Un verán de lecturas

Mircea Cartarescu.

Eva Moreda.

4 de xullo

Solenoid, de Mircea Cărtărescu, é o primeiro libro do verán: fíxome pensar, moitas veces, no Nembrot de José María Álvarez Pérez. Son novelas que, de xeito apresurado, se poderían cualificar de postmodernismo with a heart ou máis ben with roots. A medida que se vai lendo é inevitable pensar que do que vai Nembrot é de Vigo e do que vai Solenoid é de Bucarest, e todo isto sen que ningún dos autores queira (ben an contrario) facer novela pintoresquista deste tipo que campa tanto, por exemplo, entre os autores de novela policial. Lévante para aí (para dentro da súa subxectividade, claro) e pouco lles importa o que ti teñas que dicir como lector.

Gustoume tanto a novela que por un momento pensei en aprender romanés para lela no orixinal, pero axiña abandonei esta peregrina idea: xa teño bastante co que teño.

10 de xullo

Despois de Solenoid, púxenme con Trieste, de Daša Drndić (croata), porque, mirando na biblioteca o resumo da lapela, pareceume que sería unha especie de novela middlebrow cun pouco de pretensións, das que adoitan gustar ás lectoras do Guardian (entre as que me contaba, pero xa non). Parecérame que precisaba de ler algo menos absorbente que Solenoid, pero con Trieste errei de todo (teño que dicir que o que escribiu o resume non lle fixo á novela ningún favor). Esta é unha novela que me lembrou, así por dicilo resumido, a Magris, Sebald, Luce d’Eramo e Primo Levi. Algo de postmodernismo de intercalar listas e mesmo partituras de cancións no medio da narrativa, pero todo feito con respecto, con senso e con tino. O trasfondo é o Holocausto na comunidade xudeo-italiana do Adriático, e desde logo que isto non é Holocaust porn: ben ao contrario.

12 de xullo

Enemies, a love story, de Isaac Bashevis Singer, parece que foi, finalmente, o meu libro de rebound. Non é que sexa todo un paseo, por suposto, pero a estrutura, a linguaxe e o ton (polo menos na versión en inglés) son tan clásicos (comedia dramática de Hollywood, por dicir) e están tan ben executados que ao ler dáse unha familiaridade que, desde logo, é moito máis difícil de sentir con Trieste. Houbo unha pasaxe que me gustou: cando se nos presenta a Tamara, a esposa que o protagonista deu por perdida na Shoah (e á que non chorou moito tampouco, porque xa desde antes de 1939 non se levaban); di IBS que era o tipo de persoa que se fixo comunista cando estivo de moda ser comunista, sionista cando tocaba ser sionista; logo, cando o antisemitismo empezou a se facer evidente, fíxose xudea ortodoxa.

13 de xullo

Para facer un descanso mentres busco outro libro grande, lin Mudanza, de Xurxo Chapela, no día; mandáramo el xunto antes de que empezasen os confinamentos e aló levaba o libro na estantería máis dun ano. Penso que me gustaría ver máis libros así na literatura galega: esta poesía case feita para os que non lemos moita poesía; algo de prosa; algo de autoficción. Unha frase que me gustou: “E queres ser inmortal, pero logo non sabes que facer os domingos pola tarde”.

22 de xullo

Porque o libro de Nan Shepherd que empecei a ler é groso de máis para levar no metro, hoxe que tiña que viaxar bastante levei Reunion, de Fred Uhlman, e xa o lin todo; non son máis de setenta páxinas. É un libro que lle recomendaría a un teenager que xa teña algo de sentido para empezar a comprender o nazismo, e isto dígoo como mérito e como demérito ao mesmo tempo. Igual todo un pouco medido de máis, encaixado de máis, sobre todo o golpe de efecto do final. Pero isto é un pouco inxusto, porque desde logo que non é un mal libro. É de comezos dos setenta e algo si que se nota que daquela aínda estaba o nazismo na memoria viva. 

29 de xullo

Por fin chego ao final de Cairngorms Quartet: un volume (omnibus chámanlles aquí) que recolle a obra en prosa de Nan Shepherd, escritora escocesa modernista. As tres novelas do conxunto, aínda que non formen triloxía, son, cada unha ao seu xeito, Bildungsromans femininos; gustoume a terceira, A pass in the Grampians, e algo a primeira, The quarry wood; a que menos, a segunda (The waterhouse), que seixa é tamén a máis celebrada. O cuarto libro do volume é o seu libro de nature writing, The living mountain. Todo ben pero non podo dicir tampouco que me sorprendese nin me conmovese demasiado nin me metese gana de ir aló camiñar polas montañas. Este é un libro que coido que a Shepherd lle custou publicar, logo non tivo demasiado eco, pero ultimamente converteuse nun libro de culto entre a intelligentsia escocesa.

3 de agosto

Caledonia Dreamin’: Strange Fiction of Scottish descent. Este é un libro que merquei van aló catro anos nunha charity shop de Troon que andara por aí esquecido ata hoxe. É unha antoloxía na que cada un dos contos está baseado nunha palabra do Scots (moitas das cales seguen usándose na oralidade no inglés que se fala en Escocia, polo menos en Glasgow e no meu Lanarkshire profundo). Isto ten un certo risco, que é —paréceme— o inherente a calquera literatura que se conciba a si propia como dialectal ou rexionalista: hai varios relatos que non teñen máis interés que o pintoresquismo de capturar a fala da suposta working class escocesa, que agora non se identifica, por suposto, xa co rural (como en Nan Shepherd), senón máis ben con certos barrios de Glasgow: o cuase-delincuente xuvenil, a muller madura gallus (botada para adiante, afouta) pero de bo corazón (ou versións máis novas da mesma muller camiño de converterse nisto), etc. A algunhas historias —normalmente as que saen deste molde e tiran un pouco máis cara á fantasía, o surrealismo ou o absurdo— atopeilles algo máis de mérito literario.

17 de agosto

En Ribadeo aproveitei para ler algúns dos libros de Hugin e Munin qe teñen meus pais. A peste: xa o lera hai ben de anos, pero, por cumprir co tópico do noso tempo, volvino ler. Seguramente Camus non tiña xeito ningún de predicilo, pero resulta sorprendente o ruín que aparece o Dr. Rieux, suposto heroe: lembra algúns médicos e científicos que chegamos a coñecer ben no último ano e medio e queda, non obstante as súas boas intencións, coma un busybody, un metichón.

18 de agosto

O xogo das cadeiras, de Uxúe Alberti. Gustoume, pero seguramente sexa un libro que apreciei máis intelectual ca emocionalmente. Igual porque penso que está próximo ao que escribo eu, ou intento, e entón tendo a fixarme demasiado nas cousas que eu faría diferente.

19 de agosto

Apropiación indebida, de Lena Andersson: este lino con máis atención e máis implicación tamén. Gústame como Andersson se centra na subxectividade da protagonista, Esther, de xeito contido, sen monólogos interiores mal executados e efectistas que agora campan tanto, e tampouco sen dirixirnos o personaxe de xeito robotizado. Por iso pensei que —non obstante algún resumo ou algunha recensión que atopei en internet nese sentido— a novela é sobre todo sobre a experiencia (desgraciada) do amor romántico de Esther, o xeito en que constrúe a súa subxectividade; non penso que Andersson intente facer aquí retrato xeracional (un suposto retrato xeracional, por outra parte, que hai algúns escritores e escritoras galegas que intentan facer e que na miña opinión non se sostén).

5 de setembro

Por fin: rematei Pelle, o conquistador, realmente unha tetraloxía de novelas (do danés Martin Andersen Nexø). A experiencia de ler este volume lembroume á de Nan Shepherd, aínda que non foi premeditado: Andersen Nexø e Shepherd son semi-coetáneos (o primeiro de 1869 e a segunda de 1893), os dous de países pequenos e daquela considerados un tanto atrasados, e os dous escriben sobre as clases, digamos, populares. Ademais, tanto a tetraloxía como as tres novelas de Shepherd son Bildungsroman. Do de Andersen Nexø gustoume, sobre todo, o primeiro libro, o que fala da infancia de Pelle cando seu pai viúvo e mais el se trasladan de Suecia a Dinamarca para traballar de xornaleiros no campo. Os demais contan como Pelle vai medrando e se vai facendo líder sindical. Quedoume gana de ver a película de Billie August.

18 de setembro

Yama, de Aleksandr Kuprin, é o libro que levei para a semana que pasei a viaxar polo norte de Inglaterra por traballo. Foi unha de varias novelas rusas (traducidas para o inglés) que baixei para o Kindle sen demasiado criterio, só porque agora me entrou o interese por Rusia e o ruso. Non sabía nada da novela nin do autor, e supoño que se podería describir sen moitos problemas como unha novela naturalista: catrocentas páxinas a falar dos bordeis urbanos dunha cidade rusa innominada. Pola súa extensión, polo deprimente do tema e pola forma maiormente viñetística, supoño que ten interese ao comezo pero pareceume que acaba por cansar un pouco. A edición que baixei trae un post-scriptum do autor con motivo da tradución ao inglés, na que di que, aínda que xa leva vendidos dous millóns de exemplares en varias linguas (!), alégrase especialmente de que o libro se vaia publicar nos Estados Unidos, porque é aí onde se publicou A cabana do tío Tom. Chamoume a atención porque non sei se hoxe fariamos tan facilmente a comparación entre unha cousa e a outra.

20 de setembro

Volvín de Inglaterra e rematei El anticuario, de Gustavo Faverón Patriau. Un xeito fácil de describir esta novela sería como unha caste de realismo máxico gone very wrong, incluída esa sensación de que a pouco que se rasque na superficie aparecen axiña os lugares comúns de toda ditadura e post-ditadura latinoamericana. Dáme a sensación, porén, de que Faverón Patriau —peruano afincado na academia estadounidense— actúa aquí cun pouco de displicencia, como se quixese dicirlle ao seu público que é consciente das expectativas que pousan nelCuriosamente, vexo que moito dos resumos que aparecen deste libro en internet retrátano como unha subversión da novela negra, que eu non lle vexo tanto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s