O baleirado de novelas, un xogo literario

Moldes de letras dunha máquina de escribir.

Xesús González Gómez.

Entre agosto e setembro pasei tres semanas en Galicia e aproveitei a «emposta», que se escribía en tempos de hipergaleguismos e/ou galego diferenciado, para ler unha serie de novelas galegas que tiñan, case todas, un elemento en común: foran premiadas. Agás unha ou dúas. As non premiadas adoitaron ser ou relecturas ou novelas traducidas ao noso idioma. Como, polo xeral, non quedei moi satisfeito da «experiencia», e como non me vexo con forzas para falar delas, e como hai que encher a colaboración semanal, no canto de falar, por exemplo, das máis que evidentes grallas, ou das portadas, ou dos textos das lapelas ou contraportadas, faremos un vello exercicio: o baleirado. E farémolo porque é o único «exercicio» que me propoñen a maioría desas obras; non todas, claro. Sempre existen as excepcións da regra.

O baleirado de novelas consiste, simplemente, en coller unha novela e reproducir a primeira liña ou frase (até o primeiro punto, seguido ou á parte) e a última (liña), desde o último punto e seguido, ou inicio de frase, até o punto e final. O produto, curioso. No medio, a novela, boa ou mala, xenial, mediocre ou infumábel, que escribiu o autor. Na reprodución, un espazo en branco que cada lector pode encher ao seu gusto, coa novela que escribiu o autor ou a novela que el imaxina, pode imaxinar e, mesmo, pode escribir. Ás veces tamén un exercicio máis gozoso, e lúdico, que ler a novela que se baleira.

Curiosamente, o inicio da maioría das novelas que lin nesas mencionadas tres semanas, xa se «denunciaban» pola primeira frase, aínda que ás veces, por sorte, outras por desgraza, non foi así sempre. Non obstante, os inicios adoitan «marcar» o ton da novela. Dos inicios xa temos falado nesta mesma web, polo que aforramos comentarios e, xa que logo, vaiamos ao exercicio que nos trae. Vexamos algúns exemplos antes de baleirar algunhas das novelas que lin nesas tres semanas. O inicio e final de Madame Bovary, de Gustave Flaubert, dá o seguinte:

Estabamos no estudio cando entrou o director, seguido dun «novato» traxado de festa e dun bedel que traía un pupitre.

[…]

Acababa de ser condecorado coa cruz de honra.

(Flaubert, G, Madame Bovary, Galaxia, 1994. Traducido por Pichel, A.).

Quen foi condecorado, o director, o bedel, ou ningún dos dous? Lean vostedes a novela.

Coa técnica do baleirado, A esmorga, de Eduardo Blanco Amor fica así:

Non señor, non lle foi eisí como está nese papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín.

[…]

Ó menos, esas eran as súas verbas.

(Blanco Amor, E. A esmorga, Citania, 1959).

O baleirado de ambas novelas semella, só semella, que liguen inicio e final, coma se fosen un conto «clásico». O mesmo acontece coa novela de Fermín Bouza Álvarez, Memorias do Diaño, novela que quizais habería que recuperar:

O sol de outono achégase á fiestra, recela no cristal e pasa, desacougando ó tigre de papel, que é o gato, o bárbaro doméstico.

[…]

O gran cabrón.

(Bouza Álvarez, F. Memorias do diaño, Edicións do Rueiro, 1980).

O «normal», porén, é que inicio e final non teñan unha relación tan «directa», ben que cabería preguntármonos se as primeiras frases dunha novela non determinan tanto o seu contido coma o seu final:

Diante miña hai unha fiestra, ou millor dito, un chinelo cadrado de carta e medio de lado, cun único cristal.

[…]

Eu vexo como ti fuxes e sei que non has voltar, e sei que as túas indagacións no arrabaldo do norte terminaron no fracaso.

(Méndez Ferrín, X. L. Arrabaldo do norte, Galaxia, 1964).

Mais deixémonos de exemplos e reproduzamos inicio e final das novelas que lin, ou relín, esas citadas semanas.

Na vivenda aparentaba estar todo en orde.

[…]

E se foi máis fácil ou máis difícil o camiño ao que tales ideas me levaron en cada momento, a vós corresponderavos valorar con que tino conseguín percorrelo ata fin.

(Monteagudo, X. Un tipo listo, Galaxia, 2009).

Arcadio García non conseguía durmir.

[…]

Definitivamente.

(Reigosa, C. A vitoria do perdedor, Xerais, 2013).

A viaxe até aquí foi a miña derradeira ocasión para conducir.

[…]

Esta é a miña derradeira palabra.

(Dávila, B. O derradeiro libro de Emma Olsen, Galaxia, 2013).

Durante dous meses, espertei cada día para non escribir nada.

[…]

Aquí está.

(Dávila, B. Carrusel, Galaxia, 2019).

Derreteuse no chan como fai un xeado dentro da boca dun neno con quentura.

[…]

Porque agora xa non estaba só no silencio.

(Pedrosa, E. O que non sabías, Xerais, 2020).

Primeiro foi a chispa.

[…]

“Até que sintas a mesma pena. Até que sintas a mesma dor…” –contestou.

(Tomé, A. A noite do lobo, Galaxia, 2019).

Mamá morrerá mañá.

[…]

Sería cuestión de invadir con toda a firmeza do mundo, porque unha vez que o bombín da pechadura soe cun aquel de seguro de pistola antes do disparo, quedará aberta a porta a un lugar desdentado e triste que non recoñecería.

(Pedreira, E. As fauces feroces, Baía, 2019).

O meu home déitase con esta pobre ilusa, volve pensar Mona Otero.

[…]

Nin máis nin menos.

(Cabaleiro, A. As Ramonas, Galaxia, 2018).

Chovía en alta definición.

[…]

En la gran matriz del mundo

No hay sitio para mí.

(Costas, L. Infamia, Xerais, 2019).

–Aínda agora non sei porque decidín facer o Camiño, procuro unha explicación e non a atopo. Na fin de contas son do Bloque e sempre aborrecín toda esta trapallada do Xacobeo que inventaron Fraga e compañía.

[…]

Imos vivir xuntas, ámoa máis que nada no mundo e por primeira vez na miña vida podo dicir que son incriblemente feliz.

(Meixide, C. Camiño de paixóns, Galaxia, 2019).

Aínda bo foi que Marila Vilar leu a Región na hora do café, cando saíu da Oficina de Obxectos Perdidos pra achegarse ao bar onde bota unha miga de trécola coas compañeiras todos os días de Deus Noso Señoriño.

[…]

–Volverei, fillos dun can!

(Iglesias, B. Guías caninos, Aira, 2018).

Elba Mácara non lembra cando entrou por primeira vez na bóveda e descifrou o seu cálculo extraordinario.

[…]

Mácara póusao na fonte, “Non, Brais,ti estás morrendo”.

(Lopo, A. Obediencia, Galaxia, 2010)

Estábame agardando a parella da Garda Civil que me recibiu dos carcereiros como quen recibe unha mercaduría, con albarán e todo, da que tén que coidar para que n on se lle destrague e para que non se lle perda.

[…]

O vello non enxergaba como se gañaran a guerra aínda era tempo de apandar.

(de Valenzuela, R. Era tempo de apandar, Edicións A Nosa Terra, 1997).

O “futbolín” víase vello e estartamelado de abondo, de xeito que tamén os ferros transversais estaban engoumiñados e tortos e facían que os pés do xogadores esvarasen somentes por riba da pelota sen detela.

[…]

Nolo, vougo, baleiro, cunha tranquilidade inefable, botouse a andar.

(Rei Ballesteros, A. A. Dezanove badaladas, Galaxia, 2018).

Viña cara a nós coma trusgo, coa zuna dun rostro que non semellaba o seu.

[…]

Sacou o pasquín do peto e devolveumo, antes de saír, mentres a praza e mais o edificio Castromil na ventá, cun primeiro gris de poalla quedaban coma na moira dun postal vello.

(Piñeiro, A. Celada, Xerais, 2020).

Sobre o sofá do comedor víanse anacos de corda coas cores nacionais, cabos de cordeis de cárabo, anacos de papel e mais un exemplar resgado do diario local, en cuxa portada se podía ler en titulares grosos:Boletín de Sárszeg, 1899.

[…]

A nosa cotovía –engadiu o pai– volveu ao seu niño.

(Kosztolányi, D. Cotovía, Rinoceronte, 2017. Traducido por de la Ossa, S.).

Admirado Fedei:

Hoxe comezo curso nun novo instituto, o Félix Muriel de Rianxo, e nada máis espertar acordeime de ti, como me acordei todo o verán (non fixen outra cousa –sempre fun unha gran lectora– que ler os trinta libros e ver as trinta películas da túa lista de recomendacións), e acordeime tamén de todo o que nos dicías sobre o espertador.

[…]

Colleuna e, con grande inquietude, viu que Fedei, debaixo do aforismo que ela mesma escollera (Para atoparse primeiro hai que perderse), escribira algo coa súa minúscula letra:

Acepto a invitación, Xeila, moitas grazas.

(Losada, X. R. A casa xunto ao volcán, Galaxia, 2019).

Un comentario en “O baleirado de novelas, un xogo literario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s