce
    Medroume a metáfora
    O concurso

    Aínda así, o que máis me gustou de todo o torneo foi: Verbas en Irmeá.

  9. Grazas, Fran! Se non é All Star, que sexa de constelación básica e pasámolo ben de novo igual 🙂
    Non esperaba quedar tan contenta con este torneo (no anterior sufrira por dar escrito algo…), e moito menos gañar! Foi un gustazo, xentiña. E mil grazas a Lois!! A verdade é que o de ter un lector beta axuda moitísimo.

    Velaquí os meus favoritos:

    Algoxandre Magno
    Verbas en Irmeá
    Kullervo
    Amigos da infancia
    Alí enterraron as vacas do Gildre

  10. Grazas a todos pola experiencia, e a Guillermo pola idea de darlle tan bo final ao torneo. Agardo que sacásedes algunha boa idea de todo isto e oxalá vernos na seguinte¡
    Os meus favoritos:
    Verbas en Irmeá
    Alí enterraron as vacas do Gildre
    Os últimos
    Medusa
    O home dos meus soños
    Aperta a todos¡

  11. Foi un pracer compartir con vós estas semanas de escrita e lectura. Grazas a todas e todos polos comentarios, suxerencias e críticas, que sempre axudan a mellorar. Aprendín moito de vós!
    Alá van os meu cinco favoritos:

    Alí enterraron as vacas do Gildre
    Mama
    Amigos da infancia
    Verbas en Irmeá
    Alegoxandremagno

    Un bico grande!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s