‘O verniz’ vs ‘Parraguesa’

Picando prexel. ALYSSON MCPHEE

Xornada 2 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Xerardo Méndez e Carlos Vega.

Traba: Os relatos teñen que ter exactamente 444 palabras, fóra o título.

O verniz

Carlos Vega.

O verniz é transparente. Recobre a mesa, lucindo a cor clara da madeira. Tamén recobre, da mesma forma encuberta, o gume prateado do coitelo, o branco esmalte das uñas e o ton claro da pel. O verniz témolo as persoas, algúns animais que entran na casa e os mobles. Non teñen verniz as verduras, as árbores e os bosques, porque non o necesitan.

Os carpinteiros póñenllo á mesa, pero non sabemos quen nolo puxo a nós. Só sabemos que é vital telo. Hai moito tempo a xente non o tiña e vivían como animais. Non había vilas nin cidades. A xente non ía ao traballo e comía o que arrincaba coas mans.

Despois do verniz xuntámonos en covas de varios pisos, que erguiamos organizados. Inventamos cousas que valían outras cousas e pasamos de arrincar a recoller a comida. En xeral, axudounos a integrarnos no mundo.

Non é igual en todos. Hai xente cunha capa máis grosa e xente que apenas ten unha lámina protectora sobre a cabeza. Temos que coidar desta xente, porque é fácil que unha liña tan feble escache ao mínimo tirón. Moitas cousas poden tirar dela, pero na maioría dos casos somos nós mesmos os que escachamos co verniz. A xente que racha con el vai ao cárcere, que se parece á morte porque tes que ficar quieto moito tempo.

É do máis perigoso que nos pode pasar, porque entón as feridas, ademais dos ósos e músculos, atravesan a cabeza. A carne pode curar, pero a cabeza é máis complicada. Hai pezas que non entendemos e que, polo tanto, non sabemos enxesar.

Hai ferramentas que o erosionan, como o coitelo ou a televisión. Non son os propios obxectos os que firen a cabeza. Son as ideas tras destes. Removen lugares inexplorados, espertando sentidos anteriores. Sentidos violentos, de arrincar cousas da man. Ás veces, sentidos contra nós mesmos.

Por sorte temos outras ferramentas que nos axudan a reforzar a protección sobre a cabeza. Unha alianza, por exemplo, leva o recordo dunha persoa coa que vivimos; seguramente nunha montaña chea de covas. Cociñar, por outro lado, lémbranos a diferenza entre arrincar e recoller. Co perexil é complicado, pero a carne recollida é moi distinta á que se arrincou. 

O verniz percíbese coa luz do sol. De noite é imposible distinguir entre quen o conserva e quen o perdeu. Por iso durmimos, mentres que nas rúas camiñan eles, espidos, coa cabeza ferida e a boca chea de dentes.

As feridas son invisibles e só se senten ao telas preto. Son vermellas, aínda que non están na carne. Intérnanse moito máis alá, onde nacen os primeiros pensamentos. As fendas do verniz son fondas e escuras.


Parraguesa

Xerardo Méndez.

—Parraguesa! Pon a mesa.

Miña mai chamándome desde algures. Hai demasiado tempo que non a escoito. Desde que se mudou ao adro da Igrexa méteseme na cabeza de cando en vez. A súa voz é coma un eco que reverbera no meu cranio recordándome unha vez e outra vez as receitas, os pasos, os ingredientes, as medidas…

Recordo perfectamente que a páxara non ten espera. En canto se abre o corpo e se desprende do unto hai que botala nas brasas con sal groso. O sal protesta mentres se afoga na carne branda, disolvéndose na humidade do órgano. Non se debe deixar moito tempo no lume: se seca, só sabe a cinsa. Os riles vounos poñer en auga con vinagre, para que vaian limpando. Igual os fago para a cea de mañá, encebolados e cunha chisca de xerez; hai quen os flamexa con coñac: eu prefiro o xerez, doce e seco. E a cebola, coma os riles, caramelizada nun lume moi manso. Seguramente meterei un xamón no conxelador e salgarei o outro. Os lacóns vounos picar para chourizos. Este tiña algo de gordura de máis na barriga: vou ir sobre de touciño, branco ou entrefrebado, e esa carne vaime axudar a secarlles aos chourizos ese lardo que lles vou botar. Goréntame o touciño, salgado e cocido a lume lento, como dúas horas ou máis, pero nin o sal nin a gordura son boas para o meu colesterol. Na última análise tiña os triglicéridos disparados. Vou ter que me coidar un pouco. 

Este viño non está nada mal. Voulle botar outro gorrispo despois de afiar o coitelo. Non é que o precise para separar as costelas da soá, é por se acaso. Desde que inventaron a rebarbadora acabouse iso de andar petando na carne coa macheta desde dentro e meter o coitelo por riba para recortala. Mete algo de ruído, pero os veciños non se queixan. Mal poderían; como non escapen dos nichos! Non queda ninguén no lugar, e na parroquia, unha veciña a dous quilómetros. Así é doado levarse a ben.  

Xa a teño! Agora separar a carne sangrada da punta do peito para os chourizos de boche. E teño que preparar a cachucha! Non desenchufes a rebarbadora: cómpreche para separar o dente e o bico. Vai ese viño mentres quecen os ferros para o nariz e as orellas. 

Goréntame este viño, con esta cor de sangue sen callar, e o tasto doce que deixa na boca un pouso de mel e mazá… A verdade é que desta vez o sangue está algo negro. O bicho acorou ao sentir o coitelo. Vou recoller as sabas: o sangue empórcao todo; e se seca non marcha.

6 comentarios en “‘O verniz’ vs ‘Parraguesa’

  1. O verniz

    gustoume o relato. cambiaria varias cousas, algunhas frases sobranme ou ben non as acabei de entender (a de integrarse no mundo, que é o mundo?). Por momentos parece que as 444 palabras se lle fan longas porque divaga algo, pero sendo como é o final váleme. Refirome a que o relato nunca quixo ir a ningures, asi que non o podo acusar de dar rodeos.
    Ten un ton asi como de narrador recén saído do psiquiatrico que lle vai moi ben. A min meteme mais curiosidade pensar na personaxe que fala que entender na sua totalidade o que di. É un relato imperfecto, como esa pelicula chunga -das que despois lle chaman “de culto”- que lle pos un 5 pero te deixa mais impactado do que queres admitir. Ten mérito fiar un discurso así, sen ofrecer nada tanxible pero construindo unha entelequia coherente. Tamen me gustou que a foto fose un elemento secundario no relato. Se a foto fose dun ote de verniz, por exemplo, soaria todo mais artificioso. Non sería xusto (o relato sería o mesmo, non?) pero toda subxectividade influe á hora de valorar unha obra.

    Parraguesa

    Na miña zona dise barbantesa (pon a mesa). tiven que buscalo no google para asegurarme de que estabamos falando do mesmo becho.
    Aclarado iso, temos aqui un relato perfectamente escrito e estruturado. Só faltou unha cousa (na miña opinion), e como eu son asi de jodido resulta que é o que mais me importa -estaredes fartos de lerme dicir variacions desta frase-: non deixes para o final o que podes contar na primeira frase.
    Si, xa sei que ó falar dunha mantis na primeira liña pode un pensar que xa está todo dito. Pero eu non qeuro dar as cousas por feitas, quero que mas diga o relato. Vouno dicir doutra maneira: o relato ía perfecto ata a ultima liña. Para min, sobra. O que estaba pasando xa estaba ben claro. Non soporto as revelacións finais. Ninguén mata os cochos na cama, por tanto esas visceras son, como era de esperar, do ultimo tipo que se deitou co/coa (creo que non se menciona o xenero) prota. Un relato deste estilo debe rematar cunha ambigüidade, porque se o vas deixar claro ó final, recoiro, por que non telo deixado claro antes? se total xa nin era sorpresa, que se vía vir deste o título.

    Voto polo Verniz, gustoume esa vaporosa metafora. Inda así, o seu rival, se rematara en “O bicho acorou ao sentir o coitelo”, seguramente teria ganado o voto.

  2. Ola,
    O verniz
    Paréceme un relato ben escrito, lese a gusto e mantén unha certa curiosidade metafórica sobre ese verniz ata o final. Enganchoume máis que o segundo desde o principio.
    Parraguesa
    Non me gusta o título, aínda que recoñezo que iso depende de cadaquén. Tampouco sabía o que significaba e tiven que buscalo, como lle pasou a Lois Z.
    Hai unha descrición perfecta da matanza do porco, pero non teño moi claro se matan o porco ou a unha persoa… Porque eu o que imaxinei coas sabas é que mataba á súa parella (non creo que se usen sabas para matar o porco, polo menos na miña terra, non). E a parraguesa anda polo medio, sente o coitelo, pero non me acaba de encaixar.
    Para min demasiado gore, demasiado sangue e detallista de mais no desguace do animal/persoa.

    O meu voto vai para O Verniz.

  3. O meu duelo favorito da xornada.
    O verniz
    Concordo co que se dixo anteriormente. Penso que é un relato moi ben escrito, do que se goza sen que importe a historia. As metáforas son orixinais, nada manidas. Se acaso non me convence moito o peche. Non digo que teña que ir a algures a historia, pero penso que a frase de peche tería que ter un aquel conclusivo que para min esta non ten. Segue ao mesmo ritmo que o resto do relato.
    Parraguesa
    Penso que tamén é un texto moi ben narrado, con ritmo e unha linguaxe moi rica e precisa. Tampouco me convence que sexa unha escea de canibalismo. Persoalmente, paréceme que é máis orixinal describir tan ben como o fai unha escea cotiá, que non buscar unha sorpresa final no lector resaltando que a quen matou foi a unha persoa.

    Teño dúbidas no voto, porque ambos me pareceron moi bos relatos, mais vou votar por “O verniz”

  4. Gustoume moito este duelo.
    “O verniz”: ten un ritmo e unha cadencia que me encanta. Este tipo de historias “metafísicas” catívanme de todo. “Os carpinteiros póñenllo á mesa, pero non sabemos quen nolo puxo a nós.”. Aí xa estaba eu gañada.
    “Parraguesa”: moi orixinal e ben redactado. Coido que a “sorpresa” é para gustos, en nada afecta á súa calidade. Paréceme moito chourizo e dáme algo de pena facelos con lacón, pero será que eu non son nin de gore nin de chourizos jajaja.
    Dous opoñentes de altura. Quedo con “O verniz”, pero por pouco.

  5. Outro gran duelo. Con dous relatos que non poden ser máis dispares.

    “O verniz”. Un relato fantástico creado con moito ritmo, case da para poema. Como di Lois é un relato de protagonista oculto, ten moita miga imaxinar quen está a falar. Ten un aire de ensoñación que despunta en certas frases que están moi conseguidas. Gustoume moito.

    “Parraguesa”. Tampouco coñecía a palabra. O texto ten un vocabulario moi rico en xeral e moi ben usado. As imaxes están moi ben montadas. Se alguén coñece a matanza comprobará que todo está onde debe. Poida que o final sexa algo frío, xa se vai deducindo o que pasa polo medio do relato, pero metidos en faena…é difícil rematar doutra maneira.

    VOTO polo Verniz porque me pareceu máis orixinal.

  6. Boas!

    Gustoume moito este duelo.

    En “O verniz” pareceume moi atinado o uso tan metafórico que se fai de todo. O que sí sinto e que quizáis, por mor das 444 palabras, ás veces empréganse demasiado certas palabras, e resulta un tanto pesado.

    En “A parraguesa”, que coma varias das miñas compañeiras non tiña nin idea do que era, e tiven que buscar o significado, gustoume moito o emprego de metáforas, sendo esta a miña preferida: O sal protesta mentres se afoga na carne branda, disolvéndose na humidade do órgano.

    O meu voto vai para a parraguesa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s