‘As invisibles’ vs ‘Sorrir cos ollos’

Fotos de maiores.

Xornada 5 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Daniel Ugarte e Sabela González.

Traba: Os relatos deben conter 466 palabras, fóra o título.

As invisibles

Sabela González.

Ninguén nos ha botar de menos, Balbina. Ninguén nos vía xa cando eles vivían. Non existimos. Tantos anos vivindo a vida dunha pertenza, merecemos algo máis. Non ves que cando nos vían con eles, na igrexa, de ganchete, só vían unha sombra? Un fardo, un compromiso, o agocho dun útero co que manter a estirpe. E porén, Balbina, somos nós as que quedamos. Son os nosos úteros baleiros e inútiles os que habitan os seus palacios. Tanta riqueza, para que? Que lles queda a eles? Que nos queda a nós? Edificios inmortais e opulentos que non apertan, que non quecen. 

Apertábate a ti Manuel? Queríate arredor e por dentro cando non o miraba ninguén? Ou tamén che pedía silencio á procura do furado da saia? Ese furado que non funciona, ese ventre insultante e mol, baleiro de herdeiros. Ao comezo eu cría que facía eu mal. Agora penso que os fillos fuxiron del a tempo. Se cadra tamén fuxiron de min.

Pero, Balbina, eu xa non son un fardo baleiro. Grazas a ti non quero agardar o esquecemento vagando soa polo seu estúpido palacio. Eu quero sorrir nunha foto. Contigo, Balbina. Desta casa non quero nada. Que leven todo. Enfeites, mobles, cabalos. Quero a pedra baleira e que nos esquezan xuntas. Só preciso un baúl e a ti ao meu carón, Balbina. Ven comigo ao norte. Virás? Ninguén nos ha botar de menos.

…………

Parece sinxelo. Éo, Gloria? Fas que soe a historia de amor pero eu aínda non sei en que historia vivo. Saberei vivir nesa aventura da que falas? Ou agárdanos un misterio?

Estouche afeita a vivir en historias. Xa vivín un conto de fadas, deses nunca crin que me fosen tocar máis. Pregúntasme se o meu Manuel me apertaba. Apertaba, si. Manuel e eu eramos capaces de nos amar ata a punta dos pés, de apertarnos co corpo todo e de bailar todos os bailes xuntos. Todas as noites nos procurabamos con tenrura, e logo falabamos do seguinte Manuel da estirpe. Pero os gromos non agarraron. Foron moitos e doeron por dentro e arredor, igual que nos queriamos. O berce ermo volveunos grises e o conto volveuse drama. O gris comeunos por dentro e só nos quedaron culpas e berros. Culpas e berros. Ata o silencio. Falabamos tan pouco que aínda tardei en atopar o seu corpo. E, sabes, Gloria? Era o mesmo corpo co que tanto bailara e chorei sobre el por todo canto nos amamos, por todo canto rifamos e por todo canto erramos. 

Chorei ata rir. Ata vivir nesa comedia que ti dis, a de vivirmos para dar fillos a quen é incapaz de sobrevivirnos. E ficamos soas, ermas e ricas de cousas que nos sobran. 

Que hai no norte, Gloria? Que levas no teu baúl? Ti sabes chorar ata rir?


Sorrir cos ollos

Daniel Ugarte.

Non creo que sexa sempre falta de tempo, amor ou desleixo. En ocasións, deixar que sexan persoas máis capacitadas quen se ocupen dos teus pode ser unha forma de mostrar aprecio. En todo caso, eu nunca preguntaba os motivos polos que alguén me contrataba. Iso pertencíalles a eles. Limitábame a pedir datos sobre a vida dos doentes antes de que os atacase a demencia. 

A miúdo, os familiares fornecíanme de obxectos cos que facer que o cerebro dos internos reaccionase. Mediante vellas fotografías, postais ou correspondencia manuscrita resultábame doado construír o guión a interpretar. Cando non dispoñía de recursos reais, empregaba atrezzo e historias do meu repertorio. Pódenos parecer triste, mais a realidade é que os individuos somos menos diferentes do que nos gustaría. Son poucas cousas e moi semellantes as que conseguen activar a reacción química que nos leva a emocionarnos. 

Xacando, eu posuía a capacidade de convencer un cerebro danado de que a imaxe que tiña diante era a do seu grande amor, ou de que o xabón que levaba na man tiña o mesmo aroma que as almofadas nas que adormecía de neno. Fun moitos anos a neta ou a nora que conseguía que os vellos menos afectados falasen e que os máis acabadiños sorrisen cos ollos. Quen tivese a oportunidade de contemplar dous enormes ollos azuis celestes erguéndose desde unha cabeza que pasou semanas abaixada, saberá ao que me refiro.     

Entón perdín o gusto e o olfacto. Comecei a tusir e subiume a febre. Hospitalizáronme e conectáronme ao osíxeno. Daquela, pouco máis se podía facer. Pasei máis dun mes ingresada e cando me deron a alta tiven que buscar un novo traballo. Moitos dos anciáns que visitaba faleceran e boa parte dos seus familiares, os meus clientes, responsabilizábanme do sucedido. 

Pouco despois, o meu cerebro comezou a fallar. Custábame lembrar os nomes da xente coa que conversaba e aparentemente repetía as cousas. Envellecera. Acudín á neuróloga, quen para probarme preguntábame detalles do meu pasado, o nome dunha mascota, a miña primeira viaxe en avión, o lugar onde me bicaran por primeira vez… Eu sempre sabía responder fiando de inmediato unha historia, ofrecendo detalle. Sen o pretender, enganábaa. Ambas demoramos en comprender que o virus non me fixera perder a memoria, senón que mesturara os meus recordos cos dos meus pacientes e tamén coas historias que eu lles inventara.

Non creo que sexa por falta de amor ou desleixo. Levar os teus a unha residencia e que se ocupen deles pode ser unha forma de mostrarlles aprecio. Cando alguén entra no cuarto nunca lle pregunto quen é nin os motivos da súa visita. Se non trae présa, pido que me alcance unha fotografía ou un obxecto dos que gardo no baúl. Hai poucas cousas que consigan emocionarme e todas están gardadas aí dentro.

6 comentarios en “‘As invisibles’ vs ‘Sorrir cos ollos’

  1. Un bo duelo este.

    As invisibles

    Gustoume especialmente a 1º “carta”. A frase de que os fillos fuxían del é moi boa. Na carta vexo 3 temas. Un, a relacion con Balbina a lo thelma & louise. o segundo a relacion co home, tóxica e moi extrapolable ó mundo real con eses datos que da. e o 3º (e central, realmente) o de non ter fillos. Queda no aire se realmente Gloria desexaba ter fillos ou non. O relato case que pide que esa ambiguidade, porque se denuncia o (mal)trato de querela o home só como parideira non cadraría ben que a carta derivase nun lamento persoal por non telos.
    A segunda carta, en cambio, desconcertame un pouco. Faise algo mais evidente que a relacion entre gloria e balbina ten tintes romanticos, pero xusto nese momento, Balbina frena en seco. Conta a sua historia dunha forma mais explicita. isto faime pensar en canto se coñecian realmente estas 2 persoas. Agora da a sensacion de que Gloria non sabia nada da vida de Balbina (para que lle resume a sua vida se non é así?). Poida que se coñeceran hai pouco. Non sei, para min esta resposta de Balbina desbarata o traballo invertido na carta de Gloria. Parece que pillamos a medias unha conversa de wasap ou algo asi.
    É que realmente penso que se borramos a segunda carta o relato mellora.

    Sorrir cos ollos

    Un gran inicio o deste relato. Introduce a profesion (existe??) da protagonista de forma que coloca xa as pezas precisas que vai recuperar no final. Hai algunhas frases que me parecen mellorables, como demasiado tecnicas ou explicativas para o que se está contando. Mellor facer frases mais curtas, asi evitamos este problema, porque realmente se pode dicir o mesmo de forma mais directa, e iso normalmente é mellor. Está ben metido o tema covid e enlaza perfectamente co final, predecible pero fantástico. Ese parágrafo final xa vale o voto el só. Diría que a/o autor/a tiña ben claro o inicio e o final e sufriu un pouco no interludio.

    Voto por Sorrir cos ollos. Unha idea de relato moi moi boa e bastante ben executada. No meu top 5 da Liga. E ten marxe de mellora. O seu rival deu guerra pero atopouse cun inimigo dificil de batir.

  2. Boas, empezo por este duelo, que me parecen ben escritos os dous.
    As invisibles
    Eu, ao contrario ca Lois, non teño claro que sexan cartas. Poden ser pensamentos ou diálogos que teña con Manuel, Balbina ou Gloria. Pero eu desde logo non vexo esas cartas das que fala Lois Z…
    Pero sexa o que sexa o xénero utilizado polo/a autor/a considero que está escrito dun xeito íntimo, poético que me cautiva moito. Entendín que unha parte na que fala Gloria e a outra Balbina, pero se cadra entendo mal…
    Sorrir cos ollos
    A historia non me parece que estea mal escrita pero non me acaba de convencer. nin me enganchou tanto como a primeira. Sobre todo, gústame máis o primeiro relato
    Voto por As invisibles

  3. Moita calidade neste duelo. Parabéns aos autores. Ambos relatos teñen momentos impecables. Ser quen de sacar obras así na quinta semana é cousa de loar.
    As invisibles para min é un relato postal. Aínda que non se diga implicitamente, Balbina contesta ao texto de Gloria sen preguntas inmediatas. Unha ao principio e outra ao final, como dando pé á seguinte correspondencia. Xa postos no relato, a primeira carta é moi boa, con todo o xogo arredor da infertilidade e dos fillos que non foron. Retrata moi ben á personaxes e podería funcionar con autonomía. A segunda carta rénxeme algo máis. Creo que resalta de máis o ton desencantado da viúva, que non coas frases. Comprendo que hai unha relación amorosa na primeira parte, pero non a atopo na segunda. O erro que ten é que o ton declarativo da primeira choca co interrogativo da segunda. Se unha das dúas cedera un pouco, creo que habían conectar mellor. Foi unha boa lectura.
    Sorrir cos ollos é un forte rival. Sabe o que quere contar. Ten un primeiro paragrafo bo, no que consegue involucrar ao lector coas palabras axeitadas. Aquí observo unha diferencia ao tratar o problema da enfermidade mental. Mentres que no relato do camiñante involucrase demasiado e sae malferido, aquí o autor ou autora sabe tratalo de forma obxectiva, sen involucrarse. O enfoque profesional do protagonista paréceme orixinal e conecta ben con estes tempos. A temática é un acerto e o do covid alúdese de forma sutil, que sempre se agradece. O final é redondo de verás. A primeira frase non se me fai expositiva, senón que me encaixa na voz que narra. O resto é xenial.
    O meu voto vai para Sorrir cos ollos.

  4. As invisibles

    Gustoume moito, aínda que penso que máis se que cartas son monólogos interiores

    Sorrir cos ollos

    Gustoume tamén, malia que me deu bastante mágoa, paréceme que ten un ton poético e tristeiro que combina moi ben.

    Meu voto vai para sorrir cos ollos

  5. Creo que este é o mellor duelo da xornada.

    “As invisibles” un relato de tipo postal (se non son cartas eu non sei que son porque hai contestación). É certo que a primeira carta ten moita forza, e iso é precisamente porque Gloria está a falar desde o punto de vista da “amante” (isto é unha hipótese, amante ou amiga) que ten que lidiar cos celos por alguén que nin sequera está alí xa. Por iso ese ton, esa verbas duras. A min préstame o contrapunto, porque cada historia vai ter sempre dous puntos de vista e está claro que Balbina, que viviu a historia nas carnes, vai falar dela de maneira máis desapaixonada, lembrando (ou xustificando) o bo, o que a levou a tal sitio. Tamén afea o plan da “amiga” “que hai no norte Gloria?” para xustificarse. O único problema que lle vexo eu é que non existan máis cartas.

    “Sorrir cos ollos”. Outro relato fantásticamente resolto. Aquí está todo moito máis medido. A introducción soltando os elementos, o núcleo coas relacións e o xiro moi ben calzado do Covid. A involución da persoaxe, de verse coidado a verse coidado. O gran final enlazando co inicio. Para min falla nun par de puntos: entendo os motivos do uso da primeira persoa, pero para min pasa coma no relato de Camiñante non hai camiño, como narra algo de maneira normal alguén que está tocado? No de Machado polo menos era un morto… Despois atopo certa frialdade formal en todo o ton.

    Para min está a cousa moi empatada pero voume quedar co que me din as tripas (ceei callos) e vou VOTAR por “As invisibles”.

  6. O primeiro dos relatos ten unha primeira parte bastante conseguida e unha segunda algo ambigua.
    No segundo caso, creo que o final non está ben resolto, non sei, paréceme máis unha xustificación que un final.
    Voto por “As invisibles”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s