Canon e sistema

Sede de Simon & Schuster en Nova York.

Javier Nogueira.

Despois de anos de traballo universitario co concepto de canon fun atopar a perfecta definición do efecto xerado na cuestión por Harold Bloom na relación entre o seu pasamento e a miña situación espacial cando este se produciu: estaba eu no medio do caos e a polarización, pechado no aeroporto do Prat asediado por Mossos e manifestantes independentistas a un tempo. Loxicamente, tiven tempo de volver reflexionar sobre o tema, algo que agora resulta moi oportuno ante o debate espertado por un cartaz dun amplo grupo de escritoras e intelectuais galegas que se presentaban nas marxes do canon e continuado excepcional e comparatisticamente nestas páxinas por Eva Moreda. 

Comenta a doutora Moreda que a súa contribución chega dende o mundo da Musicoloxía, polo que considero xusto comezar por dicir que a miña aparece dende o lado dunha teoría literaria que en 2020 podemos considerar “tradicional” ou “tradicionalista”, sen que estes termos teñan que se interpretar de xeito agresivo ou negativo. Cando desenvolvín os meus estudos de Teoría Literaria, a principios dos anos 2000, fíxeno no marco da teoría dos polisistemas de Itamar Even-Zohar e da Literaturwissenchaft de Siegfried Schmidt e o Grupo NIKOL. Non son as destes autores ideas completamente desfasadas, mais sería estúpido ignorar que, como ben sinala Richard Brettell no seu estudo sobre a arte moderna entre 1851 e 1929, un dos signos da modernidade (e da posmodernidade) é a rápida transición entre movementos ideolóxicos, estéticos e culturais de todo tipo, polo que cada dez anos atopamos trocos fundamentais. O escenario da crítica literaria, polo menos en canto ao que se refire ao mainstream, aparece dominado arestora polas ideas nadas ao abeiro dos estudos culturais e postcoloniais, e máis en concreto pola crítica feminista e a desenvolvida dende a perspectiva das moitas razas que sufriron a opresión do home branco (véxase a este respecto, sen ir máis lonxe, o recente e magnífico documental Exterminate all the brutes). Así, a análise dos sistemas pasou, na miña modesta opinión, a un lugar secundario.

Feita esta aclaración podemos pasar ao núcleo do debate, os conceptos de canon e sistema. Produciuse nestas xornadas, polo menos en canto á proposta (tería sido interesante asistir ás conferencias, pero por asuntos pandémicos a asistencia estaba limitada), un totum revolutum que non axuda moito a aclarar o panorama. “Sistema” é un concepto por definición sincrónico e “canon” é un concepto por definición diacrónico, poderiamos dicir que até secular. A interacción dos dous é complexa en xeral, pero pódese resumir nunha peza como esta, que necesariamente ten que tender á divulgación, en que dos distintos sistemas literarios agroman as obras que progresivamente conforman o canon.

A cuestión está quizais en como se produce ese proceso de decantación. Como ben describe Eva Moreda, existe unha corrente que atribúe a formación do canon a unha “teoría da conspiración” –eu iría máis lonxe e falaría dunha concepción “esotérica” da formación do canon, cos críticos a cantar o We do! da Seita dos Canteiros da popular serie The Simpsons. Ignora isto a principal achega teórica de H. Bloom, o concepto de “influencia”, desenvolvido na súa mellor obra, que non é O canon occidental senón A ansiedade da influencia. Ninguén (ou case que ninguén na actualidade) escribe nun baleiro, todos somos, nas crueis verbas de Isaac Newton, “ananos a ombreiros de xigantes”.

Porén, está claro que nin na historia nin arestora se exerceu a influencia de xeito puro, baseada só na inmanencia da obra e nos valores estéticos que esta transmite. Para os estudosos do século XXI é perfectamente coherente recoñecer a existencia dun canon da literatura occidental (no que Dante le a Virxilio, Eliot a Cervantes, Joyce a Sterne ou Akhmatova a Pushkin) e tamén que este se desenvolveu nunhas condicións de discriminación obxectiva contra mulleres, afroamericanos, indíxenas de diversos continentes e, en xeral, calquera colectivo que non entrase dentro das categorías convencionais: varón, branco, cristián e rico. Só uns poucos enxeños ou obras de cada un destes grupos conseguiron pasar da periferia social ao centro cultural ao longo da historia.

Ocorre que namentres a análise histórica da formación do canon que vimos de ofrecer é compartida por moitos (sen ir máis lonxe, Julian Wolfreys ou Irena Makaryk en importantísimas obras de referencia sobre o estado da teoría no cambio de milenio), existen aínda certas precaucións á hora de analizar cos mesmos criterios o funcionamento actual dos sistemas literarios e os procesos de canonización, que poderiamos dicir que se aceleran por razóns espurias.

Aínda que non foi unha nova que contase con moitos comentarios no sistema literario español ou galego, hai unhas poucas semanas soubemos da compra de Simon & Schuster, o terceiro grupo editorial dos Estados Unidos, por parte de Random House, o primeiro, nunha operación calculada nuns 1.800 millóns de dólares. Cando falamos de corporacións culturais e desas cantidades de cartos introducimos un factor económico poderosísimo no funcionamento do sistema literario. As obras que fan rendíbel operacións deste tipo non poden fracasar, polo que entre o autor e o público aparecen intermediarios encargados de que isto non ocorra. Non se trata dunha teoría da conspiración senón da dinámica do capitalismo máis salvaxe e non se dá só no eido cultural. E en España aínda é peor o asunto, dada a estreita conexión entre autores e grupos de comunicación nos que existen pólas televisivas, radiofónicas, publicitarias e editoriais. É por isto que, como ben sinalaba Eva Moreda, os lectores temos que aturar que cada mes saian non menos de tres ou catro “obras mestras” que van “mudar a nosa vida” ou que son “o mellor de …” (encha na liña coa súa autora ou autor preferido).

O caso é que nesta dinámica que ousarei cualificar como ultracapitalista, baseada no fenómeno best-seller, a relación entre sistema e canon estréitase pola vía cuantitativa. O que se publica en certas condicións (tal editorial, tal colección) está no centro e recibe a forza poderosísima dos medios de masas actuais, polo que as posibilidades de supervivencia a longo prazo son maiores; o que se publica nas marxes (de todo tipo) tende ao esquecemento, esmagado por operacións que nada teñen que ver co literario. 

Isto é especialmente certo para o xénero dominante, o da novela. Hai no noso sistema veciño un caso de manual, que tamén cita Moreda e que a min me gustaría ampliar: o da novela social española dos anos 50. Convivían entre os 50 e os 60 en España varios tipos de novela, como é lóxico, e tiveron un destino moi diverso. A máis vendida era a novela dos vencedores, representada polo ínclito Gironella, que caeu nun lóxico esquecemento; a novela social, de tipos diversos, que triunfou no proceso de canonicidade posterior, con nomes como Ferlosio, Martín Gaite, Ignacio Aldecoa e outros… e que actualmente só recibe unha valoración positiva na historiografía literaria española (o mesmo Ferlosio renegou dela); e a novela experimental, que só se impuxo a finais dos sesenta e por un factor externo, o éxito dos autores suramericanos –resulta famoso a este respecto o rexeitamento de Cien años de soledad por parte de Bosch, o fundador de Planeta. Cal é o efecto actual desa preferencia das editoriais españolas hai sesenta anos? Proben a procurar nas súas librarías a triloxía de Álvaro Mendiola de Juan Goytisolo, algunha novela do nouveau roman español ou, máis adiante, Larva de Julián Ríos. Non é que este corpo novelesco estea na periferia namentres a novela social está no centro: é que non existe.

O sistema literario galego, evidentemente, non é alleo a todo o que vimos de argumentar, aínda que certos fenómenos se desenvolvan a menor escala. Penso que hai un claro recoñecemento da dinámica excluínte do canon dende o punto de vista histórico… e un rexeitamento na práctica dos procesos máis actuais que vimos de comentar. Existe unha tensión, digamos “ética”, entre defender (por exemplo) a marxinalidade do discurso feminino literario ao longo da historia e a súa centralidade no sistema literario galego actual, que depende, coma en calquera outro sistema, dun reducido grupo de editoriais, xornais, universidades, críticos, etc. 

Para non ferir sensibilidades alleas, propóñolles tomar como exemplo a quen isto escribe. Para un crítico coma Javier Nogueira sería sinxelo desenvolver o discurso do outsider, cos seus tons apocalípticos (“Estamos a perder os clásicos”, “Que mal vai a educación” e demais) e mesmo usar episodios coma o recente da tradución de Amanda Gorman para facer categoría da anécdota e rematar nun Javier Marías á galega, un señor maior que rosma por todo. Sería un argumentario bizantino e falaz: formado na USC, con Darío Villanueva como mestre e crítico dun dos principais xornais do país dende hai unha década só podo aspirar a ser un intermediario tradicional dentro do sistema.

Penso que non é difícil trazar un paralelismo coas protagonistas do mencionado cartaz. Atópanse no centro do sistema: publican nas principais editoriais, participan nun gran programa cultural na RG, escriben nos principais xornais, participan nas charlas dos institutos das que deben saír os lectores máis novos… Todo isto aumenta a súa posibilidade de integrar un futuro (precipitar ese acontecemento é imposíbel) canon dos 2010 e os 2020 na literatura galega e o discurso que as coloca nas marxes soa para moitos, entre os que me inclúo, impostado ou hiperbólico.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s