‘O incrible home chupón’ vs ‘O camiño do oeste’

Chupón.

Xornada 1 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Daniel Ugarte e Carlos Vega.

Traba: O relato comeza pola frase: “O día que Papá non volveu do traballo”.

O incrible home chupón

Carlos Vega.

—O día que Papá non volveu do traballo decateime de que eu era un chupón.

—Perdoa? —contestou Fran, que chiscaba os ollos intentando albiscar o punto no que a 1009 pasaba de escuma a liquido.

—O que che digo. Aquel día que marchou o vello, ao ver como mamá me miraba, deime de conta de que era un chupón humano. A lacra dun botellón que meus pais taparan coa maquillaxe do matrimonio durante anos, pero que rematou por saír á superficie.

—Estas tolo de remate —suspirou Antía, que era a única lúcida dabondo como para encaixar as palabras que lle saían ó amigo pola boca.

Xosé, iluminado polo paso de monólogo a dialogo, ergueuse da cadeira, esvarando sobre o chan pegañento. Levaba madurando aquela teoría durante días. Regada en abundancia pola birruca, deu en florecer aquel mércores pola noite, a deshora do resto do mundo.

—Dígovolo en serio. O meu pai chuchou dentro da miña nai demasiado forte e alí quedei eu, como un negrón. O malo foi que non marchei co tempo, senón que dei en medrar. Eles estaban casados, pero non tanto.

Estirouse tras a barra, mentres o vello que servía o seguía coa mirada. Deixábaos facer, os únicos que quedaban aquelas noites para pechar o bar. Os tres mosqueteiros da cebada. 

Xosé atopou o que buscaba, xusto embaixo da caixa rexistradora. Armou a ventosa sobre o brazo esquerdo, con xesto marcial.

—E conste que lle intentaron buscar solución. Miña avoa tenme contado que algunha vez me esqueceron no parque. Ou no patio da escola. Pero eu sempre volvía, como o chupón que se pega á pel, por moito que rañes.

—E a ventosa é para? —suspirou Antía. Aquel xiro inesperado reanimara a batalla que tiña na cabeza contra as forzas do sono.

—Demostración práctica. Este era o método que tiña eu de desfacerme dos chupóns cando vivía na casa deles —Apuntou coa goma ao pescozo—. Turraba e turraba ata que o sangue volvía fluír. Ao que vou é que para os meus pais tiña que ser un proceso ben parecido.

Antía non dicía nada. Fran conseguira malograr un trípode coas mans e descansaba no seu éxito.

O home chupón ergueu a camisa e, seguindo a clave diagonal dos oblicuos, chantou o desatascador nun útero imaxinario. 

—Tan fácil como isto, turrar e turrar, ata que o sangue volva fluír —Xosé escoitou de refilón o que lle pasaba pola boca. 

—Ou sexa, insinúas que fuches unha putada —reflexionou Antía.

—Exacto —confirmou Xosé, con entusiasmo. O aceno percorreu o corpo ata a ventosa, que se axitou co entusiasmo dun membro erecto. 

Máis consciente que nunca naquela noite, comprendeu todas as pisadas que o levaran ata alí. Ata ese momento e ata aquel lugar. Tirou do mango coa man que tiña libre e, artúrico, arrincou o desatascador do bandullo. 

—E aínda con esta merda enriba, aquí sigo, Papá! 

Non atopou arenga por parte dos seus compañeiros, que xa caeran vítimas das cinco roldas. Intentando lembrar, marchou ao baño buscar o Santo Grial, antes de atopalo alí mesmo.


O camiño do oeste

Daniel Ugarte.

O día que Papá non volveu do traballo, Mamá agoniaba preguntándose se soaría antes o teléfono ou o timbre do apartamento. Naquel tempo, cando se trataba de comunicar unha desgraza, a policía usaba o teléfono. Se chamaban á porta era sempre por algo máis grave.  

Os axentes entraron sen que ninguén os convidase. O rostro de Mamá transmitiu alivio cando preguntaron por Papá. Era mellor que o buscasen a que estivese xa preso.  

Botouse a un lado tentando ocultarme entre as súas costas e a parede, unha forma instintiva de protexerme. De nada serviu. Un dos policías agarroume do brazo e pechouse comigo no cuarto de baño, onde ela non puidese ver o que sucedía.

Era un home garrido, de mans que daquela me pareceron enormes e falar repousado. O seu alento recendía a té de menta e quizais por iso nos meus pesadelos os seus dentes sempre aparecen tinxidos dun verde fosforescente. Coa palma da man acariñoume o cabelo mentres dicía que debía sentir fachenda polo meu pai, que tiña un traballo tan importante e viaxaba tanto. Respondín coa verdade, tal como che aprendían daquela. Que non sabía a que se dedicaba papá, nunca nolo contara.

O policía asentiu cinicamente. Sacou unha navalla, un cable e un pequeno martelo, e comezou a inspeccionar o cuarto de baño na procura dun agocho. Petou en cada azulexo, revisou as gabetas, a roupa sucia, os canos e a caixa de urxencias. Cada pouco, preguntábame sobre os amigos, sobre viaxes estivais ou sobre as cousas que facía con papá cando volvía da escola. Cando rematou a súa procura, colocou cada obxecto de novo no seu lugar e lavou as mans na pía. 

O outro policía era moito menos coidadoso. Os seus berros, golpes e o barullo de trastes escachando no piso da cociña atravesaban doadamente a parede interior. Da miña nai apenas oía que choraba e que suplicaba sen pausa “por favor”.

Cando lle acabou a cólera, ou as forzas, que nesa caste de home a miúdo se confunden, bateu na porta indicándonos que saísemos. Corrín cara a miña nai, pode que buscando refuxio, pode que querendo consolala.

Mamá desencaracolouse, limpou as súas bágoas e as miñas e dixo que xa estaba, que xa pasara, que a axudase a recoller, que era o mellor que podiamos facer. Os dous axentes observábannos desde o recibidor.

Asentín e dirixinme de volta ao baño, para arrumar a única cousa fóra de sitio.  Recollín o chupón detrás da latrina. Leveino á cociña, mostreillo a mamá e recordeille que papá sempre o gardaba baixo o vertedoiro. 

O policía dos dentes fosforescentes expandiu as ventas, como se quixese roubar todo o aire do apartamento. Non lle foi difícil arrebatarme o chupón, nin separar a goma do mango de madeira, nin atopar nel o burato onde papá camuflara as instrucións para que o seguísemos no camiño do oeste.

9 comentarios en “‘O incrible home chupón’ vs ‘O camiño do oeste’

  1. Boa noite a todos e todas,
    Empezo por este porque é onde teño máis claro a quen votar. Felicidades tanto a Daniel coma a Carlos porque a foto, para min, é das complicadas e pouco inspiradoras.
    “O incrible home chupón” ten un título moi acaído coa imaxe, mesmo algunha que outra idea orixinal. Pero a min non me dixo moito. Pode que non o entendese ben, e sempre penso que non é culpa do texto, senón culpa miña.
    “O camiño do oeste” pode que por ser máis sinxelo e directo enganchoume. Para min é importante que me guste na primeira lectura e case no primeiro parágrafo. E encantoume o final, con esas instrucións agochadas…
    Así que, o meu voto é para “O camiño do oeste”.

  2. Hum. Cousa complicada… A imaxe en si a min paréceme unha putada, sinceramente, así que só poido aplaudir as solucións dos compañeiros.

    “O incrible home chupón”: Ben narrado e moi correcto. Pero a historia… meh, síntoo. Pode ser unha boa anécdota, unha escea interesante nun relato máis grande, pero como historia en si mesmo non o vexo.

    “O camiño do oeste”: Unha moi boa historia, redonda e interesante. Pero onde está a imaxe? O chupón do final a min paréceme metido con calzador, nin sequera aparece de pasada à la Chéjov para motivar o final.

    Cústame comparar os relatos porque, aínda que coido que “O camiño…” está mellor en si mesmo, non “sufriu” a imaxe coma “O incrible…”.

    Vai o meu punto para “O incrible home chupón”.

  3. O incrible home chupón

    unha proposta interesante. o prota fai unha reflexion dolorosa que impacta. de feito o impacto é tan certeiro que queda deslucido pola pobre reaccion dos seus colegas. As lineas de Fran e Antía -non vou xulgar o seu “realismo”- non están á altura do que conta Xosé. Despois a cousa mellora, pero non entendín o concepto de turrar ata que o sangue volva fluir. E cando di que “ainda con esta merda enriba aqui sigo”, tampouco entendo a que se refire. Non logro seguir a evolucion dese discurso. A non ser que estea malinterpretando algo e a “merda” sexa o feito de ter sido “unha putada” para os pais. Ainda así penso que lle acaeria mellor un “aqui estou, papá” que un “aqui sigo”.
    Incluso ó final me volve pasar e non entendo a broma do santo grial. Marchou ó baño a buscar o chupón? Antes de atopalo alí mesmo? Pero enton foi ou non foi? Por que buscaba algo que xa tiña na man?
    É unha pena que a miña cabeza se deteña nestas cousas, pero non o podo evitar, porque a metafora está ata no título e non son capaz de aplicala, inda que a entenda. Este relato -no meu caso- vai mellorar canto mais tempo pase despois da súa lectura e máis vaia esquecendo a literalidade do seu texto para quedar só coa idea.

    O camiño do oeste

    Mira que empezaba ben, pero na segunda frase saín da estrada. A ver, se o telefono se empregaba para comunicar unha desgraza… como dis despois que se chamaban á porta era por algo máis grave? Que hai máis grave que unha desgraza? Entendo o que o/a autor/autora queria dicir, pero non o dixo ben. E continuase co alivio da muller cando lle preguntan polo home, porque a frase boa sería: era mellor uqe o buscasen a que xa estivera morto. O lector a estas alturas non sabe por que ía estar preso, entón non se entende por que a muller pensa iso (antes pensaba nunha desgraza ou algo mais grave), e ademais, se xa estivera preso a policia non iría a casa, co que nunca se daria esa segunda suposta posibilidade.
    O de pecharse no baño co neno pareceume moi heavy, a unica explicacion que atopei é que non fosen policias, senón gansters (é dicir, policias mercados polo crime organizado). Pregúntome enton por que meter policias na escena, cousa que só serve para confundir ó lector, ó meu parecer, porque a propia muller fala da cadea e non dun axuste de contas, e estes non parece que viñeran cunha orde de rexistro precisamente.
    Ese final aberto (no sentido de que polo menos eu non sei que é o camiño do oeste, pero é algo moi suxestivo) moloume. Tento non pensar no absurdo de gardar aí unhas instruccions (?) sen dicirllo ós interesados e despois nesa fatalidade do rapaz explicando en alto que ese non era o lugar do chupón. Se o qeu buscaban era informacion, por que non torturaron á muller? Semellaba que buscaban un obxecto.
    Por outra parte penso que o/a autor/a usou ben o chupón da foto. As fotos son só inspiracion. É certo que se o relato fose sobre un home que bebe unha cervexa faltaria algo, pero está claro que o mais chamativo da foto era o chupon e para min con usalo basta, non ten por que ser do mesmo xeito que o faría Botana.

    Voto por O incrible home chupón, polo pouso que deixa (lin os relatos xa cando se publicaron) a pesar atascarme con algunha frase. Pola contra o seu rival só ten esa excelente frase final como única defensa dunha historia que para ganar o meu voto tiña que estar deseñada sen fisuras.

  4. A solidão é fodida. E escrever em português ajuda a perceber alguma diferença bem fastidiosa (soidade/solidão). No fundo, ambos relatos tratam do mesmo: estamos indefensos ante a solidão, bem seja pela indiferença do nosso entorno nas questões mais pessoais e íntimas, bem pela franca inimizade a qualquer coisa que desejarmos e o poder considerar não aceitável.

    No primeiro caso, o protagonista de “O incrible home chupón” o artefato atua como inútil extrator duma culpa que não é real, e por isso mesmo ainda é que anda sempre presente e resulta impossível de arrancar da alma, só porque todos os dias estas a perceber a situação que a ocasionou e as suas consequências, uma culpa que só hás confessar quando ninguém esteja a ouvir. No caso: quando todos caíram e tu estas ainda em pé. Uma confissão que não é. E nem atinas com o momento. Mas por pouco. E o vómito mal serve tampouco. A sensação de ridículo é perfeita.

    No segundo caso, “O camiño do Oeste” entendo bem a agonia e a quantidade de coisas que quer o autor resumir numa só frase. Quiçá de mais para a distância que nos separa de tais tempos. Por acaso, digamos que a desgraça telefónica afeta só ao protagonista, e a “visita” estende a desgraça sobre os visitados inevitavelmente, e isso… Acho por outra parte que as situações do relato não estão muito conseguidas. É certo que na ilegalidade os lugares de comunicação devem ser os mais insólitos, ha que procurar o impensável; aí não reside o falho, mas na apresentação da violência da situação. que eu acho pouco conseguida. O lugar ao que fugir numa tal ocasião é indiferente, por isso não acho necessário o nomear.

    Duvido por ser o primeiro uma cena mais comum, mais do quotidiano, mais singela, e a segunda ter muita maior complexidade, mas, pesando tudo, convence-me mais a resolução da primeira. Vai meu voto para “O incrible home chupón”.

    P. S.
    Xa sei que é moi pedante, pero “botarse a”, para min, significa botarse contra algo ou preferentemente alguén, cando un se arreda de algo botase para un lado, bótase fóra, etcétera. Isto é algo que me pon moi nervioso, e debería controlar o meu estrés, pero neste caso é francamente contradictorio coa situación.

  5. Sinto o da foto, pero levo uns cantos torneo e xa non sei que mandar. Así que desta vez fixen un monográfico de “Botana vai de chea”. Tedes permiso para insultarme en redes ou literariamente (no fondo iso ponme).

    “O incrible home chupón”. Pode que sexa o acercamento máis fidedigno á foto que nunca se fixo. Vendo os poucos xeos que quedaban no meu cubata seguramente estivese soltando algún soliloquio dese estilo. Gustoume bastante o texto, o que se conta e como se conta. O monólogo está moi ben levado e é divertido. Ten algunha frase tamén moi boa. Ao final, iso si, parece que non sabe cara onde ir, entón o normal é rematar no baño.

    “O camiño do oeste”. O relato comeza ben, ten algunhas complicacións lóxicas dentro pero moi obviables e salvables incluso. Para min a escena forte é a do policía co rapaz no baño mentres escoitan a destrucción do outro fóra, creo que precisaba máis metraxe e desenrolo de persoaxe. Poida que centrar o relato todo niso. A historia ten o seu aquel e está ben contada en xeral.

    O meu VOTO vai para “O incrible home chupón” porque me tocou máis na fibra.

  6. David, quedei abraiada con que sexas ti o do chupón. Pensei que era unha fotomontaxe.
    Quen che ía dicir a ti daquela que a túa imaxe (un chisco surrealista) ía acabar servindo de inspiración nun duelo literario.

  7. Hehehe… a verdade é que aquela noite da para varios relatos, surrealista é quedarse corto. Oxalá un deles fose que inda me sigue valendo o chupón ese (en curva non dan feito baleiro).

  8. Boas compañeiras;

    Querería destacar que, respecto do home do chupón, pareceume apaixoante como se relataba algo que ao meu modo de ver resulta un tanto árdio, cunha prosa tan delicada.

    O camiño do oeste, por outra banda, aínda que tamén o atopei moi gustoso de ler, penso que se extralimita un chisco en frases tan separadas, coma se as ideas se dispesaran polo vento, e esa forma de amarralas fose máis típica dos diálogos.

    O meu voto vai para o primeiro relato.

    Apertas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s