Felipe Fernández Armesto e a ‘bombomanía’

Felipe Fernández Armesto, coñecido como Augusto Assía.

Xesús González Gómez.

O 15 de xullo de 1926, na primeira plana do xornal vigués El Pueblo Gallego, aparecía un artigo titulado: «A diñidá i-a crítica, o arte i-a política», asinado por Fernández Armesto –o futuro Augusto Assía, aquel que despois de fuxir en 1933 de Alemaña escapando dos nazis que lla tiñan xurada, publicou, cinco anos despois, no número 6-7, xullo-agosto 1938, da revista falanxista Y. Revista para las mujeres, un artigo titulado «Yo he visto al Fhürer (sic) acariciar a los niños» (tal é o título que aparece no sumario, no interior, o artigo, non sei se por errata de imprenta o porque así o enviou o seu autor, a frase sae sintacticamente galega: «Yo he visto al Fhürer acariciar los niños». 

No artigo do xornal galego, Fernández Armesto (que acababa de dar ao prelo a súa noveleta Xelo, o salvaxe, publicada por Lar) afirmaba que a dignidade «é a simbiosis, –millor a sinfonía entre as aicións, – internas i-eisternas– i-a concencia vixilante –que diría Ortega». A crítica, pola súa banda, continuaba o xornalista, é «a diñidá do xuicio, un xuicio cuio código é a diñidá». Máis aínda: «a crítica é a diñidá de dentro pra fora pasando pol-o filtro da concencia. Preséntame a crítica que faes e direite a diñidá que tes. As ineisactitudes da crítica i-a falta de diñidá están en relación directa».

En Galicia, prosegue Fernández Armesto, a crítica e a sinceridade «soio se poden entender co’a axuda dun-a clave estensa», a pesar de que crítica e sinceridade deberían entenderse «ó despega-los laibes!». Esa clave para entendermos as críticas galegas vén ser, máis o menos a seguinte: cando se tope co sintagma «facetas espirituales», léase «campo de desolación», se se topa coa palabra «paixón», debe entenderse «mal humor», e se a palabra é «ironía» a lectura correcta é «estupidez», e a palabra «humorismo» debe o lector da crítica traducila por «chabacanería». Só así, avisa Fernández Armesto, «trocando cada adxectivo pol-o seu correspondente, co’este orde de diferenciación» se poderá «chegar a ter unha crítica do libro a que se refire o artigo», e pensar despois «que o autor da crítica alcóntrase tan lonxe do estado de diñidá como a estupidez da ironía».

Estas «reflexións» (Fernández Armesto non usa este substantivo) viñéronlle despois de ler un artigo-crítica no que «o escritor galeguista R. Martínez López, querido amigo meu, seguindo o uso, fai un desmedido eloxio d’un libro atafegado de disparates». Se Martínez López «está ben seguro do que é poesía, continua o xornalista, terá que coincidir conmigo en que ise libro […] é un atentado con moitas agravantes, non xa a poesía, senón o bon gusto, mais ainda o sentido común». Mais se fixo esas loanzas sinceramente, Fernández Armesto afirma que entón ten que «desconfiar da capacidade mental do señor Martínez López»; e se esas loanzas as fixo «insinceiramente», entón ten que «temer da diñidá do meu bon amigo o señor Martínez, que pode creerme, i-esto si é sinceiro, me doe moito a obriga en que me puxo de dudar da súa capacidade mental ou da sua diñidá». Martínez López di moitas máis cousas e, polo tanto, o xornalista quere facer unhas observacións co título de «O arte i-a política», observacións «que deixaremos para mañan». 

O segundo artigo non apareceu o día seguinte, senón dous días despois, o 17 de xullo, co título «O arte i-a política i-o “bombo”». Iníciase este lembrando que o señor Martínez López remata o seu artigo-crítica, «que onte nos levou a un dilema tan desagradabel», con estas palabras: « En resumen o libro é un fato de contos sentidos e encol de todo belidamente apaixoados. Obsérvase porén n’ista obriña unha falla que cicais non teña siñificazón nun mozo que entra de cote na falanxe dos laboureiros da nova xeneración galega, referímonos a ausenza de senso político que oxendía adequire nos longos vieiros da nosa renacenza unha tan xurdia e valente eispresión».

Estas palabras de Martínez López fan que xurda en Fernández Armesto «outro dilema feríndoo co’a sua imposizón». Antes de explicar cal é ese dilema, o xornalista pregúnta(se) se o señor Martínez López escribiu esas palabras mecanicamente, «movido pol-o gas atasfegante do tópico», ou se antes de escribilas «medetiría (sic) e pensaría o que ia a faguer». Se o meditou, «temos que dicir que medita moi mal, e «se non-o meditou e se deixou cabalar na moldura do tópico, temos que dicir que para escribir, cando non sexan cartas a un primo ou a noiva, pra escribir nos xornais, o menos que e pode faguer é labrar o que se escribe, porque escribir con tópicos, sin asimilarse xiquera eses tópicos, é a siñificazón dun-a penuria mental moi grande».

Fernández Armesto, que si asimilara os tópicos necesarios no xornalismo para manter a atención do posíbel lector, antes de descubrir cal é o dilema que lle fan xurdir as palabras de Martínez López, volve ao libro do que este último falou no seu artigo-crítica. Ese libro (que non sabemos cal é, pois non demos co escrito de Ramón Martínez López), ou eso, como o denomina Fernández Armesto), «que o meu amigo asegura, ou polo menos di, que é un libro de poesía, un-a obra de arte, é un-a sarta grotesca de disparates chabacanos». Mais aínda así, mesmo aceptando que fose arte, continúa o xornalista, «non pode menos de faguernos dar un brinco de sorpresa o feito de que se solicite para completación dunha obra de arte o senxo (sic) político da mesma».

Non é unicamente Martínez López quen acredita nisto, «se foras ti soio quizais non serías», aínda que sexa  el o único que se atreve a dicilo, polo que «non estará de mais pois que pra eses e pra ti, fagamos unhas cantas afirmacioes, que pr’as (sic) outros tén que ser “perogrullados” (sic)».

E van algunhas afirmacións, no canto de hipóteses, que é o que debera lanzar o xornalista se quería, que non quería, xa o veremos, iniciar un diálogo ou un debate: «O arte non ten mais obxeto que o arte mesmo, non-o pode ter. Cando un-a obra de arte ten duas intencioes un-a delas deixa de ser artística, e vai –craro está– en detrimento do valor aisoluto, ou pol-o menos, das posibilidás da obra coma arte. Aquela frase de Goethe, “O que importa na vida é a vida e non un resultado da vida” podíase desprazar pr’o arte “o que importa é o arte e non un resultado do arte”. Asiñar o arte como defeito á falla do senso político é un-a estúpida herexía, que xa non se consinte en ningún sitio hai moitos anos. Eu desconfío e dinde logo non creo, no artista que pretende dar a sua obra un-a trascendenza de senso alleo a artística».

Se fose só Martínez López en acreditar nese absurdo que é «eisixir o arte aceicioes tan pelegrinas como esa do senso político», non se tomaría «o traballo de revatila i-até pode que a respeitáramos», mais como se trata dunha rutina «–non un-a rutina vulgar senón un-a rutina idiota–», na que, ademais, acreditan moitos outros (moitos eses: os galeguistas? Os outros: Fernández Armesto e os seus amigos?). Quizais por unha lixeireza, Martínez López incorreu nesa «estúpida herexía». Ora ben, todas estas cousas, afirma Fernández Armesto, están orixinadas polo afán que unha «grande parte dos xóvenes galegos sinte, de dar “bombo”, para ser remunerado na mesma moeda». E isto acontece porque para eses pobres señores «a bombomanía é […] a sustancia do triunfo». E engade: «Eu sei casos curiasos (sic) en que se chega o “autobombo”, “rimbombante” por un mozo de 20 anos, ¡que mozo! (Non asustarse que son moi discreto!) Tamén sei que cada cabeza de estes siores –que quere redimir a Galicia– lémbrame o cerril instrumento musical a todol-os minutos.// O “bombo” é a vosa bandeira. E o voso símbolo».

Que nós saibamos, estes dous artigos non tiveron resposta por parte de ninguén, porque resposta a estes artigos non se pode considerar o escrito que poucos dias despois, o 21 de xullo, e no mesmo xornal vigués, publica Leandro Carré, que asina como director-propietario de Lar. O escrito de Carré titúlase «Resposta a unhas alusiós encol da pubricacion “Lar”».   

Carré inicia o seu escrito afirmando que cando intentou a creación de Lar xa imaxinou que gañaría moitos inimigos, sobre todo aqueles aos que lle fosen rexeitados orixinais. Estes, os que enviaron orixinais logo rexeitados, enviábanlle cartas gabanciosas; despois, rexeitada a súa obra, aproveitaron calquera oportunidade para desprestixialo, e «inda gracias se me perdoan a vida». Continúa o seu escrito dicindo non saber se as publicacións anteriores a Lar morreron por falta de «medios económicos ou por non teren orixinaes dinos de seren pubricados»; polo que fose, a verdade é que ningún dos seus precedentes «chegou, nin pol-a cantidade nin pola calidade ao que Lar fixo e continúa facendo». Certo é que non todas as novelas publicadas por el son de primeiras firmas, mesmo hai algunhas que  «non son senon ensaios», mais, con todo, «moi superiores a algunhas das novelas que figuraran nas precedentes pubricacións». Lembra Carré que pediu orixinais a algúns dos «nosos escritores de sona», que non puideron ou non quixeron enviarlle nada, «privando así á literatura galega d’un arrequecimento grande». Por outra parte, o seu interese por axudar aos que comezan, se neles ve algunha boa calidade digna de alentos, fixolle acoller na colección, cousa que non lle pesa, «algúns traballos de rapaces que, ben orientados, prometes froitos ópimos para as letras galegas».

Cando rexeitou algún orixinal, sempre foi por «causas que espuxemos sinceiramente e con boa intención ao seu autor», aínda que talvez puido equivocarse e non ver a beleza que «a xuicio do autor ou dos seus amigos tivese a obra». En calquera caso, sempre obrou de acordo co seu xuízo, que non é infalíbel, e procurando sempre, como director e editor, buscar o prestixio da publicación, e iso, parécelle, merece un respecto. E quen non estea de acordo, que publique a obra pola súa conta, «que para iso ten campo sobrado». Dicir «que “algúns señores repártense o prestixio da nosa literatura” é unha parvada», xa que a media ducia de novelas curtas que fixeron «son “demasiado mediocres”, de nada valeralles que se barnicen de prestixio», pois este non se consigue mediante a propia vontade, nin pola moita fachenda, «nin xiquera pol-os bombos dos amigos, senon pol-a valía das propias obras», polo que, afirma Carré, «calquera que escriba boas novelas nada ten que temer d’eses “repartos de prestixio” que se achaca a algúns. Impoñerase pol-os seus propios méritos».

Carré confesa que se non tivese un «verdadeiro interés en contribuir á creación da novela galega, xa hai tempo que Lar houbera deixado de se piublicare», porque no canto de alentos e colaboración, só recibe «couces dos despeitados e indiferencias dos que debían de me axudare». E continúa: «En verdade non tolero impertinencias», polo que as páxinas de Lar acollerán, «como acolleron ata o de agora as novelas que, sendo de principiantes, teñan algo de orixinalidade, de beleza, de puro enxebrismo no leisico». E antes de publicar unha cousa moi ruín para despois morrer, «como din que fixeron as pubricacións anteriores, “cortando polo sano”», prefire «”cortar” primeiro, non pubricando nada moi ruín, e seguir vivindo», porque acha que «sostendo a pubricación de Lar facemos un ben ás letras e á cultura galegas».

E acaba: «E os que queiran ornear en contra de nós, que orneen».
Esquecendo por hoxe os motivos finais de Fernández Armesto (en realidade, el como os seus compañeiros de xeración –Otero Espasandín, Bal y Gay, R. Dieste e algún máis–, desde as páxinas de El Pueblo Gallego, e en plena ditadura de Primo de Rivera, visaban un inimigo moi claro para eles: os nacionalistas galegos, os galeguistas, os eses, que lles chama Fernández Armesto; para unha aproximación ao tema, remito a lectoras e lectores ao traballo de Alberto Allegue e Carme Fernández Pérez-Sanjulián, «Á volta do cosmopolitismo. Unha lectura de Arredor de si como intervención», publicado en Madrygal: revista de estudios gallegos, nº 17, 2014; diciamos que esquecendo os motivos finais de Fernández Armesto, e as puntualizacións que se lle poderían facer, puntualizacións que deixamos para unha próxima ocasión (poucos anos despois, Fernández Armesto pasaria a loar o «artista que pretende dar a sua obra un-a trascendenza de senso alleo a artística»; véxase «Os escritores galegos e o marxismo (1930-1938). O caso Felipe  Fernández Armesto», Anuario de Estudos Galegos 1999, Vigo, Editorial Galaxia, 2001, p. 11-40); esquecéndonos dos títulos en verdade moi ruíns que acabou publicando Lar, estes artigos semellan, sobre todo o dedicado á crítica, e ao bombo e autobombo, escritos onte pola tarde.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s