Santiago Lamas e a moderna interpretación da nosa identidade

Santiago Lamas e unha das súas obras máis recoñecidas.

Manuel Veiga Taboada.

A primeira persoa que me falou de Santiago Lamas (Pontevedra, 1944) e do seu libro Galicia borrosa foi Perfecto Conde, cando ambos eramos compañeiros na redacción de A Nosa Terra. Este ensaio, Galicia borrosa, editado por Edicións do Castro no 2004, é hoxe unha obra de referencia, quizais a reflexión máis completa existente sobre os distintos aspectos que conformarían a identidade galega. 

O tema da identidade foi, ao longo do século XX, un dos preferidos polos nosos ensaístas, case todos adscritos ao galeguismo. Aí están, por exemplo, Mito e realidade da terra nai, de Rof Carballo ou Para comprendermos Galicia, de Xosé Chao Rego, os dous editados por Galaxia, o que non é unha casualidade, dado que foron os fundadores desta editorial os principais impulsores do tema. Outros libros máis recentes aínda que menos coñecidos, como Galicia, raíces e compromiso (Ir indo, 2015), de Manuel Cabada Castro, abundan nos mesmos parámetros. 

Que nos achega de novo Santiago Lamas con Galicia borrosa? En primeiro lugar, unha linguaxe e unha metodoloxía máis modernas. Unha actualización do debate en todas as súas grandes liñas. A súa referencia constante a realidades e autores doutros países obedece, entre outras razóns, ao feito de que unha identidade só é definíbel por oposición ou cando menos por comparación. Velaí, por exemplo, o paralelismo que apunta entre os estudos da paisaxe de Otero e os de Brinckerhoff. 

Galicia borrosa fálanos dos temas tradicionais e doutros máis novos, sempre con agudeza. As páxinas que lle dedica á paisaxe están, por certo, entre o mellor que se pode ler sobre o tema, a pesar de que Galiza conta hoxe con especialistas na materia como Federico López Silvestre. Lamas fálanos do carballo como árbore ancestral fronte ao castiñeiro traído polos romanos; e da pataca e a camelia, tamén chegadas de fóra, pero ben acollidas aquí. Todos os temas que son moitos e ás veces sorprendentes, ás veces tamén enriquecedoras digresións, fan interesante e amena a lectura.

Por outra parte, Lamas adopta un enfoque relativista, no sentido de que nos mostra o que ignoramos ou só coñecemos en parte ou mesmo imaxinamos (“Max Jacob dicía que o seu pai inventara a maioría das tradicións bretoas”), sen esquecer por iso os datos máis contrastados. A “Galicia borrosa” é certamente borrosa (a comezar polo himno) pero non por iso Lamas deixa de utilizar os números. Vexamos un exemplo: no catastro dos anos cincuenta recollíanse máis de 16 millóns de parcelas. Ou estoutro: se nos cincuenta en Galiza non había case tractores, trinta anos despois o seu número aproximábase a 100 mil. Ao que habería que engadir, e isto non o di Lamas senón eu, que o tractor axiña comezou a desaparecer. Hai elementos modernizadores que no noso país tiveron vida durante un lapso moi curto de tempo, debido ao abandono serodio pero finalmente precipitado do campo.

Lamas móstrase, polo demais, como un bo escritor, aínda que a espesura e lucidez dos seus coñecementos aconselle un reflexivo descanso despois de ler cada capítulo.

O éxito relativo deste libro, menos en todo caso do que merecía, parece que animou o noso autor a continuar editando. Hai que ter en conta que, pese a ter publicando anteriormente varias obras en castelán, relacionadas algunhas coa psicoloxía, o certo é que Galicia borrosa saíu á luz cando Lamas tiña sesenta anos.

Seguindo xa este ronsel, no 2007 publicou, tamén en Edicións do Castro, Ferrín e outras historias, onde diserta sobre a narrativa de Ferrín, pero tamén sobre materias tan en aparencia afastadas, como Hugo Pratt e o lobishome. O que as une en realidade é a prospección psicolóxica. Hai que ten en conta que Lamas foi xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense.

Xa no 2012 deu a coñecer, en Galaxia, Fisterras atlánticas, ao noso entender o seu mellor libro, xunto coa Galicia borrosa. Fisterras atlánticas é unha obra orixinal que poderiamos clasificar como narrativa de non ficción. A xeografía, as lecturas clásicas desta parte do mundo e as viaxes mestúranse até dar pé a abundantes suxestións que nos axudan a ver a Europa non Mediterránea doutro modo. Á par das lendas irlandesas, Lamas é quen de meternos nas peregrinaxes de Otero, unha constante de varios dos seus libros, para rematar en interesantes observacións sobre os enigmas na novela negra. Se o conxunto resulta coherente é grazas sobre todo ao estilo cabal e suxestivo da voz narradora, sempre recoñecíbel, e á reiteración de moitas das súas obsesións, así como a ese fondo psicolóxico latente.

Catro anos máis tarde, no 2016, deu a coñecer, tamén en Galaxia, e en colaboración con Alfonso Mato, outra colección de textos, titulada De camiños, viaxeiros e camiñantes, temática tan querida pola Xeración Nós. Otero será de novo unha das referencias. Esta obra merecera o ano anterior o premio Ramón Piñeiro de ensaio. 

Xa a finais do 2018, a editorial ourensá El Cercano publicou De vivos, vellos e mortos, a última colección de textos que lle coñecemos.

Sirva este pequeno repaso a unha obra tan interesante para lembrar que Santiago Lamas é seguramente o ensaísta máis sólido que temos no que respecta á temática identitaria. Unha das súas características máis atraentes é o seu punto de vista poliédrico, a través do que se complementan o local e o universal. Trátase dunha escritura reflexiva e certeira, resultado de moita experiencia e moitas lecturas e que tampouco esquece o humor.

Un comentario en “Santiago Lamas e a moderna interpretación da nosa identidade

  1. Leremolo

    O 07:24, xov., 3/06/2021, BiosBardia escribiu:

    > @cequelinhos posted: ” Santiago Lamas e unha das súas obras máis > recoñecidas. Manuel Veiga Taboada. A primeira persoa que me falou de > Santiago Lamas (Pontevedra, 1944) e do seu libro Galicia borrosa foi > Perfecto Conde, cando ambos eramos compañeiros na redacción de A Nos” >

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s