A máquina de facer sinopses

ALEX KNIGHT/PEXELS.

César Lorenzo Gil.

Hai semanas, Patricio Pron, o excelente escritor, crítico e teórico da literatura arxentino, daba conta, en El País, dun bot creado pola Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) capaz de crear recensións de libros inexistentes. O mecanismo artificial aínda era rudimentario, mais conseguía combinacións adoito ben expresivas mediante o uso da linguaxe dos resumos editoriais (os famosos textos das contraportadas dos libros) e do distanciamento propio dunha máquina.

Tal enxeño é só un máis dos moitos intentos por automatizar a escritura, entre os cales sempre terá un destaque especial aquel programa de Berto Yáñez que compuña poemas “á galega” con gran fidelidade a certo estilo, entre críptico e preguiceiro, que aínda reina en moitas das obras que decotío se publican en Galicia.

Pron, entre outros, ten reflexionado dabondo sobre a contradición dun sistema literario que cada vez tende máis á estandarización das súas propostas, mais, que pola contra, acentúa o concepto de autoría. Hoxe, máis ca nunca, cada persoa/autor é a súa propia marca, mais as características desa marca non se atopan no seu discurso, na súa obra, senón na súa propia persoa. Nalgúns casos, ese autor consegue individualizarse entre os máis grazas a algún elemento autobiográfico que o converte en atractivo. Eis o modelo autoral que cultiva a editorial catalá Blackie Books, onde practicamente todos os seus libros pertencen a persoas “con algo que dicir” grazas ás súas vivencias: un xornalista que lle escribía os discursos a Manuel Fraga, un xornaleiro andaluz que escribía a bolígrafo…

Mais noutras ocasións, a diferenza non é propiamente biográfica senón competitiva. Quedan na memoria aqueles nomes que máis se esforzan por “aparecer”, por estar nas redes sociais, nos medios de comunicación, asinando nas feiras ou presentando os libros onde faga falta: librarías, salóns de actos municipais, clubs de lectura, pregóns nas festas… Este autor omnipresente fáiselles familiar aos lectores, que incluso teñen a ilusión de que comparten espazo e esfera mediante a comunicación, como fans, co seu ídolo literario. Este tipo de autores perden a súa personalidade como seres humanos. A súa identidade dixital acaba por confundirse coa súa actividade de promoción das súas obras. Están obrigados constantemente a producir contidos sobre si mesmos en relación cos libros que publican. É doado atopar exemplos deste tipo de autores a pouco que paseemos polas súas contas nas redes sociais ou escoitemos/leamos algunha das entrevistas que conceden.

E a obra? Como destacar unha obra en concreto de entre todas as obras máis ou menos parecidas?

Nas máis das veces, esa singularidade do autor consegue que a obra se beneficie automaticamente. Véndese tal libro porque é de “X” ou “Y” e o lector xa sabe o que pode esperar dese autor.

Noutros moitos casos, especialmente cando o autor non é coñecido (aínda non creou a súa comunidade lectora) ou é de fóra (e polo tanto non está en condicións de creala), os departamentos de márketing das editoriais deben crear o engado, facer atractiva a obra en base á idea na que tal obra se sustenta. A sinopse, polo tanto, é fundamental. Como di o editor e crítico Constantino Bértolo, non hai libro que mellor se venda que aquel que se pode contar en cinco liñas, en vinte segundos.

Vivimos, polo tanto, a era dourada da sinopse. Mais xustamente, nunha época onde hai boas sinopses cada día en todas as partes: noticias de xornal, reportaxes de televisión, rexoubas na fila da peixaría. Noutra xeitosa contradición, o comprador de libros (e isto dáse tanto na narrativa coma no ensaio e no libro divulgativo) procura esa pílula que diferencie este libro daqueloutro para poder compralo. Mais dabondo próximo, dabondo familiar para non perder o fío e o interese.

A sinopse vólvese unha sorte de cálculo combinativo entre todas as posibilidades narrativas dunha situación humana. Igual que faciamos lids na Facultade de Xornalismo para mellor contar a realidade: Quen-que-onde-cando-como-por que-para que. Respondendo estas preguntas, unha novela ou ensaio teñen xa o camiño promocional andado. O que se valoriza nas librarías é o motor de arranque, o resto da mecánica vén dando igual. De aí que á maioría dos libros lles sobren páxinas.

Como explicou en Biosbardia Manuel Veiga Taboada, hai un pacto tácito entre a inspiración e o “tema” dunha obra que dura o que dura. Maratóns concibidos coas ferramentas dunha carreira de velocidade. Este problema non é privativo de ningunha lingua e revélase incluso nos catálogos supostamente máis prestixiosos, con moitas obras que se “venden” a través dunha sinopse que, unha vez exposta nun libro, evapora.

Mais como dixemos, esa industria editorial que, no caso español, publica ao redor de 1.000 novidades por mes, precisa de sinopses e máis sinopses atractivas. Cómpre, polo tanto, unha máquina que dea combinado todas as posibilidades e que atope unha volta de porca máis alá da intelixencia humana, que relacione dun xeito cuántico cinco, seis, sete elementos existentes para facelos atractivos para o lector con memoria de peixe que necesita “devorar”, “engancharse”, “quedar sen alento” con cada nova lectura.

Talvez logo se poida crear un artificio para encher páxinas a base de frases feitas, diálogos intrascendentes e sobreadxectivación; pero a día de hoxe hai humanos que fan isto tan ben que quizais non compense investir nese eido senón recrutar redactores mecánicos que pasen a xornada laboral escribindo “de oído”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s