Premios e mercado, a disputa polo mellor sitio do sistema

O buscador de libros/ANDREA PIACQUADIO/PEXELS.

César Lorenzo Gil.

Unha vez que Javier Nogueira dilucidou a diferenza entre canon e sistema, a cuestión é saber quen ocupa o posto central dese sistema, o punto onde mellor bate o sol e menos venta para conseguir o éxito (recoñecemento, atención…) como literato.

En Galicia ese “sitio” —e falarei aquí unicamente da narrativa— está en discusión desde hai moito tempo e os méritos que se supón que hai que ter para ocupalo van variando conforme pasan o tempo e as modas. Logo da chegada da Autonomía buscouse crear un modelo propio, autóctono e autosuficiente. Conseguiuse bastante rápido en base a dous labores paralelos. Con xenerosidade, algúns escritores foron ampliando a base de xéneros nos que o galego aínda era moi minoritario. Foi a época de Manuel Forcadela escribindo libros de detectives, por exemplo. Había daquela unha sensación lúdica, de brincadeira, porque a tradición literaria que sobrevivira ao xenocidio do 36 e ao franquismo fora a da alta literatura, a de Blanco Amor e Cunqueiro. Ninguén quería ser Agatha Christie, en todo o caso, Cervantes, burlándose e homenaxeando a un tempo a literatura popular para facer outra cousa. Mostra dese camiño é, entre outros, Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro, alcume de Xelís de Toro, publicada por Xerais e aínda hoxe unha das cimas da literatura humorística en galego. O experimento consegue obras de gran valor e autores que entenden dun xeito moderno como revivir a narrativa popular: Bieito Iglesias, Ramón Caride, Aníbal Malvar, Xoán Bernárdez Vilar…

E mentres tanto, en paralelo intentábase crear unha nova camada de escritores que aspirasen ao Nobel, directamente. Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Alfredo Conde, Suso de Toro, Darío Xohán Cabana, Carlos Casares, Xosé Carlos Caneiro, Xavier Queipo…

Foi unha época maioritariamente masculina e sustentada en premios literarios prestixiosos, caso do Blanco Amor e o Xerais. A falta dunha prensa diaria interesada no galego, A Nosa Terra tiña na sección cultural a súa principal punta de lanza e medios como La Voz de Galicia non podían ignorar esa estrutura que ía cobrando forza en base a dous modelos editoriais diferentes e complementarios: Xerais e Galaxia, con Sotelo Blanco e o seu editor Carlos Lema ao fondo.

A Xeración Fóra de xogo

Mais a primeiros da década do 1990 a cousa empeza a cambiar. Poderiamos escoller de entre varias datas o feito fundacional, mais coido que a principal mudanza é a creación da colección Fóra de xogo en Xerais, no 1994, promovida baixo a dirección de Manuel Bragado e na que tiveron gran protagonismo Xesús Franco e Agustín Fernández Paz.

Se até entón o cultivo dos xéneros populares se fixera dun xeito adulto e literario, Fernández Paz encabeza unha nova estratexia: dotar a docencia de materiais ficcionais (máis ca literarios) para o ensino básico e secundario. Foi unha estratexia a longo prazo, exitosa en termos de industria e fundamental para entender o que ocorreu despois. Por primeira vez na Galicia moderna o sistema editorial galego conseguía ampliar o mercado, aínda que fose mediante a prescrición e a obriga escolar.

Pouco e pouco, ese centro do sistema vaise poñendo en cuestión. Os grandes nomes anteriores perden relevancia. Un caso concreto e moi paradigmático é o de Suso de Toro, cando decide profesionalizar a súa escrita. Faino co método tradicional, intentando gañar premios, convertendo as súas novelas en acontecementos nacionais, facendo un pacto coa sociedade galega para poder sustentar a súa creación. Fracasa, entre outras cousas porque xa crebara o consenso sobre a función do sistema como granxa de cultivo de literatura moderna e en competencia coas literaturas circundantes. Galicia xa renunciara a ter os seus Saramago e Lobo Antunes. A ollada deitárase sobre Barcelona, capital editorial española, e o seu modelo.

Villar et alii

Aínda que houbo moitos pioneiros, o autor que rompe o modelo é Domingos Villar, que no 2006 publica, en varios idiomas a un tempo, Ollos de auga (Galaxia), da man, curiosamente, do irrepetible Carlos Lema. O éxito inmediato dun formato popular, conservador no formal e no temático, máis artesanal a artístico, conectou con outra parte do mercado potencial da literatura galega que podemos considerar extraliterario, mais que consome moitos libros, principalmente os best-sellers prefabricados de Planeta, motores da industria, creadores do excedente necesario para asumir a publicación doutros títulos menos agarimados polo público.

Co fenómeno Villar, Galaxia, que dirixía Víctor Freixanes, racha o reparto de papeis na edición en galego e lánzase á competencia directa con Xerais polo mercado. Este ha ser un proceso ambicioso, non exento de erros e derrotas (hai que lembrar o durísimo contexto económico que xorde a raíz da crise do 2008), mais que segue a marcar na actualidade o sistema editorial galego.

Xerais, que dominaba por completo a estratexia de captación do público infantil e xuvenil con Fernández Paz como principal activo e inspiración, durante a década dos 10 logra competir tamén na ficción adulta con nomes de éxito rotundo como Pedro Feixoo ou Ledicia Costas, entre outros.

Nesta evolución, o propio sistema non presentou resistencia. A ilusión de crear unha literatura de prestixio internacional perdeu fol. O propio concepto do que é a literatura e as súas funcións era cuestionado por moitas voces e desde diferentes puntos de vista. E as institucións creadas para sustentar a cultura galega, precarias e moi implicadas unhas con outras en todos os estamentos do mercado literario: creación, crítica, universidade e afíns… deixáronse levar.

As cifras de vendas pasaron a ser un criterio fiable do valor literario dunha obra.

“Ledicia Costas, Pedro Feixoo e Domingo Villar non escriben peores novelas ca outros escritores que se consideran canónicos”, considera Inma López Silva nunhas declaracións recentes. O sistema, de socato, séntese culpable por non ter atendido os mercados, e reacciona. Ollemos, por exemplo, algúns dos premiados no Antón Losada Diéguez, un galardón pensado para homenaxear a mellor obra literaria de todo un ano, cunha dotación económica substanciosa (6.000 euros) e unha participación diversa no seu xurado, onde hai representantes das universidades e da Academia, entre outras institucións:

2010: Domingo Villar, A praia dos afogados.

2012: Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa.

2016: Ledicia Costas, Un animal chamado néboa.

2017: Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas.

Con todo, o sistema aínda presenta resistencias. A “planetización” da literatura galega aínda non é completa. Por poñer un exemplo, o Premio Xerais, o principal certame “de marca”, que podería marcar “o que se debe ler”, en palabras do crítico Javier Nogueira, aínda permite marxe para que floreza esa diversidade. Pedro Feixoo foi finalista do Xerais coa novela que supuxo o seu boom comercial, Os fillos do mar (2011), nun ano no que gañou Xavier Queipo. As cifras de vendas dun e doutro título explican moi graficamente que o Premio Xerais non é sinónimo de rendibilidade comercial para os seus convocantes. Hai pouco Manuel Forcadela dicía que non son os autores os que gañan o Premio Xerais senón que é Xerais quen gaña cos seus libros. É unha declaración inexacta: A Xerais en moitos casos para nada lle compensou o libro que gañou o premio. Edicións que ficaron enteiras nos almacéns, libros que se esqueceron só meses despois da súa publicación.

Noutros casos, afortunadamente para a saúde da bibliodiversidade, foron premiadas obras que, sen un excelso percorrido comercial, si fixaron xeitos de facer literatura alén dos gustos maioritarios e fórmulas manidas, desde Periferia, de Iolanda Zúñiga, a Besta do meu sangue, de Emma Pedreira.

A pesar de ser un premio aparentemente máis obrigado ao comercial, as escollas do Xerais non renxen no panorama global dos premios literarios, onde tamén foron recoñecidas obras de diverso calibre e nin sempre brillou a literatura.

A cuestión presente, máis alá de dilucidar quen está e quen non no centro do sistema, en caracterizar a nosa literatura como anómala (ou non) por considerar que o seu principal baluarte temático, estilístico e ideolóxico se fragua nas aulas dos institutos, ou en aventurar se podería existir outro xeito de crear un sistema ante un contexto de marxinalidade das letras galegas (só se vende un libro en galego por cada dez en castelán), é se a literatura galega actual debe ou non “agradecer” os méritos comerciais por riba dos literarios.

O mito da marxinalidade

Existe de veras unha crítica que marxina os éxitos de vendas? Non se visibilizan determinados xéneros, coma a novela policial ou a literatura xuvenil? Pervive aquela busca da excelencia que talvez marcou o nacemento do sistema cultural moderno?

Parece que a resposta é non en todos os casos. As críticas negativas apenas aparecen na prensa, nin na xeral nin na especializada. Polo que se fai unha tabula rasa entre obras máis comerciais e obras máis literarias. Nas misións culturais que a Xunta fixo a feiras internacionais é doado ver que perfil se promociona. Que autores pasan polos despachos do conselleiro de Cultura e dos seus subordinados?

Durante a Gala do Libro 2021, o presentador, o actor e dramaturgo Quico Cadaval, guindou ao chan supostas obras de Xosé Carlos Caneiro e Alfredo Conde (ambos autores, por certo, premiados polo sistema editorial que convoca os Premios Follas Novas), quizais pensando que son eles dous exemplos de escritores do centro do sistema cultural do PPdeG. É bo, no entanto, repasar a lista de plumas invitadas ás feiras e reler a nómina dos recoñecidos durante a Era Feixoo co Premio da Cultura Galega das Letras:

2010: Agustín Fernández Paz.

2011: Arcadio López Casanova.

2012: Salvador García Bodaño.

2013: Luz Pozo Garza.

2014: Xosé Neira Vilas.

2015: Fina Casalderrey.

2016: María Xosé Queizán.

2017: Xohana Torres.

2018: Xosé María Álvarez Cáccamo.

2019: Xesús Alonso Montero.

2020: Ledicia Costas.

De todos eles e elas, só Fernández Paz, mestre e exemplo, disque, para tantos, renunciou en protesta pola política cultural e lingüistica do Goberno, política que apenas mudou na década e pico de maioría absoluta da dereita.

O centro do sistema é disputado porque lonxe del, o frío é aterrador. En Galicia non hai malditos porque a cousa non dá para tanto. Algúns escritores que, voluntariamente, prefiren autopublicar, por exemplo Alberte Momán.

O peor para un escritor ou escritora non son os zorregazos da crítica senón a xélida indiferenza coa que se reciben, se empaquetan e se devolven moitos libros cuxo efémero paso polas librarías só deixa pegada no ego dos autores.

Un comentario en “Premios e mercado, a disputa polo mellor sitio do sistema

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s