‘Retorno’ vs ‘Que fas?’

Xornada 3 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Daniel Ugarte e David Botana.

Traba: O relato debe estar escrito en segunda persoa.

Retorno

Daniel Ugarte.

Porque tiña medo da túa volta. Preocupábame non ter onde ir, depender de ti, convivir contigo cada día até que a morte nos separase, como dixera o párroco. Angustiábame saber que iso era o que terminaría por suceder. Sempre insistías en que non querías morrer en Düsseldorf, que retornarías a Galicia en canto o piso estivese pago e ti tiveses dereito a unha pensión alemá.

Non penses que foi sempre así. No inicio si te estrañei. Os días cunha pequena e ninguén con quen falar fanse longos. Decepcionárame aprender que Mujico mandara pola muller e que ti nos prohibías mesmo que fósemos visitarte. Seica era tirar os cartos polo sumidoiro. Despois, co tempo, comprendín que era mellor así. Cantos matrimonios había daquela coma nós? Cantas amigas da nena tiñan o pai traballando en Alemaña ou en Suíza? Entendín que era o natural, que non era traxedia ningunha. Ben ao contrario. Ti farías as túas cousas das que eu nada quería saber e eu amañábame ao meu xeito. 

Pouco teño que reprocharche dos anos de matrimonio distanciado. Nin nos abandonaches nin  incumpriches as túas promesas. E grazas aos cartos que mandabas, a diferenza doutros, fomos arranxando. O problema eran os meses de xullo e un Nadal de cada dous. Non por ter que servirte. Tampouco por compartir leito contigo. A iso unha muller pode habituarse. O que sucedía é que, mentres ti estabas en Düsseldorf, eu tiña unha vida adulta na que ninguén me controlaba.  Cando volvías, esa vida paraba.

Enfurecíame que pretendeses instruírme sobre un mundo no que estabas de paso e do que non coñecías gran cousa. A túa desconfianza, o menosprezo, a insistencia en resaltar que eran os teus cartos os que pagaban a hipoteca. Ben o sabía! Non aturaba que te moqueases de min cando non che daba a razón, que me preguntases para que precisaba o diñeiro antes de sacalo do moedeiro ou que me desautorizases diante da nena. Foi iso o que che aprenderon os alemáns? Cando emigraches non eras así, ou quizais era que sabías agachalo. 

A nena marchou e ti mencionabas cada vez máis a miúdo o retorno. Imaxineime atrapada nun mes de xullo perpetuo, nun Nadal de cada dous sen fin. Que querías que fixese? Falei coa muller de Mujico e díxome que a ela lle salvara a vida limpar as casas dos alemáns, ter cartos propios dos que non debía dar conta ao marido. Por iso foi que comecei a traballar no taller de costura.

Como prometera, criei a nena e coidei do que é teu.  Entrégoche a chave porque sempre foi túa. E agora que xa non che debo máis nada, voume. Ao cabo, o noso matrimonio aprendeume que afastármonos é a mellor maneira de que ti e máis eu non nos fagamos dano.


Que fas?

David Botana.

O espello devólveche unha imaxe que non recoñeces. Os dedos nas comisuras da boca trazan o que deberías sentir: ledicia, tristura, ira… Os teus ollos, ventás inertes, son incapaces de acompasar a pantomina e só consegues vestir máscaras grotescas. Xíraste, na cama hai un cativo. Que fas?

Lembras o seu nome. Johann. Pantalóns curtos, camisa gastada, a cara un lenzo de chocolate. Enganchárase á tableta que lle mercaches coma unha troita a un anzol. Comera ben, agora durmía. Non vos vira ninguén, inda que desta vez fixeches unha comprobación menos que na anterior e seguramente moitas menos que ao principio. Non sabes se é por preguiza, confianza ou auto-sabotaxe. O cativo abre os ollos e ri. Que fas?

Es fogo, es vermello. O espasmo dun instante preciso e eterno no que es e sentes. Miras ao redor e todo é branco, tenue e impreciso; todo agás ti. Estiras cos dedos a xestualidade das comisuras da realidade, combas a túa alma que flutúa e se expande. Sénteste observado, hai alguén que te mira aí fóra. Está vivo, non lido. Johann vaise e con el a luz. O dragón esmorece, a nada regresa. Que fas?

Miras as túas mans, tremen. Nunca che pasara isto, por que agora? Pasou algo, por un intre fuches ti e alguén máis. O abismo tróuxoche pantasmas. Volves ao espello, hai unha bágoa. Johann Werther falouche da irmá, tiña unha irmá, coma ti no seu día. Imaxináchelos xogando e ti tamén xogabas. No espello alguén chora, pareces ti, pero sabes que non pode ser. Estás tremendo, cústache respirar e a cabeza dáche voltas. Que fas?

Na cama xace o neno que nunca fuches, morto coma sempre. Aos pés o teu coitelo. Choras por el, insúltaste en segunda persoa, pégaste no peito. A túa voz non semella ser túa, está viva, non lida. Colles o coitelo e límpaslle o sangue. É unha boa ferramenta, afiada, eficiente. Con el rachaches moitas vidas, paraches moitos tempos, abriches a porta ao dragón e miraches a luz tantas veces que gañaches outro nome. Johann perdera o del. Selina, a irmá del era Selina como a túa era Ada. Dixéracho coa risa de chocolate. Quería darllo a probar, nunca o comera. A dor que che atenaza o peito é insoportable. O que te mira tras o espello non atura máis. Que fas?

Unha man pequena e branca, un xiz. A punta entra facilmente. Vaise debuxando unha mariola. A carne racha e cospe vermello enriba do espello. O que ti non es está a rir. Ada salta na mariola, ti cantas. O único escintileo da túa vida detense para sempre. O dragón abre a boca. Es vermello, es fogo. A negrura acode e arrastra todo. A felicidade do recordo extínguese desde o inicio dos tempos e só queda unha fríaxe eterna. Dúas mans ensanguentadas xorden da fenda que che chuchou o sangue, estírana ata que de dentro consegue saír o que xa non es ti. Que fas?

7 comentarios en “‘Retorno’ vs ‘Que fas?’

  1. Boas tardes. Empezo por este duelo porque foi un dos que máis me gustou. Parabéns tanto a Daniel como a David porque os dous relatos teñen algo que me gusta.

    Retorno
    Cumpre varios requisitos que me gustan: intimista, emotivo, conta unha historia que engancha desde o principio e ten un bo final. Co cal o único criticable é que non garda moita relación coa imaxe, salvo que sexa o marido a quen lle estea falando a muller protagonista. Eu obsesiónome bastante coa fidelidade ás imaxes. É unha teima miña…

    Que fas?
    Gústame moito o primeiro parágrafo que describe perfectamente a imaxe. E despois aparece Johann que non sei se é real ou imaxinado, parece un protagonista sacado dun soño. Un alter ego do protagonista que complica e mestura a acción dun xeito sublime. Un final moi bo e ese título repetitivo que lle da un ritmo bo ao relato.
    Voto por Que fas?

  2. Retorno

    Terceiro -na miña orde de lectura- relato que non está en segunda persoa. Está en primeira persoa, o narrador é un “eu”, e iso fixa a persoa do relato.

    Un relato interesante, o discurso da protagonista está ben estruturado e leva ó lector dun “topic” a outro de forma moi natural, sen esa sensacion de “por que me contas isto agora” que teñen a veces os relatos deste tipo (confesions ou revelacions).
    Está moi ben expreado iso da vida adulta sen supervision e ese medo a vivir un “xullo eterno”. Por buscar algunha cousa a mellorar, o final perde algo de forza. Era un final complicado porque o relato funciona coma unha carta e nunha carta a accion non avanza: o estado de animo de quen a escribe é -normalmente- o mesmo no inicio que no final, enton, en vez de meter ese ultimo parágrafo asi como conclusivo (ist oxa comeza cando fala da costura), eu optaria por seguir no mesmo ton de “estampa estática”, ou dito doutra forma, seguir narrando en presente ou pretérito imperfecto. Cara o final os verbos cambian a pretérito perfecto e iso é o que cambia o ton relato.

    Pilar, a relacion coa imaxe é que a foto é un fotograma da pelicula “M, o vampiro de Düsseldorf”. Non sei se neste caso é unha M de Manolo nin se é un asasino pero a relación coa foto -polo menos con ese aspecto da foto- está aí.

    Que fas?

    este é un relato para deixar a un con mal corpo. O autor quereme meter na mente dun asasino. E faino ben. Esa narracion fria e esa falta de emocions na personaxe cumplen a sua funcion. Paréceme ademais moi conseguido ese momento mistico do asasinato. Mete mais medo asi que se o describise con realismo, perturba mais porque ti/eu como lector desfrutas da narracion (das palabras, das frases), e á vez sabes que estás lendo a morte dun neno. Despois resulta que hai algo mais, outra presencia, que pensei que era eu mesmo, pensei que el me via como eu o vexo a el a través do texto. E ese “que fas?” qe me molestaba algo ó principio aparecendo a cada pouco colle significados estraños, falame el a min ou son eu que lle estou pedindo explicacions ó asasino?
    finalmente penso que o ser do espello non é o lector senon un alter ego do asasino, un psicótico mais que un psicópata. esa escena do corpo do asasino rachando diante do espello, mentres o seu outro eu se acorda da sua irmá xogando, é tremenda.

    O meu voto vai para “que fas?”, de momento é o meu relato favorito do torneo.

  3. Bos días compñaieras;

    Gustáronme moito ambo-los dous relatos, porque ademáis de estar moi logrados, escribir en segunda persoa é todo un reto.

    Soborde retorno, gustoume tratar un tema tan íntimo e doloroso como é a emigración para os galegos e galegas. Para min que, neste momento, tamén son emigrante.

    Soborde que fas?, gústame a historia, máis hai algunhas metáforas, soborde todo no principio, que non consego entender ben.

    O meu voto vai para RETORNO

  4. Boas.
    Encontro interesante e ben estruturada a proposta de Retorno, a demais de tratar un tema que non acostuma tratarse: a emigración e as situacións que provoca.
    A proposta de “Que fas?” para min fai uso dun simbolismo bastante difícil de comprender e unhas evocacións escuras que non acaban de convencerme.
    O meu voto é para “Retorno”.

  5. Esta foto e das mellores que tiña na miña carpeta de fotos guais que algo teñen que ver con vampiros. Ambos relatos son dous meus favoritos desta xornada.
    Retorno consegue involucrar ao espectador nunha escena que para o protagonista é vital. Por moito que se consiga case sempre non deixa de ser relevante, Gústame moito a frase do “xullo eterno” O final pode quedarse corto, pero é o que ten ir construíndo os parágrafos con tanta mestría. Que logo piden un final á altura. Aínda así encantoume. Meus parabéns o autor.
    Que fas? Ten un obxectivo do máis complicado. Conseguir meterte na corrente de pensamento, tan fría e descarnada non é doado. Pero lógrao coa repetición mecánica, que lle da ese toque de psicopatía. O “Que fas?” Como referencia metatextual, máis alá do espello é un punto fortísimo. O final é incríbel. Todo o xogo confuso do relato está conseguido cunha precisión moi boa. Non creo que esqueza este relato en moito tempo.
    O meu voto vai para Que fas?

  6. Último voto, de novo pido desculpas pola tardanza e análise rápido.

    “Retorno”: Non está en segunda persoa, vou empezar por aí. Gústame como avanza, pero se cadra pareceume un pouco cliché de máis. Un mes de xullo eterno, gústame esta frase. O final resultoume frouxiño, desmerécelle algo ao resto, pero en xeral, gustoume.

    “Que fas”: Este si que está en segunda persoa [level up], pero non entendín nada, síntoo. A forma na que está narrado quere gustarme pero hai un tema de fondo que me alonxa (dáme mal corpo) e custoume moito entendelo. Iso non quita que está narrado dunha forma magnifíca, ao meu entender, pero non me gusta moito ter que descifrar historias, son cousas persoais.

    Voto por “Retorno”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s