Novelas populares futuras: unha fantasía

Escribindo. RON LACH/PEXELS.

César Lorenzo Gil.

Como xa está moi perto o verán e o descanso estival para Biosbardia, pídolles aos lectores licenza para deixar a rumbo a imaxinación, esquecer os límites do mercado galego e facer unha proposta de títulos e series que lles engadan cor aos andeis das librarías. Dixen que seguramente o futuro da narrativa popular está nas series e nos videoxogos, mais a cultura galega segue a andar mal de diñeiro e a do papel é a industria cultural máis barata de todas. E se cadra, a única na que a lingua galega poida estar presente a pesar das voraces bocas do comercio.

A día de hoxe, a maioría das propostas non teñen mercado en galego nin tampouco autores capacitados ou que queiran capacitarse para desenvolver tales proxectos.

O primeiro que quero é escritores que amarren dentro dun caixón “o literario”. Que nin se lles ocorra lanzar unha metáfora mediocre e que se autolesionen (levemente, claro) cada vez que coloquen un adxectivo innecesario, un adverbio de máis, un diálogo sen substancia, unha subordinada reiterativa. Que eviten os castelanismos, sobre todo os gramaticais, que son os máis ferintes, mais que intenten escribir con frases e palabras que use a xente, sen esas restras de enxebrismos obsoletos que cheiran a alcanfor (NON ÁS VERBAS BELIDAS). Borrade de cada frase as frases feitas.

O segundo, editores que editen. Que lles tiren das orellas aos seus autores, que os animen… a borrar e reescribir. Que se preocupen por reducir o número de páxinas que só conteñen palla, que lles sinalen os erros de raccord e os traian de volta ao presente desde ese pasado de falsa modernez e posmodernez no que habitan.

Prestaríame unha novela erótica de Iolanda Zúñiga. Coa carne a suar en cada liña. Parágrafos que latexen por extenuados, excitados e exóticos.

Esperaría polos noir de Héctor Carré, con personaxes sórdidos e tenros, asolagados en tramas labirínticas onde, malia todo, sempre gaña o poder.

Non quero xa máis novela policial, e menos as odas “a la Guardia Civil”. As únicas novelas protagonizadas por policías que me interesan deben levar o látego de Bieito Iglesias,

Non quero panfletos políticos, ideolóxicos, socioloxía de Facebook, sermóns laicos nin boas intencións.

Non quero novelas nas que non pasa nada até a páxina 80 nin autores con síndrome da rotonda. Que se decidan a escoller que saída van tomar antes de escribir 50 folios de nada.

Devezo por novelas de aventuras, pero ambiciosas, non desas que se escriben en dez días para ver de gañar os 3.000 euros dun premio calquera.

Anceio novelas de ciencia ficción, as que lles quedaron por facer a Pepe Miranda ou a Moncho Caride.

Por favor, novelas históricas escritas por alguén que fixese co reino de Galicia o que fixo co reino de Francia Maurice Druon, alguén ao xeito de Antonio López Ferreiro, pero máis canalla e retranqueiro. Sei, como dixo Alfredo Conde, que a novela histórica practícase pouco en galego porque dá moito traballo. E, engado eu, o novelista histórico galego sempre habería de ir contracorrente das tendencias españolistas que dominan o mercado. Mais é quizais neste ámbito no que a literatura aínda pode dicir algo no relativo ao imaxinario nacional.

Tamén sagas de fantasía. Con mapas e árbores xenealóxicas; destemidas e libres de Tolkien. Novas voces que teñan en conta o traballo feito por Sabela González, Xesús Manuel Marcos, outravolta Xosé Miranda.

Xosé Miranda: Estráñoo tanto. Era pouco ir sacudilo coma un saco e obrigalo a rematar o que está a escribir. Non é xusto ter nos labios a esencia de Morning Star durante tanto tempo, o universo de Historia dun paraugas azul e hoxe en día, xa nada. Miranda é o noso principal Bartleby, un luxo que a nosa narrativa popular non se pode permitir.

Arelo os relatos nocturnos, atravesados e cinematográficos. O rastro de Fran Alonso e Aníbal Malvar. Unha épica do oculto que axude a renovar o noso léxico, que reivente o galego dos novos poñendo a orella e non consultando o DRAG.

E para terminar, deixo unha listaxe, persoal e incompleta, de escritores populares, artesáns e mestres, que oxalá de aquí a pouco conten para nós como autores da biblioteca galega: Patricia Highsmith, Glendon Swarthout, J. G. Ballard, Leo Pérutz, Dorothy B. Hughes, Umberto Eco, Daphne Du Maurier…

E convido a ler a Jorge Ibargüengoitia, Alberto Fuguet, Manuel Puig, Rubém Fonseca…

Un comentario en “Novelas populares futuras: unha fantasía

  1. Pingback: As novelas populares boas (e mailos que as escriben) – A PEQUENA NOVELA GALEGA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s