“Carmen, antes molabas”

Desde a esquerda, Antonio Santos Mercero, Jorge Díaz e Agustín Martínez, que forman o grupo Carmen Mola.

César Lorenzo Gil.

Tras varios anos sen gran protagonismo, o Premio Planeta por fin volve ocupar espazo nos medios, día tras día, en todas as plataformas, para todos os públicos. Sen tan sequera necesitar ter os libros impresos; sen necesitar unha novela. A trama que importa non está, como de costume na industria cultural, dentro do texto, senón fóra.

Até o 15 de outubro do 2020, Carmen Mola era un pseudónimo baixo o que Alfaguara (selo pertencente á transnacional Penguin Random House) publicara tres novelas, de ton policial truculento, que obtiveran un grande éxito de vendas, a pesar de que non existía unha figura que promocionase a triloxía co seu corpo como reclamo, como fan todos os best-sellers actualmente, autoexplotando a súa imaxe en entrevistas, presentacións, sesións de sinaturas e interminables axendas de eventos, en persoa ou pola internet.

Co éxito aumentou a curiosidade. A axente de Carmen Mola, Justyna Rzewuska (de Hanska, Barcelona), e a directora editorial de Alfaguara (entre outros selos), María Fasce, foron as encargadas de crear a pantasma daquel pseudónimo que gañaba lectores semana tras semana. Foron elas as que lanzaron os globos sonda de que era docente, madrileña, tímida, caseira… Aplicaron unha receita simple que, naquel momento, só os traballadores da industria editorial tomaron a chiste. Unha escritora de moito éxito deume, hai meses a súa propia hipótese: “é un home, ex policía, cigano ou casado cunha cigana” (as comunidades xitanas son protagonistas nas obras). Antes de descubrirse quen eran o equipo Carmen Mola xa se sospeitaba que podían ser máis de un, que estaban vinculados coa edición ou o xornalismo e incluso xurdiron nas redes sociais ducias de hipóteses: “É Manuel Jabois, que como soamente ten que facer diariamente varias páxinas en El País, acudir a varias tertulias, escribir as súas propias novelas e apadriñar eventos, evidentemente ten tempo libre para publicar con pseudónimo”.

É moi salientable que na semana na que o Planeta volveu ser o evento do que fala todo o mundo en España tamén se crearan “glorias” colaterais e efémeras, coma a dunha tal Ana Billabriga, seica escritora, que incluso concedeu entrevistas porque hai meses tamén xogou ás adiviñas e, coma quen fai un Euromillón, acertou a combinación gañadora. Parabéns!

O caso de Carmen Mola non é novo no mundo editorial nin especialmente atractivo. A industria cultural do entretemento ten que cinxirse a un deseño moi preciso, concreto e estudado para ter éxito. O que ocorre é que, igual que lle pasou a Billabriga, o éxito nas librarías é unha combinación de moito gasto en publicidade, control sobre o mercado, e moita, moita sorte. Carmen Mola foi unha de tantas operacións comerciais que puido saír mal, mais saíu ben. E puido saír mal porque non contaba con ese corpo do que falaba ao principio para vender os seus libros. Editora, axente e equipo autoral tiveron que suplir esa ausencia material cun ímprobo traballo nos “paratextos”. Carmen Mola asinou artigos de opinión, entrevistas, reportaxes e sobre todo, faixas de promoción doutros libros, as liñas máis literarias (por fantasiosas e concisas) de calquera best-seller que se prece.

O lóxico era que Carmen Mola seguise a publicar unha novela policial por ano até que o seu sex appeal devalase ou os membros do equipo se aburrisen. Mais como en calquera eido controlado polo capitalismo, o diñeiro cambiou o rumbo da historia. O premio Planeta 2021 para Carmen Mola foi unha operación mefistofélica. A corporación barcelonesa arrebatoulle un súper vendas ao seu meirande competidor, arruinou o engado do pseudónimo misterioso e conseguiu un extra de publicidade a base de axitar as augas da destemperanza emocional dos nosos tempos. É posible que Rzewuska sexa a artífice de que Planeta tivese que aumentar de maneira urxente a dotación do premio para que realmente aos tres autores lles compensase “saír do armario” e, agora si, expoñeren o corpo diante da opinión pública: 333.333 euros por barba, concretamente, a metade da cifra do Anticristo.

O espectáculo da reacción “cidadá” ao premio a Carmen Mola é moi representativo dos valores que hoxe pode ter a cultura entre as masas. A acusación de que un grupo de señoros (sic) se apropiaran dun nome feminino como xeito de perpetuar o heteropatriarcado e frustrar a vía de recoñecemento das autoras é tan evidente, tan propia de caricatura, que parece mentira que caesen nela supostos intelectuais como Jorge Carrión (non descartemos que publique proximamente con Planeta). Porque en realidade parece máis ben unha falsa bandeira, un suposto autoboicot que faga medrar o interese polo affaire Carmen Mola.

Aínda máis pavera foi a reacción dos que pensan, fielmente, que Mercero, Díaz e Martínez se presentaron a un premio de novela, en boa lide con outros centos de aspirantes, mais co resaibo dos señoros (sic) que entre carajillo e puritos Dux planean unha xogada perfecta para desestabilizar o sistema cultural español. En pleno 2021 hai quen pensa que o Planeta é un premio literario! Como me dixo un prestixioso crítico: “o Planeta é unha festa de autoenganos no que o peor non é a calidade literaria das novelas que premian, senón a cea na que se entrega o galardón”.

Planeta usa o seu premio desde hai anos para dúas cousas: coroar algún dos seus autores xa moi coñecidos (por exemplo Dolores Redondo, Lorenzo Silva, Javier Sierra, Eva García Saenz de Urturi…) ou atraer a atención sobre algún aspecto extraliterario. Este ano con todo o “escándalo” Carmen Mola, premiando a Javier Cercas no contexto do Procés (Planeta é unha das estruturas máis belixerantes contra o independentismo catalán) ou, xa na remota prehistoria da industria cultural española, cando envolveron o nobel Camilo José Cela nunha chafallada tan obvia que non puido ser accidental de premialo por unha novela, La cruz de San Andrés (1994) cuxa autoría foi posta en cuestión durante quince anos diante da xustiza (coa conseguinte publicidade para a novela) até que a morte do propio Cela e do vello Lara (dono de Planeta) enterraron o litixio por plaxio.

O paradoxo do autor

Moita da indignación tras coñecerse que “Carmen Mola son tres tíos” nace dun paradoxo da industria editorial actual. Nunca antes houbo tantos autores únicos, individuais e senlleiros escribindo as mesmas obras. Canto máis estándar é a mecánica narrativa máis necesidade hai de buscar a diferenza pola figura (outra vez o corpo) do escritor. O autor é un fetiche, un “santo” que adorna as fotografías da contratapa e alegra a vida dos innúmeros lectores compartindo o seu tempo e o seu sorriso en selfies e dedicatorias.

Carmen Mola cumpriu á perfección a primeira premisa. Novelas cheas de crimes ao xeito das que fan trece escritores escandinavos de toda pelaxe. O equipo cumpriu a súa misión: viu unha onda comercial nas librarías e subiuse a ela no momento xusto. Se o grupo nacese no 2007 talvez triunfase publicando novelas xuvenís de vampiros, quen sabe. O caso é que agora os observadores rasgan as vestiduras porque resulta que Carmen Mola non é o prometido: non é unha muller tímida que imaxina horribles torturas mentres enforna cupcakes no seu chalé nos suburbios de Madrid. En efecto, para que funcione o paradoxo ten que haber un autor, neste caso unha autora. O corpo dos tres guionistas non serviu, crebou a ecuación. Queda por ver se a pesar de todo Carmen Mola ten futuro. Velaí o caso de Wu Ming, un colectivo de narradores italianos (empezaron a súa experiencia baixo o pseudónimo de Luther Blisset no 1990), que mal que ben van publicando novelas históricas con vocación popular en bastantes idiomas, incluído o castelán.

O que diferencia a Wu Ming de Carmen Mola é que o primeiro colectivo quería, xustamente, romper a secuencia entre autor e texto, propoñendo un camiño para a literatura semellante ao do resto das industrias culturais, onde é o autor colectivo o único capaz de levar a cabo un filme, unha canción, unha serie de televisión. Carmen Mola parte do mesmo presuposto, a necesidade de colectivizar o autor, pero con fins comerciais, non creativos. Ademais, Carmen Mola non podía permitirse o luxo de amosar o “truco” desde o principio. Só a identidade pantasma lles permitía manterse en pé de igualdade cos autores con corpo. A xente non vía a Carmen Mola, pero intuía unha sombra e tiña a opción de interactuar con ela a través dos artigos, as entrevistas, as faixas dos libros.

Porque Carmen Mola é unha marca dunha operación comercial sen máis. E por iso o Planeta é unha OPA hostil (Random golpeara antes, fichando o súper vendas especializado na Antiga Roma Santiago Posteguillo). E por iso utilizaron un nome feminino, porque nas actuais coordenadas do mercado libreiro de hoxe en día, a idea é que é máis doado baixo unha óptica feminina. Non foi Carmen Mola quen estafou os seus lectores, estafa os lectores quen considera que existe unha literatura feminina, un xeito distinto de escribir se naciches home ou muller. Cambiouse a tradicional estratexia de evitar o nesgo cognitivo propoñendo que, por exemplo, nos artigos científicos os autores asinasen con iniciais, a afirmar que, como a meirande parte das compradoras de libros son mulleres é máis doado venderlles libros escritos por mulleres. O “valor” do feminino non ten nada a ver coa calidade do texto; nin sequera se establece unha conexión entre letras femininas e letras feministas (hai libros escritos por mulleres bastante machistas). En moitos foros chégase a escoitar que é reprobable que un home escritor converta mulleres en protagonistas ou finxa voz feminina. Coma se a literatura non fose diso, de finxir. Separar a literatura por sexos é unha entelequia, simplemente. Hai anos, o xurado dun premio literario galego recollía este texto na súa acta de premiación: “(o nome do autor) logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente”. O autor era un home de 57 anos. Imaxinariamos que para vender libros no instituto os autores tivesen que ser adolescentes?

Outra cousa é sermos conscientes das dificultades das mulleres creadoras para ter espazos e exemplos de referencia. E igual que ocorre noutros eidos, para favorecer a normalización, pode servir como estratexia de igualación a discriminación positiva.

Asemade, Carmen Mola nace ao rebufo de dúas experiencias exitosas: Megan Maxwell asina novelas tórridas e bastante reaccionarias. Mais non é ese o nome que pon no DNI da autora real. E sobre todo, Elena Ferrante, pseudónimo dunha autora (?) italiana que conseguiu un inesperado éxito internacional cunha triloxía napolitana. Sobre o fenómeno Ferrante escribiuse moito e incluso hai unha investigación que cotexou os seus textos cos doutros autores italianos e tamén unha reportaxe (ao estilo dos Pandora Papers) que, en realidade, non desvela nada. Sen Elena Ferrante probablemente Carmen Mola non funcionaría

É posible que Mercero, Díaz e Martínez volvan intentalo con outro pseudónimo ou fiquen no favor do público asinando como Carmen Mola. Pensemos no éxito que tivo a Santísima Trinidade cun modelo parecido.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s