Desafíos e carencias dunha nova narrativa popular

O disfrace de escritor popular. COTTONBRO/PEXELS

César Lorenzo Gil.

Recentemente, a través da súa columna no suplemento ‘Táboa Redonda’, do grupo El Progreso, o profesor e divulgador Manuel Gago publicaba un dato, tomado da análise que o ex director de Xerais, Manuel Bragado, fixera do informe Comercio Interior do Libro 2019. “Só o 1% de todos os libros que se venden en Galicia pertencen ao denonimado eido da ficción para adultos.

Bragado calculou esta porcentaxe cruzando a cifra de vendas de libros de ficción e a cifra de vendas do libro en Galicia, aplicándolle un factor de corrección coa porcentaxe de libro vendido en libraría. O propio editor considera que a cifra é quizais superior, mais subliña que o total de libro galego vendido rolda entre o 13 e o 15% do total.

Gago valora así a cifra: “Non é só irrelevancia, é unha sociedade virada de costas á súa literatura, case como se lle repugnara (sic). Acontece tamén ao revés? Somos unha literatura virada de costas á sociedade? En que medida vivimos nunha impostura? Hai tempo que a literatura e os escritores deixaron de ser os creadores do imaxinario nacional”.

Non é obxecto deste texto responder a Gago, nin tan sequera poñer en cuestión que a literatura cree imaxinarios nacionais hoxe en día en ningures. O que si me parece funcional é reflexionar sobre o modelo de libros con tendencia popular e masiva que hoxe se publican —e non— en Galicia.

Podemos primeiro definir a narrativa popular como aquela que, desde o inicio do seu proceso de creación, non atende a parámetros literarios nun sentido artístico ou expresivo senón á repetición de esquemas moi recoñecibles polo mercado, asentados nunha tradición narrativa de masas ao longo do tempo, cuxa principal función é entreter un público potencial, as máis das veces composto por “lectores voraces”, é dicir, persoas afeitas a un consumo rápido e continuo de produtos da industria cultural facilmente clasificables en familias (xéneros).

Non debemos confundir literatura popular con literatura best-seller, por dous motivos:

O best-seller parte da tradición da narrativa popular, mais só se converte en best-seller cando o mercado así o refrenda.

A narrativa popular pode ou non atender os vaivéns do mercado, mais o best-seller está “obrigado” a entender (case mellor intuír) a tendencia mercantil do momento da publicación para así captar mellor o seu volume esperado de vendas.

Durante moito tempo, no noso contorno houbo unha narrativa popular (a denominada literatura de quiosco) que mantivo unha canle, marxinal para o sistema cultural, mais sustentable no plano económico e cunha aceptación pública estable. Foi a época dourada da novela romántica, das novelas do oeste, das tramas detectivescas.

Se ampliásemos o foco poderiamos atopar un campo ben máis fecundo e diverso para os xéneros populares en países coma os EUA, onde a ciencia ficción ou a fantasía mantiñan publicacións especializadas de ampla tiraxe.

Hoxe en día, a narrativa popular en España está baseada en tres piares: a novela romántica (incluíndo o subxénero de novela pornográfica feminina), a novela histórica e a novela policial. Estes tres xéneros vitoriosos non só se consomen nas canles editoriais masivas senón que hai un mercado paralelo, en moitos casos gorentoso en canto a vendas, entre os libros editados directamente por Amazon, tanto en formato kindle coma en impresión baixo demanda.

Eses tres xéneros cada vez funcionan máis como bloques estandarizados. É dicir, os escritores de novela policial, por exemplo, cópianse os uns aos outros, ensaian estruturas e tramas parecidas; cun superficial estudo sería doado notar neles esas modas e tendencias que os obrigan a pasar do enigma con fondo histórico á caza do asasino en serie, do policía escéptico e túzaro ao funcionario do Estado culto e consciente do seu papel constitucional. O modelo, coma un coronavirus calquera, sofre lixeiras mutacións, hábiles mesturas ou reenfoques que, se triunfaren, provocarán unha onda de imitacións.

A produción destes libros é industrial, teledirixida polos departamentos de Marketing das grandes editoras, alimentados por unha lexión de axentes literarios cuxa misión é alimentar a maquinaria cos orixinais da lexión de aspirantes a escritor de éxito, unha materia prima tan barata hoxe que parece unha commodity.

En lingua galega, tal e como funciona o noso mercado, sen un deseño editorial básico para fortalecer a creación e difusión da narrativa popular, só nos chegará o eco do eco. Por varias razóns.

O sistema editorial é demasiado pequeno para crear coleccións e selos específicos de narrativa popular. Os catálogos da meirande parte das empresas ofrecen propostas mixtas. Velaí unha das ameazas xa moi presentes nas librarías e na imaxinación colectiva dos lectores: a lingua galega non como un sistema senón como un xénero literario en si mesmo. Obras cuxo elo común entre si é o idioma e non o tema, enfoque ou aspiracións. Hai que ser realistas, esta ameaza provén, principalmente, da situación de minorización dos libros en galego ante a produción editorial española. A propia cifra coa que comezaba este texto está moi influída polo constante aumento de novidades que chegan ás librarías en español, ocupando todas as áreas de interese do comprador de libros até abafar a produción galega, por moito que esta puidese intentar manter a aposta e producir máis e máis títulos.

Porque esa reacción, e aí chegamos á segunda razón, só podería darse a base de baixar o listón do que se considera publicable. Se o que sobran son autores de narrativa popular nas linguas poderosas, en galego pasa todo o contrario. Realmente triunfan aqueles que poden triunfar porque entenderon cales son os mecanismos que o público agradece e teñen pericia dabondo para dárllelo. Seguramente esa falta de competencia con outros aspirantes fai que moitos dos seus produtos acaben publicados sen acompañamento editorial ou a necesaria autoesixencia, mais cando na vila só hai un par de tendas e levan moitos anos mantendo a clientela, non é doado conseguir que muden o mostrador ou pinten as paredes.

As cifras de vendas, incluso para esa narrativa popular exitosa, son cativeiras. Imaxinemos un libro de moito moito éxito que logrou vender 10.000 exemplares a 25 euros. Imaxinemos que o autor ou autora perciba 2,50 euros por cada exemplar vendido. Este escenario ideal e francamente escaso é o equivalente a un ano de salario máis ou menos digno; substancioso, mais non fascinante, non tanto como para servir de engado a unha lexión de aspirantes que se esforce por conseguir produtos potentes que alimenten a maquinaria.

Pola contra, a verdadeira narrativa popular que triunfa en Galicia é a da LIX, de produción máis rápida, con menos páxinas, menos complicacións formais ou argumentais e un mercado menos connotado en todos os niveis ca o do libro en galego para adultos.

Daquela, sería posible crear un cultivo continuado de narrativa popular para adultos, conectada coa sociedade actual e en consonancia coas tendencias globais? Son escéptico.

No caso da LIX, a peza fundamental é a prescrición. Mais aínda que existen moitas canles de prescrición para o público adulto, a concorrencia é implacable. A día de hoxe, o privilexiado grupo de escritores e escritoras en galego que triunfan demostra que se pode conseguir, mais outros moitos aspirantes a best-seller quedan no camiño.

Debe a narrativa popular galega basearse na carreira polo éxito comercial ou precisa vivir a súa propia evolución? É dicir, é posible consolidar unha narrativa popular sen crear case desde a nada unha tradición? Poñendo un exemplo alleo: podemos converter a Galicia en Silicon Valley? A resposta poderiamos dála á coreana: compensando con investimento e deseño os anos perdidos.

Non penso que en Galicia a ninguén se lle ocorra crear un plan a longo prazo e con investimento público-privado para mellorar a calidade editorial da súa narrativa popular. No remoto caso de que tivésemos unha Xunta que si mirase pola cultura propia, habíalle dar máis prioridade ao audiovisual ou incluso aos videoxogos, que quizais é onde agora está o magma do imaxinario nacional do que falaba Gago.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s