‘Para toda a vida’, alta literatura cotiá

Eva Moreda.

Xesús González Gómez.

Coido que un dos requisitos indispensábeis para apreciar correctamente esta novela (Para toda a vida, Eva Moreda, Aira Editorial, Allariz, 2020) é saber practicar unha lectura repousada, lonxe de calquera présa, do desacougo de ir pasando paxinas en procura da anécdota notábel que ilumine e encadee os diversos fíos menores –e ás veces sen desenlace– que a narradora vai apuntando. Nesta novela non se narra nada extraordinario. Só hai unha serie de acontecementos que mesmo se poderían considerar banais (e que ás veces o son) e menores, que se suceden de acordo co ritmo lento da vida nas vilas de calquera época e calquera lugar.

O argumento non é resumíbel. Ou éo, dicindo que no fondo trata dunha historia de amores e desamores (amores e desamores familiares e non familiares) sen nunca erguer o ton da voz. Diciamos que non se debe procurar nesta novela a grande anécdota que ilumine as anécdotas ou acontecementos que inzan o texto. Anécdotas mínimas e acontecementos tristes vistos como épicos porque é o único que acontece, sérvenlle á narradora para constatar que o tempo e o azar das circunstancias poden minar os vínculos afectivos… Por outra parte, dá a impresión, ou talvez así é, de que a autora desta novela mide a vida cunha cinta métrica retallada que sinala paso a paso os pequenos feitos obxectivos da existencia individual e o enredo que tecen. Mais axiña nos decatamos de que nestes mínimos xestos, nesas palabras case insignificantes, está encerrada nin máis nin menos que a densa experiencia diaria que aboura e oprime a esa humanidade de niveis medios e mediocres que poboa e desordena o noso mundo.

Mentres estamos a ler esta novela, que consideramos tan sinxela, tense a sensación de que camiñamos á beira dun misterio, que nada ten que ver coas anécdotas, co argumento, con nada que teña a ver co que a practica literaria nos ten acostumados. É un misterio moito máis familiar. Como a intuición dunha raxada de tristura, de pranto esganado antes de nacer… É como a intuición dunha melancolía suscitada polas trampas vulgares que nos tenden os días. Unha melancolía chocada porque si.

Con esta novela, penso eu, entra con forza na literatura galega unha corrente, se así se pode denominar, narrativa na que eu inscribiría catro novelistas: Virginia Woolf, sobre todo a última, pola transparencia e contención; Ivy Compton-Burnett, pola sinxeleza (sic) da construción, ou estrutura, se se prefire a palabra: Olivia Manning, pola súa maneira de captar as trivialidades da vida cotiá nunha vila pequena ou mediana; e Muriel Spark, para quen os seus personaxes non teñen «historia», son, simplemente, palabras, puntos, comas, puntos e á parte, etc., é dicir: literatura (léase A entremetida). O que non quere dicir que para ler a Moreda, para ler esta novela de Eva Moreda, sexa necesario coñecer estas autoras, nin moito menos que a escritora galega lese e as asimilase a todas elas, senón, simplemente, que se inscribe (ou se instala) dentro dunha tradición que podemos facer nosa. E iso explícao moi ben Borges en «El escritor argentino y la tradición»: «La tesis central del ensayo es que las literaturas secundarias y marginales, desplazadas de las grandes corrientes europeas, tienen la posibilidad de un manejo propio, «irreverente» de las tradiciones centrales. Borges pone como ejemplo de esa colocación, junto con la literatura argentina, a la cultura judía y a la literatura irlandesa. Esas culturas laterales se mueven entre dos historias, en dos tiempos, a veces entre dos lenguas: una tradición nacional, perdida y fracturada, en tensión con una línea dominante de alta cultura extranjera» (Ricardo Piglia: «La extradición»; as cursivas son nosas, SGG). Ah!, esquecíame, sobre esta novela xa se falou aquí, moito e ben.

♦ Para toda a vida, de Eva Moreda. Aira , 2021. 144 páxinas. ♠16€

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s