‘Estatuas namoradas’ vs ‘Divina pensión’

Santo.

Xornada 1 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Sabela González e Pilar Vilaboy.

Traba: No relato non pode usarse a letra B.

Estatuas namoradas

Pilar Vilaboy.

—Arreneghado sexa o demo!!, quen me ía dicir a min que ía rematar aquí no fondo do mar coma Poseidón.

Son Xudas Tadeo, santo. A verdade é que o porte que teño agora nada ten que ver coas miñas mellores épocas. Ninguén me tusía con aqueles ollos azuis que parecían reais e a miña melena longa que tiña cando era o único santo no altar da igrexa de Aldán. Moitos anos gocei de éxito e todo o mundo devecía por dar esmolas no meu peto. Teño sona de avogoso das causas desesperadas, pero aínda vou amañando cando me piden atopar curre ou casar co namorado. Eu mesmo teño que implorarlles favores a outros colegas para contentar os meus devotos. Hai veces que piden gañar unhas oposicións sen estudar ou que lles toque a lotería sen xogar. Neses casos é moito máis milagreira a virxe de Lourdes. É complicado compracer a todo o mundo cando se crean expectativas irreais.

Ata que apareceu a figura da Virxe do Carme, patroa de Aldán. Ao principio sentín celos de ter que compartir altar pero despois sentín atracción por ela: tan fermosa coa súa capa clariña e a súa vestimenta carmelitana. Seducir unha estatua non é doado. Pero ao final caeu nas miñas redes despois de frías chiscadelas de ollos e conquistala polo corazón. Si, si, as estatuas temos alma e sentimentos.

Recoñezo que o noso noivado ía estupendo ata que me empezaron a aparecer unhas ferruxes amarelas por toda a pedra. Viñeron técnicos especializados valorar os meus danos e resultou ser unha especie de infección da pedra pola humidade. A xente empezou a collerlle noxo á miña imaxe e fuxía de min coma se fose un leproso.

A miña Carmiña tamén tivo mala sorte. Un día colocándolle unhas flores na peaña, movérona e rompeu parte da cara e un costado. A santiña quedou moi desfigurada pero iso non impediu que seguísemos queréndonos. E día si día tamén engaioleina recitándolle cantigas:

Carmiña, Carmiña, Carme,

coma Carmiña ningunha

que me quentou a cariña 

coa calorciña da súa.

Pero empezaron os nosos traumas. O cura aproveitou a misa do domingo para falarlles aos fregueses que tiñan que elixir entre amañar a desfeita da Virxe ou eliminar as miñas manchas. Xa imaxinades quen perdeu. A separación foi inminente. Era moito máis económico o seu amaño ca o meu e iso supoño que axudou na votación popular. Se cadra tamén axudou que acoden máis mulleres á igrexa ca homes.

Colleron un guindastre e chimpáronme no fondo do mar. Decidiron que non lles valía e os meus fieis non coaccionaron nadiña. Comecei a chorar de impotencia pero as miñas lágrimas confundíronse coa auga salgada. O que máis me violenta é o paradoxo de que a Virxe do Carme ten sona de salvar aos mariñeiros dos naufraxios. Porque non acode a axudarme a min? Esqueceríase da nosa historia de amor co golpe que levou na cara? Se cadra coñeceu outro santo. Esta angustia non me deixa vivir.


Divina pensión

Sabela González.

Pasou anos preparando as figuras. Escollera só seis de cantas lucían na igrexa, que non eran poucas, o templo co maior tesouro que vira de todas as parroquias que lle asignaran. 

O primeiro día, don Serafín camiñara apoucado ao ir coñecer o edificio. Faláranlle mal daquela freguesía, unha presada de aldeas costeiras esquecidas por todos menos polo vento, dixeran, ocupadas por restos de familias todas inimigas entre si. Con todo, axiña sería hora de se retirar, pensara el, ben podía aturar uns aniños de vellos repugnantes. Por iso atravesara a porta da igrexa con desgana, ata que o tesouro do seu interior lle devolvera a luz do sol coma se a pedra toda fose ouro.

Escolleu as figuras con agarimo e, cando tivo as elixidas, comezou a súa tarefa. Cada tarde, despois da última confesión, sempre a de Pepe de Lena, que parecía gozar de inventar pecados diarios, tras pechar o templo, collía unha estatua do revés e cun punzón proía lentamente o seu interior ata facer un oco útil para o seu segredo.

Coas imaxes listas, a tarefa pasou a ser retirar paseniño o ouro. Ao marchar Pepe e pechar, ía facendo, aos poucos, colocando pan de ouro encol das desaparicións, enchendo as figuras coa súa pensión.

Cando chegou o retiro os fregueses foron despedilo con respecto. Foron por quendas, para non cadraren, e a despedida levoulles dous días. Don Serafín ía preparando a mudanza con tino, entre agradecementos e xuramentos. Á tardiña, Pepe de Lena, sempre último, foi presentar os seus respectos. Asomouse á porta e parou fitar o cura, sorrindo de lado mentres o párroco se dispuña a pechar con cera os pés dunha virxe.

—Dio-lo teña na gloria, padre —falou Pepe saíndo do edificio.

O párroco ficou lívido. Canto vira Pepe? Chegara a ver o ouro no interior da imaxe? Espreitouno dende a ventá, quedo no seu coche, co sorriso de Pepe de sempre, o sorriso dos pecados de todas as tardes.

O cura non parou de pensar. Cando marchou Pepe, meteu as seis imaxes nunha rede e a rede no maleteiro, e no medio da escuridade tirou o paquete ao mar dende o cantil. 

Don Serafín agardou que alguén aparecese na súa procura. Tremeu durante semanas por se o deán fose revisar o templo. Esperou un ano. Ninguén foi preguntar polo ouro, así que o párroco volveu co pretexto dunha visita. Na tasca do porto pediu un viño e preguntou despistado por un mergullador de prestixio. Presentáronlle un rapaz desexoso de axudar. O cura inventou unha historia apelando á fe do rapaz e el, contento, presignouse e deulle unha aperta.

—Agarde aquí por min, padre. Non tema que axiña lle traio as figuras.

Ao pé do cantil, don Serafín sentou na defensa do seu 205 e, tranquilo, agardou. Dúas horas despois, na praia, o mergullador emerxeu tirando con esforzo dunha rede. Sentou na area e dunha carteira estanca sacou o teléfono. Procurou o contacto do tío Pepe e, cun sorriso enchoupado, premeu para chamar.

7 comentarios en “‘Estatuas namoradas’ vs ‘Divina pensión’

  1. O meu duelo favorito da xornada. Encantáronme os relatos tanto de Sabela como de Pilar.

    Estatuas namoradas
    Esta historia conquistoume polo lado da tenrura. Pareceume moi orixinal e gustoume moito os elementos locais que emprega (e.x. vincular a acción cunha parroquia específica). Dalle credibilidade a unha historia fantástica como nos mellores contos populares. O peche tamén me parece moi bo, a reflexión sobre a Virxe do Carme está moi conseguida.

    Divina pensión
    Esta historia conquistoume pola picardía. Lese cun pequeno sorriso porque sabes que o desenlace vai ser divertido. E non decepciona! Quizais a historia me parece unha chisca menos orixinal que a da súa rival, mais a execución paréceme mellor. O texto flúe sempre, mentres que Estatuas namoradas atáscase nalgún punto concreto (ou conecta algo peor as frases, máis ben).

    Daríalle con agrado un punto a cada unha, mais como non o permiten as regras doulle o punto a Divina pensión, porque para min está unha miga mellor escrito.

  2. Estatuas namoradas

    Igual que en Deux ex machina, este relato comeza cunha frase que xa aventura o final da historia. Eso gústame, porque é un inicio moi natural para un relato en 1º persoa. E de novo igual que naquel relato non se explica de todo a razón, cóstanos moito desvelar as cartas, como se nos quedaramos desarmados se non mantemos algo de intriga inda que non escribamos un relato de suspense.

    Está ben levado o discurso de Xudas, ten ese ton entre a fantasía e ese falarlle directamente ó lector. Cadra moi ben porque se en vez de unha estatua fose un ser real o discurso non funcionaría con ese deseño. Dito de outro modo, se o relato “buscáchesme coa boca” tivera de protagonistas a 2 estatuas (Judas e maria, p.e., que ademais cadra bastante ben polo que din) o relato de repente entraría noutro rexistro (o fantástico) e a lectura cambiaria de tal forma que esa narracion inxenua (falo do narrador, non da autora) estaría mais en consonancia co escrito.

    Unha das razons polas que penso que este relato tamen era candidato a comezar desvelando ainda mais do final (podia dicir, p.e., que estaba alí por amor) é que polo demais a trama é previsible, asi que non perdias nada. Dentro desa previsibilidade faltoume (e moito) unha cousa. Unha reflexion necesaria de xudas sobre que pasaria se fose ó reves e escollesen a Maria para tirala ó mar. Refirome a que chega un momento na narracion en que só qeuda o lamento de Xudas sen moita mais mencion á separacion en si. Pensei que a virxe ía ser a elexida e que dalgunha maneira Xudas se ia sacrificar para ser el o escollido. Iso entraría mellor nun relato canonico de amor. Non sei habia mil formas de facelo, non é que a que escolleu a autora sexa mala, pero si me parece incompleta dentro da psicoloxia humana da estatua.

    Divina pensión

    un relato ben montado. a pesar de estenderse a historia durante varios anos a autora conecta ben cada parte como se non qeudase nada sen contar fóra do relato. O único punto feble que lle vin é que o narrador se apega á perspectiva de Serafín en todo momento.. excepto ó final, cando o rapaz chama a Pepe “procurou o seu contacto”. Refírome a que o relato remata sen chegar Serafín a saber que pasa. O lector si, pero Serafin, que era o avatar do lector, non se enterou de nada. El segue alí sentado na defensa do seu 205, esperando. O relato, penso eu, necesitaba que Serafín souebe explicatamente o acontecido dentro dos limites do relato. Por exemplo, que fose o propio Pepe o que aparecese seria plausible que Serafín o vise. Hai que ter coidado co enfoque do narrador e ser fiel sempre.

    Un gran duelo, voto por Divina pensión, por moi pouca diferencia.

  3. Boas.

    Gustáronme os dous relatos, aínda que en ambos hai cousas que non son doadas de entender.

    No relato “Estatuas namoradas” penso que a introducción é moi forzada, e ao mesmo tempo a exclamación perde gas co verbo ese no medio. Tampouco me convence a estrutura do final, paréceme que se estira de máis.

    A “Divina pensión” empeza peor, e non entendo como pode fundir ouro e trocéalo por láminas de pan de ouro: aí cumpriría unha explicación mellor que a eterna suspeita dos cregos. Pero avanza mello cara o final e a min, en cambio, si que me parece moi razoable que a fin sexa o cura agarrandose ao seu delicto, mentres que o inocente que sabe espera sentado que a Garda Civil o pille coas mans na masa.

    Vai o punto para “Divina pensión” pois.

  4. Creo que esta é unha das mellores fotos que mandei para o torneo. Non recordo moi ben o artigo da que a recollín, pero xa tiña que ser bo para sacarlle tan boa historia como fixeron aquí ambas autoras. Grazas¡
    Estatuas namoradas. Si que atopo ese ton de conto popular que mencionan os meus compañeiros. Como a súa rival, escolleu comezar cunha frase que fose quen de adiantar o final. Nun relato en 1º persoa, isto demostra ser moi favorecedor e apoia o ton de discurso que ocupa o relato. Previsible, pero consegue chegar ao final sen perder ao lector. Se algo me chamou a atención foi a falta dun xiro na acción. De algo máis alá de narrar o camiño ata alí. Quizais tamén se lle podería dar un ton máis obsesivo, mais preto da loucura de estar alí abaixo durante tanto tempo que ao lamento amoroso. Como di ao final, a angustia non o deixa vivir.
    Divina pensión é un rival duro. Utiliza o mesmo recurso de adiantar acontecementos, pero neste consegue crear intriga sobre as figuras e a súa función. Gustei de como esta escrito en xeral. En particular, encantoume a frase do vento. As mencións ás figuras ao longo do relato funcionan como puntos de guía. O final está ben buscado, pero quizais debera rematar coa perspectiva de Serafín, xa que todo o relato se articula mediante el.
    O meu voto, pola historia algo máis buscada, vai para Divina Pensión.

  5. Que taaarde vou. Comezamos. Poida que un dos duelos máis equilibrados da xornada. Gustáronme as dúas aproximacións á foto. Tamén me gustou que en ningún momento se notase o efecto do atranco en ambos relatos, que un atranco non se note é moi boa sinal.

    “Estatuas namoradas”. Non me gusta o título, poida que demasiado descriptivo e anticipativo. O resto do relato está moi ben, o ton humorístico acáelle fantásticamente. É moi fresco, por así dicilo, tanto coma o pobre Xudas. Postos a mellorar algo eu intentaría facelo máis disparatado ou máis humano, aquí está nunha especie de equilibrio e creo que non se acaba de decantar por ningún lado.

    “Estatuas namoradas” é outro bo relato sobre picaresca eclesiástica. Fáltame o electricista da catedral e algún códice por aí namais. Os puntos fortes son a ambientación e trama xeral, os fracos as repeticións para segurarnos que entendemos ben o de Pepé (ata dúas veces nos di que é o último en confesarse sempre) e certa inverosimilitude no proceso do roubo (non entendín demasiado en que consiste exactamente nin porqué tiña que tirar as figuras ao ma). Igual no fondo vai diso, de que o cura non é moi listo.

    Creo que me prestou máis a historia de amor así que VOTO por “Estatuas namoradas” por decimas de cariño. Parabéns ás dúas.

  6. Boas compañeiras.

    Gustáronme moit os dous relatos,
    Por unha banda, atopei en estatuas namoradas moi fermoso e novidoso o uso dunha cantiga inscrita no propio relato.
    Por otra, a picardía coa que se entrelazan as ideas en Divina pensión pareceume leda e divertida.

    O meu voto vai para este último relato, xa que á súa vez, o uso de “esqucidas por todos menos polo vento· conseguime namorar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s