54. Que foi de Booty Garriga?

César Lorenzo Gil.

Ingrid Costoya publicou Anos luz sen verte a mediados do 2022, coincidindo co Día das Letras dedicado a Dosinda Areses. A historia de desexo e suor foi un éxito inmediato nas feiras do libro. Vendeu 1.257 exemplares antes do inicio do curso. Os comerciais da editorial puxaron por colocalo nos institutos, chegaron a convencer varias coordinadoras, pero para o mes de novembro xa houbera unha polémica aceda coa ANPA dun centro, que se queixou do alto contido sexual da novela, e a súa popularidade decaeu.

Ingrid compaxina a literatura co estudo para unha oposición de funcionaria de prisións. Quere rematar a novela sobre a súa nai pero polo medio vánselle ocorrendo historias para rapazada, novelas que despacha nun mes e que se van vendendo. Entre vaga e vaga de covidia visita clubs de lectura e centros de ensino.

—Non fales de Anos luz sen verte, porfa —dinlle as profes durante os encontros co alumnado, temerosas de ser vilipendiadas nalgún grupo de pais e nais no Whatsapp.


Tareixa Meicende entrou na Academia. O seu discurso versou sobre «a linguaxe simbólica, histórica e literaria da fachada de Santa María a Maior de Pontevedra». Contestoulle Xesús Alonso Montero. A resposta demorou sete horas e vinte e dous minutos.

Unha vez cruzouse polas rúas de Compostela co crítico Rosendo Neves, que fora comprar la.

—Rosendo —preguntoulle, curiosa—, ti estiveches no xurado do premio do millón de euros, verdade? Sempre tiven curiosidade por saber a túa opinión sobre unha novela que presentei. Esta última que publiquei agora, sabes?

—Claro! —respondeu oufano Rosendo—, non hei saber. Que marabilla, Tareixa. Unha espiral de evocacións, unha presada de volutas harmónicas. Aquí entre nós: puxei para que cha premiaran. Estivo a un tris da maioría. Pero ao final… que che vou dicir que ti non saibas.

—Carai, Rosendo, que amable! Non teño palabras… Diso outro, sei, sei. Estamos no país da rabia onde se ceifa o talento tan pronto sobrancea.

Pétalos de chuvia vendeu 983 exemplares en galego, 712 en castelán. En Candle non quedaron moi contentes e non volveron publicarlle ningunha obra. Para defender o seu precario posto de traballo tras o fracaso no premio do millón de euros, Malena Pizarro comentou nos mentideros e nas corralas de Madrid que Meicende «se ha pasado al Bloque, ahora es indepe y no hay Cristo que la soporte, todo el día dando la matraca con el centralismo absorbente y radial de los Borbones».


Carlos Vilatuxe peregrinou polas editoriais co seu Austral sen sorte. Finalmente, tras romperlle a cabeza durante meses, por non aturalo e talvez por esa complicidade que xera a homonimia, publicoulla Carlos Meixide. Durante unha tempada, ambos andaron co telderete de aquí para acolá vendendo e cargando caixas. Na Feira do Cocido de Lalín Vilatuxe bateu a marca de vendas do evento: 437 exemplares, amais dun cento de selfies e varias promesas de cachuchada.

—Carliños —díxolle entusiasmado a Meixide—, volvo estar no alto, no alto de todo, no mesmo cumio da Pena Trevinca, cago na Materia de Bretaña!!

Grazas á filla, atopoulle traballo á súa Lisbeth Salander en Nova York. Seica adestra programadores de bots neocon que se fan pasar por bots rusos ou algo así. De cando en vez, só polo chiste, comparten os correos e whatsapps que se intercambian o director xeral Xulio Telleiro e Patricio Aragonés sobre o proxecto de facer unha serie sobre Aymerich, que nunca acaba de atopar financiamento para a produción.


Penélope gaña unha media de dous premios literarios por ano. Perante o día quedou finalista no Xerais e no García Barros. Considéraa unha novela maldita, perseguida polas forzas retrógradas. Deixou a Lorena Vaz por Jéssica Pernas. Entre ela e Helena Camba lévanlle á subdirectora a campaña electoral para ver se gaña as primarias para ser candidata á alcaldía da Coruña.


Diana Fondevila rompeu con David Booty Garriga durante o Saló del Còmic de Barcelona. Foi velo vestido cun pixama de Pikachu e pareceulle o home máis triste e egocéntrico do mundo. Cando fuxía, perdida coma a protagonista dunha canción de Silvio Rodríguez, polos infindos corredores da Fira de Montjuïc, bateu de fociños con Miguel Cudeiro, o famosísimo debuxante de cómics. Foi outra vez amor a primeira vista.

Cando Garriga ficou sabendo, iniciou contra el unha cruenta guerra no Twitter. Amparouse nos seus 227.000 seguidores pero resultou que Cudeiro tiña 279.000, e subindo, e un mal xenio incombustible. Tratábanse do último e gastaban moito tempo chuzándose hostións virtuais entre aplausos, rexouba e rechouchíos multitudinarios.

Unha mañá de domingo que Booty se levantou cedo, máis ou menos á unha da tarde, mirou no móbil que lle quedaran pendentes setenta mensaxes de Whatsapp, setecentas mencións no Twitter e varias chamadas telefónicas.

Cudeiro (@chinescudeiro) fora colocando un longuísimo fío con extractos de «Neocórtex», feixes daquel texto árido co que Garriga e Fondevila foran enchendo as partes mortas da novela das case mil páxinas.

@chinescudeiro · 42 min

Flipo, tíos. Acabo de descubrir unha reputísima mierda de @bootyfarras. Non vos facedes idea do basurón que se marcou o moi paticurto. Unha novela top caganer que presentou a un premio, en galego, ademais. Sentade porque isto é pura fantasía creepy. Abro fío:

Durante dez longos segundos, Booty pensou que o mellor era ignoralo e facer coma se nada. Pero viu que perdía máis seguidores ca pelos do cranio conforme Cudeiro destripaba a frustrada novela que asinara Diana. Non se contivo e contestou:

@bootyfarras · 3 min

O que flipa son eu, @chinescudeiro. O Hater Soberano que deixou ADN da súa raba fedorenta en todas as barras americanas entre Vigo e Los Monegros resulta que agora vén gomitar na miña porta. E usando info privada. Brillas, eh fúinn, Lumbrera Máxima Putrefacciosa.

@bootyfarras · 2 min

Que pasa, maquinón avariado, que os teus cómics delirium-tremens non venden? Se queres falo cos libreiros e lles pido que os poñan a carón dos meus libros, para ver se se contaxian e así podes chegar a fin de mes e pagar unha piñotada nova e deixar de parecer un walking dead adicto aos chocos.

@bootyfarras · 1 min

Xa sei que o pasas mal cando alguén denuncia os teus chíos machistas, os teus debuxos misóxinos, as babosadas que levas facendo toda a vida sen que che protesten porque es o Máis Duro e prendes mistos na barba de tres días. Pero esta baixeza, man, esta baixeza!

Cudeiro fixo pública a plica onde figuraba, tal e como puxera Diana, que a obra presentada ao premio do millón de euros era de Garriga. Un dos fragmentos de Neocórtex fíxose viral. Pouco e pouco, Booty foi quedando sen seguidores; Nuria, a de Watusi, a muller inalcanzable, bloqueouno. Anuncios si fixo, de conservas Cuca e para Spagnolo Moda.

Pasado o tempo, Neocórtex apareceu, nunha versión castelá con máis galeguismos ca as Crónicas bárbaras, en edición pirata en Cusco, Perú. Cada copia converteuse en obxecto para coleccionistas, vendida na internet profunda por unha fortuna en soles. Os seus lectores, fieis, poucos mais espallados polo mundo, peregrinaban, cada ano, aos escenarios que aquela novela fixera inmorredoiros.

Fin.

En Allariz, 4 de novembro do 2020.

Un comentario en “54. Que foi de Booty Garriga?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s