‘Los nuevos odres del nacionalismo español’, o negocio da rojigualda

Pablo Batalla Cueto.

César Lorenzo Gil.

Pablo Batalla consegue, en Los nuevos odres del nacionalismo español, publicado por Trea, unir no mesmo conxunto todos os elementos que configuran, a día de hoxe, o españolismo. Non tanto na sua proxección política, senón sobre todo en base ás súas manifestacións culturais.

Batalla, seguindo os parámetros do nacionalismo banal, que definiu Michael Billig, vai esculcando, ámbito por ámbito, como agroma e florece o nacionalismo español, en novos pelicos mais coa mesma esencia que conforma o nacionalismo español desde o século XIX, co mesmo fedor que exhalaba durante o franquismo.

O libro parte dun evento histórico moi concreto: o gol que Andrés Iniesta marcou na final da Copa do Mundo de fútbol do 2010, o gol que lle deu a España o seu primeiro título de campión do mundo e lle deu paso a unha das máis multitudinarias e transversais festas, presente en todos os recantos do país, adornada, por primeira vez na historia, pola enseña rojigualda, liberada desde entón do tabú da súa lexitimidade. O deporte, non só o fútbol, tamén as vitorias de Rafa Nadal, o dominio no motociclismo ou as moitas vitorias en básquet, serviu como trade, aparentemente apolítica e meliorativa da identidade española, pola que saíron á superficie os verdadeiros motores do españolismo e os seus vellos fungares: imperialismo, mesianismo, vitimismo e disfrace da reacción do status quo diante de calquera atisbo de reforma. Unha relixión laica, en palabras do autor, que ten de todo: os seus santos, o seu profeta e os seus sacerdotes.

Hai moitas partes interesantes neste libro e consegue unha visión bastante panorámica, divulgativa e apegada á actualidade que fan moi cómoda e instrutiva a súa lectura. Desde a análise de El Ministerio del Tiempo, do que xa falei en Biosbardia, até a xenealoxía da Festa Nacional e á xunción entre hispanidade e Restauración borbónica (non esquezamos que, salvando as distancias, o período ao que máis se parece o noso é á época na que reinaron os últimos Afonsos).

Para min, o máis innovador e inspirador deste libro é como desvela o profeta desta relixión laica da que falabamos. Pablo Batalla é asturiano e foi en Asturias onde o profeta predicou. Non o lendario Paio e o seu reino nas montañas, senón Gustavo Bueno e a súa seita na Universidade de Oviedo. O filósofo creador do materialismo filosófico é hoxe o pensador máis influente, tanto en moitos centros educativos coma no deseño da nova historiografía imperialista hispana. O buenismo atinxe elementos tan aparentemente distantes como o humorista Eduardo Galán, os historiadores Pedro Insua e Iván Vélez ou o líder de Vox, Santiago Abascal. Batalla explica moi ben como Bueno, que foi filósofo marxista cando “fixo falta”, acabou retornando ao seu falanxismo xuvenil, a reverdecer as ensinanzas que recibira do seu director de tese, o mugardés Santiago Montero, profesor universitario de Historia que se encargou de intelectualizar a idea da orixinalidade civilizadora do imperialismo español e mais o catolicismo español de Ramiro Ledesma Ramos.

Bueno, e os seus epígonos, pretenden superar a división entre esquerdas e dereitas a base de nostalxia do imperialismo español que lles levou o cristianismo (e a sífile) aos indios. O buenismo, na súa versión pop e resumida dálle azos ao nacionalismo español que hoxe capta votos e audiencia: os españois foron alguén, quizais a nación máis espléndida do mundo, a que en vez de ir a América extraer ouros e rebentar escravos, levou a universidade e os dereitos humanos. Só a inxerencia inglesa (eses si malos imperialistas) frustrou a arcadia española en América, cuxa situación actual de empobrecemento responde ás dinámicas independentistas.

Este pensamento lenda rosa conseguiu monetarizalo Elvira Roca Barea cun libro trapalleiro pero resultón que escachou as cifras de vendas que antes ca ela conseguiran outros “historiadores” da ultradereita, caso de César Vidal, Federico Jiménez Losantos ou Pío Moa, entre outros. O rosalendismo ponse ao servizo da mensaxe unionista en Catalunya, con aparencia de modernidade (dereitos humanos, educación, reparto da riqueza) mais cos mesmos tics racistas. Porque, como ben desvela Batalla, o españolismo segue a primar a raza e a relixión de Castela como armazón identitaria dunha España que aborrecen se ven diversa. Os musulmáns que habitaron e civilizaron España (fronte á Galaecia) desde o século VIII ao XV seguen a verse como estranxeiros, mentres se “españolizan” romanos (o imperio occidental que construía pontes e teatros) e visigodos (que se converteron ao catolicismo). Mais curiosamente o nacionalismo español segue a obviar todo aquilo que lles desamaña o relato lineal: os suevos, que si foron católicos case sempre, non coma os visigodos, que foron moito tempo arrianos), o reino de Navarra, o imperio mediterráneo de Aragón con capital en Barcelona…

Como exemplo, Batalla fala da novela histórica, dos acontecementos sobre os que xiran os supervendas: Flandres, a “rebelión” asturiana contra Al Andalus, a conquista de México… Analiza moi ben como pasan desapercibidos aniversarios como o do Desastre de Annual, no Rif, do 1921 ou incluso a revolta comuneira do 1521, malia ser un movemento propiamente castelán. Das efemérides non castelás xa nin se fala. O españolismo nin sequera xogar a integrar as culturas diversas, obrígaas a papar (desde os textos legais á última manifestación cultural televisada) o castelanismo, xa non pousado en Burgos ou Valladolid, senón na metrópole que herda Castela e a proxecta: Madrid.

O libro de Batalla cae, algunhas poucas veces, na autosabotaxe ao pretender equiparar o nacionalismo español cos nacionalismos galego, vasco ou catalán, mais en xeral propón un discurso valente que, é moi posible, pase desapercibido nos grandes portavoces culturais de España. A este respecto é moi interesante comparar a difusión de obras coma esta coa doutras coma a primeira novela da xornalista Ana Iris Simón, portavoz mimada da “Esquerda Viriato”, que Batalla define como unha mestura de socialfalanxismo rural (da Castela rural), idealización do obreirismo industrial e retorno en forma de farsa ao lema de “xa non vale a división entre esquerdas e dereitas” que impuxera Íñigo Errejón nos primeiros anos de Podemos.

Ademais, a obra do historiador asturiano serve tamén para desvelar o denominado negocio rojigualda; como a industria cultural e da comunicación en España está nas mans de operadores que utilizan o nacionalismo español como parte fundamental para fixar audiencias. O espectro radiofónico, a produción audiovisual, os fenómenos editoriais, todos cabalgan enaborlando a bandeira rojigualda, dun xeito máis ou menos explícito, levando a máscara, cadaquén cos seus matices e adxectivos (un moi relevante e ausente do libro é o renovado patriotismo constitucional de Onda Cero (Planeta) agora liderado por Sergio del Molino) do Cid, ou de Blas de Lezo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s