Dez libros recomendados para o día de San Francisco de Asís

César Lorenzo Gil.

Desde hoxe, Biosbardia acollerá un “top ten” de libros actuais que variará cada semana. Haberá novas incorporacións e reordenación dos postos. A sección responde á demanda de moitos lectores e lectoras, que pedían recomendacións para escoller entre toda a oferta posible que, afortunadamente, se pode achar en lingua galega nas librarías.

Esta listaxe baséase unicamente nos meus criterios críticos, formulados a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. Nesta, por ser a primeira, ese prazo é flexible. A lista publicarase todos os luns. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Berta Dávila.

1

Illa Decepción, de Berta Dávila. Galaxia

Unha obra tecnicamente impecable. A autora está ao tanto das últimas tendencias da literatura mundial e actualiza as letras galegas con códigos e maneiras de narrar contemporáneas. E todo iso sen perder a capacidade de conectar cos lectores a través dunha vivisección da cotidianidade que resulta moi natural e incluso cunha aparencia espontánea.

2

As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. Galaxia

Premio Eduardo Blanco-Amor de Novela longa 2020. Un fresco histórico sobre as condicións das mulleres no século XIX escrito con experimentado pulso narrativo. Mellora en canto a autora se distancia do contado. Excelente ambientación histórica, con especial atención ao cotián, ao doméstico, tantas veces deostado na literatura actual. Moi atinada tamén a presenza de referencias ás voces literarias da época, caso de Rosalía de Castro.

3

As mellores tendas de Madrid, de Manuel Veiga Taboada. Xerais

Retrato de Vigo durante a crise económica do 2008. Un exercicio de meticulosa observación literaria sobre os espazos do día a día; retrato dunha clase social obrigada a reaccionar a mudanzas ben profundas. Valéndose de fórmulas aparentemente desgastadas, como a linguaxe xornalística ou enciclopédica, o autor logra insuflar literatura cun relato irónico (e contido) que o emparenta con Joyce e Grosz a un tempo.

4

Rapazas de Polar, de Eva Moreda. Morgante

A versión que se publicou en papel é claramente distinta da que foi aparecendo, por entregas, nas páxinas de Biosbardia. Mais en esencia esta obra garda a esencia e obxectivos. Unha obra que consegue, de verdade, máis aló dos tópicos manoseados cos que batemos día a día, unir unha novela de grande altura literaria e modernidade absoluta coa propia cerna da nosa identidade; non a través dos grandes discursos senón mediante a ollada entreaberta sobre unha pequena comunidade nun momento de gran convulsión.

5

A Barcelonesa, de Xabier Paz. Xerais

Novela construída en dous niveis de lectura mediante un vello, mais efectivo, truco narrativo. O autor demostra que hai camiños alternativos á novela convencional, neste caso á de tipo autobiográfico ou memorialístico. Nun momento no que abundan as obras cuxo interese principal é a lembranza da microhistoria de Galicia no último século, esta novela demostra máis ousadía e acerto ca a maioría das súas contemporáneas.

6

Os sangues, de Audrée Wilhelmy. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Unha obra inquietante e valente. Unha exploración literaria sobre o desexo. Entre tanto libro que quere ser bálsamo ou simple correa de transmisión de pensamentos evidentes ou masivos, unha obra coma esta, talvez inclasificable, recorda o sentido último da literatura: tocar no óso e arriscar, tanto nos temas tratados coma, sobre todo, na maneira de expresar as situacións que viven as súas personaxes.

7

A arañeira, de Joseph Roth. Tradución de David A. Álvarez. Irmás Cartoné

É unha boa nova que, pouco a pouco, a biblioteca galega se vai arrequecendo con obras fundamentais da literatura universal. Por buscarlle un punto positivo ao atraso xeral no eido da tradución, podemos dicir que podemos desfrutar destas obras incuestionables coma se fosen novidades e, polo tanto, inserilas nos andeis máis vistosos das librarías para que moitos lectores galegos as descubran como recentes. Esta novela, máis alá do seu valor anticipatorio sobre a deriva nazi da Alemaña dos anos 20, mostra un Roth, malia ser esta a súa primeira obra, en plenas facultades para a narrativa, cunha gran capacidade para poñer ao servizo da literatura o seu dominio das técnicas xornalísticas e o seu instinto para captar o fundamental nas súas personaxes.

8

O perfume, de Patrick Süskind. Tradución de Patricia Buxán Outeiro. Kalandraka

Houbo unha época na que se podía combinar a ambición literaria e o alcance comercial. Aquel tempo rematou, agás excepcións, xa hai ben tempo. Esta novela ambientada no París do século XVIII, foi unha das últimas grandes novelas europeas que atrapou a crítica e o público. No 1985 a súa fama prendeu en toda Europa e agora por fin podemos lela en versión galega. Novela con vocación popular, fiel aos mecanismos clásicos da narrativa sobre o mal. A capacidade de Süskind para trasladar con palabras o poder do olfacto deixou pegada en moitos epígonos e deixa obrigada marca en quen lea esta obra.

9

Contrahistorias de Galicia, de Antonio Reigosa. Embora

Premio Follas Novas 2021 na categoría de libro ilustrado. Aínda que o formato non é habitual e pode confundir o lector sobre o público obxectivo deste libro, o certo é que paga moito a pena embarcarse na viaxe alternativa que propón á cultura galega a través de retratos de personaxes, as máis veces pouco coñecidos ou marxinais, mais que gardan tamén a esencia do que foi ou quixo ser este país.

10

Os libros que hai en min, de Emma Pedreira. Cuarto de inverno

Non é habitual en Galicia a publicación de libros relacionados co propio labor das persoas que se dedican á literatura. Esta obra foxe do academicismo, máis ben emparenta cun libro anterior da autora, Bibliópatas e fobólogos (2017). Un moi interesante percorrido autobiográfico, desenfadado e radiantemente subxectivo sobre as lecturas que marcaron a maneira de ver a vida da escritora.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s