Afonso Eiré e a novela brutalista

Nas marxes do sistema literario galego

Afonso Eiré. XAN CARBALLA

Manuel Veiga Taboada.

Afonso Eiré (Laxe-Chantada, 1955) foi o principal protagonista da etapa contemporánea de A Nosa Terra, exercendo como director dese semanario durante máis de 25 anos. Na última década, xa máis afastado da prensa, deu á luz varias obras que poden enmarcarse no xénero do libro-reportaxe, a máis difundida das cales leva por título Infiltrados. Pero existe tamén un Eiré literario, do cal imos falar neste artigo.

Dicimos que existe un Eiré literario porque ten publicadas xa varias novelas, algunhas das cales contaron cun destacado número de lectores, a pesar do cal quizais non pode dicirse que Eiré pertenza plenamente ao mundo literario galego. Como persoa móvese a certa distancia desa esfera, non ten publicado nas editoras máis representativas e a crítica poucas veces o recoñece como un dos seus membros.

Hai varios aspectos da súa obra que o explican. Literariamente, Eiré móstrase como un autodidacta. É raro verlle mencionar algún autor recoñecido polo canon. Como escritor non se axusta aos moldes. Comete frecuentes erros de redacción e o seu estilo roza moitas veces o vulgar. Algunhas das súas expresións poden provocar o rexeitamento de calquera lector acostumado a gozar da literatura. 

A pregunta é: resulta iso suficiente para non contar con el? Son a vulgaridade, o estilo naïf ou o ton ás veces costumista, características dabondo para descualificar un escritor? E ademais está a política. John Dos Passos dicía que “un escritor que transite ese terreo ten que estar comprometido e ao mesmo tempo gardar as distancias. Necesita paixón, pero ten que manter as emocións a raia”. E o certo é que Eiré, ás veces, deixase levar polas emocións. 

Con todo, non creo que debamos acabar aí o debate sobre a súa posición no ámbito literario. Habería que lembrar que na arte non todo o que sae da periferia, da marxinalidade ou da creación inxenua permanece sempre aí. Pensemos no pintor Henri Rousseau, alcumado O aduaneiro, quen pasou do desprezo –algúns dixeron que lanzaba manchas de pintura sobre o espectador e que non sabía combinar as cores–, a ser aceptado polos impresionistas e mesmo por Picasso, e a súa obra a ser asumida como orixinal e ben acollida polos galeristas. 

Pensemos tamén na chamada Art Brut ou arte marxinal, bautizada así por Dubuffet, por proceder de fóra da cultura oficial.

E algo parecido encontramos no mundo do teatro. O director británico Peter Brook referiuse amplamente a este aspecto. “A partir da época clásica –di no ensaio O espazo baleiro– considerouse lexítimo o teatro importante, mentres que se tivo por menos serio o teatro basto ou groseiro”. “Non obstante –engade–, todo intento de revitalizar o teatro tivo que volver á fonte popular”. 

Máis tarde tamén nos di: “O conto novo impresiona e desaparece; entón volve o conto vello. A comedia máis hábil bota raíz nos arquetipos, en mitoloxías, en situacións básicas e recorrentes; inevitabelmente está moi arraigado na tradición social”.

Permítasenos a cita ampla de Brook porque son aspectos dos que poucas veces se fala na cultura: “O teatro sagrado ten a súa enerxía, o teatro bruto ten outra. A despreocupación e a ledicia aliméntano, pero é esa mesma enerxía a que tamén produce rebelión e oposición. Trátase dunha enerxía militante: a da cólera e, ás veces, a do odio (…). O desexo de mudar a sociedade, de obrigala a enfrontarse coas súas eternas hipocrisías, é unha poderosa forza motriz”.

“En aparencia –di, por último– o teatro basto ou bruto carece de estilo, de convencións, de limitacións, pero na práctica ten as tres cousas”.

Está claro que Brook fala do teatro máis popular e dese costumismo, tropos ou tradicións, que o vinculan cunha creatividade antiga e sempre válida. De modo quizais semellante, Eiré enguedella nas súas obras contos ou fragmentos de contos populares que ten oído el mesmo, historias xa descoñecidas para a maioría do público. Da mesma forma que recorre a tipos e a personalidades coñecidas pola literatura oral, aínda vixentes neses contos de lareira ou dos momentos de descanso no traballo que o autor coñeceu directamente na súa infancia. 

Pero coidado, non nos estamos a referir a lendas do pasado durmido, senón a historias ou acontecementos contemporáneos, boa parte deles de base real ou claramente realista. Eiré poucas veces utiliza referencias anteriores ao século XX, aínda que a velocidade dos cambios no rural galego nos ofreza ás veces unha falsa impresión.

Quizais, desde esta perspectiva, descubramos que en Eiré non hai tanta inxenuidade como parecía, senón que talvez el sexa máis consciente das características da súa obra do que un pode imaxinar á primeira vista. Tamén hai, por suposto, rebeldía na súa posición, rebeldía non só explicitamente política, senón na maioría das ocasións intuída, vivida, mesmo visceral.

A súa primeira novela, Amigos sempre, ambientada no seminario de Lugo, relata os abusos sexuais de varios cregos anos antes de que este tema comezase a saír á luz. Cando Eiré publicou o libro esta realidade aínda era un tabú social, do cal os propios protagonistas se negaban a falar. Tería feito Eiré este libro de estar máis comprometido co estilo do canon e co ambiente máis oficial? Cabe sospeitar que foi precisamente a súa posición exterior a ese mundo a que lle permitiu escribir o que outros non contaran, aínda que tamén nalgúns casos coñecían.

Pero o seu mellor libro, o que mellor entronca co expresado por Brook, é sen dúbida O coxo de Vilarelle. A sociedade da segunda metade do século XX queda reflectida nel cunha autenticidade difícil de atopar en calquera outra novela galega contemporánea.

Eiré é un dos escritores que mellor coñecen o mundo rural, pero o importante é que el decidiu expresalo desde dentro. Non desde o paternalismo, as boas intencións ou o aprecio ideal da natureza, senón desde as propias normas e contradicións dese mundo. Un mundo no que os paisanos non viven illados nin saen ilesos da loita interna que toda sociedade autosuficiente libra no seu interior, un mundo no que hai coches de liña e estradas, feiras ateigadas de xente e comercio, políticos propios e políticos que veñen de fóra, conseguidores e promesas falsas. 

Esta autenticidade é a que sen dúbida explica que os libros de Eiré teñan boa acollida entre os lectores, un tipo de público popular non afeito en xeral a mercar libros e que en boa parte descoñece o canon literario, pero que non obstante coñece ben o seu mundo ou o que era o seu mundo até hai algúns anos. Un mundo que se pode emparentar co de autores irlandeses como Synge, de quen o propio Eiré axudou a realizar unha versión ao galego.

Quizais é hora de recoñecerlle o seu espazo ás obras de Eiré, por máis que ás veces nos pareza un desdentado da gramática e un descoñecedor das convencións. 

Quizais esa transgresión, esoutra cara da realidade, que tantas veces procuramos nos ambientes marxinais e underground doutros países, poidamos encontrala tamén en autores como Afonso Eiré, o que certamente nos obrigaría a volver a ollada cara a nós mesmos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s