O autobombo e Fernández Armesto

Felipe Fernández Armesto, xa na vellez, cando era máis coñecido como Augusto Assia.

Xesús González Gómez.

Polas mesmas datas en que escribía Felipe Fernández Armesto os dous artigos dos que falamos a semana pasada, publicábase en Lar a novela da súa autoría Xelo, o salvaxe. Lin esa noveleta hai moitos anos, a inicios dos setenta e xa non me lembro de nada, o que quere dicir que, cando menos, non me «impactou», por usarmos un verbo que lle gusta a moita xente e que, persoalmente, me parece horroroso. Daquela non lin só esta noveleta, senón, todos corridos, os 24 primeiros títulos de Lar, que estaban encadernados, que pertenceran a Vicente Risco e que obraban en poder de Manuel Casado Nieto. Algunhas das noveletas tiñan apuntamentos manuscritos do seu primeiro propietario. Desas anotacións só lembro a que fixera Risco ao final da novela Ana María, de Xoán Xesús González. Digamos que Risco pensaba que o autor de A modelo de Paco Asorey era un bo rapaz pero que escribía moi mal.

Segundo o Diccionario da Literatura Galega I. Autores, coordenado por Dolores Vilavedra e publicado por Galaxia en 1995, a noveleta de Fernández Armesto «desenvolve o proceso sentimental e intelectual dun rapaz de aldea e do fracaso das súas utopías socializantes; isto, no marco duns amores aparentemente idílicos pero que chegan a ser causa de dúas mortes, unha delas é descrita con crueza e un detallismo que lle dan á escena un aire naturalista insólito nas novelas da colección». Para Carballo Calero, opinión que se reproduce na entrada dedicada a Fernández Armesto no devandito Diccionario…, nesta narración «mestúranse o modernismo, costumismo e naturalismo». Así será, aínda que moitas das opinións que se verten neste dicionario hai que colocalas entre aspas, parénteses e corchetes, e tampouco estarían de máis un par de guións. Como dicía ao principio, non lembro nada desta novela e agora non a teño a man para relela e poder emitir unha opinión; cando a lectura deses 24 titulos de Lar, sei que me chamara a atención a obra de Lesta Meis Manecho o da rúa, tanto foi así que, aproveitando a lectura de Estebo do mesmo autor, fixen un escrito que se publicou nun xornal galego no que esqueceron pór a sinatura do autor de tal escrito, é dicir, a miña. 

Sobre a obra de Fernández Armesto cando se publicou, só coñecemos tres escritos, un publicado en El Pueblo Gallego o 18 de agosto de 1926, titulado «Xelo, o salvaxe», e asinado por R. D., é dicir, Rafael Dieste:

«O mais inquedante diste esquicio de novela derradeiramente pubricado pol-a revista “Lar” é a persoalidade do autor. O mais zugoso e grato, a sua brincadeira e sensualísima lingoaxe.

»Inquedante non sempre ha de sinificar soturno, treboento nin tremebundo. Unha volvoreta a rebuldar na luz, diante dos ollos, un neno cheo de risa e de susto, cabaleiro dun valo, unha vela latina albiscando no mar saltadeiro, todo o que incita e promove degoros punzantes e ledos pertence á categoría do inquedante, mais que caia pol-a parte da solaina. Umbría e solaina fan a crista irónica. Fernández Armesto non se topa, pol-o dagora, nisa crista.

»O seu estilo é sempre, pol-o dagora, perfeitamente serio e convencido –por veces arroutado, e sempre eufórico– talmente como auga de fervenza caindo na mañan crara.

»Fernández Armesto fálanos de Xelo o salvaxe como d’un amigo de sempre cuios “casos”, ainda algúns arripiantes, lembrara con íntima adhesión e plea sinxeleza. Nin un soio intre se pon a escismar en col da licitude moral do que fai Xelo. Iste persoaxe, tan rudo nalgunhas decisioes, paresce comportárese con tan fonda “inocenza”, obedecendo a pulos tan perenes e límpidos, que a nosa estimativa, colleita de surpresa, non se rebela nin dubida.

»Ainda dempois de rematada a lectura, cando nos dispomos a pensar en Xelo e no que sinifica con mais liberado sosego, a cara moceiril, tranquía e nada sospeitosa dos que escriben a sua hestoria sainos ó paso tan campante que todol-os reparos esnaquízanse en risas cristaíñas. E ainda que fagamos por adicar pranto comprido ás vitimas de Xelo, a ideia inquedante e xocunda de que Xelo é bo –como han de ser bós alá adentro os lobos do monte, mais que digan as ovellas– non nos deixa chortar nin cavilar por outros vieiros.

»Da lingoaxe ainda temos que engadir ó dito no comezo ista ouservación: Armesto non se amedoña diante das hipérboles, tan sinxelamente as di que perden o seu caraiter hiperbólico para alcadaren nidia e fulgurante forza evocadora.»

O outro escrito apareceu no xornal El Compostelano o 21 de agosto daquel ano de 1926 e asinábao o antes mencionado Xoán Xesús González. Era un artigo titulado «No vieiro da nosa cultura» e dividíase en tres catro parte: «Limiar», «Dos arquivos do trasno», «Xelo, o salvaxe» e «Galaxia». Reproducimos as palabras do limiar:

«Compre que escomencemos a dar máis valimento, máis acollida, mais agarimo, as nosas producións literarias e artísticas, da que deica o de agora se lle veu doando.

»Porque é mester facer chegar ao coñecimento de todos os galegos o outo valor que en si leva iste noso momento de vida, inquietado polas arelas máis xenerosas e polos ideales máis vivos e vivificadores. O nodo libro témolo abandoado, esquencido, menospreciado, cando todos os pobos do mundo atenden con todo interés, con todo afán, con todo o cariño a intensificación das suas letras, das suas artes e de todas as suas manifestacións intelectuales, para millor acadar un valimento que lles dé carís universal e os poña no prano da verdadeira vida.

»Temos abandoado o noso libro por ter abandoada a nosa inquedanza. Tivemos abandoado o noso libro, pero deiquí en diante, non vai acontecer o que veu acontecendo deica o de agora,. A xuventude ten un craro conceito da vida e vai dar ao pensamento  galego outra acentuación, outra tónica e outro vieiro»

E veñen os tres apartados seguintes, que son pequenas notas sobre libros. Dos Arquivos do trasno, Xoán Xesus González di que «nel refrexada está toda a galana xentileza de Dieste: un pensamento ben normalizado, unha intelixencia que xamais esbarra, unha crara e franca maneira de ollar as cousas e un gusto depurado, dino para decilas». «Galaxia» é o comentario sobre esta colección de novelas curtas que nacera aquel 1926 en Ourense, facendo fincapé na noveleta de Ramón Otero Pedrayo, «un xove escritor de moi vasta cultura e de unha sabenza cubizosa. É un dos homes da Galiza de mañán. Pero noutro terreo moi diferente a o do Dieste, por certo. Os dous teñen o seu valor, pero os dous ocupan difrentes pranos niste momento da vida galega».

De Xelo, o salvaxe, Xoán Xesús González escribe: «Lar […] deu a o púbrico no seu derradeiro número a pirmeira noveliña curta do noso hirmán máis querido, Felipe Fernández Armesto. O xesto literario de iste rapás inquedo, ten a beleza do xesto de un predestinado. A sua laboura de todos os días como xornalista, acreditao, como un valor que nace para cumprir unha outa finalidá. En Xelo, o salvaxe, Armesto non se revela, afírmase, tonifícase mais, acusa con mais agudeza as suas condicións de bo escritor.

»Unha das condicións que adornan a iste xoven con cara de neno, é a de estar moi ben ourentado, de dispor de unha perspicacia afervoada, femente. Todos os seus además, son revelacións de outras tantas inquedanzas que lle gurgullan na alma. Xelo, o salvaxe, é un ensaio de novela, é unha intención merecente de unha quenturenta acollida: é unha inquedanza. É o mismo Armesto, porque Armesto é unha inquedanza; por iso se nos fai intersante, por iso nos rouba un pouco de simpatía e un moito de amistade. Armesto é o que debe ser todo xove ben nacido e un pouco ourentado; un inquedo que se amostre en todos os momentos da vida».

A última «recensión» que coñecemos desta obriña de Armesto apareceu no órgano das Imandades da Fala, é dicir, en A nosa terra, no número 228, correspondente ao 1 de setembro daquel 1926. Velaí o que escribía o anónimo redactor desta recensión (Víctor Casas?)

«Este escritor mozo, un dos rapaces de mais valimento da mocedade de estrelas que â palestra do galeguismo integral están xurdindo día a día, escribiu a sua primeira novela para o número 23 de Lar.

»Fernández Armesto é un nome familiar xá entre quenes interesámonos pol-o rexurdimento da literatura galega pol-a laboura periódica que en El Pueblo Gallego de Vigo ven facendo con traballos encol de diversas materias todos escritos na nosa fala. Até o d’agora non tiña pasado de ahí. Con Xelo, o salvaxe quíxonos amostrar a sua capacidade para empresas de mais importancia e afellas que o conquireu ao primeiro ensaio pois Xelo, o salvaxe é unha noveliña que está ben, moi ben de forma, [de] léxico, ten un argumento que intresa e en conxunto deixa no leitor unha impresión fondamente agradabre e a seguridade de quen a escribiu pode chegar lonxe no camiño das letras galegas.

»Tal é a nosa opinión encol Xelo, o salvaxe e comprácenos agora enviar unha cordial embora ao seu autor co degaro de ollar axiña novas produciós da sua capacidade perfeitamente demostrada»

A reprodución destes comentarios sobre a noveliña de Fernández Armesto non é para sinalar, por exemplo, que non se pode facer de profetas, ou para remarcar que segundo os comentaristas, o autor era –polo que escriben– máis interesante ca a obra, ou que estes «ensaios» de recensión parécense moito a demasiados que aparecen nas publicacións galegas –no sentido de irse, case sempre, polas nubes–, senón simplemente para sinalar que os amigos de Fernández Armesto cando falaron da noveliña deste usaron do bombo e, no fondo, do autobombo: evidente, o futuro Augusto Assia non ergueu a palabra para protestar, o que tamén semella que acontecera onte, como cando, por exemplo, un escritor denuncia os premios literarios, mais se o gaña el, o premio foi, non só merecido –o que se dá por suposto–, senón que remata loando a honradez do xurado, etc.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s