A ‘escea fiñal’: Cunqueiro e o teatro

Un exemplar de ‘Don Hamlet’, de Álvaro Cunqueiro.

Xesús González Gómez.

Nun artigo titulado «Stanislavski y Desdémona», publicado o 20 de maio de 1975 en El Noticiero Universal, de Barcelona, e recollido en Papeles que fueron vidas[1], Álvaro Cunqueiro escribía: «El autor teatral gallego escribe sus piezas no para que sean representadas, sino para que sean leídas, lo cual, mírese como se mire, es una aberración. Hay premios para obras teatrales, se celebran concursos como la Mostra de Ribadavia, pero todo ello, no nos engañemos, con pobreza de medios, y a todas luces insuficiente. Los grupos de aficionados se disuelven, se reconstruyen, se vuelven a disolver, y, naturalmente, sus repertorios son escasísimos. Por otra parte, hay un enorme apetito de lo que llamaremos “vanguardia”, y los escenarios gallegos se llenan de acrobacia, gritos, ceremonias de confusión y protestas, tanto por estar à la page como por facilidad. Una representación de éstas que ahora se llevan es mucho más fácil que la representación normal de una pieza escrita de teatro, una pieza con texto que hay que decir y mimar. La norma, si así puede llamarse a lo que hacen, se formula así: con ira y sin estudio». Corenta e seis anos despois de escrito (publicado) este artigo, a situación do teatro galego mellorou… escasamente, non nos enganemos. Se a situación do teatro galego no seu tempo, tanto de obras como de, digamos, medios (subvencións, actores, directores, decoradores, etc.) e lugares de representación, levou o mindoniense a non escribir máis obras teatrais, a verdade é que a vocación teatral do noso escritor, que se iniciou na súa mocidade, sempre turrou con forza por el. Mais un escritor profesional, no sentido de gañar a vida coa escrita[2], non podía perder tempo e tempo a escribir obras teatrais que lle reportarían poucos ou ningún beneficio… monetario. Non obstante, despois de 1936, o noso escritor deixou unha das mellores pezas teatrais escritas en galego (para min, que lle imos facer, a mellor) no século XX, estamos a falar de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca[3], e dúas propostas máis que conseguidas: A noite vai coma un río e Palabras de víspera. Esquezamos, por hoxe, as pezas que intercalou nalgunha das súas «novelas»[4]. E, por suposto, a súas obras en castelán: Rogelia en Finisterre, que non sei se se estreou nalgunha ocasión, eu só teño noticias desta «lectura»

Noticia aparecida en El Progreso, o 5 de xaneiro de 1940, e en La Voz de España o 20 de decembro de 1939, na cuarta e última páxina.

Outra das obras teatrais escritas en castelán por Cunqueiro foi Era una vez…, estreada no García Barbón, de Vigo, o 22 de febreiro de 1938, e que El Pueblo Gallego saudaba, nunha crónica-recensión que semella saída da máquina de escribir cunqueiriá: «Ensayo nacional-sindicalista para un teatro nuevo» (desta obra só se ocupou, que saiba eu,  Enrique Acuña). Obra da que, penso, non se ten copia mecanografada, a non ser que algún dos actores ou actrices que interveu nela gardase a súa copia e estea a durmir o soño dos xustos nalgunha gabeta. Algunha peza teatral máis en castelán artellou o mindoniense, ou tiña pensado artellar? No Diario de Burgos, do 29 de xaneiro de 1970, na ultima páxina, Federico Galindo fala da presentación do Teatro de Cámara de Madrid, dirixido por Carmen Troitiño e Luis Escobar, e di «que presenta con un interesante índice de estrenos entre los que figuran obras de Camilo José Cela y Álvaro Cunqueiro». Non volvín dar con noticia ningunha desta posíbel estrea dunha peza teatral cunqueiriá polo Teatro de Cámara de Madrid: orixinal ou tradución d’O incerto señor don Hamlet… ou d’A noite vai coma un río? Engadamos que o 2 de decembro de 1981, o grupo teatral murciano La Bella Aurelia, estreou, no Colexio Maior Azarbe, de Murcia, Palabras de víspera, do escritor galego en tradución de Blanca Andreu. Na mesma sesión, o grupo teatral presentou, Josefito Figuraciones, de Juan Ramón Jiménez, dirixiu ambas obras Antonio Morales, segundo informaba o xornal de Murcia, Línea.

Cunqueiro, malia as súas palabras, sempre se interesou polo teatro. Nunha conversa con Manuel Pérez Bello, emitida polo-centro Territorial de TVE en Galicia e reproducida no número 110 da revista Grial (abril-xuño 1991), o mindoniense di: «Unha peza de teatro non é para ler, unha peza de teatro é para representar, é para que suba a escena […] Eu teño tres ou catro ou cinco pequenas pezas teatrais a medio facer –notas por aquí e notas por alí– que non se fan porque… penso que publicalas xa non me gusta. Se algunha remato é porque teño a seguridade de que vai ser levada á escena». Ou sexa, se Álvaro Cunqueiro soubese que as súas pezas teatrais se representarían (profesionalmente, aínda que el non o afirme tan categoricamente), o teatro galego contaría con máis obras teatrais escritas pola súa man.

Sábese que no 1932, nas páxinas do número 6 da revista luguesa Yunque, Álvaro Cunqueiro entregou a colaboración titulada Rua 26. Diálogo limiar[5], que sería algo así como o primeiro acto dunha futura peza teatral. Nunha misiva que está entre os papeis de Cunqueiro que o seu fillo César entregou á Fundación Penzol, misiva que debe datar de 1933-34, o noso escritor dille ao seu correspondente: «dentro de pocos días se habrá de editar [en] NÓS un libro. Es una tragedia romántica del medioevo gallego: Dona Beata xacobina». En 1936, no cuestionario que lle envía a Filgueira Valverde, que estaba a facer unha antoloxía da poesía galega que lle encomendara o Seminario de Estudos Galegos, entre as obras «iñeditas», Cunqueiro afirma que ten escritas dúas obras teatrais: Rua 26. Farsa e Lume nas cerdeiras. Ópera ao xeito das romeirías. En 1933, o 28 de xullo, na páxina «Los viernes literarios de La Región», do xornal ourensán, a unhas preguntas que non se reproducen mais que pode doadamente deducir quen lea as respostas, o mindoniense responde, entre outras cousas: «Fago poesía. Os tantas veces intentados poemas en prosa de Caderno dun mapa iñocente. Logo Adolescenza en inverno, na mesma liña de Mar ao Norde. Intento, por terceira vegada xa, teatro e novela. Teatro sobre todo. Non sei até que ponto o lograrei» (as cursivas son nosas, XGG). Ao longo dos anos, en entrevistas, ou en correspondencias (con Fernández del Riego), Cunqueiro afirma ter escrito, ou estar a preparar, obras teatrais con títulos como Os sete contra Tebas, A casa (ás veces peza teatro, ás veces novela), e un título en castelán: El cuervo vuela sobre la casa. E entre os seus papeis depositados na mencionada Fundación Penzol, atópanse cuartillas que indican que encetara a redacción de obras teatrais co seguinte título: Fonte pechada. Auto inaugural das ínsuas e Non era el. Farsada superrealista. É dicir, os proxectos teatrais de Álvaro Cunqueiro foron bastantes. Pero non acaba aquí a cousa.

No número 60 da revista Grial, abril-xuño 1978, publícase unha «Escena única» da peza de Álvaro Cunqueiro, Xan, o bo conspirador. Invención nun prólogo e dous actos. Os responsábeis da revista presentan o escrito desta maneira: «Aló polo ano 1933 –hai desto uns coarenta e cinco anos– Álvaro Cunqueiro escribira un prólogo pra unha traxedia, co tíduo de Xan, o bó conspirador. Agora, despois de tanto tempo pasado, aparecéu o manuscrito –sin se saber cómo nin por qué– nunha vella carpeta do pintor Colmeiro. O orixinal consta de media ducia de follas de block cobertas cunha letra miuda manuscrita, e algunha breve ilustración do propio autor. Precedéndoas, figura outra folla cun dibuxo de Cunqueiro feito por Seoane.// Velahí o texto e o dibuxo inéditos, que reproducimos polo seu curioso significado».

Esta escena única representa o prólogo da obra e nela falan «A sombra da nena na fiestra», «A nena na fiestra», «O home con cravata» e «O home sin cravata». E tomando como base o «subtítulo», faltarían os «dous actos». Escribiunos Cunqueiro? Podíase apostar que si, xa que na devandita páxina «Los viernes literarios de La Región» do 14 de xullo de 1933 aparece unha colaboración de Cunqueiro que reproducimos a continuación   

Anotación de Álvaro Cunqueiro.

Xan o bo conspirador

Escea fiñal

A casa quedou chá, con sono de ágoa nas fiestras. Carolina segue picando cigarros. O DOCTOR ensáiase no aramio. Cinco da serán. Dáias, en voz con tinta, o reló de cuco. CAROLINA saca un ollo e límpao co pano. Volve a pôlo no seu sitio.

DOCTOR: (deitándose no aramio) ¡Que vida! As cinco. A mesma hora de sempre. Estou aborrecido d-isto. Nin siquer poido, coma tí, limpar os ollos no moqueiro. No aramio sempre.

CAROLINA: I-eu cos cigarros, que cheiran a dentadura postiza i a vaca parida. ¡Que vida!

DOCTOR: Houbo outros tempos, craro. Por eixemplo cando eu ainda era prestidixitador. Eu tiña once traxes, con númaro no forro. Poñía, por eixemplo, o pantalón tres co-a chaqueta sete e ia a visitar eirexas. Pra ir ver as grandes cocottes do Calexón do Rulo non puña traxe ningún. Eu fun sempre mui independente. Cheguei a semellarme a unha cousa calquera que seña mui independente. D-aquela eu andaba ben, até tiña unha bicicleta. Era moda. Logo a colitis, o negocio dos volcás, a revolta, a emigrazón i-o circo. E istas cousas que pasaron oxe. ¡O amor! Dame un pito feito. Alcéndemo. Ol rai! O amor, eh?

CAROLINA: Hai cada cousa! Mira pra Risa, tan ben pintada, intercontinental, acabar en namorada! Boeno, sempre tivo cousas. Unha vez mercou mazás pra conservar a roupa, en vez de bolas de naftalina. Tiña un espello sin marco e sabía lêr. Sempre tivo cousas.

DOCTOR: Craro, cousas. Pro iste amor! I-eu sei cando comezou. Comezou por pouca cousa. Íl sempre foi un home raro tamén. Cand-eu andaba de mariñeiro íl andaba de paisano na cidade. Durmía e tomaba café. Logo andivo co negocio da sorte do paxariño. Foi cando se coñezeron. Íl escreveu pra ela un papeliño especial que sacaron catro paxaros a un tempo. Ela quedoulle mui agradecida e levouno ao circo. Traballaba o Home-touro. Ela facía de saltimbanqui. Á saída da función íl dixo que sabía cousas. Diante de todol-os artistas da compañía fixo equilibrios sobre parágoas, saltou todol-os instrumentos da charanga, meteuse nun peto da súa mesma chaqueta e cuspiu ágoa de seltz. Todos quedamos asustados. Logo se vían vir as cousas. Deitábanse nas mesas de noite, bañábanse en vasos. Facían os engorroñamanios mais imposíveis. Chegaron a viaxar como cartas, drento de sobres nebulosos i-aéreos. Tiveron un fillo. Xa o viches. Saiu dobrado en seis plegues. Logo creceu e foi cando o do asesiñato. Dende logo, a cousa foi terribel. Dende eiquí íles foron ao mar. Ontes voltaron. Eu teño sono. Convencino, sabes? Íl vai a mercar un traxe e irá por ahí, a andar de paisano, sen facer nada. Ela sabe lêr. Os que saben lêr non valen pra revoluzós. Eu creo qu-íl fará a revoluzón. Aflóxame o aramio. Eisí. Vou dormir.

(Carolina aflóxalle o aramio, saca os ollos, o pelo, os dentes i-un brazo; mete todo na faltriqueira. Busca unha pulga pol-a sufraxe, Mata a luz).

ÁLVARO CUNQUEIRO

«Los viernes literarios de La Región», La Región, 14 de xullo de 1933, p. 3.

Pertencía esta «escea fiñal» á obra Xan, o bó conspirador (ou Xan o bon conspirador)? Ou escribiuna o seu autor de maneira independente ao prólogo que só se deu a coñecer en 1978, xa que os personaxes do prólogo nada teñen a ver cos personaxes que aparecen na «escea fiñal»? Talvez algún día se saiba…


[1] Álvaro Cunqueiro, Papeles que fueron vidas, Barcelona, Tusquets Editores, 1994

[2] Matizamos, porque para nós escritor profesional non ten moito a ver con gañar a vida coa escrita, pero non entraremos nesa discusión, hoxe.

[3] Obra que aínda está á espera do seu «director», ou «montador». Gabouse, con razón, a montaxe de Ricard Salvat, mais o director catalán a) non entendía o mundo de Cunqueiro, e b) era incapaz de comprender a riqueza lingüística do mindoniense, como, en realidade, non soubo entrar tampouco no mundo lingüístico de Salvador Espriu, e non digamos xa no ideolóxico, de quen fixo unha montaxe moi celebrada: Ronda de mort a Sinera.

[4] A verdade é que se me fai difícil denominar «novelas» as obras de Cunqueiro consideradas como tales. O mindoniense en realidade non é un «novelista׃ é un narrador, un fabulador. E non é este o momento, e quizais nin o lugar, para entrarmos na leria da distinción entre narrador e novelista, que a fixo moi ben Walter Benjamin nese enasio titulado, precisamente «O narrador». Penso, por outra parte, que a distinción entre novela e narración a captou moi ben o arxentino Juan José Saer nun pequeno artigo titulado «La selva espesa de lo real», incluído en El concepto de ficción, Barcelona, Rayo Verde Editorial, 2016, pp. 307-311,cando afirma, na esteira de Benjamin: «La novela es sólo un género literario; la narración un modo de relación del hombre con el mundo».

[5] Deste escrito existe unha edición, con prólogo excelente, de Teresa López: Álvaro Cunqueiro, Rua 26. Diálogo limiar, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1995, edición non venal.

Un comentario en “A ‘escea fiñal’: Cunqueiro e o teatro

  1. De XGG:

    escribiamos o seguinte: «No Diario de Burgos, do 29 de xaneiro de 1970, na ultima páxina, Federico Galindo fala da presentación do Teatro de Cámara de Madrid, dirixido por Carmen Troitiño e Luis Escobar, e di «que (se) presenta con un interesante índice de estrenos entre los que figuran obras de Camilo José Cela y Álvaro Cunqueiro». Non volvín dar con noticia ningunha desta posíbel estrea dunha peza teatral cunqueiriá polo Teatro de Cámara de Madrid: orixinal ou tradución d’O incerto señor don Hamlet…ou d’A noite vai coma un río?». Procurando certas noticias en Prensa histórica, dei con esta outra aparecida en El libro español: Revista mensual del Instituto del Libro Español, nº 146, febreiro de 1970, asinada por J. Fernández Ferreiro:
    Mais, de momento, non demos con ningunha noticia sobre a súa posíbel estrea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s