‘Serpes a bailar’ vs ‘En bucle’

Rodovia dos Imigrantes.

Xornada 1 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre David Botana e Lois Z.

Traba: Cinco versións da mesma historia.

Serpes a bailar

David Botana.

As árbores xigantes do bosque sentinte de Artaea ondeaban en sincronía as ramas a modo de solemne saúdo. Os visitantes das estrelas que sucaban no seu plani-reactor as pontes pétreas, antigas arterias da extinta civilización, observaban abraiados o espectáculo. Aos mandos da nave ía o comandante Carter e ao seu carón a oficial médico e parella, Medusa. No compartimento traseiro estaban o tenente Matius e a insoportable sub-tenente Neretis, unha Porki, a raza semi-intelixente evolucionada dos porcos coa que se vira obrigado a traballar. Viaxaban inmersos nun tenso silencio, agás Neretis que sorría estúpidamente ao seu holo-desco de comunicación.

———-

María guapa 24/11/21

—Cando volvedes?— 12:06

—No sei, tía. Isto é unha 💩. 😭😭😭— 12:06

—Non mola iso?— 12:07

—Si. Pero a cousa está rara. E non hai dios que aguante a Mateo.— 12:08

—E iso?— 12:10

—Xa sabes. O que che dixera. Levamos dúas horas de coche en silencio…— 12:11

😔— 12:11

Kevin 24/11/21

—Andas polo Brasil? A foto esa que subiches ao Insta 😈😈😈.— 12:11

María guapa 24/11/21

—Faloume Kevin, tía! 😳😳😳😳— 12:12

—Peeeerrraaaaa! 🙈🙈🙈🙈— 12:12

———-

«Isto non ten sentido. Non sei que facemos aquí. Deus, que inferno é estar nun lugar tan fermoso e sentirse así de mal. Isto non hai viaxe que o arranxe. En que estaba a pensar? Que cría que ía pasar? Nin sequera me mira, non se atreve. Non sei que fago aquí. Si, si que o sei. Pobres, saben que está pasando algo. Temos que falar. Non podemos seguir así. Pero que fai Mateo? A saber o que estará a inventar.. Meu deus que maior está Nerea, ela vaino entender mellor. Moito ri cara o móbil… Terá algún mocete

———-

Darío Sousa fuxía. Foran el, Sabina e Carlo roubar cartos ao Bradesco e non atoparan máis que morte. O garda, a muller pequena, dous policías; Carlo. Sabina mirábao mentres enchoupaba de vermello o asento do copiloto. Tres tiros no peito e seguía a rir a moi puta. El voaba pola Rodovía dos inmigrantes mirando o cadaleito en cada xiro. «Son dúas serpes a foder». Dicíallo seu avó sempre. Sabina xa non ría. Agora tocáballe a el, case podía escoitar ao avó. Mirou o reloxo. 12:13. Un proxectil trabou na roda dereita. O gris converteuse en azul. 

……………

—Oink!

—Mamá!

—Mateo, non te metas coa túa irmá.

—Que máis da?

—Mateo…

—Non falades. Por que non fala ninguén? Que pasa?

—Estate calado, parvo!

—Ti atende o móbil, Porki!

—Nerea! Mateo!

—Non falamos, porque… Desde hai un tempo xa non nos queremos. E eu… Non puiden…

—Aquí non….

—Eu… eu quixen… xa sei que foi mala idea vir aquí. Pero ti sempre quixeches vir. Lembrei aquelas vacacións na neve hai, canto? Tres anos? 

—Cinco.

—Idesvos divorciar?

—Falamos ao chegar ao hotel, vale? 

—Meu deus que longa é esta autoestrada.

—Parecen dúas serpes a bailar. 

—Mirade, unha nave espacial!


En bucle

Lois Z.

Aquel tramo da autoestrada tiña forma de infinito. Pasara por alí moitas veces. Ó lonxe, tras o xiro constante dos aeroxeradores, semellaba pintado un horizonte ó que nunca chegaba. Laranxa e inalcanzable. Eran as 20h15, soaba Bohemian Rhapsody na radio. Cambiou para o partido do Celta. A muller e a filla agardaban por el na casa. Saíra de Ourense había case unha hora, debía de estar a uns 25 minutos de Compostela. Estaba xa a piques de entrar no viaduto do Ulla.

…………….

Aquel tramo da autoestrada tiña forma de infinito. Pasara por alí moitas veces. Ó lonxe, tras o xiro constante dos aeroxeradores, semellaba pintado un horizonte ó que nunca chegaba. Eran as 20h15. Tivo un déjà vu. A autoestrada estaba deserta. Compasaba o ritmo da canción de Queen dando golpes cos dedos no volante. Notou algo estraño. Silenciou a música para chamar á casa co mans libres. Tentouno vairas veces pero non daba sinal. Pisou a fondo nun impulso atávico de fuxida. O reloxo marcaba as 20h20 cando atravesou o Ulla para mudar a provincia de Pontevedra pola da Coruña.

……………

Aquel tramo da autoestrada tiña forma de infinito. Pasara por alí moitas veces. Ó lonxe, tras o xiro constante dos aeroxeradores, semellaba pintado un horizonte ó que nunca chegaba. Eran as 20h15. Apagou a radio para pensar mellor. Tiña que saír de alí, facer algo diferente, ir a outro lugar. Deu volta e comezou a conducir dirección Ourense. Converteríase nun kamikaze, pero só durante un treito, pensou, só ata as 20h21. Cando o reloxo marcou as 20h20 comezou a contar mentalmente os segundos ata o cambio de díxito.

……………..

Aquel tramo da autoestrada tiña forma de infinito. Pasara por alí moitas veces. Ó lonxe, tras o xiro constante dos aeroxeradores, semellaba pintado un horizonte ó que nunca chegaba. Detívose a un lado da vía. Saíu fóra do vehículo. Pasou unha man pola cara. Sentíase coma un disco raiado. Non era o espazo, era o tempo! Cinco minutos cincuenta e cinco segundos. Que sucedía nese período de tempo que…? Volveu correndo ó coche. Puxo o contacto. Bohemian Rhapsody estaba rematando. Agardou con medio corpo aínda fóra do coche. Eran as 20h20.

……………….

Aquel tramo da autoestrada tiña forma de infinito. Pasara por alí moitas veces. Eran as 20h15. Na radio, Bohemian Rhapsody. O seu final coincidía co do ciclo. Decatouse de que non chegara a escoitala enteira. Subiu o volume e os seus beizos reproduciron todo o que Freddie cantaba, como se estivese executando un conxuro que puidese rachar aquela maldición. Chorou, riu, desfixo a gorxa nos galileos, sumou a súa voz á dos coros, bateu no volante coma se fose unha batería, volveu chorar e fundiuse feliz e exhausto co resoante gong que pechaba a última frase da canción.

8 comentarios en “‘Serpes a bailar’ vs ‘En bucle’

  1. Penso que a das cinco versións é a traba máis divertida do torneo. Aquí os dous autores afrontárona de xeitos moi diferentes. Parabéns a ambos.

    Serpes a bailar
    Aquí o autor desestruturou tanto o relato que tiven que lelo 3 ou 4 veces para comprender a historia. Gustoume o recurso de usar as perspectivas dos diferentes personaxes e a combinación de formatos diferentes (monólogo interior, diálogo e intercambio de mensaxes). Non acabei de entender o cuarto subrelato, entendo que do pai. Gustoume moito o quinto sub-relato. Hai algo de simultaneidade en cada liña, como se os membros da familia se fosen pisando os uns aos outros, que me presta.

    En bucle:
    Aquí o autor opta pola repetición para vincular cada parágrafo. Paréceme unha boa aposta, mais que ao meu ver erra porque usa unha frase demasiado longa. Vánselle 29 palabras de 100, e ralentiza moito o ritmo. No quinto parágrafo prescinde da frase dos aeroxeneradores (que en si é boa) e permítelle contar mellor o desenlace da historia. A historia en si pareceume orixinal pero non me chegou a conmover.

    Dou o meu voto a “Serpes a bailar”.

  2. Bo día a todos e todas,

    Deixei repousar este último duelo toda a noite e estou máis indecisa agora ca onte. Os meus parabéns a David e mais a Lois Z porque saíron os dous airosos da traba das cinco versións, cada un do seu xeito, pero con moi bo resultado. Daríalle un punto a cada un se puidese, pero non se pode facer iso.

    “Serpes a bailar” Encántame o comezo do relato (a primeira versión), invítate a seguir viaxando, paréceme brillante. Tamén están moi logrados a terceira e a cuarta versión. Pero os diálogos da segunda e última versión para min fanlle perder algo á narración ou a min non me cadran moito. Pero destaco a orixinalidade deses rexistros tan cambiantes, que me parece que son complicados de conseguir.

    “En bucle” paréceme un acerto cambiar só parte do relato, aínda que teña cinco versións moito máis monótonas pero que fan un conxunto máis homoxéneo. Simplemente resultoume máis doado e se teño que escoller, creo que me gusta máis.

    Repito os meus parabéns aos dous autores e voto por “En bucle”.

  3. Unha traba complicada e dúas solucións moi ben levadas, ao meu parecer. Parabéns!

    “Serpes a bailar”: A forma de enfocar a traba coa imaxe paréceme natural e exitosa. O comezo primeiro descolocoume, pero en canto a segunda versión te ubica, hai que relelo xa co sorriso, gustoume. Despois a versión da nai sitúa mellor o silencio e a acción, parece que sabe unha o que esperar, como se vai resolver? Que pensa o pai?… E logo perdinme. Imaxe de película (o pai simplemente está pensando nunha peli?) e un diálogo confuso que só amosa o evidente. Fáltame algo.

    “En bucle”: Esta solución tamén me gustou. Custoume non lelo comparando liñas, mea culpa. A idea está moi ben e penso que non está mal levada, pero non é todo o exitosa que podería: a explicación abalánzase ao final, sen dar oco para traballar máis a “autoestrada da marmota”, que podería dar moito xogo. Ben levado, aínda así, non era cousa fácil, penso.

    O meu punto vai para “En bucle”.

  4. Boas.

    Non sei que dicir, aparte de que me sinto algo perdido. Desoriéntame o de cinco versións da mesma historia: hai algo que non acabo de pillar en ningunha das dúas para as considerar versións da mesma historia. Será que estou algo espeso, e non dou atopado como espabilar.

    E vou escrever assim porque este computador anda algo espanholado. O navegador non ten o galego como opción de idioma e farteime de o corrixir. E porque hoje li que o Ernesto Guerra da Cal deixou dito que devíamos escrever em português de quando em vez. Vá, vou.

    A primeira cousa que não entendi da primeira historia, “Serpes a bailar” é o que é que se narra em todas elas. Não acho mais ponto en comum que o emprego do “dispositivo de comunicação. Percebo que todas deviam rematar com a fractura do tedio mas mal vejo isto em algumas. Já digo: posso estar errado ou mesmo cego.

    Comprendí melhor as cinco versões seguintes, “En bucle” o caso é que a fim não é muito apropriada. Mesmo não sei se a considerar um final… Em fim de contas, voto por esta, por “En bucle” porque quando menos consegui entender algo. Ou não. Já não sei.

  5. Neste duelo encaixaron perfectamente a traba e a foto. A carreteira entrelazada prestase ao múltiples perspectivas e, a vez, a repetición cíclica. Aínda así, creo que é unha das trabas máis complicadas que vin ata agora, pero ambos autores demostran ser quen de saír ben do paso
    Serpes a bailar
    A introdución é moi útil para entrar ao relato, por moito que este se enlee nos cambios de escena. É reconfortante reconstruír os fíos, cando están ben amarrados. Esixe un lector comprometido que moitas veces non é que de atopar a forma de enfiar a historia. Neste caso a historia é complexa, pero accesible. Os diálogos están ben escritos e conseguen imitar a velocidade; o atropelamento dun viaxe en carreteira.
    En bucle
    O formato deste relato conquistoume dende o principio. Parece feito con precisión milimétrica. Redondo e cíclico. Ten moita maña e nas cincocentas palabras consegue meter unha historia ben interesante. O de basearse na repetición é un xogo ben arriscado, pois basta unha palabra mal colocada para rachar coa atmosfera que consegue erguer arredor do viaxeiro. Mais consegue poñer o mecanismo a servizo do relato e a repetición faise exhausta para o protagonista, pero non para o lector. Foi o meu relato favorito desta xornada.
    O meu voto, por esa precisión nas palabras e o risco na forma vai para En bucle.

  6. Unha traba complicada.

    No primeiro relato, Serpes a Bailar, atopo moi gracioso o uso de emoticonos, moi da miña xeración, aínda que por outra banda desdín un pouco, e cáusanme sentimentos atopados. Pola contra, as diferentes formas de contar o relato en diferentes tipos de prosa, encántame.

    En bucle, por outra banda, opta por algo máis psicolóxico, penso, e enfronta á lectora a un modo de comprensión textual bastante intricado.

    O meu voto vai para En Bucle.

    Apertas

  7. Se Botana “sacrificara” unha pequena parte do concepto do seu relato para asegurarse de que todo o mundo entendera o que está pasando e quen é o dono de cada parte do relato estou seguro de que me tería ganado. Pero as 500 palabras son traizoeiras e fóronse todas en facer a obra mais perfecta pero tamen mais complexa. A min costoume tanto como a calquera entender o relato, de feito so o entendin plenamente cando mo explicou el mesmo.
    No meu caso ten razon Daniel que foi un risco (ou unha mala decision) repetir tantas frases en cada secuencia. Sucedía que se o quitaba non sabia como encher ese espazo, porque era tan pequeno que non me chegaba para introducir conceptos novos. Se escribise este relato sen atrancos poida que algunha secuencia tivera só 2 frases e outras mais das 100 palabras ás que tiña que limitarme. enton, para escribilo tan homoxeneo como me via forzado a facelo optei por repeitr bastante cacho e comprimilo todo ata o final.
    A traba era moi interesante, pero penso que nos dous casos tropezamos con ela polo limite das 100 palabras. Penso que 4 versions de 125 palabras nos teria sido mais doado.

  8. Parabéns a Lois pola merecida victoria. Non sei se inda que se entendese plenamente o meu daría feito contra o teu, Bohemian Rapsody é algo moi difícil de parar. Este quedou bastante para enmarcar, quitando o do título e o da repetición longa, todo moi facilmente amañable.
    Eu cometín o erro típico de novato por estas terras. O relato ten que entenderse. Neste caso a peza que falla é a do atraco. Resumo: parte 1, o neno a xogar coa imaxinación. Parte dous, a irmá a chatear polo wassap. Parte 3, pai ou nai pensado na desastre de viaxe e no problema interno que teñen. Parte 4, atracador brasileiro escapando da xustiza, vai en sentido contrario pola parte de arriba da autovía esa, o relato remata saíndose da calzada. Parte 5, diálogo entre todos onde se presenta o conflicto á familia e o remata a escena vendo o rapaz unha nave espacial que se dirixe cara a eles (o coche sen control do outro). Creo que se pode amañar cun par de referencias a maiores. A ver como queda.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s