Roger Peyrefitte, un escritor aristócrata

Roger Peyrefitte.

Xesús González Gómez.

No Mercat de Sant Antoni compro o primeiro volume de Propos secrets, de Roger Peyrefitte, publicado pola Albin Michel en 1977. Compreino polo prezo, un euro –aínda que en realidade custou menos: un libro un euro, catro libros tres euros, polo que aproveitei e comprei outro libro en francés sobre o FBI e os escritores, estadounidenses, claro, do que falaremos noutra ocasión; Dos mil años de felicidad, de Maria Antonia Macchiochi, publicado por Espasa-Calpe, para matar o becho pola curiosidade de saber como se vai de Mao Ze Dong a Xoan Paulo II; o cuarto en discordia foi outro libro en francés, aínda que o orixinal foi escrito en inglés: 100 livres-clé de la littérature moderne, de Ciryl Connolly, editado por Fayard. O de por que este prezos, a primeira explicación é que cada día se venden menos libros en francés tanto no Mercat coma nas librarías de vello: hai trinta anos, e algo menos, atopábase cantidade de libros en francés, mesmo primeiras edicións de Gide (Retour de l’URSS), que me custou nos anos 90 do pasado século 250 ptas. Primeiras edicións de diversos tomos das Situations de Sartre, libros de Henri Michaux (teño dúas), de Apollinaire, teño só unha, a de O poeta asasinado, cuxa versión galega, en tradución de Alberto Allegue, publicou Laiovento, etc. etc.; mesmo primeiras edicións do escritor fascista, fusilado canda a Liberación de Francia, Robert Brasillach (Notre avant-guerre e Journal d’un homme occupé). Digamos que a última ocasión en que apareceu unha fornada (moi interesante) de libros en francés foi hai uns dez anos, e se vendían a 1,80€ o exemplar, catro libros seis euros: o fondo proviña da biblioteca Daniel Devoto-María Beatriz del Valle-Inclán (deste fondo comprei diversas edicións de poetas menores franceses do XIX, François Coppée, Banville, etc. –a de Coppée dedicada, e cunha carta manuscrita do poeta a outro poeta completamente descoñecido: nas procuras en Google, só dei con tres entradas deste descoñecido poeta–, e novelas de Emmanuel Berl e Philippe Soupault en primeiras edicións, a de Berl, Sylvia, dedicada e todo. 

Outra das explicacións do motivo destes prezos pode estar en que moitos libreiros están a baleirar os seus almacéns, e a única maneira axeitada é baixando prezos. 

Mais deixémonos de cábalas, libros en francés e os seus prezos e volvamos ao que nos trae: Roger Peyrefitte, un escritor (nado en 1907 e morto no 2000) que penso non o le hoxe ninguén, non digo xa por estes pagos –aínda que moitos dos seus libros, sobre todo novelas, estean traducidos ao español, tanto na península como na Arxentina: Sudamericana publicou un bo monllo dos seus títulos–, senón nin mesmo na súa Francia natal. Despois de xantar, bótome no sofá e paso a tarde deste domingo lendo este libro de Peyrefitte. O volume é, en primeira instancia, unha defensa da homosexualidade; logo, un catálogo de homosexuais no mundo da política e da escrita e outros submundos. A verdade, os «propos» preyfitterianos non me interesan, aínda cando afirme que o verdadeiro representante do espírito francés é un home tan afastado del como Jean-Paul Sartre, ao que admira, tanto por algún dos seus libros como pola linealidade da súa conduta: contrapono a un «farsante» como Malraux. Hai algún erro factual: René Crevel lanzándose pola xanela do palacio da comtesse de Noailles! (Crevel aforcouse na súa casa.) Afirma que tanto Pío XII, como Xoán XXIII e Paulo VI eran homosexuais, e que el ten as probas.

Peyrefitte é un deses escritores «escorados» á dereita e defensores da «aristocracia». É odiado, di, tanto pola extrema dereita como pola extrema esquerda. El, a verdade, carga contra todo e contra todos, en nome da homosexualidade e dunha concepción da literatura algo resesa. As súas bestas negras: Mauriac, Malraux, De Gaulle, Jean Paulhan, J.-F. Revel e a súa muller, Claude Sarraute (columnista de Le Monde), Saint-John-Perse, que foi superior seu no Quai d’Orsay –Ministerio de Asuntos Exteriores francés– e ao que acusa de militarista por predicar en 1937 a guerra contra Hitler, a editorial Gallimard, o xornal Le Monde (e o semanario L’Express), entre outros. 

A el o que lle gusta é alternar coa alta sociedade e, polo que conta, non é exclusividade súa: a pintora Leonor Fini –esa artista para executivos relambidos, en definición de Annie Le Brun–; Lise Deharme, Meyer de solteira, da que se namorou perdidamente Breton e ao que non lle fixo caso (para o lector de Nadja, a «dama das luvas»), entre outras figuras da «esquerda» francesa. Esta «esquerda» actúa como moitos escritores españois moi «republicanos» que se pirran por seren invitados a unha recepción real (monárquica).

Peyrefitte afirma que non pertence a ningún clan ou capela literaria, que non participa na «vie littéraire», etc. Todo pode ser certo, a min dáme o mesmo –no fondo, o único que me pode interesar é a súa literatura, e non a coñezo–, pero se non participa na vida literaria gusta de participar na vida social que sae reseñada cada semana en Jours de France (unha especie de Hola parisiense máis que francesa). Traduzo uns parágrafos «curiosos»:

«Unha recente enquisa da revista de extrema dereita Item confirmoume que gozaba, por ese lado, das mesmas hostilidades que da extrema esquerda. Esta revista consagrou un número á liberdade, póndolles aos seus lectores a seguinte pregunta: “Cales son os escritores que mellor ilustran a liberdade?”. As respostas son abraiantes! Comprobará o lector o que pode inspirar o espírito de partido. Escoite esta lista:

»”Montherlant”. Unha insensatez. Non vexo, na obra de Montherlant, unha liña a favor da liberdade.

»“Brasillach”. Afirmo que a súa execución foi unha infamia e será a eterna deshonra de De Gaulle e Malraux. Mais que non se non diga que era un partidario da liberdade, cando aplaudía o nazismo!

»“Marcel Aymé”. Quizais.

»“Céline”. É espantoso! O antisemitismo feroz de Céline é a negación da liberdade, do dereito a ser xudeu. Este escurantista da dereita, para min, que non son un home de esquerdas, asústame. Por que non citar o señor Harold Paquis, de Radio-Paris? Os señores Xavier Vallat, Darquier de Pellepoix, comisarios encargados da Question juive?

»“Charles Maurras”. Que se afirme que é un grande escritor, que o seu encarceramento foi unha ignominia, vale. Mais que l’Action Française sexa confundida coa liberdade é entristecedor. Maurras ameazou os seus adversarios cun “coitelo de carniceiro”. Este é o respecto á liberdade de opinión?

»“Jean Anouilh”. De acordo.

»“Antoine Blondin”. De acordo para o pasado, mais forma parte do comité de apoio de Mitterand, aliado do señor Marchais, que é o inimigo de todas as liberdades.

»“François Brigneau”. O redactor en xefe de Minute [semanario de extrema dereita], talvez. E que admirábel polemista!

»“Jean Cau”. Probabelmente. Non o amo. Zurreille en Des Français, porque fora agresivo, despois da publicación de Les Juifs. A súa última novela, Une nuit à Saint-Germain des Prés, en que satiriza, baixo un lixeiro veo, os costumes de Aragon, como o fixera nun número de Le crapouillot [semanario satírico de extrema dereita], é, pola súa ignorancia, unha homenaxe á liberdade de ser homosexual, cando se é o máis grande escritor comunista.[Lembremos que Cau pasou de ser o secretario de Jean-Paul Sartre a militar na extrema dereita.]

»“Pierre Chaunu”. Descoñecido no batallón [historiador, hispanista, ligado a Action Française].

»“Michel Droit”. O gaullismo recalcitrante. Noutro tempo dixo unha frase moi curiosa que debeu inspirar a Bernard Pivot: “Roger Peyrefitte non é literatura, é excremento”. Ora, encontrei o autor destas palabras na televisión hai algúns anos –despois da morte, é verdade, de de Gaulle e Mauriac– e lanzouse sobre min para me abrazar (…) Eu fun o primeiro sorprendido. A min nunca me manipularon nin De Gaulle, nin Mauriac, nin Le Figaro. Non podo xa considerar a Michel Droit como un inimigo, senón como un home de espírito que quixo reparar as súas equivocacións.

»“Jean Dutourd”. Un bravo tipo este Dutourd. Eu moqueeime del na televisión, a propósito dun libro de recordos que publicara (…) Loaba a Montherlant e no mesmo libro citaba unhas palabras súas dicindo que só era admirado polos imbéciles. O boomerang revirouse contra Dutourd. Antes de que Bernard Pivot lle fixese escoitar esta malicia, preguntaralle a súa opinión sobre min: “Ah, amo ben a Peyrefitte”. De aí a miña confusión pola trampa tendida a Dutourd por Pivot. (…)

»Pierre Gaxotte. Liberdade limitada.

»Paul Morand. Ídem

»Louis Pauwels. Evidentemente».

Para o/a lector/a que non coñeza estes autores, digamos que todos son de dereita ou de extrema dereita, e que moitos foron colaboracionistas cos nazis. Por outra parte, se sente máis curiosidade pode buscar os seus nomes na nrede.

A lectura destes Propos secrets de Peyrefitte axuda á constatación de que se hoxe, en España, se publicase unha tradución deste libro, as denuncias contra os editores (o autor está morto) por parte de asociacións denominadas cristiás –que, curiosamente (?), nunca denuncian relixiosos acusados de pederastia, o peor dos pecados, segundo Xesus Cristo– serían infinitas. E mesmo algunha denuncia sería por delito de odio!

Acabada a lectura deste «ladrillo» (ás veces lido en diagonal), collo Só un home bó, obra teatral de Raúl Dans, publicada por Positivas, pero desta peza, como do libro sobre o FBI e os escritores estadounidenses, falaremos noutra ocasión. 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s